Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 20 de outubro de 2022 Páx. 55727

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 7 de outubro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300H).

Mediante a Orde do 21 de xuño de 2022 (DOG núm. 128, do 6 de xullo) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e procédese á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300H).

O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que «en concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 21 destas bases reguladoras».

Pola súa banda, o artigo 21.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da orde de convocatoria e ata o 31 de outubro de 2022, dunha copia da documentación indicada do propio artigo 21.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 21.1 das bases reguladoras e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 21.1 do anexo I da Orde do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300H)

O primeiro parágrafo do artigo 21.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da orde de convocatoria e ata o 11 de novembro de 2022, dunha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación