Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 29 de novembro de 2022 Páx. 61561

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social (código de procedemento VI422F).

O 11 de xaneiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social.

Co fin de incentivar a participación dos concellos neste programa de axudas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo considera oportuno incrementar, dunha parte, as partidas das actuacións subvencionables. Así, os gastos derivados dos impostos, taxas e tributos derivados das obras de rehabilitación que se realicen ao abeiro deste programa pasan a formar parte das actuacións subvencionables. Súmanse, dese xeito, ás que xa figuraban no ordinal terceiro da devandita resolución. Doutra parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén incrementa ata o 95 % o orzamento protexido das obras de rehabilitación que se realicen en virtude deste programa.

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social, nos seguintes termos:

1. Modifícase o punto segundo do ordinal terceiro, que pasa a ter a seguinte redacción:

As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras incluiranse os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes ás obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a aprovisionamentos de material previos e/ou a pagamentos anticipados en que a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en que se publique a resolución de convocatoria.

2. Modifícase o punto primeiro do ordinal sexto, que pasa a ter a seguinte redacción:

1. As axudas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 55.000 euros no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago. No suposto de que a edificación que se vaia rehabilitar estea situada nun ámbito declarado área Rexurbe, as citadas cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda.

A presente resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo