Antecedentes:
Primeiro. No Diario Oficial de Galicia número 206, do 28 de outubro de 2022, publicouse a Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. No artigo 4.2 da convocatoria establécese un prazo dun mes para a presentación de solicitudes.
Segundo. Na base 11ª.1 da Resolución do 13 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, disponse que, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.
Terceiro. No artigo 15 disponse que as entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 26 de decembro de 2022.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. De conformidade co disposto no artigo 10 da Orde de convocatoria do 21 de outubro de 2022, a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en vista da proposta do órgano instrutor, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o equipamento que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.
Segunda. Segundo o disposto no artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar, de oficio ou a pedimento do interesado, a aplicación ao procedemento da tramitación de urxencia, pola cal se reducirán á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
Terceiro. Tendo en conta os prazos expostos nos antecedentes de feito, as entidades beneficiarias teñen de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 26 de decembro de 2022.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de novembro, polo que, en atención aos prazos necesarios para a tramitación do procedemento (revisión, emenda, se é o caso, publicación provisional da baremación, fiscalización e publicación da resolución de concesión), cómpre a súa axilización para posibilitar ás entidades beneficiarias a execución e xustificación do proxecto de investimentos no prazo establecido.
En consecuencia, as razóns de interese público motivadas na necesidade de facer efectiva a tramitación, a resolución e o pagamento da convocatoria e posibilitar a transferencia de fondos ás entidades beneficiarias, co obxectivo de posibilitar a adquisición do equipamento deportivo solicitado para contribuír á modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva do que dispoñen as citadas entidades no presente exercicio, faise preciso acordar a tramitación de urxencia na instrución do procedemento para os efectos de reducir os prazos de emenda á metade.
En atención ao exposto e en virtude das atribucións que me foron conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Acordar a tramitación de urxencia na instrución do procedemento de concesión de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos ao abeiro da Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, para os efectos de reducir os prazos da fase de emenda á metade.
Segundo. Non caberá recurso ningún contra este acordo, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.
Terceiro. A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación.
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes