Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 21 de outubro de 2022 Páx. 55977

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2022 pola que se conceden os distintivos Bandeira Verde de Galicia, de conformidade co disposto na Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Examinado o informe proposta emitido polo xurado encargado de avaliar as candidaturas presentadas ao distintivo Bandeira Verde, segundo a Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 5 de abril de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 66) a Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Segundo. O 30 de maio de 2022 rematou o prazo previsto no artigo 4 da orde, no cal se establece que as solicitudes se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que o prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 30 de maio de 2022.

Terceiro. Dentro do prazo indicado recibíronse 20 solicitudes correspondentes aos concellos de: Mondoñedo (categoría 3), Porto do Son (categoría 2), Parada de Sil (categoría 3), Ribadeo (categoría 2), Carballo (categoría 2), Vilariño de Conso (categoría 3), Sober (categoría 3), Touro (categoría 3), Outeiro de Rei (categoría 3), Curtis (categoría 3), Ribeira (categoría 2), Ares (categoría 3), Moaña (categoría 2), Ordes (categoría 2), Porqueira (categoría 3), A Laracha (categoría 2), Cervo (categoría 3), Muros (categoría 3), Mos (categoría 3) e Alfoz (categoría 3).

Cuarto. De conformidade co previsto no artigo 7 da orde, foron requiridos os concellos de Mondoñedo, Ribadeo, Carballo, Vilariño de Conso, Sober, Touro, Outeiro de Rei, Ares, Porqueira, A Laracha, Cervo, Mos e Alfoz con data do 16 de xuño de 2022; o Concello de Curtis o 23 de xuño de 2022; o Concello de Moaña o 27 de xuño de 2022 e o Concello de Muros o 26 de xullo de 2022, para que emendasen as súas solicitudes, nun prazo de 10 días hábiles, coa advertencia de que, se así non o fixesen, se considerarían desistidos da súa petición.

Quinto. O 21 e o 29 de xuño contestaron ao dito requirimento os concellos de Mondoñedo e Porqueira; o 22 de xuño de 2022 fíxoo Alfoz; o 27 de xuño de 2022, Ribadeo; o 29 de xuño de 2022, Vilariño de Conso; con data do 1 de xullo de 2022, os concellos da Laracha, Sober e Touro, ben que A Laracha e Touro presentaron un novo escrito o 21 de setembro de 2022; o 4 de xullo de 2022, Ares; con data do 7 de xullo de 2022 Outeiro de Rei, con data do 6 de xullo de 2022 deu cumprimento ao trámite Curtis, o 11 de xullo de 2022 completouno Moaña; o 10 de agosto de 2022 fíxoo Muros e o 19 de setembro de 2022 contestou Cervo. Os concellos de Carballo e Mos non contestaron o requirimento de emenda das súas solicitudes.

O 22 de xullo de 2022 emitiuse un novo requirimento ao Concello de Ribadeo, ao cal contestou o 4 de agosto de 2022.

Sexto. O 22 de setembro de 2022 foi convocado o xurado encargado de valorar as solicitudes do distintivo Bandeira Verde de Galicia para a emisión do informe proposta de recoñecemento dos distintivos, reunión que se produciu o 27 de setembro de 2022.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano competente para resolver esta convocatoria; e isto, con fundamento no disposto no artigo 11 da Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia (DOG nº 66, do 5 de abril).

Por outro lado, de conformidade co disposto nos artigos 6 e 11 da orde, a elaboración da proposta de resolución do recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia correspóndelle á persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento.

Segundo. O artigo 11 da Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia establece que o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. En aplicación do previsto no artigo 13 da Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, e de conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de concellos recoñecidos será publicada, así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda https://www.xunta.gal/cmatv

De igual modo, o artigo 14 da orde prevé que os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público, para o cal serán convocados coa oportuna antelación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda autoriza cada un dos concellos recoñecidos para poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Sen prexuízo do exposto, no caso de que algún concello premiado omitise ou falsease a documentación remitida para a obtención deste recoñecemento, poderase considerar a retirada do distintivo acreditado e, polo tanto, perder a condición de gañador que teña do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Cuarto. Do informe proposta emitido polo xurado constátase que, do total das vinte candidaturas recibidas, quince reúnen os requisitos previos exixidos pola Orde do 23 de marzo de 2022 (Mondoñedo, Porto do Son, Parada de Sil, Ribadeo, Sober, Outeiro de Rei, Curtis, Ribeira, Moaña, Ordes, Muros e Alfoz, A Laracha, Cervo e Touro), toda vez que Vilariño de Conso, Carballo, Ares e Porqueira non acreditaron os criterios para a súa valoración, logo do requirimento efectuado, e de que Mos quedou excluído.

Respecto das quince candidaturas aptas, o xurado examinounas e valorounas en función dos criterios e do baremo establecidos no anexo I da orde, no cal se establecen os limiares mínimos necesarios para poder optar a este recoñecemento, para o cal se teñen en conta as características dos concellos (superficie, poboación, orzamento utilizado...).

Quinto. Candidatura presentada polo Concello de Mondoñedo:

O Concello de Mondoñedo presenta un total de 89 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 41 na letra «a», 16 na letra «b», 12 na letra «c» e 20 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), 45 accións responden a competencias municipais propias sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas, así como outras son accións repetidas en distintos anos.

De conformidade co establecido, 7 das 44 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de 4 iniciativas estipulado para os concellos de categoría 3, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Mondoñedo.

Sexto. Candidatura presentada polo Concello de Porto do Son:

O Concello de Porto do Son presenta un total de 168 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 45 na letra «a», 16 na letra «b», 11 na letra «c» e 96 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións fan referencia á mellora das infraestruturas para os servizos de abastecemento, saneamento e recollida de lixo, as cales se enmarcan nas competencias propias dos concellos (9 accións) sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas.

De conformidade co establecido, 41 das 118 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de 6 iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Porto do Son.

Sétimo. Candidatura presentada polo Concello de Parada de Sil:

O Concello presenta 30 accións na súa candidatura unicamente en tres dos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 15 na letra «a», 6 na letra «b», ningunha na letra «c» e 8 na letra «d».

De conformidade co establecido, 28 das 30 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, aínda que ningunha destas está no ámbito «C». Porén, a media das catro mellores iniciativas supera o 75 % da puntuación máxima (18 puntos).

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Parada de Sil.

Oitavo. Candidatura presentada polo Concello de Ribadeo:

O Concello de Ribadeo presenta un total de 15 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación: 4 na letra «a», 3 na letra «b», 1 na letra «c» e 7 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), unha acción responde a competencias municipais propias sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpre os requisitos exixidos para ser avaliada. Trátase do Plan especial de protección das Catedrais.

De conformidade co establecido, 11 das 14 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de 6 iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Ribadeo.

Noveno. Candidatura presentada polo Concello de Sober:

O Concello de Sober presenta 25 accións, que abranguen os catro ámbitos de actuación, de forma que algunhas delas se encadran en máis dun deles: 8 na letra «a», 6 na letra «b», 2 na letra «c» e 9 na letra «d».

De conformidade co establecido, 22 das 25 accións acadan unha puntuación igual ou superior á mínima exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Sober.

Décimo. Candidatura presentada polo Concello de Outeiro de Rei:

O Concello presenta 26 accións na súa candidatura en tres dos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 8 na letra «a», 9 na letra «b», 4 na letra «c» e 5 na letra «d».

De conformidade co establecido, 5 das 26 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, aínda que ningunha destas está no ámbito «C». Porén, a media das catro mellores iniciativas supera o 75 % da puntuación máxima (18 puntos).

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Outeiro de Rei.

Décimo primeiro. Candidatura presentada polo Concello de Curtis:

O Concello presenta 26 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 7 na letra «a», 7 na letra «b», 4 na letra «c» e 8 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións enmárcanse nas competencias propias do concello sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas; trátase das 3 accións de incoación de expediente de declaración de ruína e consecuente demolición e a proposta de modificación de ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

De conformidade co establecido, 6 das 26 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Curtis.

Décimo segundo. Candidatura presentada polo Concello de Ribeira:

O Concello de Ribeira presenta un total de 12 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación: 7 na letra «a», 3 na letra «b», 1 na letra «c» e 1 na letra «d».

De conformidade co establecido, as 12 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Ribeira.

Décimo terceiro. Candidatura presentada polo Concello de Moaña:

O Concello presenta 13 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 1 na letra «a», 7 na letra «b», 2 na letra «c» e 3 na letra «d».

De conformidade co establecido, as 13 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Moaña.

Décimo cuarto. Candidatura presentada polo Concello de Ordes:

O Concello presenta 11 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación: 3 na letra «a», 5 na letra «b», 2 na letra «c» e 1 na letra «d».

De conformidade co establecido, 10 das 11 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Ordes.

Décimo quinto. Candidatura presentada polo Concello de Muros:

O Concello de Muros presenta 103 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 49 na letra «a», 12 na letra «b», 50 na letra «c» e 94 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, presenta 2 accións que se enmarcan nas competencias propias dos concellos sen que poidan considerarse actuacións no ámbito da excelencia, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para ser avaliadas; trátase da adquisición dun vehículo e o convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra os incendios.

De conformidade co establecido, das restantes 101, 29 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Muros.

Décimo sexto. Candidatura presentada polo Concello de Alfoz:

O Concello de Alfoz presenta un total de 33 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 8 na letra «a», 9 na letra «b», 7 na letra «c» e 9 na letra «d».

De conformidade co establecido, 29 das 23 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de nivel 3, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Alfoz.

Décimo sétimo. Candidatura presentada polo Concello da Laracha:

O Concello da Laracha presenta un total de 10 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación: 7 na letra «a», 1 na letra «b», 1 na letra «c» e 1 na letra «d».

De conformidade co establecido, 6 das 10 accións propostas acadarían a puntuación mínima exixida, polo que se cumprirían as condicións para os concellos de categoría 2.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello da Laracha.

Décimo oitavo. Candidatura presentada polo Concello de Cervo:

O Concello presenta un total de 34 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación: 11 na letra «a», 8 na letra «b», 9 na letra «c» e 6 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, presenta 8 accións que se enmarcan nas competencias propias dos concellos, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas. Son as correspondentes a: obras de colocación de contadores en edificios públicos, execución de cuberta para tarefas de clasificación e separación de residuos, instalación EDAR, mellora da rede de saneamento, substitución material de cubrición, canlóns e baixantes.

De conformidade co establecido, 8 das 26 accións susceptibles de avaliación acadarían a puntuación mínima exixida e cumpriríanse os requisitos para os concellos de categoría 3.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Cervo.

Décimo noveno. Candidatura presentada polo Concello de Touro:

O Concello presenta seis accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha letra: 2 na letra «a», 1 na letra «b», 1 na letra «c» e 2 na letra «d».

De conformidade co establecido, 5 das seis 6 propostas acadarían a puntuación exixida, polo que se cumpriría o requisito dun mínimo de catro iniciativas aptas, estipulado para os concellos de categoría 3.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Touro.

Vixésimo. Candidatura presentada polo Concello de Carballo:

O Concello de Carballo presenta un total de 4 accións ou iniciativas, todas elas no ámbito «b».

De conformidade co establecido, só unha das 4 accións propostas acada a puntuación exixida, de xeito que non se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que só o ámbito «b» dispón de iniciativas, polo que non presenta acción en tres dos catro ámbitos.

O 16 de xuño de 2022 fáiselle un requirimento en demanda, entre outros, de maior información referida ás fichas do anexo III das accións para presentar, cun prazo límite do 1 de xullo de 2022. Unha vez que esta chegou, non se obtivo resposta.

Por estes motivos, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello de Carballo.

Vixésimo primeiro. Candidatura presentada polo Concello de Vilariño de Conso:

O Concello presenta 25 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación: 9 na letra «a», 7 na letra «b», 3 na letra «c» e 6 na letra «d».

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas, segundo o anexo I da orde pola que se rexe a convocatoria, presenta 2 accións que se enmarcan nas competencias propias dos concellos, polo que se considera que non cumpren os requisitos exixidos para seren avaliadas; son as referidas á eliminación de vertedoiros.

De conformidade co establecido, ningunha das 23 accións propostas acada a puntuación exixida, de xeito que non se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello de Vilariño de Conso.

Vixésimo segundo. Candidatura presentada polo Concello de Ares:

O Concello presenta 15 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación: ningunha na letra «a», 5 na letra «b», 1 na letra «c» e 9 na letra «d».

De conformidade co establecido, ningunha das 15 accións propostas acadan, a puntuación exixida, de forma que non se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello de Ares.

Vixésimo terceiro. Candidatura presentada polo Concello de Porqueira:

O Concello presenta catro accións na súa candidatura en dous dos catro ámbitos de actuación: ningunha na letra «a», 2 na letra «b», 2 na letra «c» e ningunha na letra «d».

De conformidade co establecido, só unha das 4 accións propostas acada a puntuación exixida, de xeito que non se supera o mínimo de catro iniciativas estipuladas para os concellos de categoría 3.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello de Porqueira.

Vixésimo cuarto. Candidatura presentada polo Concello de Mos:

Analizada a documentación presentada polo Concello de Mos, fáiselle un requirimento o 16 de xuño de 2022 no cal se lles solicitan, entre outra documentación, as fichas resumo das accións propostas para avaliar a candidatura (anexo III) debidamente cubertas; en particular no que se refire á epígrafe Criterios de valoración, necesario para acadar a puntuación mínima de cada unha das iniciativas propostas. Con data límite para a contestación do devandito requirimento do 1 de xullo de 2022, non se tivo contestación.

Por este motivo, o xurado propuxo excluír a candidatura do Concello de Mos.

En conclusión, visto o informe proposta de recoñecemento do xurado, e a proposta de resolución da persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento, de acordo con todo o que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVO:

1. Excluír o Concello de Mos por non presentar o número mínimo de accións susceptibles de seren baremadas, segundo o nivel en que se insiren, polo que non se cumpre o requisito dun mínimo de catro accións para os concellos de nivel 3.

2. Non recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia ás candidaturas presentadas polos seguintes concellos: Concello de Porqueira, pois non acada a puntuación mínima en ningunha das 4 accións que presenta; Concello de Ares, xa que ningunha das 15 accións presentadas acada a puntuación mínima; Concello de Vilariño de Conso, pois non acada a puntuación mínima en ningunha das 23 accións presentadas e, finalmente, Concello de Carballo, xa que non acada a puntuación mínima en ningunha das 4 accións que presenta.

3. Recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia aos concellos de Mondoñedo, Porto do Son, Parada de Sil, Ribadeo, Sober, Touro, Outeiro de Rei, Curtis, Ribeira, Moaña, Ordes, A Laracha, Cervo, Muros e Alfoz, de conformidade co previsto nos fundamentos de dereito.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Poderase igualmente interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio