Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 15 de decembro de 2022 Páx. 63618

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 20 de outubro de 2022, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Picato como proxecto de interese autonómico, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de outubro de 2022, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto de interese autonómico denominado parque eólico Picato proxecto de interese autonómico, setembro 2022, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto de interese autonómico que se aproba».

En virtude do previsto no artigo 60.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, fanse públicas como anexo a esta resolución, as disposicións normativas do dito proxecto de interese autonómico; así mesmo, o contido íntegro do documento poderá consultarse no seguinte enderezo da internet:

https://ceei.xunta.gal/transparencia-e-goberno-aberto

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto de interese autonómico

1. Adecuación ao plan local vixente e prazo para realizala.

1.1. Adecuación ao plan local vixente.

1.1.1. Análise da normativa vixente e proposta de modificacións que compatibilizan os usos do parque cos previstos no plan vixente.

O plan urbanístico vixente do ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico de Picato é o seguinte:

Concello de Lugo.

• Plan xeral de ordenación municipal. Aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o 29 de abril de 2011.

Concello de Guntín. Conta coas seguintes figuras de plan:

• Delimitación de solo urbano do 17 de maio de 1978.

• Delimitación de solo de núcleo rural das seguintes áreas:

– Xoaine, situado xeograficamente na parroquia de Santiago de Entrambasaugas, aprobado o 11 de agosto de 2015.

– A Eirexe, situado xeograficamente na parroquia de San Pedro de Navallos, aprobado o 30 de marzo de 2009.

– Lousadela, situado xeograficamente na parroquia de Santa María de Ferreira de Pallares, aprobado o 26 de marzo de 2010.

– Eirexe, situado xeograficamente na parroquia de Santa Eulalia de Pradeda, aprobado o 26 de xuño de 2009.

– Vilarmao, situado xeograficamente na parroquia de Vilarmao, aprobado o 26 de xuño de 2009.

– A Veiga e Pradeda, situado xeograficamente na parroquia de Santa Eulalia de Pradeda, aprobado o 27 de marzo de 2009.

– San Cibrao, situado xeograficamente na parroquia de San Cibrao de Monte de Meda, aprobado o 26 de decembro de 2008.

– Castelo Pequeno, situado xeograficamente na parroquia de San Salvador de Castelo de Pallares, aprobado o 27 de abril de 2007.

– Lousada, situado xeograficamente na parroquia de Santa Eulalia Lousada, aprobado o 23 de maio de 2006.

Dado que o Concello de Guntín carece de plan xeral e o de Lugo non está adaptado á Lei 2/2016 do solo de Galicia (LSG), aínda que si á Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), resulta de aplicación a disposición transitoria primeira da LSG. Deste xeito, aos terreos da área de afección urbanística do parque localizados no concello de Guntín aplicaráselles o réxime de solo rústico establecido na LSG, segundo as afeccións territoriais recollidas no Plan básico autonómico (PBA), e aos terreos localizados no concello de Lugo, o réxime de solo rústico da LSG mantendo as categorías do PXOM sinaladas previamente.

Ademais das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia (DOT) e do Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG), no ámbito territorial do proxecto sectorial concorre o Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal. O dito plan é compatible co proxecto sectorial do parque eólico de Picato dado que o promotor deste proxecto cumprirá cos condicionados emitidos por Retegal na tramitación deste nos informes do 12.3.2014 e 20.8.2018.

O ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico afecta a solos non urbanizables, clasificados nos plans dos municipios anteriores como:

• Concello de Lugo.

– Solo rústico de protección especial forestal.

– Solo rústico de protección especial de espazos naturais.

– Solo rústico de protección especial paisaxística.

• Concello de Guntín.

– Solo rústico (segundo LSG).

Resulta necesario adecuar a normativa urbanística dos municipios lucenses de Lugo e de Guntín para que así sexa viable a implantación das instalacións do parque eólico, nos termos recolleitos na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia. Con todo, modificarase o plan exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan.

1.1.2. Proposta da normativa.

Cando se revisen os plans municipais dos concellos de Lugo e Guntín e/ou se adapte a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano 20955I05011 planta xeral sobre plan modificado pola adecuación, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

Ámbito.

Comprenden esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infraestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan co uso permitido de parques eólicos.

O ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos doutras categorías que concorran.

Uso do solo.

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e á aprobación dun proxecto sectorial en conformidade coa Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Os usos compatibles do terreo serán os do aproveitamento existente coas seguintes restricións co fin de garantir que non se vai alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

• Prohibición de levantar edificacións, fóra dos edificios almacén de residuos e centro de seccionamento a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

• Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

Condicións de edificación.

As condicións de edificación que se propoñen para a subestación do parque eólico Picato serán as seguintes:

Parcela mínima: a superficie de parcela mínima para poder edificar deberá ser de 5.000 m2, sendo neste caso de 12.877 m2 aproximadamente, correspondente á superficie de ocupación e á afección das instalacións do edificio de control e subestación do parque eólico.

Edificabilidade máxima.

– Edificio: 243 m2.

– Parque subestación: 2.402 m2.

Ocupación máxima.

2.740 m2 da superficie das parcelas en que se localicen os edificios e contornos pechados (edificio de control e subestación) distribuída da seguinte maneira:

– Edificio: 243 m2.

– Beirarrúa 95 m2.

– Parque subestación: 2.402 m2.

– Total aproximado: 2.740 m2.

Recuamentos.

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5 m respecto aos lindeiros.

Altura máxima.

A altura máxima medida desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta medido desde o centro da fachada é de 4,27 m.

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5,0 m respecto a os lindeiros.

Condicións estéticas.

En conformidade co artigo 91.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a tipoloxía das construcións e materiais e cores empregadas no edificio de control terán unha fachada e cuberta similar á das construcións da zona coa finalidade de integrarse na paisaxe. O devandito edificio, construirase con estruturas de formigón, forxado unidireccional e cimentación mediante zapatas illadas, convenientemente arriostradas e co dimensionamento adecuado para os esforzos a que será sometido. O desaugadoiro de augas pluviais efectúase mediante baixantes exteriores ao edificio. As ditas augas non se recollen na rede horizontal de saneamento, senón que verten directamente sobre o terreo. Ademais, dotarase o edificio da súa rede perimetral de drenaxe.

Condicións de servizos.

En conformidade co previsto no artigo 39 da Lei 2/2016, o promotor da infraestrutura enerxética resolverá á súa costa os servizos de: acceso rodado, abastecemento de augas, saneamento e depuración e enerxía eléctrica, así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

1.2. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 48 da Lei 1/2021 de ordenación do territorio de Galicia, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, á marxe de cando adecúen o plan, implica para o concello afectado a obrigación de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

1.3. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

• A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

• A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

1.4. Cumprimento das normas de aplicación directa.

O deseño do proxecto parque eólico de Picato, mostrado na presente memoria e nos planos complementarios, realizouse de forma que se cumpre cos artigos 91 e 92 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, e o 216 e 217 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o seu regulamento.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación Plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico, obxecto deste proxecto sectorial, cualifícanse expresamente como de carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire a Lei 1/2021, de ordenación do territorio de Galicia, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e, en consonancia con este, o artigo 36.5 da Lei do solo de Galicia (LSG).