Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2022 Páx. 53223

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 22 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial (códigos de procedemento MT807B, MT807C, MT823A e MT823B).

Conforme o disposto no artigo 23 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental, a consellería competente en materia de pesca continental establecerá o procedemento de outorgamento dos permisos de pesca en coutos.

Conforme a disposición derrogatoria única da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental, o Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, permanecerá vixente no que non se opoña á lei, en canto non se aprobe a normativa de desenvolvemento.

Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Patrimonio Natural, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.

Para a participación da cidadanía nos sorteos de permisos de pesca en coutos cómpre habilitar procedementos administrativos, conforme o establecido na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Por outra banda, conforme o disposto no artigo 65 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental, a consellería competente en materia de pesca continental vén autorizando anualmente as actividades pesqueiras de carácter etnográfico que teñen por obxecto a tradicional captura da lamprea nos ríos Ulla e Tea. A autorización destas actividades require dunha solicitude das persoas interesadas no prazo establecido na normativa anual reguladora desta pesca.

A habilitación de distintos procedementos administrativos en materia de pesca fluvial levouse a cabo mediante a Orde do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e mais os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial (DOG núm. 232, do 5 de decembro), na cal agora se inclúen tamén os procedementos relativos á participación en sorteos de permisos de pesca e ás autorizacións especiais para a captura da lamprea.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e mais os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial (DOG núm. 232, do 5 de decembro)

A Orde do 23 de novembro de 2018, pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e mais os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial, queda modificada como segue:

Un. O punto 2 do artigo 1 queda redactado da seguinte maneira:

«2. Os ditos procedementos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na Guía de procedementos e servizos, regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012, cos seguintes códigos:

a) Solicitude de obtención da licenza de embarcación e do rexistro de embarcacións para a pesca fluvial, establecido nos artigos 6 e 18 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807D).

b) Solicitude de reserva de permisos en coutos de pesca fluvial, establecido nos artigos 30, 32 e 33 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807E).

c) Solicitude de nomeamento, renovación ou renuncia do título de entidade colaboradora de pesca fluvial, establecido nos artigos 37 e 38 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807F).

d) Solicitude de autorizacións especiais de pesca fluvial para a captura de especies piscícolas e invertebrados, establecido nos artigos 52 e 53 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807G).

e) Solicitude de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial e renovación anual, establecido nos artigos 85 e 86 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807H).

f) Solicitude de modificación da normativa de coutos de pesca fluvial en datas reservadas, en aplicación do establecido no artigo 46 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807I).

g) Solicitude de xornadas educativas en coutos de pesca fluvial, en aplicación do establecido no artigo 46 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807J).

h) Solicitude de devolución de taxas en materia de pesca fluvial, establecido nos artigos 4 e 7 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e no artigo 221 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (procedemento MT807K).

i) Solicitude xenérica en materia de pesca fluvial (procedemento MT807L).

j) Solicitude de participación no sorteo de permisos en coutos de pesca continental na modalidade individual ou de creación dun grupo de participantes (procedemento MT807B).

k) Solicitude de participación no sorteo de permisos en coutos de pesca continental na modalidade de inclusión nun grupo de participantes (procedemento MT807C).

l) Solicitude de autorización para a pesca de lamprea nas pesqueiras do río Ulla (procedemento MT823A).

m) Solicitude de participación no sorteo de postos de lamprea no río Tea (procedemento MT823B)».

Dous. O artigo 4 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 4. Procedementos administrativos

1. Toda embarcación ou artefacto boiante que se empregue no exercicio da pesca deberá ter unha licenza de embarcación en vigor e figurar no Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes Autorizados para a Pesca Continental Profesional ou Deportiva. Ambos os trámites realizaranse de forma conxunta, ou ben poderase facer a inscrición no rexistro para embarcacións de forma illada no caso das persoas posuidoras dunha licenza interautonómica de pesca fluvial en vigor, segundo o formulario de solicitude que figura no anexo I desta orde (procedemento MT807D). As solicitudes presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. As solicitudes de reserva de permisos en coutos de pesca fluvial para festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca, concursos deportivos oficiais ou cotas diarias para entidades colaboradoras realizaranse conforme o modelo que figura no anexo II desta orde (procedemento MT807E). Estas solicitudes presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

3. As solicitudes para o nomeamento como entidade colaboradora de pesca fluvial, así como para a renovación ou renuncia deste título presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza e realizaranse segundo o modelo que figura no anexo III desta orde (procedemento MT807F).

4. As solicitudes de autorizacións especiais para a captura e transporte de especies piscícolas ou de invertebrados presentaranse ante a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde (procedemento MT807G).

5. As solicitudes de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial, así como as renovacións deste título, presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza, conforme o formulario do anexo VI desta orde (procedemento MT807H).

6. As solicitudes de modificación de normas en coutos de pesca fluvial reservados para festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca, concursos deportivos oficiais ou cotas diarias para entidades colaboradoras realizaranse conforme o modelo do anexo VIII desta orde (procedemento MT807I) e presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

7. As reservas de permisos de pesca sen morte en coutos de pesca fluvial para actividades educativas seguirán o modelo de solicitude do anexo IX desta orde (procedemento MT807J). Presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

8. As solicitudes de devolución de taxas de pesca fluvial asociadas aos peches anticipados da tempada de pesca ou ás incidencias informáticas tramitaranse conforme o modelo que figura no anexo X desta orde (procedemento MT807K). Presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

9. Establécese un modelo xenérico de solicitude co fin de incluír aqueles casos non recollidos nos parágrafos anteriores conforme o formulario recollido no anexo XI desta orde (procedemento MT807L). Presentaranse ante a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial.

10. A participación nos sorteos de permisos de pesca en coutos a título individual ou a creación dun grupo de ata tres persoas que participen conxuntamente requirirá da presentación dunha solicitude conforme o formulario recollido no anexo XII (procedemento MT807B). Presentarase ante os órganos territoriais da dirección competente en materia de patrimonio natural.

11. A inclusión dunha persoa nun grupo de participantes previamente creado requirirá da presentación dunha solicitude conforme o formulario recollido no anexo XIII (procedemento MT807C). Presentarase ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de patrimonio natural.

12. A autorización para a pesca de lamprea nas pesqueiras do río Ulla requirirá da presentación dunha solicitude conforme o formulario recollido no anexo XIV (procedemento MT823A). Presentarase ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de pesca continental en Pontevedra.

13. A solicitude de participación no sorteo de postos de lamprea no río Tea requirirá da presentación dunha solicitude conforme os formularios recollidos nos anexos XV e XVI (procedemento MT823B). Presentarase ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de pesca continental en Pontevedra.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as persoas traballadoras autónomas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia».

Tres. O artigo 6 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

As persoas interesadas, de ser o caso, deberán achegar coa solicitude a documentación que se precisa segundo o procedemento:

1. Solicitudes de licenza e rexistro de embarcacións para pesca fluvial (procedemento MT807D).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Deberase acreditar a autorización para a navegación ou flotación expedida polo organismo competente na zona de desembocadura ou masa de continental afectada ou, de ser o caso, a declaración responsable presentada ante o dito organismo.

c) Deberase presentar copia da documentación técnica da embarcación, en que figuren as dimensións, características técnicas e outros fins a que se destine, de ser o caso.

d) Deberase acreditar o pagamento das taxas correspondentes, no caso das solicitudes de licenza de embarcación.

e) Deberase acreditar a posesión da licenza única interautonómica en materia de pesca fluvial expedida noutras comunidades autónomas, de ser o caso.

2. Reservas de permisos en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807E).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) No caso das festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca non declaradas ao abeiro do Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia, deberase achegar copia do informe favorable da Axencia Turismo de Galicia.

3. Nomeamento, renovación ou renuncia do título de entidade colaboradora de pesca fluvial (procedemento MT807F).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Copia do acordo do órgano que acordou iniciar a solicitude.

c) Documentación acreditativa de ser unha sociedade ou asociación legalmente constituída (só no caso de nomeamento).

d) Copia autenticada dos estatutos (só no caso de nomeamento).

e) Relación nominal e actualizada de asociados/as: nome e apelidos, DNI e domicilio de cada un deles (nos casos de nomeamento e de renovación).

f) Documentación acreditativa das actividades ou investimentos realizados en relación coa mellora e defensa do medio fluvial (nos casos de nomeamento e de renovación).

g) Memoria das actividades ou investimentos proxectados (nos casos de nomeamento e de renovación).

h) Documentación acreditativa dos cambios nos datos da entidade e outros, de ser o caso.

4. Autorizacións especiais de pesca fluvial (procedemento MT807G).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Memoria en que se describe a natureza dos traballos e metodoloxía de captura e mais un cronograma de execución.

c) Copia do contrato ou acreditación da relación existente entre a entidade que executa o estudo e a entidade que promove o estudo.

d) Copia do contrato ou acreditación da relación existente entre o/os solicitante/s e a entidade que promove o estudo.

e) Copia da memoria do estudo ou proxecto de investigación.

f) Copia do anexo V no caso de pluralidade de persoas solicitantes.

5. Nomeamento e renovación do título de vixilante xurado de pesca fluvial (procedemento MT807H).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Documentación acreditativa da relación laboral existente entre a entidade solicitante e a persoa proposta.

c) Copia do anexo VII asinado pola persoa proposta como vixilante en que autorice a comprobación dos seus datos como terceira persoa interesada.

6. Modificación de normas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807I).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

7. Xornadas educativas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807J).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Memoria descritiva dos fins e alcance da xornada educativa.

c) Xustificación dos cambios na normativa do couto, de ser o caso.

8. Devolución de taxas en pesca fluvial (procedemento MT807K).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Copia do permiso ou licenza, de ser o caso.

c) Copia do impreso de pagamento, en que figuren os datos do titular.

d) Calquera outra documentación xustificativa que considere necesaria para a comprobación da incidencia.

9. Procedemento xenérico en materia de pesca fluvial (procedemento MT807L).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Calquera outra documentación que se considere conveniente.

10. Procedementos para a participación nos sorteos de permisos de pesca en coutos (procedementos MT807B e MT807C).

a) Deberase acreditar o pagamento das taxas correspondentes.

11. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

12. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Catro. O artigo 8 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

1. As solicitudes de todos os procedementos presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes de licenza e rexistro de embarcacións para pesca fluvial (procedemento MT807D), autorizacións especiais de pesca fluvial (procedemento MT807G), nomeamento e renovación do título de vixilante xurado de pesca fluvial (procedemento MT807H) e procedementos xenéricos en materia de pesca fluvial (procedemento MT807L) presentaranse en calquera momento do ano.

3. As reservas de permisos en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807E) presentaranse antes do 1 de novembro do ano precedente no caso das festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca e das competicións deportivas oficiais, e antes do 30 de novembro do ano precedente no caso das cotas de permisos correspondentes a entidades colaboradoras.

4. Con respecto ás renovacións do título de entidade colaboradora de pesca fluvial, solicitaranse con anterioridade ao 30 de novembro do ano (procedemento MT807F), aínda que os nomeamentos ou renuncias se poden facer ao longo de todo o ano.

5. As modificacións de normas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807I) e as xornadas educativas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807J) solicitaranse cunha anticipación mínima de quince días á data de referencia.

6. As devolucións de taxas en materia de pesca fluvial (procedemento MT807K) solicitaranse no caso de peche anticipado da tempada nun prazo de dez días naturais contados a partir do dito peche e, transcorrido este prazo, solicitaranse antes da data de vixencia do permiso. Noutros casos, asociados a incidencias do sistema de expedición de permisos, solicitaranse en calquera momento do ano.

7. A normativa específica para cada tempada de pesca establecerá os prazos de admisión de solicitudes de participación nos sorteos de permisos (procedementos MT807B e MT807C), de autorización de pesqueiras no río Ulla (procedemento MT823A) e de participación nos sorteos de postos no río Tea (procedemento MT823B)».

Cinco. O artigo 10 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 10. Resolución e recursos

1. A expedición de licenzas e inscrición no rexistro de embarcacións e artefactos boiantes é competencia dos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. As reservas de permisos para festas tradicionais e relacionadas coa pesca competen directamente aos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza. As reservas de permisos para concursos deportivos oficiais ou para entidades colaboradoras presentaranse tamén ante os dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza, que elevarán as propostas á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial para a súa resolución.

3. Os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza emitirán informe sobre as solicitudes de nomeamento, renovación ou renuncia das entidades colaboradoras de pesca fluvial e elevaranas para a súa resolución á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial. Os cambios nos datos destas entidades e o seu asento no rexistro faranse de oficio nos ditos servizos.

4. As autorizacións especiais de captura de especies piscícolas remitiranse desde a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial aos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza afectados para o seu informe, de forma previa á resolución.

5. As propostas de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial elevaranse para a súa resolución á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial desde os servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza e tras a realización das probas pertinentes e comprobación do cumprimento dos requisitos. As renovacións anuais faranse directamente nos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

6. A resolución das solicitudes de modificación da normativa de coutos de pesca fluvial en datas reservadas para festas tradicionais e relacionadas coa pesca, concursos deportivos oficiais e actividades de entidades colaboradoras compete á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial, logo de informe dos servizos provincias dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

7. As solicitudes de xornadas educativas en coutos de pesca fluvial presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza da consellería competente en materia de pesca fluvial, que as remitirá, xunto co seu informe, á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial para a súa resolución.

8. As solicitudes de devolución de taxas en materia de pesca fluvial remitidas aos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza da consellería competente en materia de pesca fluvial trasladaranse, tras o seu informe, á consellería competente en materia de facenda e recadación.

9. As solicitudes achegadas a través do procedemento xenérico en materia de pesca fluvial á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial tramitaranse e resolveranse conforme o seu contido e obxecto.

10. As solicitudes de participación nos sorteos de permisos de pesca en coutos tramitaranse e resolveranse nos órganos territoriais de dirección competente en materia de patrimonio natural en que teñan lugar os sorteos solicitados. As solicitudes relativas á pesca da lamprea tramitaranse e resolveranse na xefatura territorial da consellería competente en materia de pesca continental en Pontevedra.

11. As resolucións destes procedementos non esgotan a vía administrativa e poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira competente en materia de pesca fluvial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Seis. Engádense os anexos XII, XIII, XIV, XV e XVI, que se inclúen como anexos desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO

Procedementos habilitados electrónicamente a través da presente orde (13):

• Xa existentes (9).

Código

Denominación

MT807D

Solicitude de obtención da licenza de embarcación e do rexistro de embarcacións para a pesca fluvial

MT807E

Solicitude de reserva de permisos en coutos de pesca fluvial

MT807F

Solicitude de nomeamento, renovación ou renuncia do título de entidade colaboradora de pesca fluvial

MT807G

Solicitude de autorizacións especiais de pesca fluvial para a captura de especies piscícolas e invertebrados

MT807H

Solicitude de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial e renovación anual

MT807I

Solicitude de modificación da normativa de coutos de pesca fluvial en datas reservadas

MT807J

Solicitude de xornadas educativas en coutos de pesca fluvial

MT807K

Solicitude de devolución de taxas en materia de pesca fluvial

MT807L

Solicitude xenérica en materia de pesca fluvial

• Procedementos novos (4).

Código

Denominación

MT807B

Solicitude de participación no sorteo de permisos en coutos de pesca continental na modalidade individual ou de creación dun grupo de participantes

MT807C

Solicitude de participación no sorteo de permisos en coutos de pesca continental na modalidade de inclusión nun grupo de participantes

MT823A

Solicitude de autorización para a pesca de lamprea nas pesqueiras do río Ulla

MT823B

Solicitude de participación no sorteo de postos de lamprea no río Tea

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file