Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 1 de decembro de 2022 Páx. 61827

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do Acordo da Mesa Sectorial de Sanidade do 14 de novembro de 2022, de modificación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Co obxecto de levar a efecto a previsión contida na Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se publica o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024) (DOG núm. 202, do 20 de outubro), en concreto a medida 1.7, que obriga a realizar a análise con perspectiva de xénero da regulación contida no Pacto de selección de persoal estatutario temporal, previamente ao seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, a Administración sanitaria e as centrais sindicais integrantes da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT, na reunión que tivo lugar o 14 de novembro de 2022, aprobaron por unanimidade a modificación da cláusula III.2 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016).

A modificación acordada é de aplicación ao persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria, ao cal con carácter xeral se aplican as normas establecidas no vixente Pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, de conformidade co punto 4 da Resolución do 11 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (DOG núm. 240, do 18 de decembro de 2018).

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto na citada normativa, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVE:

Primeiro. Acordar a publicación da modificación das cláusulas III.2 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016), nos parágrafos relativos ás situacións relacionadas cos supostos de nacemento de filla/o e análogos nos termos que se indican no anexo.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Cláusula III.2. Orde de chamamentos

Así mesmo, e como excepción ao establecido con carácter xeral neste pacto respecto da suspensión de chamamentos, no suposto de nacemento de fillo/a, adopción legal, suspensión por risco durante o embarazo e incapacidade temporal común derivada de embarazo, ofertaránselle á persoa aspirante os nomeamentos correspondentes á súa categoría.

De corresponderlle, segundo a orde de prelación que ocupa na lista a adxudicación dun vínculo, formalizarase o correspondente nomeamento desde a data prevista de inicio da prestación de servizos naqueles supostos en que a normativa de seguridade social así o permita.

Recoñecerase en todos os supostos como tempo traballado para os efectos administrativos o período de duración dos vínculos que pola súa orde de posición na lista lle correspondesen.