Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 21 de setembro de 2022 Páx. 49206

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de setembro de 2022 pola que se convoca o programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar), curso 2022/23.

Conforme o seu Estatuto de autonomía, artigo 27.22, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do lecer, competencia en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Esta lei ten por obxecto establecer un marco xeral para o desenvolvemento e organización da actividade física e deportiva, desde unha concepción integral desta, entendendo o deporte como todo tipo de exercicio físico, cunha práctica organizada ou non, pero cunha finalidade de mellora da condición física, psíquica, das relacións sociais ou o logro de resultados en competicións de todos os niveis. O deporte é considerado de interese público, atendendo ás funcións que desempeña na nosa sociedade, en especial nos ámbitos da educación, da formación, da cultura, da saúde pública, da cohesión social e tamén no respecto ao ambiente, o que fai necesaria a concepción dun novo modelo deportivo galego. Un modelo que facilite, neste caso aos escolares galegos, diferentes prácticas e actividades que atendan ás súas diferentes necesidades desde o dereito de todos a coñecer e practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e non discriminación.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción, a ordenación e a organización do deporte en idade escolar, así como definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis (título II, artigo 5.n).

Paralelamente, o artigo 24.2 establece que a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencias na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto, poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se consideren oportunos.

Correspóndelle á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar, como queda establecido no artigo 24.4 da actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Para o mellor exercicio destas competencias, tal e como se establece no artigo 6 desa lei, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva, como poden ser as federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares entre outras, no desenvolvemento do programa Xogos galegos deportivos en idade escolar (en diante, Xogade).

Para o curso escolar 2022/23 convócase a correspondente edición do programa Xogade. Mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos –acción que é un dos piares esenciais de actuación da política deportiva para o fomento da actividade física e deportiva entre a poboación– que será sufragado directamente pola Secretaría Xeral para o Deporte. O programa Xogade contará esta tempada coas seguintes actuacións: Actividade deportiva escolar, Actividade deportiva federada-seguro deportivo 6-16, Coñece o meu club, Xogos tradicionais e populares, Xogando coa auga e co vento e Actividades de promoción. Xogade segue sendo unha ferramenta para os proxectos de vida activa e deportiva (PVAD) encadrados no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) para o curso 2022/23 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (deporte.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar),
curso 2022/23

O programa Xogade, nacido na tempada 2009/10 con dúas actividades, segue evolucionando ano a ano co obxectivo de promover e fomentar a práctica de actividade física na poboación escolar galega ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.

Poderán inscribirse neste programa os centros de ensino, ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas escolares, asociacións, etc. que o desexen, pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións do programa para a tempada 2022/23 son:

– Actividade deportiva escolar.

– Actividade deportiva federada-seguro deportivo 6 a 16.

– Coñece o meu club.

– Xogando coa auga e co vento.

– Xogos tradicionais e populares.

– Actividades de promoción.

Xogade segue sendo unha ferramenta para os proxectos de vida activa e deportiva (PVAD) encadrado no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

A canle de comunicación oficial será a aplicación de inscricións (https://inscricions-xogade.xunta.gal) á cal se poderá chegar desde a web do programa Xogade (www.xogade.xunta.gal) e desde a web da Secretaría Xeral para o Deporte (www.deporte.xunta.gal).

1. Actividade deportiva escolar.

A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais de deportes.

Para esta organización poderá contar coa colaboración das agrupacións deportivas escolares, clubs, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada que, desde a Secretaría Xeral e os servizos provinciais de deporte, se considere conveniente.

As modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar serán: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Con carácter xeral, establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín, nados en 2014 e 2013; alevín, nados en 2012 e 2011; infantil, nados en 2010 e 2009, e cadete, nados en 2008 e 2007. Nas categorías poderá haber modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na aplicación de inscricións.

Para a participación nesta actividade, a Secretaría Xeral para o Deporte disporá dun seguro de accidente deportivo gratuíto durante o período de duración da actividade, para todos os escolares inscritos con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.

Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará, de forma gratuíta, a través dos seus servizos de deportes provinciais, dentro das limitacións da contratación e aplicando os criterios de máximo aproveitamento dos recursos, un servizo de transporte gratuíto para a participación na actividade.

A participación nesta actividade deportiva será totalmente gratuíta.

O desenvolvemento da actividade deportiva escolar en 2022/23:

• Seguirá a normativa xeral que regula o programa publicada na páxina web https://xogade.xunta.gal/ e na aplicación de inscricións.

• A actividade (adestramentos e competicións) deberá rexerse polas normativas sanitarias vixentes en cada momento para o deporte non federado.

• Serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación do Protocolo Fisicovid-DxTgalego Xogade en vigor.

• Teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da COVID-19 das instalacións e centros educativos en que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.

• As competicións locais, comarcais, intercomarcais, provinciais e autonómica que procedan deberán ser autorizadas polo servizo provincial correspondente.

• A data de comezo da actividade será o día seguinte ao da sinatura desta orde.

2. Actividade deportiva federada-seguro deportivo 6-16 anos.

A Secretaría Xeral para o Deporte facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 anos das federacións deportivas galegas adheridas ao programa. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico-deportiva e os hábitos saudables.

A organización desta actividade recaerá nas federacións galegas, en cumprimento das súas funcións de promoción das súas modalidades deportivas, así como da organización de competicións oficiais autonómicas, establecidas no artigo 56, sección 3ª, capítulo II, de entidades deportivas, da Lei 3/2012, do 2 de abril. Organizarán a competición deportiva federada en idade escolar, tendo sempre en conta a obriga de cumprimento establecida para estas entidades no convenio anual coa Secretaría Xeral para o Deporte.

A inscrición dos deportistas neste seguro deberá ser realizada polas diferentes federacións, como parte da tramitación da licenza, a través da aplicación de inscricións.

A práctica deportiva federada, sexan adestramentos e/ou competicións, vinculada co seguro deportivo 6 a 16 anos, desenvolverase de acordo coas medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria establecidas en cada momento polas autoridades sanitarias.

As federacións adheridas a este seguro de accidente deportivo para a tempada 2022/23 na data da publicación desta orde son: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sóftbol, birlos, boxeo, ciclismo, deporte autóctono (modalidade deportiva de billarda), esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

3. Coñece o meu club.

Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia poderán inscribirse nesta actuación para facilitar aos diferentes centros educativos da súa contorna que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade «Coñece o meu club».

Nesta actividade técnicos do club, por decisión dos centros escolares (segundo os datos recollidos na aplicación de inscricións), visitarán os centros para facer unha presentación práctica e lúdica do seu deporte e explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...) co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa contorna. Os centros decidirán se ampliar esta experiencia cunha visita ás instalacións do club.

O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na normativa deste programa. O club terá a responsabilidade de asegurarse de que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste para o efecto de posibles subvencións.

A actividade deberá rexerse polas normativas sanitarias vixentes en cada momento.

4. Proxecto de vida activa e deportiva.

O Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD) busca coordinar todos os esforzos da comunidade educativa dentro e fóra do horario lectivo e dentro e fóra do centro escolar, para aumentar a actividade física saudable dos nosos escolares dentro do Plan Galicia saudable. O PVAD axustarase ao marcado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O Xogade é unha ferramenta que se inclúe no PVAD e unha maneira máis de participar no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ademais doutras medidas como son: plataforma DAFIS, programas Máis e mellor actividade física, Móvete + e Camiña/En bici á escola.

O PVDA, dentro do Plan Proxecta, será un proxecto coordinado pola Fundación Deporte Galego.

5. Xogando coa auga e co vento.

A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación e respecto do ambiente cun uso sustentable deste, continúa neste curso escolar con esta actividade que dá cabida a diferentes proxectos postos en marcha en diferentes puntos da nosa xeografía, coa finalidade de achegar os escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como son o mar e os ríos, a través da práctica de modalidades deportivas acuáticas coma: caiac, surf, remo ou vela.

O denominador común destes proxectos será o emprego dos recursos naturais, auga e vento, do surf, do remo e da vela, como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas contidos transversais a diferentes áreas, sempre promovendo e fomentando a actividade física na vida cotiá.

A actividade deberá rexerse polas normativas sanitarias vixentes en cada momento.

6. Xogos tradicionais e populares.

A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da Comunidade Autónoma, establece a actividade de Xogos tradicionais e populares cara á contribución ao seu arraigo nos escolares galegos.

Os servizos de deporte provinciais, en colaboración coas agrupacións deportivas escolares, cederán ao centro educativo un lote de material (billardas, birlos e chaves) en concepto de préstamo.

7. Actividades de promoción.

A través dos servizos provinciais de deportes e, en función das posibilidades deportivas de cada zona, faranse diferentes propostas de actividades encamiñadas a coñecer e promover diferentes disciplinas deportivas. Os participantes terán unha experiencia deportiva con todo o equipamento necesario e, sempre que sexa posible, nas instalacións específicas do deporte.

Para a tempada 2022/23 están planificadas as actividades de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades que se poderán incorporar ao longo da tempada (breaking, deportes alternativos, deportes tradicionais, parkour, remoergómetro...).