Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59340

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 25 de outubro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de outubro de 2022 relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común da Cidá, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia da Cidá, no concello do Irixo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común da Cidá, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia da Cidá, no concello do Irixo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 7 de maio de 2019 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia da Cidá presentou un escrito dirixido á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense (Rexel número 2019/1025150) no cal solicitaba revisar o límite do monte veciñal coas parcelas particulares lindeiras.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Memoria da revisión de esbozo.

– Varios informes de validación gráfica alternativos.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 22 de xuño de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión se corresponde con tres dos predios do monte veciñal en man común: Zona Norte, Nabás e Paredes. Deles, os dous primeiros quedarían unidos nun único predio logo da revisión.

Porén, segundo o número 3 do resolto polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Carballiño, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia da Cidá é titular dun predio (perfectamente delimitado no plano número 7 referido na sentenza) que, unha vez contrastado coa revisión solicitada, abrangue os predios Zona Norte e unha parte maioritaria de Nabás, contidos na proposta, os cales xa están fusionados pola dita resolución xudicial. O que non figura no pronunciamento xudicial son os extremos N e SE do predio Nabás, agora incluídos na proposta. A este respecto, cómpre indicar o seguinte:

– O extremo N de Nabás (constituído pola parcela 32036A06900778) non encaixa no ámbito de aplicación da revisión de esbozo, ao tratarse de terreos que desbordan o que sería unha mera cuestión de axuste de contorno; estariamos, máis ben, ante unha nova clasificación de terreos como monte veciñal en man común.

– O extremo SE de Nabás, tendo en conta que a maior parte do predio Zona Norte-Nabás xa consta oficialmente revisado en virtude da antedita resolución xudicial, sería a única parte do dito predio cuxa revisión é susceptible de ser tramitada.

– Malia o feito indicado no parágrafo anterior de que a maior parte do predio Zona Norte-Nabás xa consta oficialmente revisado pola sentenza citada no antecedente 6 do informe do Servizo de Montes, detectouse un problema de solapamento no extremo N de Nabás, no tramo lindeiro co monte veciñal en man común Peniña, Os Chaos ou Pena Negra, onde a dita sentenza declarou pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Cidá unha franxa duns 460 m de longo por 10-50 m de largo, a cal, segundo a sentenza do antecedente 3, xa estaba clasificada a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Silvares, do que cabe concluír a existencia dun erro material na sentenza da Cidá (antecedente 6.). A solicitude da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Cidá recolle tal circunstancia, de xeito que recorta a liña da súa proposta á liña fixada na primeira sentenza (antecedente 3), polo que procede incluír tamén na revisión o tramo do perímetro proposto pola comunidade situado entre os puntos números 33 e 42 do anexo de coordenadas a que fai referencia a parte dispositiva número 1 do antecedente 6. En consecuencia, do perímetro revisado quedan excluídas as seguintes parcelas que ata o de agora formaban parte (parcialmente) del:

• 32036A06200027

• 32036A06200160

• 32036A06200028

• 32036A06209003

• 32036A06200159

• 32036A06209004

– En canto ao predio Paredes, non hai ningún inconveniente para a revisión deste tal e como se describe na proposta.

En relación co balance de superficies pre-revisión/pos-revisión, valórase parcialmente, xa que a revisión proposta afecta 3 dos 6 coutos redondos que integran o monte. Así, segundo o antecedente 6, a superficie do predio Zona Norte-Nabás é de 69,7 ha, superficie que, tras a revisión, ascendería a 90,6 ha. En canto ao predio Paredes, a dixitalización do correspondente couto redondo contido no esbozo da carpeta-ficha revela unha superficie de 2,1 ha que, tras a revisión, pasan a ser 2,6 ha. En consecuencia, non existiría menoscabo da integridade territorial do monte, senón todo o contrario.

Consideracións legais e técnicas:

Única A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 22 de xuño de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes en Man Común acordou por unanimidade o día 10 de outubro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común da Cidá, no concello do Irixo.

Ourense, 25 de outubro de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense