Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 9 de decembro de 2022 Páx. 62687

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2022, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 115, do 18 de xuño), pola que se fan públicas a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio, pola quenda de acceso libre, e do primeiro exercicio, pola quenda de promoción interna.

En sesión que tivo lugar o 2 de decembro de 2022, o tribunal nomeado pola Resolución do 16 de maio de 2022 (DOG núm. 97, do 20 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021, acordou, de conformidade co disposto nas bases II.1.2.1 e II.1.3.3 da convocatoria, que o terceiro exercicio do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, e o primeiro exercicio do devandito proceso, pola quenda de promoción interna, terá lugar o día 14 de decembro de 2022, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas, nas aulas 2, 7 e 11 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), sita no polígono das Fontiñas, na rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

Para o desenvolvemento da segunda proba do exercicio, as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en que figuren notas de vixencia ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que estea a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento do que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal