Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 9 de decembro de 2022 Páx. 62630

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 206/2022, do 24 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo de varios treitos, de trazado actual e antigo, das estradas EP-9202, EP-9203 e EP-9208.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 23 de xuño de 2022, o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo dos seguintes treitos de estradas da súa titularidade:

– Treito final da EP-9202 Nanín-igrexa de Bordóns, desde o p.q. 0+790 ao p.q. 1+106, de 316 metros de lonxitude.

– Treito inicial da EP-9203 Padriñán-A Laxe, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+700, de 700 metros de lonxitude.

– Treito antigo da EP-9208 Noalla-Aios, situado no p.q. 3+900, marxe esquerda, de 120 metros de lonxitude.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Sanxenxo, na sesión do 26 de setembro de 2022, acorda por unanimidade os cambios de titularidade propostos.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que os treitos das estradas EP-9202, EP-9203 e EP-9208, cuxa titularidade se vai transferir, cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou da red de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial. Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo dos seguintes treitos, de trazado actual e antigo, das estradas EP-9202, EP-9203 e EP-9208:

Estrada

Denominación da estrada

p.q.i

p.q.f

Lonx (km)

Marxe

Treito da EP-9202

Nanín-Igrexa de Bordóns

0+790

1+106

0,316

-

Treito da EP-9203

Padriñán-A Laxe

0+000

0+700

0,700

-

Treito antigo da EP-9208

Noalla-Aios

3+900

4+000

0,120

ME

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Sanxenxo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade