Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2022 Páx. 54886

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2022 pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A).

Primeiro. A Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 155, do 13 de agosto de 2021, establece no seu artigo 2, número 1, que o procedemento de concesión se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O número 2 do mesmo artigo 2 establece que, no momento en que se esgote o crédito orzamentario, a consellería concedente o publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web xuventude.xunta.es

Segundo. A dita Orde do 3 de agosto de 2021 destina no seu artigo 4 un orzamento de 761.780,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.10, de acordo coa Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, crédito que non foi obxecto de ampliación segundo o previsto na disposición adicional segunda da citada orde.

Terceiro. De conformidade co exposto, unha vez resoltas parte das solicitudes presentadas ao abeiro da referida Orde do 3 de agosto, aplicando como criterio de prioridade a data de presentación, constátase que se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión das axudas, agás 230 euros, importe que non resulta suficiente para poder resolver favorablemente ningún outro expediente.

A derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente BS321A-2021-10004392-00, presentada na sede electrónica, nos termos recollidos no artigo 7 da convocatoria, o día 1 de setembro de 2021 ás 14.18.34 horas.

En virtude do anterior, unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 3 de agosto de 2021, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da conselleira de Política Social e Xuventude, de acordo co establecido na disposición derradeira primeira da citada orde,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito dispoñible con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.10 para as axudas convocadas ao abeiro da Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A).

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.D. (Orde do 3.8.2021; DOG núm. 155, do 13 de agosto)
Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado