A dispersión parcelaria e minifundio agrario que presentan os terreos da zona de Riomol, no concello de Castroverde, posta de manifesto polas persoas propietarias e agricultoras da zona, mediante solicitude dirixida á consellería competente en materia de agricultura, motivou a elaboración dun estudo previo de iniciación, unha vez superado o proceso de avaliación a que se refire o artigo 7 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, e que acadou un resultado positivo, polo que se deduce a conveniencia de levar a cabo a reestruturación parcelaria por razóns de utilidade pública.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, formulada conforme o establecido na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil vinte e dous,
DISPOÑO:
Artigo 1
Declarar de utilidade pública a reestruturación parcelaria da zona de Riomol (Castroverde, Lugo).
Artigo 2
O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á parroquia de Riomol. O referido perímetro quedará, en definitiva, modificado polas rectificacións, inclusións e exclusións que se acorden ao abeiro dos artigos 23 e 24 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.
Este decreto será de aplicación á totalidade dos terreos incluídos dentro do perímetro de reestruturación, independentemente da súa capacidade e situación produtiva, e calquera que sexa a súa clasificación urbanística, agás os clasificados como urbanos e urbanizables.
Artigo 3
Declarar a zona de reestruturación parcelaria como zona de actuación agraria prioritaria.
Artigo 4
Conforme o establecido polo artigo 11 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a partir da entrada en vigor do presente decreto, a reestruturación parcelaria será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro de reestruturación, así como para os operadores públicos e privados de redes de subministración, infraestruturas e aproveitamentos.
Calquera actuación que leven a cabo outros órganos de calquera outra Administración pública deberá adaptar as súas actuacións, agás declaración de prevalencia, á fase do proceso de reestruturación que se estea levando a cabo.
Artigo 5
Á zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia para mellorar ou modernizar as explotacións agrarias.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións complementarias que requira a execución do presente decreto.
Disposición derradeira segunda
A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e dous
O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural