Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2022 Páx. 53097

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Sarria (expediente 2021/24 ATE).

Unha vez examinado o expediente instruído por instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida San Luis 77, 28033 Madrid, aprécianse os seguintes antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 3 de marzo de 2021, a devandita empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica da LMTA, CTI e RBT Outeiro, no concello de Sarria, logo de presentar o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE número 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e despois de xuntar a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE número 310, do 27 de decembro), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse á información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 4 de maio de 2022. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso do 11 de maio e no DOG do 27 de maio de 2022, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sarria. Con esta resolución achegábase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, efectuouse a notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentou alegacións Manuel López López, que se remitiu á empresa o 8 de xuño e foi contestada con data do 23 de xuño de 2022.

Quinto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre esta solicitude de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG número 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para a autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da devandita Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. En vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos bens e dereitos necesarios poden convir un mutuo acordo e causar a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica da LMTA, CTI e RBT Outeiro, no concello de Sarria, coas seguintes características técnicas principais:

• Centro de transformación á intemperie cunha potencia de 50 kVA e relación de transformación de 20.000/400 V, para instalar sobre o apoio número 6 C FL 14/3000-H35-CA.

• Liña de alta tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 640 m, con orixe no apoio D 76-69 da LMT TTL814, condutor tipo LA-56 e final no centro de transformación proxectado.

Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica da LMTA, CTI e RBT Outeiro.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 11 de maio e no Diario Oficial de Galicia do 27 de maio de 2022, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sarria. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidas. Estas alegacións deberanse presentar por escrito ante a Xefatura Territorial de Economía, Industria e Innovación (edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto da LMTA, CTI e RBT Outeiro, presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segunda. A persoa peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 12 de setembro de 2022

O xefe territorial de Lugo
P.S. (Artigo 41.3, Decreto 116/2022, do 23 de xuño)
Juan Carlos Morán del Pozo
Xefe do Servizo de Industria de Lugo