Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 21 de outubro de 2022 Páx. 55960

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de outubro de 2022 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Globo de San Roque.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Globo de San Roque, con domicilio na praza de Galicia, número 1, en Betanzos (A Coruña).

Feitos:

1. O 25 de agosto de 2021, María Barral Varela, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Globo de San Roque constituírona Jaime Alberto Pita Varela, Emilio Claudino Pita Varela e o Concello de Betanzos, representado pola súa alcaldesa presidenta María Barral Varela, mediante escritura pública outorgada o 14 de xullo de 2021, ante o notario de Betanzos (A Coruña) Francisco Javier Ramírez González, co número de protocolo 1.102.

Tras o requirimento do 13 de outubro de 2021, do Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas desta Secretaría Xeral Técnica, o 7 de xullo de 2022 achegaron unha escritura de rectificación outorgada o 23 de maio de 2022, ante o mesmo notario, co número 838 do seu protocolo, na cal emendan o solicitado no dito requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto: «conservar, custodiar e divulgar o Globo de San Roque, creado por Claudino Pita e conservado polos seus sucesores».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola alcaldesa presidenta do Concello de Betanzos, María Barral Varela, como presidenta; o secretario do Concello de Betanzos, Adrián Juan Márquez Caramés, como secretario; e como vogais, tres membros da familia Pita: Jaime Alberto Pita Varela, Emilio Claudino Pita Varela e María Pilar Pita López (designada polos dous anteriores); a concelleira de cultura do Concello de Betanzos, Ana Belén Veiga Pita; tres concelleiros designados polo Concello de Betanzos, Diego Fernández López, Mónica Carneiro Cid e María de los Ángeles Veiga López; e tres persoas nomeadas por Jaime Alberto Pita Varela e Emilio Claudino Pita Varela: Manuel Muñoz Vidal, Miguel Ángel Rodríguez Galán e Sergio Abeledo Vicos.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Globo de San Roque, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 12 de setembro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Globo de San Roque, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes