Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 14 de decembro de 2022 Páx. 63334

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (códigos de procedemento VI483A e VI483B).

No Boletín Oficial del Estado núm. 16, do 19 de xaneiro de 2022, publicouse o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

No capítulo III do título II do citado Real decreto establécese un programa de axuda ao alugueiro de vivendas, o cal ten por obxecto facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugueiro a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.

De acordo con este marco normativo, esta resolución establece as bases reguladoras do Programa de axudas ao alugueiro de vivenda e procede á súa convocatoria para o ano 2023, con carácter plurianual.

Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023 habilítanse créditos para o financiamento da axuda ao alugueiro de vivenda.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión inicial (código de procedemento VI483A) e a renovación (código de procedemento VI483B) das subvencións do Programa de axudas ao alugueiro de vivenda, de conformidade co Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso a vivenda 2022-2025 (en diante, Plan 2022-2025), para facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Vítima do terrorismo: aquelas persoas que sufrisen danos incapacitantes como consecuencia da actividade terrorista, as ameazadas e secuestradas, así como o cónxuxe ou parella de feito e os fillos e fillas das anteriores e das falecidas.

d) Familia numerosa: interpretarase de conformidade co artigo 4 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas desenvolvida polo Real decreto 1621/2005, do 30 de decembro.

e) Residencia habitual e permanente da persoa inquilina e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia: domicilio en que constan empadroados todos eles.

f) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía. O citado índice considerarase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos desta axuda, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras

Sexto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse das axudas previstas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

d) Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras.

e) Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.

g) As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non teren a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ás cales se lles revogase algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.

Sétimo. Cómputo de ingresos

Para a determinación dos ingresos partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha das persoas integrantes da unidade de convivencia relativos ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.

De non dispoñer da correspondente declaración ou de percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, deberanse declarar os ingresos no anexo de solicitude e achegar a correspondente xustificación documental.

Oitavo. Renda da vivenda

A renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento non poderá superar o seguintes importes, dependendo do concello en que estea situada:

Zona territorial

Importe máximo da renda mensual do alugueiro

Concellos

Prezo máximo superior

600 €

A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Zona territorial 1

500 €

– Provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

– Provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

– Provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

– Provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Zona territorial 2

400 €

Resto dos concellos de Galicia.

Non obstante o anterior, estes límites á renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento poderán incrementarse ata un 20 % no caso de que as persoas inquilinas sexan membros de familias numerosas e estean todas elas empadroadas na vivenda ou sexan integrantes dunha unidade de convivencia que precise unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Poderanse modificar os ámbitos territoriais e importes da renda da vivenda deste programa mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, a cal deberá publicarse no DOG.

Noveno. Contía e duración das axudas

1. Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50 % da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente.

2. A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.

3. Se na renda do contrato se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 50 %.

Así mesmo, se no contrato se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe da vivenda como un 80 % do total da renda, cando esta inclúan vivenda e garaxe, 95 % cando se inclúan vivenda e rocho, e 75 % cando se inclúan vivenda, garaxe e rocho.

4. A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de cinco anos. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e posteriores anos deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da última renovación concedida. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no ordinal décimo cuarto.

5. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, se se prevé expresamente na correspondente convocatoria.

Décimo. Solicitudes

1. As solicitudes realizaranse mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, que deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto do contrato.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nas causas previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en territorio español, agás nos supostos exceptuados no ordinal sexto 2.a).

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora.

g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

h) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é inquilina de vivendas xestionadas polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.

i) Declaración responsable dos ingresos da unidade de convivencia correspondentes ao exercicio económico ou período impositivo con prazo de presentación vencido inmediatamente anterior á data de presentación da solicitude.

j) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo primeiro. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro. O contrato que se presente deberá ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.

c) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da súa unidade de convivencia. As persoas integrantes da unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude. As persoas que figuren no xustificante de empadroamento conxunto deberán constar no anexo II.

d) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia distintas da persoa solicitante e de comprobación dos datos necesarios para tramitación do procedemento.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

e) No caso de non presentar declaración do IRPF ou percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, deberá achegarse a seguinte documentación xustificativa:

1º. Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto na correspondente convocatoria, de ser o caso.

2º. Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS), relativo ao exercicio económico previsto na correspondente convocatoria, de ser o caso.

3º. Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario, de ser o caso.

4º. Certificado da contía percibida pola renda de integración social de Galicia, de ser o caso.

f) No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar á do IRPF, autenticada pola correspondente delegación consular e, de ser o caso, o certificado acreditativo de equivalencia en euros do importe declarado.

g) No caso de que algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

1º. Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

2º. Documentación que acredite que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

3º. Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa solicitante ou dalgunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

h) No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa.

i) Extracto ou certificado bancario acreditativo do pagamento da renda das mensualidades correspondentes, no suposto de que o recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.

j) No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

k) Certificado de discapacidade, con indicación do seu grao, da persoa solicitante e/ou das persoas que integran a súa unidade de convivencia, de ser o caso, e para o suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

l) Acreditación da condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo segundo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial nos termos sinalados no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e da/das persoa/s arrendadora/s da vivenda.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que integran a súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figura no anexo II.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figura no anexo II.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicacións a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Permiso de estadía ou residencia regular en España, no caso das persoas estranxeiras non comunitarias, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

c) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos no período fiscal especificado na correspondente convocatoria pola persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Título autonómico de familia numerosa da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

f) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia.

3. No caso de que a persoa solicitante, calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia e/ou a persoa arrendadora se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo cuarto. Renovación da subvención

1. Todas as persoas que resulten beneficiarias e non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución poderán renovala anualmente, ata acadar unha duración máxima de cinco anos. Para tal efecto, deberán presentar, no prazo que se sinale na correspondente resolución de concesión inicial da axuda, ou na anterior resolución de renovación da axuda, o anexo III de solicitude de renovación (código de procedemento VI483B), acompañado da seguinte documentación:

a) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberá cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

b) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. As persoas integrantes da unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude. As persoas que figuren no xustificante de empadroamento conxunto deberán constar no anexo II.

c) Declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa inquilina non ten ningunha reclamación pendente por falta de pagamento das rendas e/ou das subministracións.

d) Declaración formalizada polas persoas asinantes do contrato de alugamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións, de ser o caso.

e) No caso de non presentar declaración do IRPF ou percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, deberá achegarse a seguinte documentación xustificativa:

1º. Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto na correspondente convocatoria, de ser o caso.

2º. Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS), relativo ao exercicio económico previsto na correspondente convocatoria, de ser o caso.

3º. Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario, de ser o caso.

4º. Certificado da contía percibida pola renda de integración social de Galicia, de ser o caso.

f) No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar á do IRPF, autenticada pola correspondente delegación consular e, de ser o caso, o certificado acreditativo de equivalencia en euros do importe declarado.

g) No caso de que algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

1º. Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

2º. Documentación que acredite que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

3º. Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa solicitante ou dalgunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

h) No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa.

2. A comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento de renovación efectuarase de conformidade co previsto no ordinal décimo terceiro desta resolución.

3. No momento de renovación da axuda, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos comúns previstos no ordinal sexto desta resolución. A contía da axuda renovada será a mesma que a que se viña percibindo, sen prexuízo do seu reaxuste, para o caso de que se minore a renda que se vai pagar, así como para o suposto de cambio de domicilio, conforme o ordinal vixésimo segundo.

4. Para os efectos de determinar o cumprimento dos requisitos no momento da renovación anual das axudas, utilizaranse o IPREM e os datos fiscais correspondentes ao período fiscal especificado na correspondente convocatoria.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto do contrato.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.

Décimo sétimo. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico para avisar destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

5. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de concesión inicial ou de renovación de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido en cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo oitavo. Resolución e recursos

1. A resolución estimará ou desestimará a solicitude da axuda.

2. A resolución estimatoria indicará a contía da axuda, a súa duración, os seus efectos económicos, así como a forma de xustificación e o prazo en que se deberá solicitar a súa renovación. Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa beneficiaria acepte as condicións do programa, no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. No caso de non rexeitalas expresamente no citado prazo, entenderase que a persoa beneficiaria acepta as condicións do programa.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a concesión das axudas e das súas prórrogas será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo noveno. Modificación da resolución

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar, mesmo durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que puidese determinar a perda sobrevinda do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio, de ser o caso, dun expediente de reintegro das cantidades que se puidesen cobrar indebidamente.

A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días desde o momento en que se produza a dita modificación, nos termos previstos no ordinal décimo cuarto.

Vixésimo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente resolución de convocatoria.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Vixésimo primeiro. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar a subvención mediante a presentación dos extractos ou certificados bancarios acreditativos do pagamento da renda. A persoa que ordene o pagamento da renda deberá ser integrante da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da subvención. Non obstante o anterior, para estes efectos tamén se admitirán os seguintes documentos:

a) Extractos ou certificados bancarios dos ingresos realizados por empresas mediadoras ou inmobiliarias a favor da persoa arrendadora onde queden acreditados o importe do ingreso e o seu concepto.

b) Extractos ou certificados bancarios dos ingresos realizados pola persoa inquilina a empresas mediadoras ou inmobiliarias, sempre que se achegue un documento da persoa arrendadora que autorice a recepción nesa conta bancaria dos pagamentos mensuais da renda, ou que figure expresamente no propio contrato de alugamento como forma de pagamento da renda.

En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico.

2. A xustificación do pagamento das rendas mensuais realizarase do seguinte xeito:

a) A correspondente ás mensualidades recoñecidas con carácter retroactivo e que non se achegasen con anterioridade deberán achegarse no prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da data de notificación da resolución de concesión.

b) A correspondente aos pagamentos posteriores á notificación da resolución de concesión realizarase cunha periodicidade mensual e deberá achegarse dentro dos dez días seguintes ao de finalización do mes correspondente.

En todo caso, non se admitirán xustificacións fóra do prazo de tres meses desde a finalización do último mes natural obxecto da subvención.

3. A remisión da citada xustificación poderá realizarase de forma presencial ou electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A falta de xustificación do pagamento da renda ou, de ser o caso, a falta de pagamento da renda dentro dos prazos sinalados determinará a perda do dereito á subvención da correspondente mensualidade, sen que iso exima a persoa inquilina da súa responsabilidade de pagamento da renda.

5. O pagamento da subvención realizarase mensualmente desde a data de efectos económicos sinalada na resolución de concesión, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.

Vixésimo segundo. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas renovacións a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de arrendamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda do contrato anterior. A comunicación deberá facerse no prazo máximo de quince días desde a sinatura do novo contrato.

2. O cambio de domicilio non suporá a perda do dereito á subvención, sempre que co novo contrato se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, na correspondente convocatoria, no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro e, ademais, o novo contrato se formalice sen interrupción temporal co anterior.

3. Co novo contrato de alugamento da vivenda a persoa beneficiaria deberá achegar o xustificante de empadroamento conxunto da unidade de convivencia neste novo domicilio. A data de alta do empadroamento neste domicilio deberá ser consecutiva coa baixa no domicilio anterior.

4. O importe da subvención axustarase á contía do novo contrato sen que, en ningún caso, poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Vixésimo terceiro. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais de cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes:

1. Xustificar a subvención conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Residir habitual e permanentemente na vivenda durante todo o período polo que se conceda a axuda.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

4. Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo cuarto. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención ou a falsidade no pagamento das rendas da súa vivenda habitual e permanente.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

d) A resolución do contrato de arrendamento, salvo nos casos previstos de cambio de domicilio e, nestes supostos, sempre que non exista interrupción temporal na formalización do novo contrato de alugamento de vivenda, nos termos do ordinal vixésimo segundo.

e) A falta de pagamento dos gastos da comunidade ou das subministracións, cando sexan por conta da persoa inquilina.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento, calculados aplicando o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo quinto. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Esta axuda non se poderá compatibilizar con ningunha outra axuda para o pagamento do alugueiro deste Plan 2022-2025 nin coas que, para esa mesma finalidade, poidan conceder as entidades locais ou calquera outras administracións ou entidades públicas.

2. Non se considerarán afectados por esta incompatibilidade os supostos en que os municipios, outras entidades públicas, organizacións non gobernamentais ou asociacións acheguen unha axuda para esa mesma finalidade a persoas beneficiarias vítimas de violencia de xénero, vítimas de trata con fins de explotación sexual, vítimas de violencia sexual, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables. Tampouco se considerarán afectados por esta incompatibilidade as persoas perceptoras de prestacións non contributivas da Seguridade Social nin as persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital.

Vixésimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou se deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo oitavo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo noveno. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

III. Convocatoria

Trixésimo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2023 e terminará o día 5 de maio de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Trixésimo primeiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 13.750.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 2.750.000 euros para a anualidade 2023.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2024.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2025.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2026.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2027.

O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2023 do Programa de axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo segundo. Retroactividade das axudas

As axudas que se outorguen en aplicación desta resolución poderán recoñecerse con efectos do 1 de xaneiro de 2023 aínda que a data de recoñecemento sexa posterior.

Trixésimo terceiro. Datos fiscais

Os datos fiscais que se terán en conta, para os efectos do cómputo de ingresos de conformidade co ordinal sétimo e o punto 4 do ordinal décimo cuarto, serán os seguintes:

a) Para a concesión inicial da axuda, os correspondentes ao exercicio fiscal de 2021.

b) Para as sucesivas renovacións da axuda, os correspondentes ao exercicio fiscal ou período impositivo con prazo de presentación vencido inmediatamente anterior á data de presentación da solicitude de renovación da axuda ao alugueiro de vivenda do Plan 2022-2025.

IV. Eficacia

Trixésimo cuarto. Eficacia desta resolución

Esta resolución producirá eficacia a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file