Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 63997

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de novembro de 2022 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 117/2022, do 23 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña

Exposición de motivos

I. Á vista dos importantes cambios sociais e normativos existentes, faise necesario adoptar a norma fundamental do Colexio á realidade actual, ao mesmo tempo que adaptala á realidade normativa vixente, coa intención de unificar estatutariamente, na medida do posible, a funcionalidade dos catro colexios da arquitectura técnica de Galicia.

No ano 2001 aprobouse a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia. Esta disposición establecía a obriga dos colexios de adaptar os seus estatutos a ela. Tamén no ano 2001 se aprobou o Real decreto 542/2001, do 18 de maio, polo que se modifican os estatutos xerais do Consello Xeral e dos Colexios Oficiais de Aparelladores e Arquitectos/as Técnicos/as, aprobados polo Real decreto 1471/1977, do 13 de maio, e modificados polo Real decreto 497/1983, do 16 de febreiro, estatutos que son obrigatorios para todos os colexios e colexiados/as en todo o territorio nacional. Importante fito lexislativo foi a aprobación da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, que traspuxeron ao noso ordenamento xurídico a Directiva sobre servizos 2006/123CE, do Parlamento Europeo e do Consello, que introducen importantes modificacións no réxime colexial. Faise preciso, pois, adaptar os estatutos colexiais á normativa en vigor.

II. Da regulación contida nestes estatutos debemos salientar, en primeiro lugar, o cambio de denominación do Colexio.

Coa implantación do Espazo Europeo de Ensino Superior –en diante, EEES– produciuse unha nova e importante transformación no que atinxe aos estudos profesionais e atribucións profesionais dos arquitectos técnicos. Baixo esta modificación, propúxose a creación de novas titulacións modificando a denominación tradicional que existía da profesión. Velaí que, ante a imposibilidade de abranguer a nomenclatura de todas as novas titulacións no emblema colexial, se procede a sistematizar a denominación colexial polo nome que aglutina a profesión en todas as disposicións legais de aplicación, isto é, polo de Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña. Para ese efecto, tal cambio de denominación acordouse co Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España e coa Xunta de Galicia para os efectos da debida coordinación institucional.

III. Tamén é necesario salientar que un dos grandes logros destes estatutos é que foron acordados polos catro colexios galegos na sede do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos (en diante, Consello Galego), en Santiago de Compostela, e consultados durante o proceso coa Xunta de Galicia. Este fin encomiable tivo como obxectivo que exista unha regulación estatutaria homoxénea en Galicia para que os colexiados dunha ou outra provincia teñan a mesma regulación, os mesmos dereitos e o mesmo tratamento colexial, máxime tendo en conta que Galicia é o espazo de traballo habitual dunha parte importante dos/das arquitectos/as técnicos/as colexiados/as en calquera dos catro colexios galegos.

IV. Estes estatutos redactáronse tentando que a súa regulación sobreviva no tempo. Tentouse conter unha regulación cos grandes trazos da organización colexial, deixando que sexan os regulamentos de réxime interior os que regulen as peculiaridades e tradicións colexiais. Configuráronse así os estatutos para dotar dunha maior versatilidade a vida colexial e que, deste xeito, se poidan adaptar as normas colexiais ás necesidades cambiantes do mundo actual. Por iso, estes estatutos colmaron o contido obrigatorio que lle impón a lei, pero non conteñen unha regulación detallada de moitas das súas institucións, coa intención de que estas poidan ser reguladas polos seus regulamentos de réxime interior.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación e natureza

O Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña (en diante, Colexio) é unha corporación de dereito público democrática, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para cumprir os seus fins e exercer as súas funcións.

Artigo 2. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Colexio será o da provincia da Coruña, co carácter de colexio profesional único.

Artigo 3. Sede colexial e oficinas administrativas

1. O Colexio ten a súa sede colexial no local sito na praza Marqués de San Martín, 5, da Coruña.

2. O Colexio poderá establecer oficinas administrativas naquelas localidades que non dispoñan de sede colexial. Por proposta da Xunta de Goberno do Colexio, a Xunta Xeral de colexiados/as poderá crear ou suprimir as oficinas administrativas que se consideren necesarias.

3. O Colexio ten oficinas administrativas na avenida de Esteiro, 121, de Ferrol, e na rúa Ramón Piñeiro, 23, de Santiago de Compostela, oficinas que poderán ser modificadas por acordo da Xunta Xeral de colexiados/as.

Artigo 4. Marco normativo

Este Colexio réxese polas disposicións legais vixentes, tanto europeas e estatais como autonómicas, das cales resaltan a Lei 2/1974 sobre colexios profesionais, Lei 11/2001 de colexios profesionais de Galicia, así como polos estatutos xerais do Consello Xeral e por estes estatutos particulares, ademais de polos regulamentos de visado e tramitación de traballos profesionais, de réxime interior e daqueloutros cuxa aprobación se considere conveniente.

Artigo 5. Fins e funcións

5.1. Fins.

O Colexio é responsable do exercicio dos seguintes fins:

a) A ordenación do exercicio da profesión dentro do marco legal respectivo.

b) A súa representación e a defensa dos intereses profesionais dos/das colexiados/as.

c) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión da arquitectura técnica.

d) Procurar a mellora constante do nivel de calidade dos servizos profesionais das persoas colexiadas, promovendo a súa formación e mellora.

e) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión da arquitectura técnica.

f) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

g) A protección dos intereses dos/das consumidores/as e usuarios/as, consonte o disposto no artigo 8 da Lei 11/2001.

5.2. Funcións.

1. As funcións esenciais deste colexio son a organización do exercicio da profesión da arquitectura técnica, a representación desta no seu eido, a prestación de servizos para os/as colexiados/as e a defensa dos seus intereses profesionais dentro do respecto debido aos intereses xerais da sociedade. O Colexio colaborará coas administracións públicas exercendo as facultades que lle fosen delegadas, así como as funcións vinculadas coa profesión que redunden no interese xeral.

2. En particular, correspóndelle ao Colexio exercer os seguintes fins dentro do seu ámbito territorial:

a) Organizar servizos de asistencia, formación e información profesional para promover o máis alto nivel técnico, cultural, profesional e deontolóxico dos/das colexiados/as.

b) Coidar, no ámbito da súa competencia, polo mellor cumprimento das normas profesionais de actuación, o cumprimento das incompatibilidades legais, o fiel mantemento dos principios da deontoloxía profesional, o respecto aos lexítimos dereitos das persoas destinatarias dos servizos profesionais, ademais das obrigas impostas polas disposicións vixentes que regulamenten as funcións e competencias da profesión regulada da arquitectura técnica, todo para o mellor servizo do interese xeral.

c) Elaborar os seus estatutos particulares, o Regulamento de réxime interior e o Regulamento do Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais, así como as normas oportunas para a súa correcta interpretación, desenvolvemento e aplicación, cumpríndoas e facéndollelas cumprir aos/ás colexiados/as, xuntamente coas normas e decisións adoptadas polos órganos de goberno en materia da súa competencia.

d) Intervir, no seu ámbito territorial e competencial, na redacción e modificación das normas reguladoras da profesión.

e) Realizar aquelas tarefas que lle encomende a Administración e colaborar con ela mediante a realización de estudos, emisión de ditames, informes, recompilación de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que lle poidan solicitar ou que o Colexio acorde formular por propia iniciativa.

f) Nomear as persoas representantes do Colexio nas entidades, comisións, xurados e organizacións públicas ou privadas para as cales sexa solicitada esta representación.

g) Rexistrar as comunicacións de encargas profesionais recibidas polos/as colexiados/as e a documentación técnica en que aquelas se materialicen.

h) Encargarse do cobramento das percepcións, retribucións ou honorarios profesionais, cando a persoa colexiada o solicite libre e expresamente, naqueles casos en que o Colexio teña creados os servizos adecuados e nas condicións que se dispoñan nos estatutos deste colexio ou no Regulamento colexial que desenvolva esta materia, todo consoante o establecido na Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

i) Coidar para que as accións dos/das colexiados/as se axusten á ética, dignidade e independencia profesionais, exixindo o cumprimento máis estrito das súas obrigas e o debido respecto aos dereitos dos particulares, co cumprimento da normativa que regula as incompatibilidades e a deontoloxía profesional e exercendo facultades disciplinarias nas ordes profesional e colexial, e impoñéndolles aos/ás colexiados/as as sancións e correccións que procedan.

j) Promover e organizar actividades e servizos comúns de interese para as persoas colexiadas, de carácter profesional, formativo, cultural, recreativo, asistencial e de previsión e, de ser o caso, cursos para a formación profesional dos posgraduados, co fin de promover o máis alto nivel técnico, humano e cultural das persoas colexiadas, proporcionando apoio económico a través dos recursos necesarios. A recepción deste tipo de servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se lles cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

k) Establecer a organización do Rexistro de Colexiados e Colexiadas e do Rexistro de Sociedades Profesionais, baixo a responsabilidade de quen ocupe a Secretaría do Colexio, establecendo as súas normas de funcionamento e proporcionando os recursos necesarios para o seu bo funcionamento.

l) Prestarlles aos/as colexiados/as, cando así o solicitaren, servizo de asistencia xurídica en accións litixiosas e administrativas derivadas do seu traballo profesional obxecto de visado, que se prestará nas condicións e no modo que determine o Colexio.

m) Establecer e percibir as cotas e as achegas económicas dos/das colexiados e colexiadas, necesarias para o bo funcionamento e mantemento da estrutura do Colexio.

n) Recadar e administrar os seus recursos patrimoniais, elaborando os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como a súa liquidación e balance, e sometelos á Xunta Xeral de Colexiados/as para a súa aprobación.

o) Impoñerlles sancións e correccións disciplinarias aos/ás colexiados/as, cando proceda, mediante o procedemento regulado estatutariamente.

p) Denunciar perante a Administración e exercer as accións legais correspondentes perante os tribunais de xustiza nos casos de intrusión profesional ou competencia desleal de que teña coñecemento, segundo a lexislación vixente, que prexudiquen as persoas colexiadas, denunciando e perseguindo perante os tribunais os/as que, sen estaren legalmente facultados nin colexiados, intenten exercer as funcións que corresponden exclusivamente aos profesionais que posúan a titulación habilitante para o exercicio da profesión regulada da arquitectura técnica.

q) Informar, no eido da súa competencia, dos plans de estudo da carreira e colaborar cos centros educativos existentes na súa demarcación territorial.

r) Manter informadas as persoas colexiadas de todo o que poida afectar o exercicio da profesión e o propio funcionamento do Colexio.

s) Promover a obtención de recursos, distintos das achegas económicas das persoas colexiadas, que contribúan ao financiamento de actividades colexiais de interese común.

t) Preparar ou contribuír á elaboración de estatísticas técnicas e tecnolóxicas de interese xeral, coa información da súa base de datos derivada dos visados das intervencións profesionais das persoas colexiadas en relación co sector da edificación.

u) Dispoñer o procedente para a custodia da documentación derivada do exercicio profesional dos/das colexiados/as.

v) A protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos das persoas colexiadas, á marxe das competencias que correspondan, en defensa delas, á Administración competente en materia de consumo e ás organizacións de consumidores e usuarios lexitimadas e capacitadas pola lexislación de defensa e protección dos consumidores e pola normativa da orde xurisdicional civil.

w) Calquera outra función relacionada, directa ou indirectamente, co exercicio profesional, para o cal poderá crear tantos departamentos, servizos ou comisións como se consideren convenientes.

CAPÍTULO II

Colexiación

Artigo 6. Natureza da colexiación

É requisito imprescindible para o exercicio da profesión da arquitectura técnica incorporarse ao Colexio Oficial en cuxo ámbito teña establecido o domicilio profesional, único ou principal, cando así o dispoña unha lei estatal.

Artigo 7. Colexiados/as

1. Son colexiadas todas as persoas cuxa titulación as habilite para o exercicio da profesión regulada da arquitectura técnica de conformidade coa Orde ECI/3855/2007, do 27 de decembro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión da arquitectura técnica, o Real decreto 927/1992, do 17 de xullo, polo que se establece o título universitario oficial de arquitecto técnico e a aprobación das directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á obtención daquel, ou por mor doutras disposicións anteriores en vigor e, particularmente, as/os aparelladoras/es e arquitectas/os técnicas/os, sexan nacionais ou cidadás/ns pertencentes á Unión Europea que, reunindo os requisitos legais e estatuarios, sexan admitidas/os e figuren adscritas/os a esta corporación. De acordo coa Lei 2/1974, do 13 de febreiro, quen teña a titulación requirida e reúna as condicións estatutariamente terá dereito a ser admitido/a no Colexio Profesional.

2. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión da arquitectura técnica estar incorporado ao colexio profesional que territorialmente corresponda. A colexiación será obrigatoria cando se exerza a profesión da arquitectura técnica.

3. Poderán ser persoas colexiadas non exercentes aquelas que se incorporen ao Colexio voluntariamente sen intención de exercer a arquitectura técnica, senón de desfrutar doutros dereitos inherentes á condición da persoa colexiada. De non solicitar expresamente a condición de non exercente, entenderase que a persoa colexiada é exercente.

A cota ordinaria do colexiados non exercente será a que anualmente estableza a Xunta Xeral de Colexiados.

O colexiado exercente ou non exercente que desexe modificar a súa situación colexial deberao notificar por escrito ao Colexio. Esta modificación será efectiva o mes seguinte á data de solicitude. Non se poderá autorizar a modificación de colexiados exercente a non exercente de existiren actuacións profesionais pendentes de finalización.

O Colexio poderá establecer a incorporación dos seus colexiados en calidade de exercentes ou non exercentes.

4. O Colexio non lles poderá exixir aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao de colexiación ningunha comunicación nin habilitación, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

5. Igualmente, poderanse incorporar voluntariamente ou permanecer no Colexio con carácter voluntario aqueles/as profesionais que, reunindo os ditos requisitos, non exerzan a profesión ou, por razón da modalidade do seu exercicio, estean dispensados legalmente do deber de colexiación.

6. Os/as colexiados/as residentes serán aqueles que teñan o seu domicilio profesional efectivo e principal na demarcación territorial do Colexio. Os/as colexiados/as non residentes serán aqueles que, cumprindo os requisitos do artigo 9 destes estatutos, agás o establecido no artigo 9.2.5, non posúan domicilio profesional efectivo e principal na demarcación territorial do Colexio.

7. Os/as colexiados/as poderán exercer a súa profesión de xeito individual ou conxuntamente con outros, baixo calquera forma recoñecida en dereito.

8. As sociedades profesionais formadas polo menos por un/unha arquitecto/a técnico/a débense inscribir no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio cando teñan o seu domicilio social no seu ámbito territorial.

Artigo 8. Comunicación de actuacións profesionais

1. Todo/a colexiado/a poderá comunicarlle ao Colexio as encargas dos traballos profesionais que reciba e declarar as súas características técnicas e legais, así como outras circunstancias obxectivas de identificación e localización da tarefa que sexan necesarias para o seu rexistro colexial. Esta comunicación poderase realizar de xeito telemático.

2. As/os profesionais que exerzan nun territorio distinto ao que corresponde ao seu colexio poderán comunicar estas actuacións profesionais ao colexio da demarcación en que se desenvolva a encarga.

Para iso, os distintos colexios establecerán mecanismos para a comunicación telemática das actuación profesionais.

3. En calquera caso, os/as colexiados/as que actúen fóra do eido da circunscrición territorial do Colexio estarán sometidos/as a todas as competencias do colexio de destino, particularmente en materia de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

Artigo 9. Solicitude e requisitos de admisión no Colexio

1. A solicitude de incorporación ao Colexio farase sempre por escrito. Para ese fin, o Colexio dispoñerá dos medios necesarios coa finalidade de que se poidan tramitar as solicitudes de alta ou baixa por vía telemática.

2. A incorporación ao Colexio co carácter de colexiado/a require do cumprimento das seguintes condicións, que se deberán xustificar coa solicitude:

2.1. Título. Débese xustificar estar en posesión do título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión regulada da arquitectura técnica, circunstancia que se deberá acreditar cunha copia do correspondente diploma ou documento que o substitúa, consonte a normativa aplicable.

Os títulos expedidos por outros Estados da Unión Europea, a maiores dos citados requisitos, estarán suxeitos ao disposto pola normativa europea sobre recoñecemento de certificados, diplomas e outros títulos no sector da arquitectura e exercicio do dereito de libre establecemento e prestación dos servizos, así como ás normas de transposición e aplicación da normativa española ao respecto.

Os títulos emitidos por Estados que non forman parte da Unión Europea deberán ir acompañados da correspondente homologación do título por parte do Ministerio de Educación. A inscrición colexial non procederá ata que se facilite a homologación do título.

Os títulos poderán ser achegados ao Colexio en orixinal ou mediante copia cotexada.

2.2. Non estar suxeito a incapacitación ou inhabilitación legal para o exercicio da profesión. Tal circunstancia será xustificada mediante declaración xurada de non encontrarse o/a solicitante incapacitado/a ou inhabilitado/a para o exercicio profesional.

2.3. Non estar suspendido/a para o exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial firme. Tal circunstancia será comprobada polo Colexio mediante a oportuna consulta ao Consello Xeral de la Arquitectura Técnica.

2.4. Proporcionar o xustificante acreditativo do pagamento do importe da taxa ou cota de incorporación que estableza o Colexio. A dita taxa ou cota non poderá superar en ningún caso os custos asociados ao proceso de inscrición, importe que será establecido pola Xunta de Goberno, que o poderá actualizar anualmente.

2.5. Ter o seu domicilio profesional efectivo e principal na demarcación territorial do Colexio. Os/as solicitantes que non cumpran este requisito poderán solicitar a admisión como colexiados/as non residentes.

2.6. Para colexiados/as doutros colexios que desexen realizar un cambio de colexio, deberase xustificar estar ao día nas cotas colexiais.

2.7. Calquera outra cuestión ou documentación complementaria requirida polas disposicións legais e regulamentarias aplicables.

Artigo 10. Procedemento de ingreso

1. Presentada a solicitude xunto coa documentación requirida, esta será analizada polo/a secretario/a do Colexio, quen, de entendela conforme, procederá á súa tramitación, así como á expedición dun xustificante ao/á solicitante.

2. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. O prazo será de trinta días hábiles no caso de solicitudes de colexiación efectuadas por profesionais estranxeiros ou nacionais con titulación estranxeira.

3. A Xunta de Goberno comunicaralle ao/á solicitante o acordo de admisión/inadmisión.

Artigo 11. Causas de denegación de ingreso. Recursos

1. A colexiación poderase denegar unicamente cando o/a solicitante incumpra algunha das condicións ou requisitos de colexiación establecidos legal e estatutariamente.

2. Contra a negativa de admisión no Colexio, o/a interesado/a poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a Xunta de Goberno, e recurso de alzada segundo a normativa de aplicación.

3. Os/as interesados/as aos/ás cales se lles denegue a admisión no Colexio poderán reiterar a solicitude de incorporación unha vez que cesen as causas que motivaron a denegación de admisión.

Artigo 12. Suspensión da condición de colexiado/a

1. A condición de colexiado/a, así como o exercicio dos dereitos inherentes a esta condición, quedará en suspenso por algunha das seguintes causas:

a) Pola inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional, decretada por resolución xudicial firme.

b) Pola suspensión no exercicio da profesión, imposta por sanción disciplinaria colexial firme.

c) Por falta de pagamento dunha cantidade equivalente a tres mensualidades de cotas colexiais ordinarias. En todo caso, debe ser remitido con carácter previo á suspensión requirimento fidedigno de pagamento con advertencia de suspensión da colexiación, todo isto á marxe da facultade que asiste o Colexio de reclamar o cumprimento das ditas obrigas económicas polos procedementos oportunos.

2. Para iso, instruirase o correspondente expediente segundo a normativa vixente.

3. A situación de suspensión manterase mentres subsista a causa que a determinase.

Artigo 13. Perda da condición de colexiado/a

1. A condición de colexiado/a perderase por calquera das seguintes causas:

a) Pasamento.

b) Renuncia ou baixa voluntaria solicitada por escrito, ou con debida acreditación en calquera outro caso, da causa de renuncia correspondente.

c) Por declaración de nulidade obtida por resolución xudicial ou administrativa firme.

d) Por falseamento ou inexactitude comprobada, en calquera das condicións exixibles para o exercicio da profesión en España, do título requirido, das declaracións xuradas ou resto de documentación exixida por esta.

e) Por expulsión do Colexio, decretada esta por resolución firme en expediente disciplinario.

f) Por sentenza xudicial firme de inhabilitación para o exercicio da profesión.

g) Polo incumprimento das obrigacións económicas co Colexio, consistente na xeración dunha débeda equivalente á falta de pagamento de 12 cotas colexiais ordinarias.

h) Por inhabilitación xudicial para o exercicio da profesión, mentres dure a dita condena.

2. Para iso, instruirase o correspondente expediente consonte a normativa vixente.

CAPÍTULO III

Visado, tramitación de traballos profesionais e portelo único

Artigo 14. Visado, tramitación de traballos profesionais e portelo único

1. De conformidade coas disposicións legais vixentes, e co fin de dar cumprimento ás funcións colexiais de ordenación da actividade profesional, é competencia específica dos colexios o rexistro ou visado das comunicacións de encargas profesionais que realicen os/as colexiados/as no exercicio da profesión.

2. Os traballos profesionais serán obxecto de visado cando así se solicite por petición expresa dos clientes, incluídas as administracións públicas, ou cando os traballos deban ser obrigatoriamente visados conforme a normativa de aplicación.

3. O Colexio tramitará o rexistro e a custodia dos traballos profesionais dos seus colexiados/as segundo se estableza no seu regulamento de réxime interior.

4. Os dereitos económicos de visado ou tramitación de traballos profesionais serán fixados pola xunta xeral de colexiados na cal se aproben os orzamentos anuais. Estes dereitos económicos serán proporcionais aos gastos administrativos xerados pola dita actividade.

Artigo 15. Portelo único

1. O Colexio manterá, na súa páxina web, o portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, axustándose de forma estrita ao disposto pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais. A través deste portelo poderanse realizar os trámites preceptivos conformes coa lexislación vixente.

2. Así mesmo, a través da web do Colexio poderase acceder á información preceptiva que se establece na lexislación, así como ao Rexistro de colexiados/as e sociedades profesionais.

3. A web do Colexio deseñarase segundo as normas técnicas de aplicación e permitirá o acceso a persoas con discapacidade.

CAPÍTULO IV

Dereitos e deberes dos/das colexiados/as

Artigo 16. Dereitos dos/das colexiados/as

1. Os/as colexiados/as terán dereito a que o Colexio proceda á defensa dos intereses profesionais, protección contra a intrusión e asesoramento, nos distintos aspectos da profesión, fomentando a formación permanente, así como o que atinxe a todas aqueloutras cuestións que redunden nun mellor servizo á sociedade.

2. Todos os/todas as colexiados/as teñen o dereito e o deber de participar activamente na vida corporativa e especialmente o de asistir ás xuntas xerais, así como o de desempeñar fielmente, nos termos establecidos nos estatutos, os cargos para os cales sexan elixidos. En particular:

a) Solicitar a convocatoria de xunta xeral extraordinaria nos termos que se indican nestes estatutos.

b) Dirixir aos órganos colexiais propostas, peticións e emendas.

c) Elixir os compoñentes da Xunta de Goberno.

d) Presentarse como candidato/a a ser elixido/a para ocupar cargos directivos, nas condicións estatutarias.

e) Colaborar e intervir nas actividades e tarefas colexiais, a través das comisións, grupos de traballo, etc.

f) Utilizar os servizos e obter as prestacións establecidas polo Colexio, tanto de carácter asistencial e de previsión social como de calquera outro tipo.

g) Impugnar as resolucións dos órganos colexiais, así como as de calquera outra institución ou corporación segundo a normativa de aplicación.

Artigo 17. Obrigas dos/das colexiados/as

Os/as colexiados/as están obrigados/as a:

a) Cumprir os acordos do Consello Xeral, do Consello Galego, da Xunta de Goberno colexial, así como o estipulado nestes estatutos e nas disposicións que os complementen e desenvolvan, e cumprir con toda a normativa que regula a vida colexial e profesional debidamente acordada.

b) Desempeñar fielmente os cargos colexiais para os cales sexan elixidos.

c) Aceptar a arbitraxe, mediación e conciliación do Colexio en cuestións de carácter profesional que xurdan entre colexiados/as.

d) Visar no Colexio aqueles traballos en que voluntariamente o solicite o/a cliente/a e o/a colexiado/a e aqueles en que o visado sexa obrigatorio, de acordo coa normativa aplicable.

e) O/a colexiado/a que interveña nun traballo profesional para o cal fose nomeado outro/a colexiado/a deberallo comunicar á Xunta de Goberno do Colexio, para a súa debida constancia, indicando o grao de execución da obra realizada con anterioridade, no caso de que non fose declarado polo/a colexiado/a saínte.

f) Dar a coñecer ao Colexio os casos de intrusión profesional que coñezan e as accións dos/das de colexiados/as contrarias á deontoloxía profesional.

g) Contribuír financeiramente ao sostemento do Colexio.

h) Ter a sede efectiva da súa actividade profesional na demarcación territorial do Colexio.

i) Nos supostos en que o visado colexial sexa obrigatorio, as persoas colexiadas deberán depositar no Colexio, ao finalizar a intervención profesional de dirección de obra ou de dirección da execución da obra, a documentación requirida pola lexislación vixente, así como polo disposto no Regulamento de réxime interior.

j) Cando o desempeño profesional na dirección da obra, na dirección de execución da obra ou na coordinación de seguridade e saúde cese antes de rematar o traballo encomendado, indicaranse as causas que o motivan e achegarase un informe sobre o estado da obra que conteña a porcentaxe por capítulos de obra executada e fotografías do estado actual das obras interiores e exteriores.

k) Asistir, exercer o cargo e participar como membro da Xunta Electoral cando sexa designado/a de acordo con estes estatutos.

CAPÍTULO V

Dos órganos de dirección e goberno do Colexio

Artigo 18. Enumeración

Os órganos de goberno, xestión e administración do Colexio son:

a) A Xunta Xeral de colexiados/as.

b) A Xunta de Goberno, que estará composta polos cargos de Presidencia, Secretaría, Tesouraría, Contadoría e un mínimo de dous e un máximo de dez vogalías.

c) A Presidencia do Colexio.

Sección 1ª. Da Xunta Xeral

Artigo 19. Funcións

1. A Xunta Xeral de colexiados/as é o órgano soberano de decisión do Colexio e está conformado por todos os/todas as colexiados/as do Colexio. Os seus acordos obrigan a todos os/todas as colexiados/as. O seu funcionamento é plenamente democrático.

2. Son funcións da Xunta Xeral:

a) A aprobación e modificación dos estatutos particulares, do Regulamento de réxime interior do Colexio, do Regulamento de visado, do Regulamento do Rexistro de Sociedades Profesionais, así como de cantos outros se consideren necesarios.

b) A determinación das cotas ordinarias, extraordinarias e de intervención profesional, das taxas ingresadas e de calquera outra achega económica que lle corresponda percibir ao Colexio, dentro dos límites fixados polo Consello Xeral ou polo Consello Galego no ámbito das súas respectivas competencias.

c) Aprobar os orzamentos ordinarios e extraordinarios, a rendición de contas destes e a memoria anual.

d) Aprobar as propostas de adquisición, alleamento, gravame ou permuta dos bens inmobles propiedade do Colexio.

e) A creación ou disolución de oficinas administrativas e o establecemento das súas normas de funcionamento, dando conta ao Consello Xeral e ao Consello Galego.

f) Resolver as mocións de confianza ou de censura formuladas no que concirne aos compoñentes da Xunta de Goberno, coa potestade de cesalos nos seus cargos se prospera a moción de censura.

g) Elixir, consonte o establecido nestes estatutos, os compoñentes da Xunta Electoral.

h) Acordar a creación ou participación do Colexio en laboratorios de ensaios, centros de control de calidade da edificación e de normalización, do mesmo xeito que calquera outra institución relacionada coa actividade profesional e co sector da edificación.

i) Ratificar, se vén ao caso, aquelas actuacións das atribuídas á Xunta Xeral levadas a cabo pola Xunta de Goberno que, polo seu carácter imprevisto, inaprazable ou urxente, non se puidesen someter a aquela con carácter previo.

j) Ademais das atribucións enumeradas no artigo anterior, a orde do día das xuntas xerais poderá comprender todos aqueles asuntos que pola súa relevancia acorde incluír a Xunta de Goberno, así como as cuestións que por escrito fosen propostas, como mínimo, polo 10 % do censo colexial residente, sempre que fosen presentadas á Xunta de Goberno cunha antelación de, polo menos, de dez (10) días hábiles desde a data da publicación da orde do día provisional.

k) Decidir as asignacións para gastos que deban percibir os/as colexiados/as que desempeñen cargos nos órganos de goberno e xestión do Colexio dentro do orzamento anual colexial.

l) Ratificar os nomeamentos provisorios dos cargos vacantes da Xunta de Goberno efectuados por ela, ou ben acordar os novos nomeamentos.

m) Aprobar, se procede, as actas da Xunta.

Artigo 20. Sesións ordinarias

1. Terá lugar xunta xeral en sesión ordinaria dúas veces ao ano.

2. A convocatoria de xunta xeral ordinaria debe ir acompañada dunha orde do día provisional, que deberá ser publicada polo menos con trinta días naturais de antelación a aquel en que teña lugar a xunta. Se é o caso, de non haber solicitudes realizadas ao abeiro do artigo 19.j) destes estatutos polo 10 % do censo colexial residente, a orde do día devirá en definitiva. Para o caso de que se presentase algunha solicitude, a Xunta de Goberno acordará a inclusión da iniciativa na orde do día se se dá cumprimento aos requisitos establecidos no referido artigo 19.j), volvéndose publicar a dita orde do día definitiva modificada con polo menos cinco días naturais a aquel en que teña lugar a xunta xeral.

3. A primeira xunta xeral ordinaria terá lugar no primeiro semestre e será obrigatorio incluír nela o exame e a aprobación, se proceder, das contas anuais do exercicio anterior, así como a memoria da Xunta de Goberno na cal, con claridade e precisión, se expoñerá o labor realizado no ano precedente. Para o adecuado coñecemento polos/as colexiados/as, ambos os dous documentos deberán estar redactados na data da convocatoria da xunta xeral e á disposición dos/das colexiados/as para o seu exame.

4. A citada memoria deberá ser aprobada pola Xunta Xeral de colexiados e publicarase na páxina web do Colexio cunha antelación mínima de dez (10) días hábiles anteriores ao da realización da dita xunta. O contido da memoria anual será, como mínimo, o seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, no cal se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen as retribucións dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, se é o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispoñer deles.

f) As situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

Nos casos pertinentes, os datos presentaranse desagregados territorialmente por corporacións.

A memoria anual deberase facer pública no primeiro trimestre de cada ano.

5. A segunda xunta xeral terá lugar durante o cuarto trimestre e nela presentaranse os orzamentos do exercicio seguinte para o seu exame e aprobación, se procede, que, de igual modo, deberán estar á disposición dos/das colexiados/as xunto coa convocatoria e a orde do día provisional.

Artigo 21. Sesións extraordinarias

Todas as xuntas xerais que non sexan as dúas previstas no artigo anterior terán a consideración de extraordinarias e poderán ser convocadas pola Presidencia, por propia iniciativa ou por pedimento da Xunta de Goberno, ou cando así o solicite por escrito o 10 % do censo colexial residente, que expoñerán con precisión os asuntos que se van tratar. Neste último caso, a realización deberá de ter lugar dentro dos trinta días hábiles seguintes ao da entrada no Colexio da dita solicitude.

Artigo 22. Convocatorias e quórum

1. As xuntas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, serán convocadas pola Presidencia do Colexio, ou quen a poida substituír, e na convocatoria indicaranse o lugar, a data e a hora en que deba ter lugar a sesión en primeira e segunda convocatoria e xuntarase a orde do día dos temas que se van tratar.

2. Para a válida constitución das xuntas xerais, será precisa a asistencia da Presidencia e da Secretaría, e como mínimo, da metade máis un do censo colexial, en primeira convocatoria. De non se acadar a indicada presenza, realizarase en segunda convocatoria, que terá lugar trinta minutos máis tarde da hora fixada para a primeira, calquera que sexa o número dos asistentes.

3. A orde do día das xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias, así como a documentación que se vai tratar, estará á disposición dos/das colexiados/as segundo o establecido nestes estatutos.

Artigo 23. Quórum, voto por delegación e electrónico

1. Realizarase o reconto dos asistentes ás xuntas antes de iniciarse o tratamento e posterior resolución dos asuntos seguintes, que requirirán o voto favorable da maioría dos asistentes:

a) Aprobación, modificación ou revisión dos estatutos particulares.

b) Aprobación, modificación ou revisión do Regulamento de réxime interior ou de calquera outro regulamento.

c) Adquisición ou venda de bens inmobles.

d) Proposta de votos de censura á Xunta de Goberno, a calquera membro dela ou a outros órganos de xestión do Colexio.

2. O voto poderá ser delegado noutro/a compañeiro/a asistente, e só se poderá levar, como máximo, un voto delegado e por escrito. A delegación é persoal e intransferible, razón pola cal non se poderá delegar un voto xa delegado.

3. O Colexio poderá dispoñer dos medios adecuados para poder garantir tanto a asistencia como o voto telemático dos/das colexiados/as.

Artigo 24. Réxime das reunións

1. A orde do día definitiva das sesións das xuntas xerais ordinarias, do mesmo xeito que a correspondente ás extraordinarias, estará á disposición de todos os/todas as colexiados/as cunha antelación mínima de dez días hábiles ao da realización da reunión, e deberá figurar no taboleiro de anuncios e, de ser o caso, na páxina web do Colexio. Poderá ser, ademais, remitido por correo postal ou electrónico.

2. Nas xuntas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, todos os/todas as colexiados/as terán voz e voto, sempre que non estean suspendidos os seus dereitos.

Artigo 25. Rolda de intervención

No capítulo de rolda de intervencións, que pechará a orde do día das xuntas xerais, os/as colexiados/as poderán formular as súas preguntas sempre que así o solicitasen por escrito e cunha antelación mínima de sete días naturais ao da data en que teña lugar a xunta. Aquelas que pretendan formularse oralmente na propia reunión tan só serán tomadas en consideración pola Presidencia mentres poidan ser adecuadamente contestadas sen documentación previa.

Artigo 26. Documentación

Toda a documentación que deba ser obxecto de estudo e discusión polas xuntas xerais estará á disposición de todos os/todas as colexiados/as xunto coa orde do día, publicarase no taboleiro de anuncios ou a páxina web do Colexio e poderá ser remitida tamén por correo postal ou electrónico.

Artigo 27. Presidencia e constitución da Mesa da Xunta Xeral

As xuntas xerais serán presididas por quen exerza a Presidencia do Colexio ou quen lle substitúa. A Mesa estará constituída polos membros da Xunta de Goberno que a Presidencia considere en cada caso. Exercerá a súa secretaría quen exerza a do Colexio. Complementarán a Mesa aqueles/as colexiados/as que deban intervir como relatores nos temas que se van tratar. A Presidencia ou persoa que a substitúa moderará os debates.

Artigo 28. Intervención dos/das colexiados/as nos debates

A Presidencia da Xunta Xeral someterá a consideración e debate os diferentes puntos da orde do día, comezando por conceder a palabra ao/á relator/a. Finalizada a súa intervención, abrirá os debates e daralles a palabra aos/as colexiados/as que o desexen, pola orde en que o solicitasen, logo da súa identificación, co seu nome e apelidos.

Artigo 29. Intervención da Mesa

Os/as compoñentes da Mesa e o/a relator/a poderán intervir en calquera momento logo de petición da palabra e anuencia da Presidencia.

Artigo 30. Cuestións previas e de orde

Ao anunciar a Presidencia o debate de calquera tema, os/as colexiados/as poderán pedir a palabra, sen consumir quenda, para expoñer calquera destas dúas clases de propostas:

a) Cuestións previas: referiranse exclusivamente a unha proposta de sistematización da discusión do tema ou aclaración, co fin de acadar unha mellor exposición do asunto que se vai tratar, tal como a súa división en puntos independentes, alteración da orde do día para relacionala con outro tema ou calquera outra circunstancia da mesma ou parecida clase.

b) Cuestións de orde: referidas exclusivamente á observancia destes estatutos ou de calquera outro precepto regulamentario.

Artigo 31. Harmonía nos debates

1. A Presidencia coidará de que a sesión e os debates se desenvolvan na mellor harmonía, chamando á orde a calquera colexiado/a que estea no uso da palabra cando se desvíe do tema que se está discutindo ou faga alusións inconvenientes para a cordialidade que debe existir entre os asistentes, ou a quen interrompa ou obstaculice o normal desenvolvemento da reunión.

2. En caso de reincidencia, poderalle retirar o uso da palabra ou ben decidir que abandone a sala.

Artigo 32. Remate dos debates

Cando a Presidencia considere que se debateu suficientemente un asunto ou se esgotasen as quendas fixadas, someterase a votación a oportuna proposta de acordo ou poderase decidir o seu tratamento nunha vindeira xunta xeral da cal se fixará o día a propia xunta.

Artigo 33. Votación

1. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos entre os/as colexiados/as asistentes, agás os casos referidos nestes estatutos nos cales se exixa un quórum cualificado.

2. As votacións serán ordinaria, nominal e por papeleta:

a) A votación ordinaria verificarase á man alzada, na orde que estableza a Presidencia. Recontaranse os votos a favor, os votos en contra e as abstencións. Quedará aprobada por unanimidade cando, solicitados pola Presidencia os votos en contra e as abstencións, ningún/ningunha colexiado/a o manifeste.

b) A votación nominal realizarase nomeando a Mesa os/as colexiados/as asistentes por orde alfabética dos seus dous apelidos e nome e contestando estes (si), (non) ou (abstéñome), e terá lugar cando o soliciten, como mínimo, o vinte por cento dos asistentes ou cando o acorde a Presidencia.

c) A votación por papeleta deberase realizar cando así o solicite, polo menos, a terceira parte (1/3) dos/as asistentes á xunta xeral ou así o considere a Presidencia.

3. O voto tamén se poderá exercer por delegación ou telematicamente segundo os requisitos e formalidades anteriormente estabelecidos.

Artigo 34. Obrigatoriedade dos acordos

Os acordos das xuntas xerais, estatutariamente adoptados, obrigan a totalidade dos/das colexiados/as, malia que non asistisen a elas, votasen en contra ou se abstivesen.

Todo acordo, decisión ou recomendación adoptado polo Colexio deberá observar os límites que estableza a lexislación de defensa da competencia.

Artigo 35. Execución dos acordos

Os acordos das xuntas xerais serán executivos desde o mesmo momento da súa adopción e cos efectos que neles se determine, e corresponderalle á Xunta de Goberno a súa publicación e adopción das actuacións necesarias para o seu efectivo cumprimento.

Artigo 36. Publicidade dos acordos

Quen exerza a Secretaría da Xunta de Goberno será responsable de publicar a certificación dos acordos adoptados, co visto e prace da Presidencia, e dentro dos quince días hábiles seguintes ao da realización daquelas. A certificación farase efectiva coa súa publicación no taboleiro de anuncios e zona de acceso restrinxido da web colexial. Tamén se poderá optar pola comunicación postal ou por calquera medio electrónico.

Artigo 37. Actas

1. A aprobación das actas das sesións da xunta xeral de colexiados/as poderase efectuar na mesma sesión ou na posterior seguinte, por maioría simple de votos presentes, autenticarase o seu contido mediante dilixencia da Secretaría co visto e prace da Presidencia do Colexio.

2. As reclamación dos/das colexiados/as acerca do seu contido deberanse efectuar dentro dos dez días hábiles ao da súa publicación pola Secretaría. As reclamacións serán resoltas pola Xunta de Goberno no prazo dun mes.

Artigo 38. Eficacia das actas

As actas das xuntas, unha vez aprobadas, darán fe en relación coas discusións e cos acordos adoptados, transcribiranse no correspondente libro de actas ou en arquivo dixital, todo isto coas súas correspondentes sinaturas, e formarán parte da documentación oficial do Colexio.

Sección 2ª. Da Xunta de Goberno

Artigo 39. Carácter

A Xunta de Goberno é o órgano reitor ao cal lle corresponde a plena dirección, administración e goberno do Colexio e que desenvolve a actividade necesaria para o eficaz cumprimento dos seus fins e funcións, sen prexuízo das atribucións da Xunta Xeral de colexiados/as.

Artigo 40. Composición

1. A Xunta de Goberno en pleno estará constituída polos cargos de Presidencia, Secretaría, Tesouraría, Contadoría e un mínimo de dúas vogalías e un máximo de dez.

2. A Presidencia da Xunta de Goberno será, pola súa vez, a Presidencia do Colexio.

3. Todos eles terán voz e voto, e tomarán os acordos por maioría.

4. A Xunta de Goberno poderá agrupar nun único cargo as funcións da Tesouraría e da Contadoría.

Artigo 41. Funcións

Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio a súa dirección e administración, coas seguintes funcións específicas:

1. Con relación aos/ás colexiados/as:

a) Resolver sobre as solicitudes de colexiación e acreditación.

b) Coidar do comportamento profesional dos/das colexiados/as, tanto nas súas relacións mutuas como nas que teñan con terceiros e co Colexio, intervindo pola vía da conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, xurdan entre os/as colexiados/as e, en xeral, procurar a harmonía, colaboración e solidariedade entre eles, impedindo a competencia desleal no exercicio da profesión.

c) Promover as oportunas accións para impedir o exercicio da profesión a quen non posúa habilitación legal para iso.

d) Publicar as convocatorias de eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno, Xunta Electoral e todas as comisións que se poidan considerar adecuadas.

e) Acordar as convocatorias e a orde do día das xuntas xerais de colexiados/as, tanto en sesión ordinaria como extraordinaria.

f) Exercer a potestade disciplinaria, salvo que se crease a Comisión Disciplinaria, caso en que, esta comisión adquirirá a potestade disciplinaria colexial. Cando o presunto infractor sexa membro da Xunta de Goberno, será competente para tramitar o expediente disciplinario o Consello Galego.

g) Vixiar o cumprimento dos acordos tomados pola Xunta Xeral, do disposto nestes estatutos, do resto dos regulamentos da corporación e da lexislación aplicable.

2. En relación coa vida económica do Colexio:

a) Recadar e administrar os fondos do Colexio.

b) Redactar os orzamentos e renderlle as contas anualmente á Xunta Xeral de colexiados/as.

c) Resolver o que atinxe ao investimento dos fondos colexiais, agás naqueles supostos en que por imperativo estatutario se requira a aprobación da Xunta Xeral de colexiados/as.

d) Autorizar os movementos de fondos nos casos de apertura ou traspaso de contas bancarias.

3. En relación con organismos e institucións do seu mesmo ámbito territorial:

a) Defender os/as colexiados/as no desempeño das súas funcións profesionais, solicitando dos organismos competentes o cumprimento das prescricións establecidas con tal fin pola normativa en vigor.

b) Xestionar, en nome do Colexio, cantas melloras xulgue convenientes para o mellor desenvolvemento da profesión no eido colexial, así como todo aquilo que poida redundar no interese profesional da arquitectura técnica.

c) Resolver, con competencia plena, sobre a interposición de recursos, en vía administrativa ou xudicial, impugnación de calquera acto ou disposición que afecte os intereses da profesión e exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión perante as administracións públicas, os tribunais e demais poderes públicos, así como perante calquera institución, entidade e particulares.

4. De carácter xeral:

a) Cumprir e facer cumprir estes estatutos e os regulamentos internos que poidan existir, interpretándoos e suplindo as súas lagoas e deficiencias, así como os acordos adoptados pola Xunta Xeral e pola propia Xunta de Goberno no eido da súa competencia.

b) Crear ou disolver cantos departamentos, comisións, grupos de traballo e servizos considere adecuados para a mellor realización da actividade colexial, fóra dos xa establecidos ou previstos nestes estatutos e dos que fosen creados por acordo da Xunta Xeral de colexiados/as, e regulalos no correspondente regulamento interno.

c) Nomear ou cesar os responsables dos departamentos, comisións, grupos de traballo e servizos, fóra dos elixidos pola xunta Xeral de colexiados/as, e dirixir, asesorar e controlar a súa xestión.

d) Tamén lle compete á Xunta de Goberno a realización de calquera outra función que non estea expresamente atribuída nestes estatutos á Xunta Xeral de colexiados/as.

e) Compételle á Xunta de Goberno a adopción daqueles acordos que, sendo competencia da Xunta Xeral de colexiados/as, se deban adoptar por razóns inaprazables, imprevisibles ou de urxencia, debidamente acreditadas. Non se poderán tomar acordos deste cariz nas materias reguladas no artigo 19.2, así como nas que se refiren á aprobación de orzamentos ordinarios ou extraordinarios, ou á súa liquidación.

5. Os compoñentes da Xunta de Goberno terán, ademais, as funcións que lles atribúa o Regulamento de réxime interior.

Artigo 42. Reunións e convocatorias

1. A Xunta de Goberno reunirase ordinariamente unha vez ao mes ou cantas veces sexa necesaria a súa actuación.

2. A Xunta de Goberno será convocada pola Presidencia, por iniciativa propia ou por solicitude da metade máis un dos membros da Xunta de Goberno.

3. As convocatorias cursaranse por escrito, por calquera medio e cunha antelación mínima de dous días hábiles.

4. A Xunta quedará validamente constituída cando estean presentes, polo menos, a metade máis un dos seus membros.

5. Tamén se poderá constituír validamente a Xunta con carácter extraordinario, e sen necesidade de convocatoria previa, sempre que, reunidos a totalidade dos seus membros, o acorden así por unanimidade.

Artigo 43. Asistencia ás sesións

1. Ás sesións da Xunta de Goberno poderán asistir, ademais dos seus membros, persoal técnico, avogados e outros asesores, aquelas persoas que, debido ao seu especial coñecemento dos asuntos que se van tratar, se consideren convenientes para estaren presentes na reunión, así como colexiados/as por invitación expresa da Presidencia.

2. Aqueles/as colexiados/as que desexen asistir a calquera sesión deberano solicitar mediante unha carta motivada dirixida á Presidencia, que autorizará ou denegará a súa presenza na xunta á vista das causas que motivan a súa solicitude e informará disto a Xunta antes do inicio da orde do día.

Artigo 44. Desenvolvemento das sesións

1. A Presidencia abrirá a sesión e logo introducirá o tratamento dos outros temas incluídos na orde do día.

2. A Presidencia dirixirá os debates e, cando non haxa unanimidade sobre as cuestións presentadas, someterá a votación as propostas concretas dos acordos que se van adoptar.

3. Ao remate das sesións, a acta poderá ser lida e ser sometida á aprobación das persoas presentes ou ben poderá ser aprobada na próxima reunión da Xunta de Goberno.

Artigo 45. Falta de asistencia

A falta de asistencia dos membros da Xunta de Goberno a tres sesións consecutivas desta, sen causa xustificada, pódese entender como renuncia a continuar ocupando o cargo, e as vacantes cubriranse de acordo co establecido nestes estatutos.

Artigo 46. Acordos

1. Os acordos da Xunta de Goberno adoptaranse por maioría de votos. Nos casos de empate, resolverase co voto de calidade da Presidencia.

2. Só se poderán adoptar acordos sobre aqueles asuntos que figuren na orde do día, a non ser que, estando presentes a totalidade dos seus membros, sexa declarada a urxencia do caso por acordo da maioría.

3. A Secretaría poderá redactar unha certificación, co referendo da Presidencia, dos acordos adoptados, que serán executivos desde a súa adopción e que será distribuída entre os asistentes.

Artigo 47. Actas

1. As actas das reunións da Xunta de Goberno elaboradas pola Secretaría, co aval da Presidencia, remitiránselles a todos os seus membros polo menos dez días hábiles antes da seguinte reunión.

2. Unha vez aprobadas as actas, transcribiranse no libro ou no soporte dixital correspondente e este quedará como documento oficial do Colexio.

Artigo 48. Responsabilidade

1. Os membros da Xunta de Goberno serán responsables da súa xestión perante a Xunta Xeral de colexiados/as, o Consello Galego e o Consello Xeral.

2. Do mesmo xeito, comprométense a tratar con dilixencia e consonte as regras da boa fe toda aquela información de carácter corporativo a que poidan ter acceso, e a non divulgar a ningunha persoa externa, a non ser que se obteña o consentimento previo, esta información, agás naqueles casos en que sexa necesario para dar o debido cumprimento ás súas obrigas ou porque así o requirise o mandato legal ou a autoridade competente. O dito deber cumprirase mentres estea en vigor o mandato de membro da Xunta de Goberno e mesmo cando expire, xa sexa por terminación do mandato ou por calquera outra causa.

Artigo 49. Das eleccións

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio serán elixidos por sufraxio entre todos os/todas as colexiados/as.

2. O mandato da Xunta de Goberno será de catro anos e renovarase na súa totalidade ao finalizar este.

Artigo 50. Provisión de vacantes

1. As vacantes serán nomeadas pola Presidencia e ratificadas na vindeira xunta xeral. No caso de que a Xunta acorde non ratificar odito nomeamento, este posto quedará sen cubrir.

2. Se a Presidencia está vacante, será ocupada pola Vogalía Primeira se quedase menos dun ano para as eleccións ordinarias. Se queda máis dun ano convocaranse eleccións.

Artigo 51. Reeleccións

Os/as colexiados/as que exerzan o seu mandato na Xunta de Goberno poderán ser reelixidos/as para este ou para calquera outro cargo.

Sección 3ª. Sobre a Presidencia

Artigo 52. Funcións

Á Presidencia do Colexio correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A representación legal perante todo tipo de autoridades, organismos públicos e entidades privadas, xulgados e tribunais de calquera natureza, incluído o Tribunal Constitucional. Tamén exercerá as funcións sinaladas polos estatutos xerais, os estatutos particulares e o Regulamento de réxime interior, así como as conferidas pola lexislación estatal e autonómica.

b) Representar o Colexio perante o Consello Galego.

c) Convocar a Xunta Xeral e a Xunta de Goberno.

d) Presidir as reunións da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e, se é o caso, da Xunta Executiva, así como de todas as comisións que se constitúan dentro do Colexio e a cuxas reunións asista; esta competencia poderá ser delegada.

e) En caso de empate nas votacións, resolverá as cuestións formuladas con voto de calidade.

f) A Presidencia ocupará a alta dirección colexial e coidará en todo momento polo desenvolvemento máis eficiente dos seus fins e funcións e polo cumprimento dos acordos do Colexiado.

g) Deberá autorizar coa súa sinatura todos os gastos a quen ocupe a Tesouraría ou Contadoría. Esta función poderase delegar noutro membro da Xunta de Goberno.

h) Adoptará aquelas medidas que, sen seren atribuídas a outros órganos do Colexio, sexan necesarias para o cumprimento dos seus fins, e dará conta á Xunta de Goberno da súa adopción.

i) Asumir a imaxe pública do Colexio e representalo nos actos oficiais.

j) Nomear, de entre os membros da Xunta de Goberno, a quen a substitúa en caso de ausencia ou enfermidade.

k) Impulsar e levar a cabo estratexias de incidencia política, desde o propio Colexio ou as redes a que pertence, para acadar cambios lexislativos ou políticos que melloren a situación da profesión de arquitecto técnico.

Sección 4ª. Dos restantes membros da Xunta de Goberno

Artigo 53. Da Secretaría

Quen ocupe a Secretaría será responsable de:

a) A custodia do protocolo documental, incluídos os ficheiros de datos de titularidade pública e privada do Colexio.

b) Redactar as actas de todas as reunións realizadas pola Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e a Xunta Executiva, coidando de que queden rexistradas nos libros ou soportes dixitais correspondentes, unha vez aprobadas.

c) Expedir as certificacións que soliciten aquelas persoas que teñan un interese lexítimo para facelo. Autorizar e lexitimar a certificación de documentos, asumindo o rexistro de entrada e saída da documentación.

d) Tamén será o responsable do bo funcionamento dos servizos administrativos do Colexio, ocupando a xefatura do persoal, dirixindo o equipo humano para aumentar a súa motivación e compromiso para cumprir os seus obxectivos.

e) Levará o rexistro de colexiados/as no cal se fará constar, do xeito máis completo posible, o historial profesional de cada un deles.

f) Levará o Rexistro de Sociedades Profesionais.

Artigo 54. Da Tesourería

As seguintes funcións corresponden a quen exerza a Tesouraría:

a) Tomar as garantías necesarias para salvagardar os fondos patrimoniais do Colexio.

b) Realizar os cobramentos e pagamentos autorizados pola Contadoría.

c) Ordenar a contabilidade do Colexio, dispoñendo que se efectuen as correspondentes anotacións nos libros oficiais.

d) Formar os estados de fondos coa frecuencia establecida pola Xunta de Goberno.

e) Asinar con quen exerza a Presidencia ou Contadoría os documentos para o movemento de fondos do Colexio, de tal xeito que sempre haxa dúas sinaturas para a disposición de calquera tipo de fondos. Esta función poderase delegar noutro membro da Xunta de Goberno.

f) Elaborar e someter á aprobación da Xunta de Goberno os proxectos de orzamentos, ordinarios e extraordinarios, así como a súa liquidación.

g) Formular as declaracións que procedan perante a Facenda pública.

Artigo 55. Da Contadoría

As seguintes funcións corresponden a quen exerza a Contadoría:

a) Ordenar a contabilidade do Colexio, dispoñendo que se efectúen as correspondentes anotacións nos libros oficiais.

b) Formar os estados de fondos coa frecuencia que a Xunta de Goberno estableza.

c) Asinar, con quen exerza a Presidencia ou Tesouraría, os documentos para o movemento de fondos do Colexio, de tal xeito que sempre haxa dúas sinaturas para a disposición de calquera tipo de fondos. Esta función poderase delegar noutro membro da Xunta de Goberno.

d) Preparar e someter á aprobación da Xunta de Goberno os proxectos de orzamentos ordinarios e extraordinarios, así como a súa liquidación.

e) Formular as declaracións que procedan perante a Facenda pública.

Artigo 56. Vogais

As/os vogais terán ao seu cargo as áreas de actividade que lles sexan encomendadas polos órganos de goberno ou pola Presidencia e poderán formar parte dos grupos de traballo que se creen consonte as necesidades do Colexio. Ademais, substituirán os cargos específicos en caso de ausencia e enfermidade e desempeñaranos, en casos de vacante definitiva, ata a súa provisión regulamentaria, para o cal a Xunta de Goberno adoptará os acordos que procedan.

Sección 5ª. Da Dirección-Xerencia

Artigo 57. Carácter

En dependencia da Xunta de Goberno, poderá existir unha dirección ou xerencia en réxime de plena dedicación ao Colexio.

Artigo 58. Nomeamento

1. A Dirección ou Xerencia será nomeada pola Xunta de Goberno mediante o oportuno concurso de selección entre as persoas con titulación oficial idónea.

2. O dito cargo supoñerá a incompatibilidade para exercer calquera outra actividade, así como para presentarse, directa ou indirectamente, a calquera candidatura nas seguintes eleccións ao seu cesamento.

Artigo 59. Atribucións

A Dirección/Xerencia, de existir, terá ao seu cargo as seguintes funcións:

a) Organizar e dirixir, de acordo coas directrices que sinale a Xunta de Goberno, os servizos do Colexio, e facer cumprir as instrucións da Secretaría do Colexio en materia de persoal.

b) Propoñer á Xunta de Goberno cantas medidas considere convenientes para o mellor desenvolvemento e funcionamento dos ditos servizos.

c) Executar os acordos e cumprir e facer cumprir as ordes da Xunta de Goberno ou, de ser o caso, Xunta Executiva.

d) Resolver por si os asuntos inaprazables que xurdan no funcionamento dos servizos, e dar conta inmediata á Xunta de Goberno.

e) Informar con precisión sobre os asuntos que lle sexan encomendados pola Xunta de Goberno ou, de ser o caso, Xunta Executiva.

f) Render contas de xestión á Xunta de Goberno: plan de desenvolvemento institucional, contas e orzamentos, informes periódicos, novos proxectos, etc.

Artigo 60. Responsabilidade

A Dirección ou Xerencia será responsable da súa xestión perante a Xunta de Goberno.

CAPÍTULO VI

Do procedemento electoral

Artigo 61. Convocatoria

1. Cunha antelación de corenta días naturais ao do final do mandato dos cargos que se van renovar, a Xunta de Goberno convocará eleccións conforme o establecido por estes estatutos particulares e mandará publicar e expoñer no taboleiro de anuncios e na páxina web do Colexio a lista de colexiados/as con dereito a emitir o seu voto, momento a partir do cal a Xunta de Goberno quedará en funcións ata a toma de posesión do cargo electo.

2. Procurarase que as eleccións da Xunta de Goberno teñan lugar de forma coordinada co resto de colexios de Galicia para efectos de harmonización de toda a organización colexial e desempeño dos mandatos.

Artigo 62. Eleccións e mandato

1. Os/as membros da Xunta de Goberno do Colexio serán elixidos/as no correspondente proceso electoral consonte estes estatutos. As Delegacións do Colexio, se as houber, estarán representadas nas correspondentes vogalías da Xunta de Goberno.

2. O mandato da Xunta de Goberno será de catro anos e renovarase na súa totalidade ao final deste.

Artigo 63. Electores

1. Terán dereito a emitir o seu voto todos os/todas as colexiados/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento de todas as súas obrigas colexiais.

b) Non estar suspendido/a para o exercicio da profesión.

c) Non estar cumprindo sanción imposta por expediente disciplinario colexial.

2. Os/as colexiados/as só poderán exercer o seu dereito a voto unha soa vez para cada cargo da Xunta de Goberno.

Artigo 64. Candidaturas

1. Todos os/todas as colexiados/as residentes e exercentes poderán presentar a súa candidatura á Xunta de Goberno do Colexio, consonte o procedemento establecido nestes estatutos e, de ser o caso, no Regulamento de réxime interior. Para desempeñar o cargo da Presidencia, será preciso que o/ a candidato/a leve colexiado/a como residente un mínimo de catro anos consecutivos no Colexio. Para os restantes cargos, requirirase unha antigüidade de colexiación dun ano como residente.

2. As candidaturas poderán ser pechadas, é dicir, figurando en cada candidatura unha lista única con indicación de todos os cargos da Xunta de Goberno, ou abertas, é dicir, existindo eleccións independentes para cada un dos membros da Xunta de Goberno. Será o Regulamento de réxime interior quen establecerá un ou outro sistema. En ausencia do dito regulamento, será a Xunta Xeral quen escolla entre un ou outro sistema.

3. Os/as colexiados/as con relación laboral de emprego en servizos de administración, xestión ou asesoría para as entidades que conforman o Colexio non poderán presentar a súa candidatura para cargos directivos do Colexio.

Artigo 65. Requisitos da presentación

1. As candidaturas deberanse formular por escrito dirixido á Xunta Electoral.

2. Nos escritos de presentación de candidaturas, todos os/todas as candidatos/as deberán facer constar o compromiso, para o caso de que resulten elixidos, e desempeñar o cargo con fidelidade ás leis, e ao propio tempo a obediencia ao ordenamento xurídico aplicable á súa función.

Artigo 66. Proclamación de candidatos/as

1. A Xunta Electoral, examinados os escritos presentados e de xulgalos conformes, fará a oportuna proclamación de candidatos/as da cal se dará publicidade consonte as previsións establecidas na convocatoria. Así mesmo, faranse públicas as causas de ineficacia dos escritos de presentación que non cumpran os requisitos exixidos.

2. A proclamación de candidatos/as deberase facer cunha antelación de, polo menos, quince días hábiles ao da data das eleccións, publicando o resultado no taboleiro de anuncios e na páxina web colexial.

Artigo 67. Candidatos/as únicos/as

Cando, como resultado da proclamación, exista unha lista ou candidatura única ou, se é o caso, un/unha único/a candidato/a para cubrir algún dos cargos, a proclamación equivalerá á súa elección para o cargo correspondente e quedará exento/a da necesidade de someterse a votación.

Artigo 68. Xunta Electoral

1. Desde a data de convocatoria das eleccións, ordinarias ou extraordinarias, iniciará as súas funcións no Colexio unha xunta electoral.

2. Corresponderalle á Xunta Electoral, que actuará con total independencia e capacidade decisoria no eido das súas funcións, ordenar e controlar o desenvolvemento do proceso electoral colexial, intervindo en toda a súa tramitación a partir da convocatoria, acordada e publicada pola Xunta de Goberno e ata a toma de posesión dos cargos electos, e será o órgano chamado a resolver sobre todas e cada unha das súas fases. Tomará os acordos por maioría, con xustificación dos votos particulares ou contrarios. As súas decisión serán impugnables en alzada perante o Consello Galego.

3. A Xunta Electoral estará composta por un mínimo de tres e un máximo de seis colexiados/as residentes como membros titulares e o correspondente número de suplentes, que serán elixidos/as por sorteo na Xunta Xeral de colexiados/as previa á convocatoria das eleccións. A/o de máis idade asumirá a Presidencia e a/o de menor idade a Secretaría.

4. Os/as membros da Xunta Electoral non poderán ser candidatos/as nin compoñentes da Xunta de Goberno. Deixarase de pertencer á Xunta Electoral cando se adquira a condición de candidato/a a calquera cargo directivo do Colexio.

5. Os suplentes da Xunta Electoral substituirán automaticamente e pola súa orde os titulares nos casos de vacantes provisoria ou definitiva.

6. Inmediatamente despois da toma de posesión dos cargos electos, a Xunta Electoral concluirá a súa función e quedará disolta.

Artigo 69. Mesa Electoral

1. A Xunta Electoral designará a composición das mesas electorais que se poidan establecer nas oficinas administrativas colexiais, de entre os/as colexiados/as residentes na demarcación correspondente incluídos/as no censo electoral. A Mesa compoñerase de Presidencia, Secretaría e Vogalía.

2. Os/as candidatos/as poderán designar, por escrito dirixido á Xunta Electoral, outros/as colexiados/as con dereito a voto en calidade de interventores.

Artigo 70. Constitución da Mesa Electoral

Con media hora de antelación á hora sinalada para a elección constituirase a Mesa. Na hora sinalada, a Presidencia abrirá a votación e a Secretaría escrutadora anotará o nome de cada votante nas listas numeradas para o efecto, identificándoo e comprobando a súa inclusión nas listas alfabéticas de colexiados/as con dereito a voto, para efectos do cómputo de votos.

Artigo 71. Votación

1. A votación poderase levar a cabo persoalmente, por correo ou mediante voto telemático, cando este estea instaurado no Colexio. O voto na urna substituirá calquera outro anterior remitido por correo ou entregado persoalmente, que quedará sen efecto e será destruído.

2. Neste caso, admitiranse os votos recibidos unicamente por correo certificado ou entrega persoal, utilizando dous sobres: un sobre grande (coa sinatura cruzando as lapelas) que conterá no seu interior fotocopia do DNI do votante e un sobre máis pequeno que conterá o voto. Estes votos serán custodiados polo/pola secretario/a da Xunta Electoral, que os entregará á Presidencia da mesa unha vez concluída a votación na urna. Verificado o carácter de elector do/a remitente e a súa sinatura a través do DNI, introducirase na urna o sobre que contén o voto.

3. As oficinas administrativas colexiais estarán conectadas en rede en tempo real, de modo que cada trinta minutos se actualicen as listas de colexiados/as que xa emitisen o seu voto.

4. Con independencia da lista de colexiados/as electores publicada, o/a secretario/a inserirá as modificacións, debidamente dilixenciadas, que resulten por altas ou baixas colexiais ata as corenta e oito horas anteriores ás eleccións. Esta lista de electores incluíndo as modificacións resultantes será igualmente publicada e será utilizada pola Mesa Electoral co obxecto de controlar as votacións.

Artigo 72. Desenvolvemento da votación

1. Os/as colexiados/as que acudan a votar, persoalmente exhibirán o DNI e o/a secretario/a escrutador anotará o seu nome nas listas preparadas para este fin e comprobará a súa inclusión nas relacións de votantes.

2. Unha vez realizadas as anteriores comprobacións, os votantes entregarán a papeleta de votación, dobrada no interior do sobre, introducíndoa na urna.

3. Rematado o tempo establecido para a votación persoal, efectuarase a realizada por correo e comprobarase a identidade e sinatura dos votantes, a súa inclusión nas respectivas listas e a súa ausencia da votación persoal.

Artigo 73. Votos nulos

Serán nulos os votos seguintes:

a) Os efectuados por correo que non cumpran os requisitos establecidos.

b) Os que se outorguen a prol de dúas ou máis candidaturas.

c) Os que vulneren a normativa electoral xeral ou particular.

Artigo 74. Escrutinio e toma de posesión

1. Os escrutinios serán públicos e serán verificados pola Mesa Electoral ao termo da votación, e a Secretaría da Mesa Electoral expedirá as actas correspondentes e fará público a seguir o seu resultado. Terán o carácter de acto único, sen prexuízo de que se poidan suspender ás seis horas da súa iniciación, continuándose pasadas doce horas, e así ata a súa conclusión.

2. Dentro das corenta e oito horas seguintes á conclusión do escrutinio, a Xunta Electoral remitiralles ao Consello Galego e ao Consello Xeral un exemplar de todas as actas co obxecto de tramitar o oportuno nomeamento dos/das candidatos/as que resultasen elixidos/as. O nomeamento efectuarao a Xunta Electoral dentro dos cinco días hábiles seguintes ao da recepción das actas e será comunicado ao Consello Galego e ao Consello Xeral.

3. Quedará proclamada a candidatura que obtivese maior número de votos. En caso de empate, a Xunta Electoral resolverá o dito empate entre os empatados por sorteo no mesmo acto.

4. Todas as actuacións seguidas neste caso se axustarán ao disposto na normativa de aplicación.

5. Fronte ao acordo de proclamación o resto dos/das candidatos/as poderán interpoñer recurso de alzada, perante o Consello Galego, quen tramitará o recurso segundo a normativa de procedemento administrativo común. O acordo do Consello Galego poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo consonte os prazos que se establecen nas leis procesuais que rexen esta xurisdición.

Artigo 75. Toma de posesión e comunicación dos nomeamentos

1. Unha vez recibidos do Consello Xeral os nomeamentos dos cargos elixidos, procederase á súa toma de posesión, que se efectuará dentro do prazo de dez días hábiles a partir do nomeamento.

2. Os nomeamentos serán comunicados ao Rexistro de Colexios Profesionais de Galicia e ao Consello Galego.

CAPÍTULO VII

Do réxime de censura e de confianza

Artigo 76. Moción de censura

1. A Xunta de Goberno e os seus membros integrantes serán responsables colexiadamente do seu goberno e xestión ante a Xunta Xeral de colexiados/as, da cal deben recibir apoio e confianza.

2. Cando ese apoio ou confianza do colectivo colexial á Xunta de Goberno, ou a calquera dos seus membros integrantes, estea presuntamente danada ou perdida, aquela ou estes poderán ser sometidos a moción de censura ou de confianza.

3. As mocións de censura deberán ser formuladas por un número de colexiados/as non inferior ao vinte e cinco por cento do censo colexial, que solicitarán a realización da xunta xeral en sesión extraordinaria para debater sobre a moción de censura contra a Presidencia ou calquera outro membro da Xunta de Goberno ou contra a Xunta de Goberno no seu conxunto.

4. Non se poderá presentar outra moción de censura polo mesmo motivo no prazo dun ano.

Artigo 77. Réxime da moción de censura

1. A xunta xeral extraordinaria de colexiados/as para a discusión e votación da censura deberá ser convocada na forma e no prazo establecidos nestes estatutos para as xuntas extraordinarias.

2. Para a aprobación da censura á Xunta de Goberno requirirase o voto favorable da maioría.

3. Se prospera a moción de censura, cesarán nos seus cargos os censurados. Se o número de censurados for superior ao 50 % da Xunta de Goberno, convocaranse eleccións extraordinarias. Se é o caso, de ser inferior cubrirase o cargo segundo o indicado no artigo 50.

Artigo 78. Moción de confianza

A Xunta de Goberno, por proposta da súa presidencia, poderá solicitar a confianza dos/das colexiados/as, para o cal se convocará a Xunta Xeral en sesión extraordinaria, e a moción de confianza resolverase por maioría simple.

CAPÍTULO VIII

Do réxime económico dos colexios

Artigo 79. Recursos económicos ordinarios

Son recursos ordinarios do Colexio:

a) Os produtos dos bens e dereitos que posúa a Corporación, así como dos servizos e actividades de toda orde que desenvolva.

b) As cotas de incorporación de novos/as colexiados/as do mesmo xeito que as cotas periódicas ordinarias que os/as Colexiados/as deban satisfacer.

c) As taxas por intervención profesional.

d) Outros ingresos pola prestación de calquera servizo colexial.

Artigo 80. Recursos económicos extraordinarios

Constitúen recursos extraordinarios:

a) As subvencións ou doazóns que lle concedan ao Colexio as administracións, entidades ou persoas públicas ou privadas.

b) As cotas extraordinarias que con tal carácter poida acordar a Xunta Xeral de colexiados/as.

c) O produto do alleamento de elementos patrimoniais.

d) As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ao Colexio cando, en cumprimento dalgún mandato temporal ou perpetuo, administre calquera tipo de bens ou rendas.

e) Os provenientes da colaboración con entidades públicas ou privadas ou calquera outro ingreso atípico.

Artigo 81. Aplicación dos recursos económicos

1. Os recursos ordinarios deberanse aplicar ao cumprimento dos fins e funcións do Colexio conforme o establecido polas normas estatutarias e regulamentarias e ao que acorde, se é o caso, dentro do marco normativo citado, a Xunta Xeral de colexiados/as.

2. En todo caso, a repartición das cargas colexiais entre os/as colexiados/as deberase facer con respecto aos principios de xustiza distributiva e de equidade.

Artigo 82. Orzamentos

O Colexio formulará anualmente os seus orzamentos ordinarios de gastos e ingresos, e os extraordinarios, se os houber. Terminado cada exercicio, someterase á aprobación da Xunta Xeral de colexiados/as a liquidación do orzamento correspondente.

Artigo 83. Orzamento extraordinario

Cando as circunstancias así o aconsellen, poderanse elaborar orzamentos extraordinarios para atender aquelas necesidades imprevistas ou de urxente realización.

Artigo 84. Auditoría

Consonte o establecido no artigo 32.3 da Lei de colexios profesionais de Galicia, o Colexio Profesional deberá ser sometido a auditoría por unha empresa de auditoría externa, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos.

CAPÍTULO IX

Distincións e premios

Artigo 85. Réxime regulador

1. Poderase establecer un sistema de recompensas e premios para os/as colexiados/as que se distingan notoriamente no eido do exercicio profesional, a docencia ou a investigación, ou para as persoas, físicas ou xurídicas, alleas á profesión, que se fixesen acredoras polos seus méritos, traxectoria e conduta para un recoñecemento especial.

2. A dita distinción poderá consistir no outorgamento de diploma, medalla, placa ou outra distinción significativa do recoñecemento aos méritos da persoa interesada.

3. As suxestións, debidamente razoadas, poderán ser formuladas pola Xunta de Goberno ou por un número de colexiados/as superior a vinte e cinco, e serán inseridas na orde do día da Xunta Xeral a que se deba de someter a suxestión.

Artigo 86. Recoñecemento á antigüidade na colexiación

O Colexio poderá outorgar distincións por antigüidade aos seus colexiados/as.

CAPÍTULO X

Da responsabilidade disciplinaria

Artigo 87. Infracción de deberes

1. Os/as colexiados/as e, no caso de que a lexislación vixente o permita, as sociedades profesionais destes titulados, están suxeitos a responsabilidade disciplinaria en caso de infracción dos seus deberes colexiais ou deontolóxicos.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades, de calquera outra orde, en que os/as colexiados/as puidesen incorrer.

3. Se se ten coñecemento de que sobre os mesmos feitos obxecto da presunta responsabilidade disciplinaria se están seguindo actuacións penais, continuarase a tramitación do expediente disciplinario pero suspenderase a súa resolución ata que se coñeza a resolución xudicial firme ditada, sempre que os propios tribunais non autoricen a súa continuación, e mentres quedará interrompida a prescrición.

4. Só se poderán impoñer sancións disciplinarias en virtude de expediente instruído para o efecto e consonte o procedemento estatutariamente establecido.

5. En todo caso, será necesaria a tramitación, por parte do Colexio, do pertinente expediente administrativo no cal se lle outorgue audiencia á persoa interesada con carácter previo á adopción dunha resolución disciplinaria.

Artigo 88. Órgano disciplinario

1. Ademais das funcións especificadas no artigo 41 e concordantes destes estatutos, correspóndelle á Xunta de Goberno o exercicio da facultade disciplinaria, tanto no que concirne aos seus colexiados/as como a aqueles que exerzan na súa demarcación, consonte o establecido no artigo 41.1.f) destes estatutos.

2. A súa competencia esténdese á sanción das infraccións de deberes profesionais ou normas éticas de conduta, en canto afecten a profesión e o seu exercicio, realizadas polos/as colexiados/as, consonte o establecido no artigo 41.1.f) destes estatutos.

Artigo 89. Incoación de expediente

1. Os acordos de incoación e de resolución dos expedientes serán adoptadas pola Xunta de Goberno ou a Comisión Disciplinaria, de ser o caso, con asistencia, como mínimo, dos dous terzos dos seus compoñentes, sen contar os membros que fosen recusados ou se abstivesen de intervir ou nos cales concorra causa de imposibilidade xustificada ao xuízo da Xunta de Goberno ou da Comisión Disciplinaria. Os acordos deberanse tomar por maioría dos dous terzos dos presentes, sen que se admitan votos particulares.

2. O incumprimento por parte dos/das colexiados/as dos preceptos contidos tanto nestes estatutos como no Regulamento de réxime interior, no Regulamento de normas deontolóxicas de actuación profesional ou nos acordos validamente adoptados da súa respectiva xunta xeral ou xunta de goberno, será causa da sanción que en cada caso corresponda, para o cal se incoará o oportuno expediente.

3. A incoación do expediente dará lugar á designación pola Xunta de Goberno, de entre os seus compoñentes, dun/dunha instrutor/a e dun/dunha secretario/a. Para o caso de que estivese constituída a Comisión Disciplinaria, este nomeamento recaerá entre os membros que a conformen.

4. O cesamento dun/dunha instrutor/a non se poderá efectuar mentres non ultime os seus expedientes en trámite nin sequera por cesamento estatutario como membro da Xunta de Goberno ou da Comisión Disciplinaria, salvo que exista causa xustificada para iso ao xuízo dos devanditos órganos.

5. Do acordo de incoación de expediente, coa designación de instrutor/a e do/da secretario/a, darase conta ao/á expedientado/a.

6. A proposta de resolución con todo o actuado e o informe do/da instrutor/a elevaranse á Xunta de Goberno para que esta adopte a resolución que proceda.

7. O procedemento será instruído consonte o establecido pola Lei que regule o procedemento administrativo común.

8. A resolución da Xunta de Goberno dará fin ao expediente disciplinario e dela será notificado/a o/a expedientado/a e, de ser o caso, o/a denunciante tan só naqueles casos en que este/a teña a condición de interesado/a, publicándose no taboleiro de anuncios do Colexio e na páxina web colexial na área restrinxida, para o caso de que o procedemento se siga en rebeldía.

Artigo 90. Clasificación das infraccións

Para os efectos procedentes, as faltas clasificaranse do seguinte xeito:

1. Faltas leves:

a) A inadvertencia e a neglixencia escusables no cumprimento de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos reitores do Colexio.

b) As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

c) As faltas reiteradas de asistencia ou delegación desta ás reunións da Xunta de Goberno, xuntas delegadas, comisións e demais entidades corporativas.

d) As inconveniencias e desconsideracións de menor importancia entre compañeiros.

e) Os actos leves de indisciplina colexial, así como aqueles que publicamente danen o decoro ou o prestixio da profesión e, en xeral, os demais casos de incumprimento dos deberes profesionais ou colexiais ocasionados por un descoido escusable e circunstancial.

f) A non aceptación do cargo, falta de asistencia ou falta de desempeño efectivo do cargo respecto dos membros escollidos da Xunta Electoral.

2. Faltas graves:

a) O incumprimento inescusable do disposto nos preceptos estatutarios ou nos acordos dos órganos reitores do Consello Xeral, do Consello Galego ou do Colexio.

b) A falsidade en calquera dos documentos que se deban tramitar a través do Colexio, cando así fose declarado pola xurisdición competente.

c) A inacción nos traballos contratados e a percepción inxustificada de honorarios profesionais.

d) O encubrimento polos/as colexiados/as da intrusión profesional, cando fose declarado pola xurisdición competente.

e) A realización de traballos ou contratación de servizos mediando incuria, imprevisión ou outra circunstancia grave, que atente contra o prestixio profesional ou que pola xurisdición competente fosen declaradas actuacións constitutivas de competencia desleal, nos termos estipulados na lexislación vixente.

f) O incumprimento polo/a colexiado/a de calquera norma ditada pola Administración do Estado para a aplicación ou interpretación destes estatutos.

g) A exposición pública, verbal ou escrita, de asuntos inherentes á profesión que orixinen un desprestixio ou menoscabo desta ou dos/das compañeiros/as.

h) Os reiterados actos de indisciplina colexial, incluídos os de desconsideración cara aos compoñentes da Xunta de Goberno e demais órganos colexiais.

3. Faltas moi graves:

a) Serán consideradas faltas moi graves todas as acabadas de cualificar como graves sempre que concorran nelas circunstancias de especial malicia e dolo, polas cales os seus efectos presenten notable relevancia danosa.

b) Ser condenado por delito doloso, considerado en concepto público como infamante ou afrontoso.

c) Realizar accións que ataquen de modo transcendente a dignidade ou a ética profesional.

Artigo 91. Clasificación das sancións

As sancións disciplinarias serán:

1. Por faltas leves:

a) Apercibimento por oficio.

b) Reprensión privada perante a Comisión, con anotación na acta e no expediente.

2. Por faltas graves:

a) Reprensión pública, realizada no boletín do Colexio e no do Consello Xeral.

b) Inhabilitación para o exercicio de cargos directivos por un período non inferior a tres meses e non superior a dous anos, para os que ocupen algún cargo. Para o resto dos/das colexiados/as, a inhabilitación será por un mínimo de dous anos e un máximo de catro.

c) Suspensión de novos visados ou tramitación de traballos profesionais por un período non superior a tres meses.

d) Suspensión de novos visados ou tramitación de traballos profesionais por un período superior a tres meses e inferior a un ano.

e) Suspensión do exercicio profesional por un período de tempo que non exceda os seis meses.

3. Por faltas moi graves:

a) Suspensión no exercicio profesional por un período superior a seis meses e inferior a dous anos.

b) Expulsión temporal do Colexio por un período superior a seis meses e inferior a dous anos.

c) Expulsión definitiva do Colexio.

Na imposición destas sancións, a Comisión de Disciplina terá a liberdade de criterio para aplicar unha ou outra á infracción en cuestión, pero sempre dentro do grupo de transgresión a que dea lugar a sanción correspondente.

Artigo 92. Procedemento disciplinario

1. Non poderán ser impostas as sancións disciplinarias previstas no artigo anterior sen a formación previa de expediente.

2. A tramitación destes expedientes disciplinarios deberá ser polas canles establecidas na lexislación do procedemento administrativo común.

3. O Colexio atenderá as solicitudes de información no que atinxe aos/ás colexiados/as e sobre as sancións firmes a eles/elas impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lle formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

CAPÍTULO XI

Disolución e liquidación

Artigo 93. Causas de disolución do Colexio

1. O Colexio pódese disolver cando concorra algunha das causas previstas na lexislación de colexios profesionais.

2. A disolución é obrigatoria nos casos seguintes:

a) Por baixa de colexiados/as, se o número destes queda reducido a un número inferior ao das persoas necesarias para prover todos os cargos de goberno, de acordo co que prevén estes estatutos.

b) Por fusión do Colexio con outro da mesma profesión ou actividade, mediante a constitución dun novo colectivo profesional ou mediante a absorción do Colexio por outro colexio, igualmente da mesma profesión ou actividade.

3. Nos supostos previstos no punto anterior, a Xunta de Goberno ten que iniciar o procedemento de disolución tan pronto como se produza a causa que a provoca.

4. A disolución require a instrución previa dun expediente no cal terán que constar os estudos, informes e outra documentación que xustifique a necesidade, xunto coa aprobación pola Xunta Xeral, en sesión extraordinaria constituída para este único efecto, co voto favorable de máis das dúas terceiras partes (2/3) dos/das asistentes.

Artigo 94. Efectividade da disolución

1. O acordo de disolución adoptado pola Xunta será remitido á Xunta de Galicia.

2. A disolución do Colexio faise efectiva mediante un decreto da Xunta de Galicia, de acordo co que estipula a lexislación sobre exercicio de profesións tituladas e de colexios profesionais.

Artigo 95. Procedemento de liquidación

1. A disolución do Colexio abre o período de liquidación, e ata o seu remate o Colexio conserva a súa personalidade xurídica.

2. O acordo de disolución ten que determinar as persoas encargadas de levar a cabo a liquidación. Se o acordo non o determina expresamente, enténdese que os membros da Xunta de Goberno asumen a condición de liquidadores ou liquidadoras.

3. Os liquidadores e as liquidadoras asumen durante o seu período de actuación as funcións propias da Xunta de Goberno en todo aquilo que sexa estritamente necesario para proceder ás operacións de liquidación.

Artigo 96. Operacións de liquidación

1. Correspóndelles ás persoas encargadas da liquidación:

a) Coidar pola integridade do patrimonio do Colexio e render contas durante todo o proceso de liquidación.

b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan necesarias co fin de proceder á liquidación.

c) Cobrar os créditos do Colexio.

d) Liquidar o patrimonio e pagarlles aos acredores e acredoras.

2. O remanente patrimonial sobrante das operacións de liquidación tense que destinar a outras entidades sen afán de lucro cuxas finalidades sexan similares ás do Colexio. Para tal fin, os liquidadores e as liquidadoras terán que actuar de acordo cos criterios que determine, de ser o caso, o decreto de disolución.

3. No caso de disolución por fusión ou absorción, a aplicación do remanente sobrante, despois de efectuadas as operacións de liquidación, farase a prol do novo colexio creado ou do colexio beneficiario da absorción, sen que exista transmisión de bens e dereitos.

CAPÍTULO XII

Réxime xurídico dos actos do Colexio e dos recursos

Artigo 97. Natureza dos actos, sistema de recursos e notificacións

1. As resolucións da Xunta de Goberno de carácter persoal que afecten os dereitos e as obrigas colexiais dos/das interesados/as seranlles notificadas pola Secretaría do Colexio por conduto fidedigno. Así mesmo, cursarase, de ser o caso, a dita notificación ao correo electrónico do/da colexiado/a.

2. Contra os acordos do Colexio que teñan natureza administrativa poderá interpoñer no prazo dun mes, quen teña interese lexítimo, recurso de alzada consonte o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O organismo competente para a resolución do recurso de alzada será o Consello Galego.

CAPÍTULO XIII

Das normas deontolóxicas

Artigo 98. Deontoloxía profesional

1. O exercicio da profesión regulada da arquitectura técnica cumprirá, en todo caso, coas prescricións establecidas en todo momento no Código deontolóxico de actuación profesional da arquitectura técnica.

2. Na data de aprobación destes estatutos, as ditas prescricións están conformadas polo Regulamento de normas deontolóxicas de desempeño profesional (aprobado pola Asemblea Xeral do CGATE o 23 de febreiro de 2008 e modificado polo Acordo da Asemblea Xeral do 8 de novembro de 2014). Pódese consultar no seguinte enderezo:

http://www.arquitectura- tecnica.com/pdf/CODIGO_DENTOL.pdf

CAPÍTULO XIV

Servizo de Atención aos/ás Colexiados/as
e ás Persoas Consumidoras e Usuarias

Artigo 99. Servizo de Atención aos/ás Colexiados/as e ás Persoas Consumidoras e Usuarias

1. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos/as colexiados/as.

2. Así mesmo, o Colexio dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións se refiran á actividade colexial ou profesional dos/das colexiados/as, presentadas por un consumidor ou usuario dos servizos profesionais ou por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou na defensa dos seus intereses.

3. Para accederen á formulación dunha reclamación, os/as afectados/as poderán remitir un formulario de reclamación por correo á Dirección do Colexio. Na web deste colexio dispoñerase dun formulario de reclamación de queixas e solicitudes.

4. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación, segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, arquivando ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

5. O Colexio dispoñerá das oportunas canles de comunicación para a tramitación de queixas e solicitudes.

Artigo 100. Valedor do/da Colexiado/a

O Colexio pode crear a figura do Valedor do/da Colexiado/a, que será regulada, de ser o caso, polo Regulamento de réxime interno.

Disposición transitoria

1. Aos expedientes iniciados antes da aprobación destes estatutos aplicaráselles a normativa anterior, agás aos expedientes disciplinarios, que non teñan resolución firme en vía administrativa, nos cales se aplicará a normativa máis favorable ao presunto responsable.

2. Aos procesos electorais convocados con anterioridade á publicación destes estatutos seralles de aplicación o réxime electoral vixente con anterioridade á publicación destes estatutos.