Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2022 Páx. 51916

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 1 de decembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975J).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia número 238, do 14 de decembro de 2022, a Orde do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975J).

Cómpre significar que as axudas obxecto desta orde, identificadas co código de procedemento MT975J, están cofinanciadas nun 90 % con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro, polo que se establece o instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

De acordo co disposto no artigo 21, punto 4, das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2022.

Non obstante, hai que destacar que o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Pola súa banda, o procedemento para a concesión da ampliación réxese polo establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, asinada con data do 19 de xullo de 2022, por delegación da persoa titular da consellería, resolveuse o procedemento de concesión destas subvencións.

En consecuencia, tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, así como as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte dalgunhas das entidades beneficiarias, por mor das dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais polos provedores, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada, acórdase a ampliación que a seguir se sinala.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase, en relación cos proxectos que se imputaran en parte ou na súa totalidade á anualidade de 2022, a data límite do artigo 21, punto 4, da Orde do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975J), ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 30 de decembro de 2022.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda