Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2022 Páx. 57336

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2022, conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 73/2022, do 25 de maio, fixaba a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establecendo un segundo nivel organizativo en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude, dispúxose, no artigo 4, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se estruturaría en diferentes órganos superiores e de dirección, entre eles, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

A dita dirección xeral exerce as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, así como as autorizacións e os informes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e no solo rústico ten atribuídas a consellería, entre outras funcións.

A complexidade da ordenación do territorio e o urbanismo en Galicia e a crecente demanda dos concellos de Galicia de contar cun órgano de asesoramento e interpretación sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente relativa á ordenación do territorio e urbanismo, aconsella que a Comunidade Autónoma dispoña dunha Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, prevista na disposición adicional cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, engadida pola disposición derradeira décimo primeira da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Mediante o Decreto 36/2022, do 10 de marzo, creouse e regulouse a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, configurándose como un órgano consultivo, con funcións asesoras e de tutela da lexislación vixente, á vez que constitúe un instrumento útil para a elaboración de proxectos de disposicións legais, e a adopción de medidas necesarias para a adecuada coordinación e normalización dos distintos instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos de Galicia. Asume tamén as funcións da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, a cal se integra na Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Neste sentido, á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo correspóndelle a emisión dos informes e ditames que, con carácter preceptivo, veñan exixidos por calquera disposición legal ou regulamentaria, así como sobre cantos asuntos sexan sometidos a consulta pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interveña de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

a) Sinatura dos documentos integrantes dos instrumentos urbanísticos e de calquera outro documento con informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

c) Nome do selo: Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación
do Territorio e Urbanismo

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia