Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 21 de setembro de 2022 Páx. 49317

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2022 pola que se fai pública unha nova convocatoria para o outorgamento dunha única licenza de prestación do servizo especial de practicaxe dos portos de Cariño, Burela e Viveiro, conforme o artigo 116 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Antecedentes.

No Diario Oficial de Galicia núm. 141, do 26 de xullo de 2022, publicouse a Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se fai pública a convocatoria para o outorgamento dunha única licenza de prestación do servizo especial de practicaxe dos portos de Cariño, Burela e Viveiro, conforme o artigo 116 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Advertido polo interesado no procedemento de que na plataforma SILEX (licitación electrónica da Xunta de Galicia) non se habilitou o procedemento, e tendo rematado o prazo de presentación de ofertas, realízase unha nova convocatoria pública para o outorgamento dunha única licenza de prestación do servizo especial de practicaxe.

Conforme o artigo 12.3.g) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

ACORDO:

I. Realizar unha nova convocatoria pública para o outorgamento dunha única licenza de prestación do servizo especial de practicaxe dos portos de Cariño, Burela e Viveiro, conforme as bases e pregos que se indican no punto 3.

II. Conservar todos os actos preparatorios do expediente tramitado.

III. Bases e pregos reguladores da convocatoria.

1. Obxecto.

Os servizos de practicaxe, así como amarre e desamarre de buques, regúlanse conforme os artigos 115 a 123 da Lei 6/2018, de portos de Galicia, ao corresponderse con servizos especiais do tipo técnico-náutico que deben ser prestados por operadores privados en réxime de libre competencia.

Ata o momento, o servizo de amarre e desamarre de buques estase a prestar en precario sen prego regulador, o que comportaba a asunción de riscos de operativa e de garantía de servizo.

O Consello Reitor da EPE Portos de Galicia, en sesión ordinaria do 22 de decembro de 2021, de conformidade coas previsións contidas na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, á vista da correspondente proposta, acordou aprobar o prego de prescricións particulares do servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro.

Nestes pregos recóllense as condicións particulares con que debe prestarse o servizo portuario especial de practicaxe mediante licenza, nos portos de Cariño, Viveiro e Burela, así como os procedementos de control da súa prestación e os sancionadores, nos termos previstos na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, no Regulamento xeral de practicaxe (Real decreto 393/1996, do 1 de marzo), e no prego de condicións xerais de practicaxe elaborado polo ente público Portos de Galicia.

Tamén é o seu obxecto a regulación do servizo portuario especial de amarre cuxas prescricións específicas se recollen no clausulado anexo ao prego, para o mesmo ámbito xeográfico, nos termos previstos no artigo 115 e seguintes da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Conforme o artigo 16 do prego de prescricións do servizo portuario de practicaxe, o prazo de vixencia da licenza para a prestación do servizo será de 10 anos e non excederá en ningún caso os 11,25 anos indicados na lei, por estar limitada a concorrencia a un único prestador ou corporación.

En todo caso, o prestador saínte estará obrigado á ordenada transición da prestación do servizo que permita garantilo.

2. Mesa de Concurso.

Noméase a Mesa de Concurso, que estará formada polos seguintes membros, todos eles con voz e voto:

a) Presidente: Antonio López Fernández, xefe da Zona Norte de Portos de Galicia.

b) Vogal número 1: Consuelo García Regueiro, xefa de Control e Xestión Orzamentaria.

c) Vogal número 2: Manuel Bautís Cheda, xefe da Secretaría Xeral-Asesoría Xurídica.

d) Vogal número 3: Luis Andrés Vidal Pedreira, xefe da Unidade de Seguridade e Prevención de Riscos.

e) Vogal número 4: Intervención Xeral da Xunta.

f) Secretaria: Concepción Maceira Mirás, administrativa da Secretaría Xeral e Asesoría Xurídica.

3. Prazo de presentación das ofertas.

O prazo para a presentación das ofertas será de 30 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, finalizando ás catorce (14.00) horas do último día. No caso de que o último día coincida en sábado ou festivo, prorrogarase o prazo ata as 14.00 horas do seguinte día hábil, que non sexa sábado.

4. Lugar de presentación das ofertas.

As ofertas para participar no concurso para a obtención da licenza para a prestación do servizo portuario de practicaxe presentaranse electronicamente na plataforma de licitación SILEX da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia

ANEXO

Prego de bases do concurso para a adxudicación da licenza para prestar
o servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro

Bases

Primeira. Obxecto

O obxecto deste prego de bases é regular o concurso público para a adxudicación da licenza para a prestación do servizo portuario especial de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro, de acordo cos artigos 113, 116 e concordantes da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, nos termos establecidos no Regulamento UE 2017/352, na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (en diante, LPG), e no prego de condicións xerais e de cláusulas particulares da practicaxe dos referidos portos, aprobado por acordo do Consello Reitor, na súa sesión do 22 de decembro de 2021, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 46, do 8 marzo).

Segunda. Número de licenzas para adxudicar

De acordo co establecido no artigo 119.11 da LPG, o número de prestadores está limitado a un único prestador na área portuaria definida como ámbito xeográfico do servizo nas condicións do prego de cláusulas particulares do servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro obxecto deste concurso.

Terceira. Prazo de duración da licenza

1. A licenza para prestar o servizo portuario de practicaxe terá unha vixencia máxima de 10 anos e non superará en ningún caso o prazo de 11,25 anos indicado na lei por estar limitada a concorrencia a un único prestador.

En todo caso, o prestador saínte estará obrigado a garantir a ordenada transición ao novo adxudicatario da prestación do servizo que permita acadar a solución de continuidade no servizo, que non se verá interrompido por tal transición.

2. O prazo da licenza non será renovable, ao estar limitado o número de prestadores do servizo, de acordo co disposto no artigo 119.11 da LPG.

Cuarta. Requisitos que deben cumprir os licitadores

1. Os interesados en participar no concurso deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Requisitos de acceso establecidos no prego de cláusulas particulares.

b) Requisitos de capacidade e de solvencia económico-financeira, técnica e profesional establecidos nos artigos 2 e 3 do prego de cláusulas particulares.

No caso de acreditarse a solvencia económico-financeira pola cifra do volume de negocios e, se for o caso, dos servizos de practicaxe prestados pola empresa nos tres últimos anos, reputarase solvente o licitador que acade o 70 por cento do importe estimando do custo do servizo que figura no anexo II do prego de cláusulas particulares do servizo.

c) Obrigacións de carácter fiscal, laboral e de seguridade social establecidas no prego de cláusulas particulares e non estar incurso en prohibición de contratar, conforme o artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

d) Acreditar, en todo caso, con carácter previo ao comezo da prestación do servizo, que se dispón dos medios humanos e materiais establecidos no prego de cláusulas particulares.

e) Todos os demais requisitos exixidos no prego de cláusulas particulares e neste prego de bases.

Quinta. Condicións da prestación

1. A presentación da oferta para obter a licenza para prestar o servizo de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro implica a aceptación das condicións que se inclúen neste prego de bases, así como nas do prego de cláusulas particulares do servizo portuario de practicaxe.

2. O licitador comprométese, no caso de ser adxudicatario, á aceptación das condicións de prestación do servizo de practicaxe e do referente a medios humanos e materiais necesarios para a prestación do servizo, así como de todos os demais requisitos exixidos no prego de cláusulas particulares e neste prego de bases.

Sexta. Garantía provisional

1. Os licitadores deberán depositar unha garantía provisional, á disposición da presidencia de Portos de Galicia, por un importe de 3.000 euros.

2. A garantía constituirase mediante aval bancario ou seguro de caución. Esta garantía responderá do cumprimento das obrigas derivadas das presentes bases e do mantemento das condicións das proposicións presentadas ata a adxudicación definitiva.

3. Esta garantía non se devolverá se a solicitude non reúne as condicións exixidas por este prego de bases, a xuízo de Portos de Galicia. Ao adxudicatario da licenza seralle devolta a garantía provisional unha vez depositada a garantía definitiva. Ao resto de licitadores, que non resultasen adxudicatarios, devolveráselles íntegra a garantía.

Sétima. Presentación das ofertas

1. As ofertas para participar no concurso para a obtención da licenza para a prestación do servizo portuario de practicaxe presentaranse electronicamente na plataforma de licitación SILEX da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación das ofertas será de 30 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, finalizando ás catorce (14.00) horas do último día. No caso de que o último día coincida en sábado ou festivo, prorrogarase o prazo ata as 14.00 horas do seguinte día hábil, que non sexa sábado.

3. O licitador deberá manter a validez da proposta, a partir da data de apertura das proposicións, durante un prazo de catro meses.

4. A oferta presentarase electronicamente en dous sobres (arquivos electrónicos) asinados polo licitador ou o seu representante. Figurarán o nome e o domicilio do licitador, o nome da persoa que subscribe a oferta e a lenda seguinte: «Oferta para a adxudicación de licenza para a prestación do servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro», e o número de sobre correspondente «Sobre número 1» ou «Sobre número 2».

1. Contido dos sobres:

a) Sobre número 1. Documentación xeral.

i. Xustificación da personalidade xurídica.

Poderán presentar oferta no concurso de adxudicación da licenza para a prestación do servizo de practicaxe as persoas físicas ou xurídicas, españolas, doutros países da Unión Europea ou de terceiros países (condicionadas estas últimas á proba de reciprocidade, salvo nos supostos en que os compromisos da Unión Europea coa Organización Mundial do Comercio non exixan o devandito requisito), que teñan plena capacidade de obrar e non estean incursas en causa de incompatibilidade.

ii. Outra documentación administrativa.

1º. Documentación administrativa indicada no prego de cláusulas particulares do servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro, así como o seu acordo de aprobación (DOG núm. 46, do 8 de marzo de 2022).

2º. Compromiso de levar unha estrita separación contable entre o servizo portuario e outras actividades que poida desenvolver o prestador, no caso de que a empresa prestadora se dedique a outras actividades ou ao servizo de practicaxe noutros portos.

3º. Declaración de que os prácticos non se dedicarán a actividades distintas do servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro, salvo autorización expresa de Portos de Galicia e co informe favorable do capitán marítimo no que afecta á seguridade marítima.

4º. Documento xustificativo de depositar a garantía provisional por importe de 3.000 euros.

5º. Documentación acreditativa das condicións indicadas no prego de cláusulas particulares.

6º. Compromiso expreso de cumprir a normativa laboral española vixente relativa á subrogación do persoal, de ser o caso.

b) Sobre número 2. Documentación técnico-económica.

i. Documentación técnica: estará integrada polos documentos que se establecen no prego de cláusulas particulares relativos aos medios materiais e humanos precisos para a prestación deste servizo especial.

ii. Tarifas ofertadas: tarifas que aplicarán polos seus servizos, incluída toda a información pertinente sobre os elementos que serven de base para determinar a estrutura e nivel destas.

Oitava. Apertura das ofertas

1. Na data e hora sinaladas no anuncio da convocatoria, a Mesa de Concurso de Portos de Galicia procederá, en acto público, á apertura das ofertas.

2. Rexeitaranse aquelas ofertas presentadas fóra de prazo.

3. A Mesa de Concurso estará formada polos seguintes membros, todos eles con voz e voto:

a) Presidente: Antonio López Fernández, xefe da Zona Norte de Portos de Galicia.

b) Vogal número 1: Consuelo García Regueiro, xefa de Control e Xestión Orzamentaria.

c) Vogal número 2: Manuel Bautís Cheda, xefe da Secretaría Xeral-Asesoría Xurídica.

d) Vogal número 3: Luis Andrés Vidal Pedreira, xefe da Unidade de Seguridade e Prevención de Riscos.

e) Vogal número 4: Intervención Xeral da Xunta.

f) Secretaria: Concepción Maceira Mirás, administrativa da Secretaría Xeral e Asesoría Xurídica.

4. Para a válida constitución da Mesa será precisa a presenza de, polo menos, tres dos seus membros, incluíndo o presidente e o secretario. En caso de empate, o voto do presidente será de calidade para desfacer o devandito empate. Os acordos serán adoptados por maioría absoluta dos membros.

5. A Mesa de Concurso procederá en primeiro lugar á apertura dos sobres-arquivos electrónicos número 1, comprobará a documentación xeral das ofertas que chegaron dentro de prazo e rexeitará aquelas que non cumpran as condicións requiridas polas bases deste prego.

6. Se a Mesa observa defectos ou omisións na documentación presentada que, ao seu xuízo, sexan emendables, concederá un prazo non inferior a dez días hábiles para a súa corrección. Neste caso, a Mesa reunirase novamente tras a finalización do prazo de corrección para determinar definitivamente cales son as ofertas admitidas á presente licitación, do cal levantará a oportuna acta.

7. A continuación, no mesmo ou en acto posterior, unha vez transcorrido, se é o caso, o prazo para a corrección das deficiencias, procederase á apertura dos sobres número 2 das propostas non rexeitadas e darase lectura ao seu contido, do que se levantará acta. Posteriormente procederase á valoración das ofertas, para o que se pode acudir aos técnicos de Portos de Galicia con coñecemento e experiencia na materia, que avaliarán as ofertas, as puntuarán conforme os criterios de adxudicación e redactarán o informe en que sinalarán, ao seu xuízo, a proposta que debe ser seleccionada para prestar o servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro, ben de conformidade coa oferta presentada ou coas modificacións que consideren conveniente introducir, sempre que o licitador as acepte previamente. Este informe será entregado á Mesa de Concurso, para elevar a proposta de selección e remitila, co resto do expediente, á Presidencia de Portos de Galicia para a adxudicación e o outorgamento da licenza para a prestación do servizo.

Novena. Criterios para a adxudicación da licenza

1. Teranse en conta os criterios e coeficientes de ponderación definidos nesta base.

2. As ofertas que non cumpran de forma estrita todas as condicións establecidas nas prescricións particulares non serán tidas en conta.

3. As ofertas que as cumpran puntuaranse cos seguintes criterios:

a) Tarifas ofertadas: cun máximo de 40 puntos.

As tarifas ofertadas valoraranse cun máximo de 40 puntos, asignando 0 puntos á oferta que ofreza tarifas iguais ás tarifas máximas do prego de cláusulas particulares, 40 puntos á oferta coas tarifas máis baixas e o resto de ofertas puntuaranse proporcionalmente en función do que cada unha supoña de diminución respecto das máximas. As ofertas cuxas tarifas propostas superen as tarifas máximas establecidas nas prescricións particulares non serán tidas en conta.

Décima. Acordo de adxudicación da licenza

Portos de Galicia, visto, se é o caso, o informe técnico e a proposta elevada ao devandito consello pola Mesa de Concurso, acordará motivadamente á adxudicación do servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro, ou declarará deserto o concurso.

Décimo primeira. Facultade de declarar o concurso deserto

Portos de Galicia reserva para si a facultade de declarar deserto o concurso para prestar o servizo portuario de practicaxe nos portos de Cariño, Burela e Viveiro se considera que ningunha das ofertas presentadas reúne os requisitos para prestar o servizo nos termos exixidos na convocatoria.

Décimo segunda. Devolución da garantía provisional

A garantía provisional presentada polos licitadores que non resultasen adxudicatarios será devolta despois da adxudicación.

Décimo terceira. Outorgamento da licenza

1. Dentro dos dez días naturais seguintes ao da adopción do acordo polo Consello de Administración, notificarase ao adxudicatario e aos restantes licitadores a dita resolución.

2. No prazo de 15 días naturais a partir do día da notificación, o adxudicatario deberá presentar os documentos exixidos no prego de cláusulas particulares que non fosen presentados na oferta.

3. Unha vez comprobada a documentación anterior, Portos de Galicia outorgará a licenza á empresa adxudicataria.

Décimo cuarta. Publicación do outorgamento da licenza

O outorgamento da licenza será publicado no Diario Oficial de Galicia e no perfil do contratante de Portos de Galicia e comunicado a Administración xeral do Estado, Dirección Xeral da Mariña Mercante, Capitanías Marítimas.

Décimo quinta. Transitoriedade e liquidación do réxime de prestación actual

No momento en que, ao abeiro deste procedemento, se produza o outorgamento da licenza correspondente e a efectiva entrada en servizo da prestación da practicaxe por parte do novo adxudicatario, liquidarase automaticamente o réxime transitorio anterior do servizo cos prestadores correspondentes.

En todo caso, o prestador saínte estará obrigado a garantir a ordenada transición ao novo adxudicatario da prestación do servizo que permita acadar a solución de continuidade no servizo, que non se verá interrompido por tal transición.