Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 5 de decembro de 2022 Páx. 62311

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2022, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo de acceso libre e de estabilización para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio.

En sesión que tivo lugar o 22 de novembro de 2022, o tribunal nomeado pola Resolución do 7 de xullo de 2022 (DOG núm. 142, do 27 de xullo) para cualificar o proceso selectivo de acceso libre e de estabilización para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro), con corrección de erros no DOG núm. 28, do 10 de febreiro, e no DOG núm. 33, do 17 de febreiro, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, convocar as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio para a realización das tres probas de aptitude física do segundo exercicio do proceso selectivo, que terán lugar os días 12 e 13 de decembro de 2022 nos seguintes lugares:

Primeira proba (subida escala de vento): terá lugar o 12 de decembro de 2022 no Rocódromo Municipal de Pontevedra (Pavillón Multiusos da Xunqueira, 1ª travesía da rúa Celso Emilio Ferreiro) en chamamento único que se iniciará ás 10.00 horas.

Segunda proba (carreira de 1.000 metros): terá lugar o 12 de decembro de 2022 na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) (rúa Padre Fernando Olmedo, s/n, de Pontevedra), en chamamento único que terá lugar ás 13.00 horas.

Terceira proba (natación): terá lugar o 13 de decembro de 2022 na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) (rúa Padre Fernando Olmedo, s/n, de Pontevedra), en chamamento único que terá lugar ás 10.00 horas.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno acreditativo que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade, e coa roupa e o calzado que consideren adecuados.

Deberán presentarse para a realización da primeira proba cun certificado médico oficial expedido dentro dos quince (15) días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba deste exercicio, en que se faga constar que a persoa aspirante reúne as condicións físicas precisas para a realización das probas. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

O chamamento para cada proba do exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

A execución das probas será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio audiovisual ningún porque pode afectar a súa seguridade, o dereito á intimidade persoal e a propia imaxe da persoas intervenientes nestas.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022

Pedro Gandarillas Iglesias
Presidente do tribunal