O Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario, dispón, no seu artigo 9, que para exercer a docencia nestes ámbitos será necesario estar en posesión dun título oficial de máster que acredite a formación pedagóxica e didáctica, de acordo co exixido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.
O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, de ordenación das ensinanzas universitarias, estableceu a organización e o contido dos títulos oficiais de máster universitario. Con posterioridade, a Orde ministerial ECI/3858/2007, do 27 de decembro (BOE do 29 de decembro), determinou os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas, dispoñendo unha fase de prácticum obrigatoria que se realizará en colaboración coas institucións educativas establecida mediante convenios entre as universidades e as administracións educativas.
A Orde do 18 de abril de 2011 (DOG do 13 de maio) establece o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nos artigos 2, 3 e 4 da citada orde descríbense os procedementos de regulamentación de centros de prácticas, persoas titoras de prácticas e persoas coordinadoras de prácticas.
Para tal fin, e de acordo co anteriormente exposto, como director xeral de Centros e Recursos Humanos,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta resolución é abrir o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o curso 2022/23 para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma galega.
Artigo 2. Solicitudes e documentación
Os centros e persoas coordinadoras e titoras, que desexen acreditarse para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado deberán solicitar a súa alta á dirección do centro, que rexistrará todas as personas interesadas, aínda que en anos anteriores estivesen acreditados na aplicación Xade, seguindo o itinerario: «Profesorado>Datos profesionais>Traballo no centro», onde existirán dúas opcións: «Coordinador prácticum máster profesorado» e «Voluntario para titorizar prácticum máster profesorado».
Cada centro terá unha soa persoa coordinadora, que será a persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos ou, excepcionalmente, unha das persoas titoras de prácticas.
Ademais, a persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos, ou da secretaría asinarán e remitirán ao correo formacion.fprofe@edu.xunta.es, unha listaxe coas persoas que participan, que poderán obter directamente da aplicación Xade.
Para as escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superior de deseño e conservatorios profesionais de música e danza enviarán a súa solicitude ao enderezo electrónico formacion.fprofe@edu.xunta.es. Nesta solicitude indicarán os nomes do/da coordidador/a e dos/das titores/as cos correspondentes datos de DNI, especialidades e horarios (nocturno/diúrno).
Artigo 3. Centros acreditados
As listaxes dos centros acreditados e das súas persoas coordinadoras e titoras e especialidades ofertadas faranse públicas nas xefaturas territoriais, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: https://www.edu.xunta.gal/portal/
Artigo 4. Selección dos centros e réxime de realización das prácticas
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades remitirá estas solicitudes, unha vez revisadas, ás universidades correspondentes.
As universidades, unha vez analizadas as solicitudes, formularán, de acordo coas súas necesidades, a proposta de centros e persoas coordinadoras e titoras seleccionados pola Comisión de Seguimento do prácticum correspondente, segundo o establecido no artigo 7 da Orde do 18 de abril de 2011.
A realización das prácticas rexerase pola normativa vixente e polos protocolos que, de ser o caso, se establezan de acordo coa consellería e as universidades.
Artigo 5. Prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes dará comezo o día seguinte ao da súa publicación e terán quince (15) días hábiles de prazo de solicitude, en que se pechará a aplicación Xade, e a partir desta data non se poderán introducir máis centros e persoas titoras a coordinadoras nela. As persoas interesadas disporán de cinco (5) días hábiles para realizar as alegacións que se consideren ás listas publicadas no portal educativo, no correo formacion.fprofe@edu.xunta.es
Artigo 6. Réxime de recursos
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os acordos e ditar as resolucións que considere oportunas en desenvolvemento desta resolución.
Disposición derradeira segunda
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022
Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos