Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Mércores, 16 de novembro de 2022 Páx. 59553

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 24 de outubro de 2022 polo que se someten a información pública os borradores dos proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo de Francos de Proendos (Sober, Lugo), Covelo (Taboadela, Ourense), Carzoá (Cualedro, Ourense), O Seixo (A Gudiña, Ourense) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra).

1. Mediante os acordos do Consello de Dirección da Agader, do 21.1.2022, do 24.1.2022 e do 25.1.2022, respectivamente, foron declaradas as seguintes aldeas modelo ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia:

Nº de expediente

Denominación

Data de aprobación

AM-22-01

Acordo polo que se declara a aldea de Francos de Proendos, no concello de Sober (Lugo), como aldea modelo

21.1.2022

AM-22-02

Acordo polo que se declara a aldea de Covelo, no concello de Taboadela (Ourense), como aldea modelo

21.1.2022

AM-22-03

Acordo polo que se declara a aldea de Carzoá, no concello de Cualedro (Ourense), como aldea modelo

21.1.2022

AM-22-04

Acordo polo que se declara a aldea do Seixo, no concello da Gudiña (Ourense), como aldea modelo

24.1.2022

AM-22-05

Acordo polo que se declara a aldea de Mouteira-Parada no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), como aldea modelo

25.1.2022

2. De conformidade co previsto no artigo 113 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, iniciouse a elaboración dos proxectos de ordenación produtiva das citadas aldeas modelo, que se encontran en fase de borrador.

Consideracións legais e técnicas:

1. Este procedemento réxese polo disposto na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.

2. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con CIF Q-1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro), como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (artigo derrogado pola disposición derrogatoria, apartado 1, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no sucesivo Lofaxga).

Ten a condición de entidade pública instrumental do sector público autonómico e de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 47 en relación co artigo 45.a) da Lofaxga.

Da disposición transitoria terceira da Lofaxga deriva que as normas de organización e funcionamento da Agader deberán adecuarse ao disposto nesta lei para as axencias públicas autonómicas.

As súas funcións e competencias están previstas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, modificadas polo artigo segundo da Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifican a Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, e a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e se racionalizan os instrumentos de xestión comarcal e de desenvolvemento rural; modificadas polo apartado dous da disposición derradeira terceira da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e modificadas, finalmente polo artigo 7 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

3. Os artigos 110 e seguintes da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia, regulan o procedemento administrativo que se debe seguir nos procedementos para aprobación das aldeas modelo. En todo o non regulado nelas observarase disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por aplicación da súa disposición adicional primeira.

4. O artigo 115 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que «1. Salvo nos supostos en que o proxecto de ordenación produtiva se encontre sometido ao procedemento de avaliación ambiental, os borradores de proxectos de ordenación produtiva someteranse a un trámite de información pública por un prazo dun mes desde a publicación do anuncio do dito trámite no Diario Oficial de Galicia. O anuncio remitirase aos concellos solicitantes, que o publicarán tamén no taboleiro edictal dos concellos onde estea situada a aldea modelo. Igualmente, o citado anuncio figurará na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, onde estará dispoñible toda a documentación. 2. Concluída a tramitación da avaliación ambiental, nos casos en que sexa preceptiva, ou finalizado o trámite de información pública regulado no número anterior nos restantes supostos, avaliaranse todas aquelas alegacións presentadas, e incorporaranse, de ser o caso, as modificacións procedentes no contido do proxecto de ordenación produtiva. 3. O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, concluída a tramitación anterior e por proposta da persoa titular da súa dirección xeral, aprobará o proxecto de ordenación produtiva. A aprobación publicarase no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro edictal dos concellos onde se localice a aldea modelo e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural».

5. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) pódense verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve

6. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a identificación e a declaración de zonas de actuación para a aplicación de proxectos de mobilización de terras e para o fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo, para a integración cautelar de predios, a aprobación ou formulación da declaración de aldea modelo e do proxecto ou guía de ordenación produtiva é o Consello de Dirección da Agader, que ten delegada a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral da Agader en virtude do Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 23 de xuño de 2020, publicado mediante a Resolución do 30 de xuño de 2020 (DOG núm. 136, do 9 de xullo).

O artigo 10.2.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), establece que corresponde ao director xeral xestionar a Axencia e render contas ante o Consello de Dirección.

Por todo o exposto,

ACORDO:

De conformidade co disposto no artigo 115.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, someter ao trámite de información pública polo prazo dun mes mediante anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro edital do concello en que se sitúe a aldea e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/aldeas-modelo/ ou https://agader.xunta.gal/es/recuperacion-de-tierras/aldeas-modelo), onde estará dispoñible toda a documentación, os borradores dos proxectos de ordenación produtiva que se relacionan no anexo.

Durante este prazo, poderanse realizar as achegas e alegacións que se consideren oportunas, mediante escrito dirixido á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o cal non cabe ningún recurso, e poderase unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento. Igualmente, se se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpoñer recurso de alzada ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou acto administrativo, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se considere procedente.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Borradores de guías de ordenación produtiva

– Zona de actuación para a aplicación de proxecto de aldeas modelo para a aldea de Francos de Proendos, no concello de Sober (Lugo) (CVE: W9FAqE2Snrt1, LS0ODUoENgH8, UIMDgEtlhzi1; verificable en https://sede.xunta.gal/cve).

– Zona de actuación para a aplicación de proxecto de aldeas modelo para a aldea de Covelo, no concello de Taboadela (Ourense) (CVE: wSgqfXXFOPp1, EqUM3KdaTul7, 483F2f94ARw2; verificable en https://sede.xunta.gal/cve).

– Zona de actuación para a aplicación de proxecto de aldeas modelo para a aldea de Carzoá, no concello de Cualedro (Ourense) (CVE: hJyMUgEQFtv7, 3QLepHjRt4L1, g2q25Vk9wsa5; verificable en https://sede.xunta.gal/cve).

– Zona de actuación para a aplicación de proxecto de aldeas modelo para a aldea do Seixo, no concello da Gudiña (Ourense) (CVE: DBLAdXqhuKc1, cGqLdhJEa8N6, fY4Rhhs6PQY1; verificable en https://sede.xunta.gal/cve).

– Zona de actuación para a aplicación de proxecto de aldeas modelo para a aldea de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) (CVE: yefj10VkInw2, s7eajLKpV4l7, yykDC076BxG7; verificable en https://sede.xunta.gal/cve).