Expediente-e: IN407A 2022/7-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: ampliación de potencia do CT Valiño (15CR36).
Concello: Oleiros.
Feitos:
Primeiro. O 30 de decembro de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de atender a petición de subministración para unha vivenda na rúa Oleiros, concello de Oleiros, proxéctase a ampliación de potencia do centro de transformación en caseta Valiño (15CR36, IN407A 2016/934-1) de 160 kVA a 400 kVA de potencia, de tipo caseta de obra civil mantido pola liña de media tensión aérea SMC-716, procedente da subestación de San Marcos, retirando o transformador existente de 160 kVA.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue o seguinte documento:
• Proxecto de execución nomeado: ampliación de potencia do CT Valiño (15CR36).
Segundo O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceiro. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe a Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Oleiros. No día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas e o Concello, á solicitude do condicionado solicitado.
Cuarto. O 2 de agosto de 2022 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Segunda. A lexislación que se aplica neste expediente é a que de seguido se relaciona:
a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Novo CT Valiño (15CR36, IN407A 2016/934-1) compacto telecontrolado sen manobra exterior, cunha potencia de 400 kVA, que substitúe o anterior de 160 kVA, cunha relación de transformación de 15.000/400-230 V e configuración 2L+1P. O CT existente está mantido na actualidade pola liña de media tensión SMC-716 a 15 kV procedente da subestación de San Marcos. Retirada do trafo e aparellaxe de baixa tensión existentes.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
Primeiro. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
Segundo. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
Cuarto. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 8 de setembro de 2022
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña