Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 6 de outubro de 2022 Páx. 53545

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 21 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (código de procedemento PE209C).

BDNS (Identif.): 651049.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (código de procedemento PE209C).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (código de procedemento PE209C).

Cuarto. Contía

No ano 2022 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016.00293, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

O importe máximo das subvencións que se concedan en 2022 será de trescentos mil euros (300.000,00 €) e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2022: 150.000 €.

– Anualidade 2023: 150.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

De non se esgotar o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 19.2 da orde.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar