Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 16 de decembro de 2022 Páx. 63881

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema selectivo de concurso, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas para a estabilización de emprego temporal do persoal de administración e servizos.

En cumprimento do disposto nos Estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, do Consello de Goberno da Xunta de Galicia, e co fin de atender as necesidades de persoal de administración e servizos, este reitorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 75.2 da Lei 6/2001, orgánica de universidades, en relación co artigo 2.2.e) desta, e en aplicación do establecido polas resolucións do 4 de decembro de 2019, DOG do 17 de decembro, e do 10 de decembro de 2021, DOG do 27 de decembro, polas que se anuncia a oferta de emprego público para a estabilización de emprego temporal de persoal de administración e servizos para o ano 2019 e 2021, respectivamente, acreditada a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Custos de Persoal da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos do Ministerio de Facenda e Función Pública, resolve convocar con carácter excepcional o presente procedemento selectivo para o ingreso en diferentes escalas da Universidade de Vigo, incluíndo as prazas de categoría de persoal laboral que, en virtude do disposto no acordo de funcionarización subscrito o 5 de xullo de 2021 e aprobado no Consello de goberno do 27 de outubro de 2021, teñen unha equivalencia nas escalas e subescalas de carácter funcionarial. Todo iso con suxeición ás seguintes

Bases

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso, para cubrir prazas de persoal funcionario de carreira da Universidade de Vigo que se enumeran no anexo I.

Acumularanse á quenda de acceso libre as prazas reservadas que non se cubran das inicialmente reservadas á quenda de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso que se desenvolverá consonte o disposto na base sexta e o anexo II.

1.3. Notificacións. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, toda a información relativa ao proceso selectivo que se deba notificar ás persoas participantes e interesadas publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo: https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml

1.4. Para información e consultas as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.gal e por teléfono ao número 986 81 37 62.

1.5. Con carácter previo á valoración dos méritos, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen o nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua exixido para a obtención do diploma de español como lingua estranxeira, nivel B2, establecido no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, actualmente vixente. Será necesario obter a certificación do nivel para poder participar no proceso selectivo.

Están eximidos da realización desta proba quen presente coa solicitude copia do diploma antes indicado ou do certificado de aptitude de español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas ou título de licenciado en filoloxía hispánica ou románica ou outros títulos homologados, así como os aspirantes de nacionalidade distinta á española en cuxos países sexa o castelán lingua oficial ou cooficial, ou que tivesen obtido en España un título universitario. Así mesmo, estarán eximidos de realizar a citada proba aqueles aspirantes que acrediten ter superado a dita proba nos últimos cinco anos ao abeiro doutras convocatorias para o ingreso na Administración pública.

1.6. Ao presente proceso selectivo seranlle aplicables a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; os estatutos da Universidade de Vigo, e o disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas ao proceso selectivo, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes as persoas aspirantes deberán posuír e manter ata a toma de posesión como funcionarios de carreira, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea. Tamén poderá participar:

1. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que sexan dependentes.

2. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Idade: ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

c) Titulación: estar en posesión da titulación que para cada subgrupo se indica ou estar en condicións de obtela na data de remate do prazo de presentación de instancias.

– Subgrupo A1: título universitario de grao, licenciado, arquitecto ou enxeñeiro.

– Subgrupo A2: título universitario de grao, diplomado universitario, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico; así mesmo, para estes efectos considerarase equivalente ao título de diplomado universitario ter superado tres cursos completos dos estudos conducentes á obtención de calquera título oficial licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou o primeiro ciclo correspondente a estes estudos, sempre que este ciclo conteña unha carga lectiva mínima de 180 créditos, consonte o disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1272/2003, do 10 de outubro.

– Subgrupo C1: título de bacharelato ou técnico ou estar en condición de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias. Así mesmo, estarase ao disposto na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño (BOE do 17 de xuño), pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

– Subgrupo C2: título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

d) Taxas: ter aboadas as taxas por participación, consonte o establecido na base 3.

e) Capacidade: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Habilitación: non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía. No caso de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

2.2. As persoas aspirantes que concorran pola quenda de promoción interna deberán, ademais, e considerando o carácter excepcional deste procedemento que ten como finalidade a estabilización do emprego, reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal funcionario de carreira da Universidade de Vigo encadrado nun subgrupo de titulación inmediatamente inferior ao da praza á cal se opte ou de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo encadrado nun grupo de titulación inmediatamente inferior ao da praza á cal se opte.

b) Acreditar dous anos de servizos prestados como persoal funcionario de carreira; para estes efectos, quen adquirise esta condición ao abeiro do Acordo de funcionarización da Universidade de Vigo, computaráselle o tempo de servizos como persoal laboral fixo consonte o establecido no subpunto a) anterior.

c) Estar prestando servizos na Universidade de Vigo con carácter definitivo, en adscrición provisional ou noutra situación asimilada con dereito á reserva de praza.

2.3. As persoas aspirantes que concorran pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade deberán ter recoñecida tal condición cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

3. Solicitudes.

3.1. Inscrición. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo> Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos. Deberase presentar unha solicitude acompañada da documentación indicada no punto 3 desta base por cada praza á cal se opte.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberase presentar perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. Prazo e lugar de presentación de solicitudes: será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Presentaranse preferentemente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/catalog/catalog-index.xhtml); tamén se poden presentar na Oficina de asistencia en materia de rexistro do Campus de Vigo (Edificio Exeria, campus Universitario, 36310 Vigo), nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Dentro de cada escala e subescala, as persoas aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicitar a súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dunha quenda de acceso (libre, promoción interna ou persoas con discapacidade). A contravención dalgunha destas normas determinará a exclusión das persoas aspirantes.

Non se admitirá documentación unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, agás o establecido na base 4.2.

3.3. Solicitude. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboado as taxas de participación no proceso selectivo en que deberán constar, necesariamente, nome e apelidos da persoa solicitante. De ter realizado o aboamento mediante transferencia bancaria por vía telemática, deberase achegar unha reprodución do documento (fotocopia ou fotografía) en lugar do xustificante orixinal emitido pola entidade. A falta de aboamento destes dereitos durante o prazo de presentación de solicitudes non é rectificable e determinará a exclusión da persoa aspirante. O pagamento realizarase e xustificarase separadamente para cada praza, de optarse a máis dunha.

Xustificante acreditativo de ter dereito á exención ou á bonificación do pagamento das taxas de participación, de acordo co establecido na base 3.4.

b) Índice detallado dos méritos alegados xunto coa documentación que os acredite suficientemente. Os méritos valoraranse con referencia á data de remate do prazo de presentación de solicitudes e unicamente se considerará a documentación achegada no prazo de presentación de solicitudes.

Respecto dos requisitos restantes acreditaranse no momento e coa documentación relacionada na base 7.1.

3.4. As taxas de participación aboaranse directamente nas oficinas de Abanca ou mediante transferencia á conta ES14 2080 0501 1231 1000 0112; no pagamento e no documento que o xustifique deberán constar o nome, os apelidos e o DNI ou pasaporte da persoa participante, así como o código da praza a que estea referido (que se indica na segunda columna do anexo I). Os importes son:

– Subgrupo A1: 43,30 euros.

– Subgrupo A2: 37,27 euros.

– Subgrupo C1: 32,48 euros.

– Subgrupo C2: 26,46 euros.

3.4.1. Estarán exentas do pagamento desta taxa:

a) As persoas que concorran pola quenda de promoción interna.

b) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditada mediante o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade.

c) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os tres meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego na data de presentación da solicitude de participación, acreditándoo mediante certificación expedida pola oficina de emprego relativa a ambas circunstancias.

d) As familias numerosas de categoría especial, acreditándoo mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.

e) As vítimas de terrorismo, considerando como tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante unha sentenza xudicial firme ou en virtude dunha resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivira con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

f) As vítimas de violencia de xénero a que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos ou fillas; para iso deberán presentar a resolución xudicial outorgando a orde de protección a prol da vítima, sentenza condenatoria, medida cautelar a prol da vítima ou calquera outra en que o órgano xudicial considere a existencia de calquera dos delitos ou faltas.

3.4.2.Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, e deberán acreditalo na forma establecida na base 3.4.1.d).

3.4.3. En ningún caso, o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención ou bonificación deste suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo. A omisión do pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes determinará a exclusión da persoa aspirante. Unicamente se poderá emendar o pagamento incompleto ou a falta de acreditación da súa exención e exclusivamente dentro do prazo previsto na base 4.2.

3.4.4. De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo e a persoa interesada deberá solicitar a devolución, achegando os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Polo tanto, non procederá a devolución nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable á persoa interesada.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, e poden unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

3.6. En calquera momento a universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG, na cal se aprobe a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación do lugar en que se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de sete días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución reitoral, que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecerlles ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen producirá o decaemento de todos os dereitos que se puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador deste proceso selectivo publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría que se indique consonte o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo á Xerencia da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP.

A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

5.3. A Xerencia publicará nos lugares indicados na base 1.3 a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia, presencial ou a distancia, do presidente/a e o secretario/a ou, de ser o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos seus membros titulares ou suplentes.

5.5. O tribunal poderá propor á Xerencia a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.3 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

5.6. Corresponderalle ao tribunal a consideración, a verificación e a apreciación das incidencias que puidesen xurdir e a interpretación destas bases.

5.7. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberalle propor a súa exclusión ao órgano que convoca ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.8. Para comunicacións o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria, e poderán dirixirse polas canles sinaladas na base 1.4.

6. Valoración.

6.1. O proceso selectivo consistirá na valoración dos méritos achegados polas persoas aspirantes consonte o baremo que figura no anexo II e referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6.2. Para poder superar o proceso selectivo, as persoas aspirantes pola quenda de promoción interna terán que acadar unha puntuación mínima do 30 % na epígrafe de méritos profesionais.

6.3. Os méritos relativos aos servizos prestados na Universidade de Vigo e aos exercicios superados en convocatorias efectuadas por esta acreditaranse mediante un certificado expedido de oficio consonte a documentación que obre na universidade, que se remitirá ao tribunal e ás persoas participantes.

A valoración dos restantes méritos realizarase exclusivamente sobre a documentación acreditativa achegada por cada concursante, que debe presentarse íntegra e diferenciadamente para cada praza á cal se opte.

6.4. O tribunal publicará no lugar indicado na base 1.3 a relación coa valoración provisional dos méritos, con detalle da puntuación obtida en cada epígrafe e a total.

As persoas aspirantes disporán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da devandita publicación para presentar reclamacións, preferentemente a través da sede electrónica.

6.5. Resoltas as reclamacións, o tribunal publicará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida, indicando as puntuacións definitivas en cada punto. A continuación elevaraa á Reitoría, que ditará e publicará unha resolución que poña fin ao proceso selectivo.

6.6. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorran seis meses desde a constitución do correspondiente tribunal, sen contar o mes de agosto.

6.7. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas que superen o proceso selectivo que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produza a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano que convoca poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación a persoa proposta.

6.8. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Maior antigüidade na Universidade de Vigo na escala, subescala e/ou categoría correspondente.

b) Maior idade.

c) Orde alfabética a partir da letra resultante do sorteo anual realizado pola Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao ano de publicación da convocatoria.

6.9. Este proceso selectivo non suporá en ningún caso a creación nin a modificación das listas de agarda existentes.

7. Presentación de documentos e nomeamento como persoal funcionario de carreira.

7.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 6.5, as persoas propostas disporán dun prazo de quince días hábiles para presentar nos lugares indicados na base 3.2, os seguintes documentos:

a) Copia do documento nacional de identidade; as persoas aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións alegadas, consonte a base 2.1.a).

b) Orixinal do título académico ou da certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención do título, acompañando o resgardo xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulacións obtidas no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

c) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na letra f) da base 2.1, seguindo o modelo que figura no anexo III.

d) Informe do servizo público de saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade, deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

7.2. Quen estea prestando servizos na Universidade de Vigo na data de publicación da resolución prevista na base 6.5, só debera presentar o documento indicado na letra b) da base 7.1.

7.3. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non se presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

7.4. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, procederase ao nomeamento como persoal funcionario de carreira mediante unha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

8. Norma derradeira.

8.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante, e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, excluiráselles do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo no Rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus Universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude directamente á delegada de Protección de Datos do responsable: Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas, s/n, 32004 Ourense (España), 988 36 88 34, dpd@uvigo.gal Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

8.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interponer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 1 de decembro de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Prazas

SG.: subgrupo.

A. libre: acceso libre.

COD.: código para taxas.

CX.: cota xeral.

P.: número de prazas.

D.: cota reservada a persoas con discapacidade,

PI.: promoción interna.

SG.

COD.

Escala

Subescala

P.

PI.

A. libre

CX.

D.

A1

EC22101

Letrados

1

1

A1

EC22102

Técnica superior de servizos xerais

Innovación educativa

1

1

A1

EC22103

Técnica superior de apoio á docencia e investigación

Análise de superficies

2

2

A1

EC22104

Técnica superior de apoio á docencia e investigación

Veterinaria

1

1

A1

EC22105

Técnica superior de apoio á docencia e investigación

Actividades do medio mariño

1

1

A1

EC22106

Técnica superior de apoio á docencia e investigación

Cultivos mariños

1

1

A1

EC22107

Técnica superior de apoio á docencia e investigación

I+D

2

2

A1

EC22108

Técnica superior de tecnoloxías da información e comunicacións

Informática

1

1

A2

EC22201

Técnica media de servizos xerais

Innovación educativa

1

1

A2

EC22202

Axudante de arquivos, bibliotecas e museos

Biblioteca

3

3

C1

EC22301

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Electrónica e instrumentación científica e de calibración

1

1

C1

EC22302

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Animalario

2

2

C1

EC22303

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Actividades do medio mariño

1

1

C1

EC22304

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Calidade ambiental e histoloxía

1

1

C1

EC22305

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Cultivos mariños

1

1

C1

EC22306

Técnica especialista de tecnoloxías da información e comunicacións

Informática

4

1

3

C1

EC22307

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Electrónica

1

1

C1

EC22308

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Máquinas e ferramentas

1

1

C1

EC22309

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Bioloxía

1

1

C1

EC22310

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Química

1

1

C1

EC22311

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Técnicas escultóricas e pictóricas

1

1

C1

EC22312

Técnica especialista de apoio á docencia e investigación

Técnicas de artes gráficas

1

1

C1

EC22313

Técnica especialista de biblioteca

Biblioteca

5

3

1

1

C2

EC22401

Auxiliar administrativa

Administración

46

43

3

C2

EC22402

Auxiliar técnica de servizos xerais

Deportes

2

2

C2

EC22403

Auxiliar técnica de servizos xerais

Información telefónica

1

1

C2

EC22404

Auxiliar técnica de servizos xerais

Conserxaría

15

6

7

2

Total

99

ANEXO II

Baremo

A) Méritos profesionais. Valoraranse ata un máximo de 80 puntos os servizos efectivamente prestados da seguinte forma:

1. Servizos prestados na Universidade de Vigo desde o 1.11.2011 ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, na escala e subescala á cal se opte como persoal funcionario interino, persoal laboral temporal ou persoal laboral fixo ao que se lle autorizasen a realización de funcións doutra categoría. Valorarase a razón de 0,4550 puntos por mes completo traballado.

2. Servizos prestados ata o 31.10.2011 na Universidade de Vigo, na escala e subescala á cal se opte como persoal funcionario interino, persoal laboral temporal ou persoal laboral fixo ao que se lle autorizara a realización de funcións doutra categoría. Valorarase a razón de 0,2275 puntos por mes completo traballado.

3. Servizos prestados noutras administracións públicas na mesma escala, subescala ou categoría profesional equivalente á cal se opte, como funcionario interino ou persoal laboral con contrato temporal. Deberanse acreditar mediante certificación oficial na que conste a denominación, as funcións e os períodos traballados das prazas ás cales se opte. Computarase 0,05 puntos por mes completo traballado.

Computaranse como servizos prestados os períodos en situación de excedencia por coidado de fillo ou familiar.

O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarse o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinala en cada punto.

B) Méritos académicos, formación e outros. Ata un máximo 20 puntos.

1. Titulacións académicas oficiais: valorarase ata un máximo de 1 punto estar en posesión ou en condicións de obter na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, unha titulación académica oficial de superior nivel á exixida para acceder á escala ou subescala:

Titulación

Puntos

Universitaria

1

Ciclo superior de formación profesional

0,50

Outras titulacións non universitarias

0,25

2. Formación: valorarase ata un máximo de 6 puntos a formación recibida ou impartida ata o remate do prazo de presentación de solicitudes, relacionada coa categoría, escala ou subescala da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De 100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

3. Grao de coñecemento do idioma galego: valorarase ata un máximo de 3 puntos. Só se cualificarán os cursos, estudos ou titulacións validadas polo órgano competente de acordo coa Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG nº 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG nº 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

a) Celga 5 ou equivalente: 3 puntos.

b) Celga 4 ou equivalente: 2,50 puntos.

c) Celga 3 ou curso de iniciación: 1,75 puntos.

d) Curso de linguaxe administrativa ou linguaxes especializadas (científica, técnica, etc.): 0,5 puntos por curso.

e) Curso de galego oral ou redacción de textos en galego: 0,5 puntos por curso.

f) Curso complementario da lingua galega: 0,5 puntos por curso.

No caso de acreditar varios cursos de lingua galega só se terá en conta o de nivel superior.

4. Superación de exercicios en procesos selectivos. Valoraranse ata un máximo de 10 puntos.

4.1. Exercicios aprobados en procesos selectivos convocados pola Universidade de Vigo e rematados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, para a adquisición da condición de funcionario de carreira da escala e subescala da praza á cal se opte ou de persoal laboral fixo da categoría profesional equivalente, segundo o establecido no anexo II do Acordo de funcionarización do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

Só se considerarán, se é o caso, as dúas últimas convocatorias de procesos selectivos, e computaranse os exercicios que correspondan á convocatoria que fose máis favorable para as persoas aspirantes. Non se computarán exercicios correspondentes a convocatorias distintas.

a) Procesos selectivos con 3 exercicios eliminatorios, valoraranse coa seguinte puntuación:

1. Por ter superado o 1º exercicio: 4 puntos.

2. Por ter superado o 2º exercicio: 3,5 puntos.

3. Por ter superado o 3º exercicio: 2,5 puntos.

b) No caso de participación en procesos selectivos con 2 exercicios eliminatorios, valoraranse coa seguinte puntuación:

1. Por ter superado o 1º exercicio: 5,5 puntos.

2. Por ter superado o 2º exercicio: 4,5 puntos.

4.2. Procesos selectivos convocados pola Universidade de Vigo e rematados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, para a contratación temporal, creación ou ampliación de listas de agarda: por ter superado un exercicio na última convocatoria correspondente á mesma escala, subescala ou categoría profesional da praza á cal se opte, valorarase con 2 puntos.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/dona.........................................................., con DNI/NIE/pasaporte............................ e nacionalidade.......................................................................................................................

Declara baixo xuramento ou promete para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario de carreira pola Universidade de Vigo

 Cidadán español. Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á que se pertencía.

 Cidadán estranxeiro. Non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

…………………………........, …... de……………….... de 202....

(localidade) (día) (mes) (ano)