Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Mércores, 30 de novembro de 2022 Páx. 61664

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 14 de novembro de 2022 pola que se estende a norma da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga OPP-82) a todos os produtores que desembarquen e comercialicen xurelo procedente das capturas da frota de cerco nas divisións 8c e 9a en portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 22 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, establece que os Estados membros poderán decidir que as normas acordadas no seo dunha organización de produtores sexan vinculantes para os produtores que non sexan membros da organización en cuestión e que comercialicen calquera dos produtos dentro da zona na que a organización de produtores sexa representativa, e establece tamén as condicións para a extensión das normas.

Segundo o artigo 25 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, os Estados membros notificarán á Comisión as normas que prevexan facer vinculantes para todos os produtores ou operadores nunha zona ou zonas específicas. A Comisión adoptará unha decisión en virtude da cal se autorizará ou denegará a extensión das normas.

O artigo 26 do mencionado Regulamento (UE) núm. 1379/2013 establece que a Comisión poderá levar a cabo controis e proceder á revogación da autorización da extensión das normas en caso de que se determine o incumprimento de calquera dos requisitos da autorización.

O Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, indica o formato e procedemento de notificación á Comisión das normas que prevexan facer obrigatorias para o conxunto de produtores ou axentes económicos.

O Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, recolle na sección 1ª do seu capítulo II os requisitos para a extensión de normas por parte das organizacións profesionais.

A organización de produtores Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga OPP-82), recoñecida mediante Resolución da Consellería do Mar do 28 de xuño de 2018, presentou ante a Consellería do Mar, de acordo co procedemento establecido nas disposicións anteriormente citadas, a solicitude de que España estenda a norma desta organización de produtores pesqueiros, adoptada polos seus socios segundo acta da xunta directiva de data 2 de novembro de 2019, que fixa un límite máximo de 750 kg por tripulante e día para os desembarques de xurelo procedente das divisións 8c e 9a en portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, realizados polos buques do censo de cerco do caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste, a todos os produtores que desembarquen e comercialicen xurelo procedente das capturas da frota de cerco nas divisións 8c e 9a en portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A dita solicitude, xunto coa documentación correspondente, enviouse á Secretaría Xeral de Pesca de acordo co sinalado no artigo 12 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, quen procedeu a remitir o expediente á Comisión Europea paro o seu estudo e, de ser o caso, autorización da extensión de norma, o que tivo lugar mediante Decisión da Comisión do 21 de decembro de 2021 pola que se autoriza a España a ampliar un límite máximo diario para desembarques a todos os produtores que desembarquen e comercialicen xurelo procedente das capturas da frota de cerqueiros nas divisións 8c e 9a en portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo establece no seu artigo 12.7 o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, a extensión de norma adoptarase mediante disposición regulamentaria autonómica que para o efecto determine a comunidade autónoma e publicarase no diario oficial correspondente.

En consecuencia, oído o sector interesado, e en uso das competencias atribuídas polos artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Norma de extensión

A norma da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga OPP-82), pola que fixa para a súa frota de cerco un límite máximo de 750 kg por tripulante e día para os desembarques de xurelo procedente das divisións 8c e 9a en portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, esténdese a todos os produtores que desembarquen e comercialicen xurelo procedente das capturas da frota de cerco nas divisións 8c e 9a en portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Período de aplicación

1. A extensión da mencionada norma será de aplicación a partir da data da entrada en vigor desta orde.

2. A duración da aplicación da norma de extensión será de dez (10) meses desde a entrada en vigor da presente orde. Non obstante, se a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia acorda, polos procedementos que teñan regulamentariamente establecidos, derrogar ou deixar sen efecto esta norma antes de que finalice o período de dez meses, deberá poñelo inmediatamente en coñecemento da Consellería do Mar.

Artigo 3. Infraccións

As infraccións á presente orde serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Artigo 4. Suspensión da aplicación

De conformidade co establecido no artigo 12.8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, a Comisión Europea poderá revogar a autorización da extensión de norma se constata o incumprimento dos requisitos da dita aprobación. Neste suposto, ou ante calquera outro feito que evidencie o incumprimento dos requisitos de aprobación da norma de extensión, a Consellería do Mar procederá a suspender a súa aplicación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar