Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 20 de decembro de 2022 Páx. 64595

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT723A).

A superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80 % do territorio galego, polo que a caza se constitúe nunha ferramenta fundamental e necesaria no control das poboacións das especies silvestres para acadar un equilibrio ecolóxico e fundamental no normal desenvolvemento dos ecosistemas naturais.

Neste marco, resultan importantes as boas prácticas durante a actividade cinexética, incluída a xestión adecuada dos seus hábitats para o fomento da riqueza cinexética.

A perdiz rubia e o coello de monte son as especies cinexéticas de caza menor tradicionais en Galicia. O progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de cultivo e provocou, entre outras, unha perda da calidade do medio vital para estas especies, contribuíndo así á regresión das poboacións. A isto hai que engadir o azoute da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, que provocou a mingua das poboacións de coello de monte.

Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio do seu uso prudente e racional. Neste sentido, o labor da Administración autonómica, entre outros, é intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación e os aproveitamentos sustentables dos recursos.

Partindo da necesidade de que o colectivo de persoas cazadoras se implique na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considérase necesario incentivar actuacións racionais no medio natural, para propiciar a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte e a adecuada xestión da práctica da actividade cinexética, en concordancia cun aproveitamento sustentable deste recurso.

O artigo 148.1.11 da Constitución, así como o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, confire á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, segundo o establecido no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer un réxime de axudas destinadas ás persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (código de procedemento MT723A).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Son actuacións subvencionables destas axudas:

a) Liña de actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de mellora de hábitats cinexéticos mediante a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas, de acordo coas indicacións contidas no anexo II.

b) Liña de actuación para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados, de acordo coas indicacións contidas no anexo II.

As actuacións de mellora do hábitat e construción de tobeiras artificiais non poderán afectar os hábitats prioritarios e deberán cumprir o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

2. En ningún caso se subvencionarán actuacións realizadas con anterioridade á publicación desta orde.

3. Non será obxecto de subvención:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

b) E todos aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da actuación subvencionable.

Artigo 3. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán acollerse a estas axudas tanto as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso, os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada tecor só será admisible unha única solicitude.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Contía dos investimentos e das axudas

1. Establécense as seguintes contías do investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:

a) Investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas, en terreos cinexeticamente ordenados:

– Roza e trituración mecánica do mato: 400 euros por hectárea. As rozas realizaranse de forma lineal e/ou irregular, dispersas polo terreo en superficies dun máximo de 1 hectárea.

– Gradadura, emenda e /ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea e realizarase en superficies continuas de, como máximo, 2.000 metros cadrados.

b) Para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados o custo subvencionable será dun máximo de 1.500 euros por tobeira.

A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 100 % do custo dos investimentos, fixándose, por solicitude de axuda, ata un máximo de 10.000 euros, para a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas, e ata de 6.000 euros, para a construción de tobeiras artificiais, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

2. Se por causa xustificada o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

3. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

4. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

5. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao seu contido.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia en que se localicen os terreos cinexéticos.

2. A solicitude de axuda, segundo o anexo I desta orde (código do procedemento MT723A), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo I desta orde, código de procedemento MT723A) presentarase a seguinte documentación:

a) Acordos dos órganos competentes das entidades polos cales se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, en que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude.

b) No caso de agrupacións de persoas titulares, anexo III, e acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, nos cales deberá encontrarse o de non disolver a agrupación ata que remate o prazo previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con indicación da porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha delas. Así mesmo, debe figurar o nome da persoa designada como representante delas para os efectos desta solicitude, e anexarase o nome da titular en cuxa conta bancaria se deberá realizar o ingreso.

c) Cando se actúe en nome dunha persoa xurídica deberase acreditar a representación con que se actúa e, ademais, o acordo dos partícipes para solicitar a subvención.

No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

– Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

- Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

d) Memoria valorada, que se axeite ás indicacións do anexo II e que deberá incluír, como mínimo: datos da/das persoa/s solicitante/s; datos dos terreos cinexéticos en que se localizarán as actuacións; descrición da problemática actual do terreo cinexético en relación coa/s especie/s, xustificando a adopción das medidas propostas; descrición das actuacións que se van realizar con indicación das datas previstas, a maquinaria e man de obra que se vai empregar, orzamento detallado; orzamento total; plano de situación 1:25.000 e fotografía do Sixpac ou planos catastrais en que se identifiquen perfectamente as parcelas sobre as cales se actuará mediante as referencias catastrais. Sobre estes planos e fotografías deberán marcarse as parcelas en que se vai actuar. Haberá que incluír, ademais, unha descrición das tobeiras.

e) Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións segundo o modelo do anexo IV.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificiación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Autorización do Servizo de Montes, consonte o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, só cando se pretenda o cambio de actividade forestal a agrícola co fin de mellorar o hábitat das especies cinexéticas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 12. Criterios obxectivos para a concesión das axudas

Criterios de puntuación:

Criterios de avaliación das actividades subvencionables

Puntos

Solicitantes que non recibiron axudas polos mesmos conceptos en convocatorias de anos anteriores

20 puntos

Superficie do tecor ou agrupacións de tecores menor ou igual a 6.000 ha

5 puntos

Superficie do tecor ou agrupacións de tecores maior de 6.000 ha e menor ou igual a 10.000 ha

10 puntos

Superficie do tecor ou agrupacións de tecores maior de 10.000 ha e menor ou igual a 20.000 ha

15 puntos

Superficie do tecor ou agrupacións de tecores maior de 20.000 ha

20 puntos

Por investimento subvencionable solicitado

0,25 puntos por cada 1.000 €

En caso de igualdade na puntuación obtida entre dúas solicitudes, este resolverase tendo en conta primeiro a de máis superficie de tecor ou agrupación de tecores e, de persistir a igualdade, o empate dirimirase segundo a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

Artigo 13. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia en que se localicen os terreos cinexéticos.

2. Os servizos de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se xuntan os documentos sinalados.

3. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 42, 43, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda poderanse facer, ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 2, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

6. En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o Servizo de Patrimonio Natural a que corresponda en función do territorio realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica e cumpre cos requisitos exixidos no anexo II da orde. Así mesmo, certificarase que os investimentos non están realizados con data anterior á da publicación desta orde. No caso de que as actuacións se atopen dentro da Rede Natura 2000, os servizos provinciais de Patrimonio Natural, da correspondente xefatura territorial emitirán de oficio un informe en que se analice a compatibilidade da actuación cos espazos da Rede Natura 2000.

Así mesmo, o Servizo de Patrimonio Natural a que corresponda en función do territorio comprobará a realización efectiva das actuacións obxecto da subvención e o cumprimento da finalidade, e asistirá tecnicamente as adxudicatarias das axudas, todo iso de conformidade co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, os servizos de Patrimonio Natural enviarán os expedientes completos, xunto cun informe administrativo sobre o cumprimento dos requisitos sinalados nesta orde. Posteriormente, procederá á súa baremación conxunta na Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas unha comisión, que establecerá a prelación das persoas solicitantes para obter a condición final de persoa beneficiaria ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Biodiversidade e Recursos Cinexéticos e Piscícolas, ou persoa en quen delegue. Ademais, integrarán a comisión as persoas titulares da xefatura de servizo de Caza e Pesca Fluvial e da Área de Caza nos servizos centrais. Esta última exercerá as funcións de secretaría.

A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, como órgano instrutor, realizará as propostas de resolución das solicitudes realizadas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

8. Na composición da Comisión de Valoración atenderase ao principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde que se esgote o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 16. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Rexistro público de subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do punto 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 18. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince (15) días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As obras obxecto de subvención deberán contar no momento do seu comezo coas licenzas e autorizacións preceptivas, se estas foren necesarias, e será responsabilidade da persoa beneficiaria a obtención de tales licenzas e autorizacións, sen que a Administración autonómica asuma ningunha responsabilidade ao respecto.

2. A aprobación da subvención implicará o compromiso das persoas solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e coas condicións técnicas recollidas na memoria e, en todo caso, axustarase aos termos recollidos na resolución.

3. A finalidade ou función da actividade ou obra deberase manter durante un prazo mínimo de 5 anos, de conformidade co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As beneficiarias deberán conservar, polo menos durante 5 anos, os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos, segundo o artigo 11.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Xustificación dos gastos

1. Con carácter xeral, o prazo para xustificar o remate das actividades e o pagamento dos conceptos correspondentes a elas finalizará o día 13 de outubro de 2023.

Ao abeiro do establecido no artigo 45.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, por petición xustificada da interesada realizada antes da finalización do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

2. Para a xustificación do investimento obxecto de axuda, a beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo V.

b) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Esta declaración axustarase ao modelo do anexo VII.

c) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase ao modelo do anexo VI.

d) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo VI.

e) Xustificantes do investimento, copia das facturas correspondentes aos investimentos subvencionados, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio e a data límite de xustificación.

f) Xustificantes do pagamento, copias das facturas xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria, de xeito que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

g) Documentación xustificativa de cumprir co requisito establecido no artigo 6, punto 1, letra e).

h) Documentación xustificativa de cumprir coas obrigas das persoas beneficiarias establecidas no artigo 19, punto 1.

3. Os servizos de Patrimonio Natural comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas ao anexo II e á documentación que serviu de base para o outorgamento da axuda.

4. Vista a certificación final das obras coa documentación presentada, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural fará, de ser o caso, proposta de pagamento da subvención concedida.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da subvención aprobada. Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da dirección xeral, poderá subvencionarse só unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto, que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente e sempre que se manteñan as condicións recollidas no anexo II. Neste caso, aplicarase a correspondente minoración.

2. Poderase realizar un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, de acordo co establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención.

De ser o caso, a persoa beneficiaria deberá solicitar por escrito ante á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo o modelo do anexo VIII, nun prazo de dez (10) días contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, o aboamento dun único pagamento anticipado, que non poderá superar o 50 % da axuda concedida, que contén unha declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituíren garantías segundo o establecido no artigo 65.4 da letra i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2023, no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.541.B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. O importe asignado é de douscentos trinta mil euros (230.000 €), de acordo co seguinte:

a) Liña de actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de mellora de hábitats cinexéticos mediante a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas: comprenderá ata un importe de cento cincuenta mil euros (150.000 €).

b) Liña de actuación para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados: comprenderá ata un importe de oitenta mil euros (80.000 €).

A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.

3. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 23. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007 citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

1. Indicacións xerais básicas a que deben axustarse as actuacións de mellora do hábitat cinexético.

A zona do tecor en que se localicen as actuacións deberá ter unha superficie mínima de 30 ha de matogueira.

As actuacións non poderán afectar os hábitats prioritarios. No caso de que as actuacións se pretendan levar a cabo no hábitat 4030-Queirogais secos europeos, estas consistirán exclusivamente na súa roza cando teñan unha altura media superior a 1,5 m e non sexan penetrables, e non se realizará a gradadura de discos, a encalaxe e a sementeira.

As rozas realizaranse de forma lineal e/ou irregular, dispersas polo terreo en superficies dun máximo de 1 hectárea.

Os restos da roza serán triturados mecanicamente ou, se non fose tecnicamente posible, serán amoreados.

Estas rozas deben ir acompañadas da sementeira dun cereal de inverno e/ou dunha leguminosa, nunha porcentaxe mínima do 50 % da superficie total rozada.

A preparación do terreo tras a roza realizarase en superficies continuas de, como máximo, 2.000 metros cadrados e consistirá nunha gradadura de discos e unha encalaxe coa maior antelación posible á sementeira. A colleita obtida quedará no monte para o seu aproveitamento pola fauna.

As actuacións obxecto de axuda deberán realizarse de tal xeito que se eviten posibles prexuízos tanto á cría da perdiz como doutras especies animais presentes na zona.

As actuacións en terreos incluídos nun espazo natural protexido, segundo a normativa vixente, non poderán ser contraditorias co determinado na norma reguladora que os atinxa e, en todo caso, deberán contar co informe favorable do Servizo Provincial de Patrimonio Natural.

2. Directrices xerais para a construción de tobeiras artificiais.

A construción das tobeiras realízase a partir de materiais naturais que se van superpoñendo en diferentes fases da construción sobre unha estrutura de palés de madeira, co que se obtén unha estrutura circular ou elíptica.

Construiranse con catro pisos de catro ou seis palés cada un, que se colocan directamente sobre o chan sen necesidade de escavación previa.

Os palés serán robustos e cun grosor de polo menos dous centímetros. As dimensións oscilarán entre 110 e 130 cm de lado e deberán estar totalmente pechados na súa parte superior, para evitar que a terra penetre no interior da tobeira (no caso de aberturas moi amplas colocarase sobre eles unha tea de saco para reducir o paso de terra). En ningún caso se empregará material plástico para esta finalidade.

Estas tobeiras terán polo menos dúas entradas para facilitar a introdución dos coellos e a entrada e saída ata que os animais constrúan novas bocas.

As entradas poden ser tubos robustos de PVC ou similar duns 120 cm de lonxitude e dun diámetro interior de polo menos 12 cm, que conecten co interior dalgún dos pisos de palés. Estes tubos colocaranse de maneira que sobresaian uns 30 cm da tobeira (tamén poden deixarse cunha maior lonxitude, por exemplo 50 cm ou máis, para que así non queden cubertos con terra durante a construción); posteriormente, xusto antes da introdución de coellos, recortarase o sobrante. É moi importante que estes tubos estean horizontais e que as entradas se manteñan pechadas durante o proceso de construción e ata a introdución dos coellos.

Ao redor dos palés e a uns 100 cm de distancia dos seus bordos disporase unha barreira de contención duns 50 cm de altura, constituída por pedras e/ou troncos, para a suxeición dos diferentes materiais que constitúen a tobeira. Esta barreira pode reforzarse coa colocación de troncos que faciliten a suxeición da estrutura.

No referente ao tamaño de construción, é recomendable que o raio maior non sexa moi inferior aos 5 m e o eixe menor (no caso de forma elíptica) sexa de 3 m. A altura inicial deberá ser superior a 1,5 m. As tobeiras situaranse a unha distancias mínimas de entre 15-25 m entre elas.

Finalmente e para favorecer a supervivencia dos animais e o asentamento na zona, colocarase unha malla tipo galiñeiro que rodee a tobeira e que impida a saída dos animais durante os primeiros días de solta.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file