Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Luns, 7 de novembro de 2022 Páx. 58105

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de bibliotecario/a e de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de xuño de 2016 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), publicouse o Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Na súa epígrafe I disponse que este sistema de selección será de aplicación a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Ao abeiro da citada regulación, e logo de informada a Comisión Central de Seguimento do Pacto de selección de persoal estatutario temporal na súa reunión do 17 de outubro de 2022, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG núm. 82, do 29 de abril),

RESOLVE:

Primeiro

Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais, no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, de bibliotecario/a e de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación.

Segundo

A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño).

En desenvolvemento das normas referidas no parágrafo anterior, tamén serán de aplicación as bases contidas no anexo I desta resolución.

Terceiro

1. Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Bases do procedemento de selección

Primeira. Requisitos de participación e méritos

Poderanse inscribir nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de bibliotecario/a e de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación as persoas interesadas que, no prazo previsto na base quinta, reúnan os requisitos seguintes:

1.1. Requisitos comúns:

a) Nacionalidade: posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Idade: ter feito os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ter sido separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: estar en posesión da titulación que se especifica no anexo III desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

f) Protección xurídica do menor. Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe agresión e abuso sexual acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual, e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos, de conformidade coa previsión contida no artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

g) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

Os requisitos de participación deberanse reunir dentro do prazo de presentación de solicitudes e deberanse manter durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

1.2. Promoción profesional:

O persoal estatutario fixo interesado en promocionar internamente con carácter temporal deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior a aquela a que se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestados como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación ou titulacións de acceso requiridas, segundo se recolle no anexo III.

2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas da mesma categoría á cal se opta e que se confeccionen en aplicación do pacto vixente, aprobado mediante a Resolución do 13 de xuño de 2016 (DOG do 30 de xuño), ou, de ser o caso, daquel que o substitúa, segundo as causas de penalización previstas no citado pacto, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV deste.

Segunda. Solicitude de inscrición

2.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren para o acceso a nomeamentos estatutarios temporais desta categoría.

2.2. As persoas interesadas deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina virtual do profesional (Fides/Expedient-e), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo VI, e que, logo de formalizada electronicamente, deberán asinar e presentar nos lugares e prazo indicados nas bases sexta e quinta, respectivamente.

2.3. No formulario de inscrición faranse constar expresamente a categoría á cal se opta, así como o distrito ou distritos sanitarios que a persoa aspirante seleccione como opción/s preferente/s. De non concretar ningún, entenderase que opta por calquera deles.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscada no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. No entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias, admitiranse as renuncias á inscrición, así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

Terceira. Ámbito de inscrición e compatibilidade

3.1. O ámbito territorial de inscrición nestas listas será autonómico, ben que as persoas aspirantes poderán seleccionar aquel distrito e/ou distritos en que soliciten prestar os seus servizos con carácter preferente, de entre todos os que figuran no anexo IV.

3.2. As persoas interesadas poderán optar, de reuniren os requisitos exixidos, á inscrición nas listas de ambas as dúas categorías aquí convocadas. Así mesmo, a inscrición nestas listas será compatible coa inscrición nas listas do grupo técnico da función administrativa, técnico/a superior, técnico/a superior en ciencias da información, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a superior, grupo de xestión da función administrativa, traballador/a social, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior de prevención de riscos laborais e técnico/a de grao medio en prevención de riscos laborais.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

4.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/Expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, o uso e o acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

4.2. Unha vez efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos, deberase imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na conta do expediente persoal electrónico, na epígrafe «Informe».

4.3. Xunto coa solicitude de validación, deberase achegar a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e expedient-e. Tal acreditación deberaa efectuar a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base quinta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non se terá que achegar novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberase dirixir a unha unidade de validación e presentar nalgún dos lugares previstos na base sexta desta resolución.

4.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base quinta desta resolución, para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

4.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta administración sanitaria:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición das dúas últimas convocatorias OPE das categorías de bibliotecario/a e de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación, a medida que estas sexan convocadas.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación impartida pola antiga Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, xunto coa impartida pola actual Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis).

– Os datos validados no sistema informático expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

4.6. A falta de acreditación por parte da persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, comportará a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan.

4.7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas, non se terá en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/Expedient-e na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes non serán obxecto de valoración neste proceso.

Quinta. Prazo de inscrición

5.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes nun prazo de dez días hábiles, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Os méritos computables serán os causados ata o día inmediatamente anterior ao da publicación desta resolución e que consten debidamente acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición no expediente electrónico con posterioridade á finalización do prazo previsto no punto 5.1 anterior, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas que se efectúe nas respectivas categorías.

Sexta. Lugar de presentación

O formulario de inscrición, logo de formalizado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario e poderase presentar no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Procedemento de elaboración das listas

7.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal elaboraranse de conformidade co previsto no punto II do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

7.2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/Expedient-e/Procesos), ao cal se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

7.3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa asignación ás primeiras da puntuación correspondente segundo o disposto no baremo aplicable, consonte o disposto na norma II.3 do pacto vixente.

7.4. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación, ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten admitidas nin excluídas dispoñerán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.

7.5. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola cal se declaren con carácter definitivo as/os aspirantes excluídas/os e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

7.6. Contra a exclusión definitiva, así como contra os resultados da baremación definitiva, poderanse interpoñer os recursos administrativos e/ou xudiciais que prevexa a resolución referenciada no número 7.5 anterior.

Oitava. Aboamento de taxas

8.1. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), como requisito necesario para participar neste proceso as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que, figurando noutras listas inmediatas anteriores, soliciten o cambio de categoría deberán aboar previamente, en concepto de dereitos de inscrición nas listas o importe de 18,40 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

8.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións das xerencias das áreas sanitarias e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición determinará a exclusión da persoa aspirante.

8.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficina virtual tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións» e escollerase a opción «Pagamento telemático de taxas e prezos». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

8.4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación desta resolución e que non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego. Tamén terán unha bonificación do 50 % as vítimas do terrorismo.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego, ou con sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola cal se recoñece a condición de vítima do terrorismo.

8.5. As persoas excluídas dispoñerán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitaren a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Novena. Nomeamentos a tempo parcial

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

Na falta de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

Décima. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes

De non existiren nun distrito sanitario aspirantes dispoñibles que seleccionasen como opción preferente ese ámbito, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada polo/a aspirante, segundo se recolle no punto III.2 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Décimo primeira. Funcións

1. Correspóndelle ao persoal bibliotecario/a exercer as funcións inherentes ao conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación requirida para o acceso. En particular, desenvolverá principalmente as seguintes funcións:

a) Difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde a través da internet e reunir nun único sitio diferentes fontes de información, garantindo a calidade e a actualización continua dos seus contidos e fomentando o seu uso.

b) Poñer á disposición das persoas usuarias información relevante para a toma de decisións na práctica clínica, na xestión, a docencia e a investigación, e fomentar a súa actualización, seleccionando e avaliando os fondos de información en calquera formato para a súa incorporación nas coleccións documentais, servindo como recurso estratéxico para a institución de que depende.

c) Apoiar e colaborar na xestión do coñecemento, a innovación e a investigación da organización.

d) Realizar xestión de contidos e coñecemento.

e) Xestionar os recursos ao seu cargo.

f) Deseñar produtos e servizos.

g) Planificar e xestionar proxectos, e establecer os seus obxectivos.

h) Xestionar os equipamentos específicos da biblioteca.

i) Realizar procuras da información científica.

j) Aplicar as técnicas de márketing para o desenvolvemento das actividades de difusión do traballo realizado, no marco das súas funcións, en redes sociais e canles de comunicación adecuadas.

k) Atender as persoas usuarias e resolver as súas demandas de información.

l) Formar as persoas usuarias para que utilicen a información de forma autónoma e responsable, a través de instrumentos, materiais e propostas formativas.

m) Catalogar, clasificar, indexar e resumir os documentos pertencentes a unha colección.

n) Controlar e manter o rexistro de autoridades ou outros vocabularios controlados.

ñ) Representar a biblioteca e cooperar con outros departamentos da organización, e establecer conexións e redes de cooperación con outras bibliotecas e centros de documentación.

o) Realizar memorias e informes da actividade da biblioteca.

p) Xestionar a colección e realizar a súa avaliación, conservación e expurgación.

q) Xestionar o repositorio institucional.

r) Todas aqueloutras funcións para as cales habilite o seu currículo formativo no seu ámbito funcional.

2. Correspóndelle ao persoal técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación exercer as funcións inherentes ao conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación requirida para o acceso. En particular, desenvolverá principalmente as seguintes funcións:

a) Xestionar e manter coleccións bibliográficas.

b) Catalogar e clasificar os fondos bibliográficos e documentais en calquera soporte.

c) Manter e actualizar os fondos e catálogos.

d) Atender as persoas usuarias.

e) Realizar información bibliográfica.

f) Realizar procuras bibliográficas en bases de datos.

g) Xestionar os servizos de acceso ao documento.

h) Formar as persoas usuarias en calquera modalidade.

i) Elaborar materiais de difusión da biblioteca e os seus servizos.

j) Elaborar informes estatísticos.

k) Realizar a ordenación de fondos e préstamo aos usuarios ou interbibliotecario, así como a xestión do Servizo de Obtención de Documentos.

l) Realizar xestión de contidos e coñecemento.

m) Xestionar proxectos.

n) Aqueloutras que lle encomenden e teñan contido de índole bibliotecaria propia.

ñ) Todas aqueloutras funcións para as cales habilite o seu currículo formativo no seu ámbito funcional.

3. As funcións relacionadas nos números anteriores enmarcaranse na actividade da biblioteca virtual Bibliosaúde, creada pola Orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2011.

4. No desenvolvemento das funcións relacionadas neste artigo terase en conta a perspectiva de xénero, sobre todo no que se refire á xestión e xeración de estatísticas e difusión de información.

Décimo segunda. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data que se indique na resolución pola cal se publiquen a relación definitiva de persoas aspirantes excluídas, e as puntuacións definitivas e a orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas. A publicación efectuarase a través da páxina web do organismo (www.sergas.es).

ANEXO II

Baremo de méritos

A orde de prelación das persoas aspirantes nas listas virá determinada pola puntuación que resulte de aplicar o seguinte baremo, ben que, se con posterioridade á publicación desta resolución se convoca un proceso de selección fixa para o acceso á condición de bibliotecario/a e/ou de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación, se tomará en consideración o último baremo aprobado na Mesa sectorial de negociación e se aplicará este a partir do primeiro proceso de xeración de listas posterior á súa publicación:

2.1. Formación (8 puntos).

2.1.1. Formación académica.

a) Máster universitario oficial, máster universitario –título propio, experto universitario, especialista universitario– que teña un contido relacionado coas funcións propias da categoría:

a.1. En caso de estar computado en créditos ECT:

– Título oficial: 0,05 puntos/crédito.

– Título propio: 0,025 puntos/crédito.

a.2. En caso de estar computado só en horas:

– Título oficial: 0,005 puntos/hora.

– Título propio: 0,0025 puntos/hora.

A titulación de máster débea rexistrar o/a aspirante en Fides/expediente-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

b) Título de doutor/a: 1 punto.

c) Premio extraordinario de doutoramento: 0,5 puntos.

d) Docencia universitaria impartida: 0,5 puntos/curso académico, ata un máximo de 1,5 puntos.

2.1.2. Formación continuada.

a) Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou por calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

b) Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

Valoración:

– Por crédito: 0,30 puntos.

– Por hora: 0,030 puntos.

A puntuación que se lles outorgará aos/ás aspirantes que impartisen os ditos cursos de formación continuada será de 0,060 puntos por hora de docencia impartida. Valorarase a formación impartida que teña un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren neste.

Os cursos de formación continuada valoraranse con independencia da data de obtención do título exixido para o acceso á categoría.

Os cursos de prevención de riscos, informática, xestión clínica, bioestatística e metodoloxía da investigación valoraranse en todas as categorías cunha puntuación máxima de 4 puntos.

Así mesmo, valorarase en todo caso a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero.

Non serán obxecto de valoración os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, obradoiros ou similares.

2.2. Experiencia (28 puntos).

a) Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría e titulación en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,20 puntos/mes.

b) Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría e titulación en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia doutras administracións públicas de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza ou en programas de cooperación internacional debidamente autorizados ao servizo de organizacións de cooperación internacional: 0,10 puntos/mes.

c) Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría e titulación por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias privadas concertadas e/ou acreditadas para a docencia de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,07 puntos/mes.

d) Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría da mesma área funcional, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,05 puntos/mes.

e) Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría, distinta das previstas na alínea anterior, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,04 puntos/mes.

Os servizos prestados a partir da data de obtención das titulacións de acceso previstas no anexo III, no ámbito da biblioteconomía e documentación e en desenvolvemento con carácter fundamental das funcións previstas na base décimo primeira, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na correspondente categoría.

Para os efectos da categoría de bibliotecario/a, terán a consideración de servizos prestados noutra categoría da mesma área funcional os servizos prestados na categoría de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación e naquelas categorías cuxa actividade se desenvolva no ámbito da biblioteca virtual Bibliosaúde, creada pola Orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2011.

Para os efectos da categoría de técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación, terán a consideración de servizos prestados noutra categoría da mesma área funcional os servizos prestados na categoría de bibliotecario/a e naquelas categorías cuxa actividade se desenvolva no ámbito da biblioteca virtual Bibliosaúde, creada pola Orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2011.

f) Puntuación específica polo exercicio de dereitos de conciliación:

Polo exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o máximo de 0,5 puntos:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción de fillo: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada por motivos familiares: 0,02 puntos/mes completo.

– Excedencia por coidado de fillos e familiares: 0,02 puntos/mes completo.

Para estes efectos, dividirase o número total de días entre 30 e valorarase o cociente enteiro.

A acreditación de cada unha destas circunstancias deberá ser efectuada polo/a aspirante na forma prevista no anexo V.

g) Puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados.

Polos servizos efectivamente prestados nos hospitais públicos do Barco, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos: 0,5 puntos/ano completo ou a parte proporcional.

Para estes efectos, só se valorarán os servizos que conste que foron efectivamente prestados en tales centros, con independencia da súa realización ou non en virtude de vínculo directamente formalizado con tales institucións.

De conformidade co disposto na base cuarta desta resolución, non será necesario que o/a aspirante acredite este mérito.

Coa valoración das alíneas f) e g) non se poderá superar a puntuación máxima prevista para a epígrafe de experiencia profesional.

Normas xerais de valoración.

Primeira. Os meses serán computados por días naturais.

Salvo para os nomeamentos de atención continuada ou gardas en atención extrahospitalaria, o cómputo dos servizos prestados efectuarase por meses. Para iso, calcularase en cada epígrafe do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará en cada punto será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

En ningún caso a suma dos servizos prestados con distintos nomeamentos dentro do mesmo mes natural poderá valorarse por riba da puntuación establecida para o dito período dun mes.

En ningún caso un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintas epígrafes do baremo. De igual xeito, un mesmo período de tempo de servizos prestados non poderá ser obxecto de valoración en máis dunha categoría/especialidade, ou en varios servizos ou unidades, tanto do mesmo como de diferente centro.

Os servizos prestados con nomeamento de atención continuada ou gardas en urxencias extrahospitalarias computaranse co criterio de equivalencia dun mes completo por cada 130 horas traballadas no dito mes, ou a parte proporcional que corresponda á fracción. Se, dentro dun mes natural, se realizaron máis de 130 horas, soamente se poderá valorar un mes de servizos prestados, sen que o exceso de horas efectuado poida ser aplicado para o cómputo de servizos prestados noutro mes.

Segunda. Os servizos prestados durante o período en que se goce dunha redución de xornada por algunha das causas legalmente previstas serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

Os servizos prestados polo persoal especificamente nomeado a tempo parcial serán valorados coa conseguinte redución. Cando nun mesmo período o/a interesado/a acredite distintos nomeamentos a tempo parcial, realizarase unha acumulación, sen que poida resultar, en ningún caso, unha xornada acumulada superior á xornada completa.

Os períodos de permiso sen soldo, así como a permanencia en situación de servizos especiais, valoraranse como tempo de servizos efectivamente prestados na categoría para os efectos deste baremo.

Os servizos prestados noutra categoría en promoción interna temporal polo persoal estatutario fixo valoraranse como servizos temporais na dita categoría.

Serán obxecto de valoración na alínea c) os servizos prestados na mesma categoría en institucións sanitarias privadas con concerto sanitario ou autorización de uso co Sistema público de saúde, na data de prestación de servizos, que consten debidamente acreditados.

Terceira. A experiencia profesional valorarase a partir da data de superación do período formativo conducente á obtención do título exixido para o acceso á categoría.

2.3. Outras actividades (4,000 puntos).

Traballos de publicación en revistas e libros, directamente relacionados coa categoría, conforme os seguintes criterios e táboa de valoración:

– Publicación en revistas científicas indexadas no CSIC (ICYT, ISOC), IBECS, Pubmed, Web of Science (Wos), Embase e PsycINFO: 0,30 puntos.

– Publicación en revista non indexada: 0,25 puntos.

– Capítulo de libro: 0,30 puntos.

– Libro completo: 1 punto.

Só terán a consideración de libro aquelas publicacións cun mínimo de 49 páxinas. Para a súa valoración, a publicación debe estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio. Non se poderán valorar máis de tres capítulos dun mesmo libro.

Non terán a consideración de libro, aínda que adopten esta forma de edición, as actas de congreso.

Non serán obxecto de valoración os libros/capítulos editados como glosario, anuario, manuais de preparación para o acceso á formación sanitaria especializada e ao emprego público, cursos de formación continuada, protocolos de servizo e demais que aprecie o respectivo órgano de selección, así como as autoedicións e/ou autopublicacións, entendendo por tales aquelas publicacións financiadas ou promovidas por algún dos seus autores ou nas cales este figure como editor.

No suposto de libros ou capítulos de libros de autoría colectiva, só será obxecto de valoración aquela publicación da cal, coa documentación presentada pola/o aspirante, quede suficientemente acreditada a participación concreta nela. Enténdese por autoría colectiva aquela publicación en que interveñen un mínimo de catro autores.

Os capítulos de libro nos cales interveñan catro ou máis autores non serán obxecto de valoración.

Normas comúns de valoración de libros e revistas.

En ningún caso un mesmo contido determinado e obxectivable publicado baixo diferentes formas e en diferentes publicacións poderá ser obxecto de máis dunha valoración.

Non serán obxecto de valoración as publicacións de carácter divulgativo.

Para os efectos deste baremo, non terán a consideración de autor da publicación o coordinador, director e outros colaboradores.

2.4. Coñecemento da lingua galega (5 puntos).

Valorarase nesta epígrafe o coñecemento da lingua galega por parte das persoas aspirantes que acrediten estaren en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego), de conformidade coa Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

ANEXO III

Titulación

Listas nomeamentos temporais

Titulación

Bibliotecario/a

Título universitario oficial de licenciado/a en Documentación, graduado/a en Información e Documentación ou título oficial equivalente

Técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación

Título universitario oficial de diplomado/a en Bibilioteconomía e Documentación ou título universitario oficial equivalente, do mesmo ou superior nivel de titulación

ANEXO IV

Distritos sanitarios que se poden seleccionar como opción preferente

1. Ferrol.

2. A Coruña.

3. Cee.

4. Santiago de Compostela.

5. Barbanza.

6. Lugo.

7. A Mariña.

8. Monforte de Lemos.

9. Ourense.

10. Verín.

11. O Barco de Valdeorras.

12. O Salnés.

13. Pontevedra.

14. Vigo.

ANEXO V

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo ministerio con competencias en materia de educación ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e da data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e os créditos obtidos. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro (UE), achegarase xunto coa copia compulsada do título tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberanse acreditar coa achega da copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

O expediente académico e as cualificacións obtidas requiren, para a súa valoración, a presentación da certificación de recoñecemento ou equivalencia oficial.

Supostos específicos.

a) A acreditación da formación máster efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECT asignados á dita actividade formativa.

Poderáselle requirir á persoa aspirante que achegue o programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditada a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

b) Formación continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso, no cal deberán constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderáselle requirir á persoa aspirante que achegue o programa formativo ou a/as categoría/s destinataria/s.

Normas específicas para a formación en liña.

Serán válidos aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto, deberase achegar certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que queden debidamente acreditados a carga lectiva e as horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección reserva para si o dereito de poderlle exixir ao/á aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberán constar o contido da actividade formativa e o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Experiencia profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/nº de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

A experiencia profesional en centros privados acreditarase mediante certificación da empresa na cal deberá constar a información anteriormente indicada ou contrato laboral. En ambos os supostos, xunto coa citada documentación deberase presentar un informe de vida laboral emitido polo INSS.

No suposto de institucións sanitarias públicas, tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo. Noutro caso, a experiencia profesional non será obxecto de valoración.

No suposto de institucións sanitarias privadas concertadas ou con autorización de uso, deberá quedar debidamente acreditada no certificado a existencia dun concerto ou autorización de uso co respectivo servizo de saúde autonómico ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea nos períodos de vinculación. Noutro suposto, tal mérito non será valorado.

No suposto de institucións sanitarias privadas acreditadas para a docencia, deberá quedar debidamente acreditado no certificado que se achegue a condición de institución acreditada no ámbito do SNS ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea para a formación de especialidades de profesións sanitarias.

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, así como a condición de centro concertado co Servizo Galego de Saúde.

Puntuación específica por conciliación.

As situacións de permiso por paternidade e maternidade, redución de xornada por motivos familiares e excedencia por coidado de fillos/as e familiares acreditaranse mediante certificación da súa concesión expedida pola Dirección do centro, na cal deberán constar as datas de inicio e fin.

O persoal fixo ou temporal que nos últimos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria estivese prestando os seus servizos no Sergas non terá que presentar ningunha documentación acreditativa de tales situacións.

d) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar
cotexadas/autenticadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

e) Tradución de documentos

Aos títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español deberase xuntar a súa tradución para o castelán ou galego, que deberá efectuar:

a) Tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) A representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.

ANEXO VI

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Poderase acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT, será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es) ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipamento.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención hospitalaria e atención primaria do organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a Fides solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pódese efectuar a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que lles permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo:

https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na súa rede corporativa.

Neste suposto, o acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para accederen ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que poden atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que se vaia achegar.