Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 11 de outubro de 2022 Páx. 54296

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Noia (expediente IN407A 2022/136-1).

Expediente: N407A 2022/136-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: subestación Tambre II 220/66/20 kV. Blindaxe 66 kV.

Concello: Noia.

Feitos:

1. O 20 de abril de 2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica.

Achega o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: subestación Tambre II 220/66/20 kV. Blindaxe 66 kV.

• Anexo, asinado por María Isabel López Ferrer, enxeñeira industrial, nº de colexiada 17.566 de Madrid, o 19 de xullo de 2022.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG do 13 de xullo de 2022 e no BOP do 27 de xuño de 2022.

3. Solicitóuselles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, ao Concello de Noia e a Augas de Galicia. No día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos/empresas afectados/as á solicitude nin á reiteración do condicionado solicitado.

4. Con data do 26 de maio de 2022, emitese un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o establecido no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que deseguido se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

As instalacións atópanse en SET Tambre II (parroquia de Santa María de Roo), no concello de Noia.

A reforma consiste na blindaxe do parque de 66 kV, mediante a construción dun novo edificio, situado no terreo ocupado actualmente polo parque 66 kV intemperie, e a instalación de celas GIS con illamento en SF6 no seu interior. Instalaranse dúas novas posicións de liña para uns parques eólicos, e pasan das sete actuais a nove. Na sala de celas de 66 kV quedará un oco libre para a instalación dunha futura cela. Para dispoñer do espazo libre para a construción do novo edificio de 66 kV, a configuración do parque de 66 kV proxectada é a seguinte:

– 4 celas de posición liña, dobre barra, F35-41 66 kV, de 3º nivel (Negreira, Porto do Son, Padrón, Mazaricos).

– 1 cela de posición liña, dobre barra, F35-41 66 kV de 2º nivel (Rois).

– 2 celas de posición liña, dobre barra, F35-41 66 kV dedicada a novos xeradores (parque eólicos) de 2º nivel (Barbanza, Olerón e Outes).

– 2 celas de posición liña, dobre barra, F35-41 66 kV dedicada, de 3º nivel (Tambre I e Jealsa).

– 1 oco futura cela/posición.

– 3 celas de posición trafo, dobre barra, F35-41 66 kV primario.

– 1 cela de posición trafo, dobre barra, F35-41 66 kV secundario.

– 1 cela de axuste transversal, dobre barra.

– 1 cela de medida de tensión de barras.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar perante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeriro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 19 de setembro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña