En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cambre referente á localización de diversas edificacións e actividades, mediante a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 28 de novembro de 2022, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2204&_aaeTipology_WAR_aae_id=2204
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cambre referente á localización de diversas edificacións e actividades
O Concello de Cambre remite a modificación puntual sinalada para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).
Analizada a documentación subscrita polo arquitecto Alfonso Díaz Revilla (Oficina de Planeamiento, S.A.) en decembro de 2020, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Cambre dispón dunhas mormas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27.7.1994 (texto refundido do 26.9.1994).
2. O arquitecto municipal emitiu o 24.4.2019 informe sobre o borrador e o documento ambiental estratéxico da modificación, favorable á súa tramitación.
3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 2.7.2019 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.
4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 2.8.2019 (DOG do 22 de agosto), en que se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.
No marco do proceso de consultas previas, contestou, ademais da DXOTU, o Instituto de Estudos do Territorio que sinala que a modificación non provocará impacto significativo ningún. O informe ambiental estratéxico sinala que tamén contestaron a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sen obxeccións; a Dirección Xeral de Mobilidade, sen obxeccións; e a Axencia Galega de Infraestruturas, que fai unhas consideracións sobre afeccións acústicas, ordenación e distancias mínimas a estradas.
5. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu o 16.1.2020, coa conformidade da Secretaría municipal, informe en que se propón a aprobación inicial da modificación.
6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 30.1.2020. Foi sometido a información pública polo prazo de dous meses (La Opinión e Diario Oficial de Galicia do 25.6.2020), sen se presentar alegacións, segundo certificado do 28.9.2020.
7. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 27.2.2020 en materia de costas, sen obxeccións.
8. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe favorable o 27.3.2020, coa condición de incorporar á normativa as limitacións de uso derivadas do ruído que sinala.
9. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 26.10.2020:
a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:
• Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 3.7.2020, en que sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.
• Informe de Augas de Galicia do 17.7.2020, en que sinala que non procede emitir observacións, posto que a modificación non afecta as súas competencias.
• Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 3.8.2020, favorable.
• Informe do Instituto de Estudos do Territorio do 2.10.2020, en materia de paisaxe, sen obxeccións.
b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada; recibíronse respostas dos concellos de Oleiros (20.8.2020) con alegacións sobre a viabilidade da modificación; e de Bergondo (7.8.2020) sen alegacións.
10. Polo que respecta aos informes non autonómicos na documentación remitida consta:
a) Demarcación de Estradas do Estado en Galicia: informe do 20.2.2020, favorable.
b) Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 24.1.2020, favorable sempre que se teñan en conta as consideracións relativas á prevalencia do réxime establecido pola Lei de costas.
c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital: informe do 23.7.2020, favorable.
d) Área de Fomento da Subdelegación do Goberno na Coruña: escrito do 17.8.2020 en que se comunica que a modificación non incide en propiedades afectas á Defensa Nacional, nin no Inventario de Bens e Dereitos do Estado. O 21.10.2020 comunica que tampouco afecta as propiedades das entidades xestoras da Seguridade Social.
e) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas: informe do 7.7.2020, con observacións xerais sobre a normativa en materia eléctrica, gas e hidrocarburos.
f) Informe da Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do 4.4.2020, favorable.
11. O arquitecto municipal emitiu o 15.12.2020 informe favorable, con manifestación sobre as alegacións presentadas.
12. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu, coa conformidade da Secretaría municipal, informe o 16.12.2021, en que propón a aprobación provisional da modificación, con desestimación da alegación do Concello de Oleiros.
13. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 29.12.2020.
14. A solicitude da aprobación definitiva da modificación entrou na Xunta de Galicia o 30.4.2021. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu a emenda das deficiencias documentais observadas con datas do 27.5.2021 e do 14.10.2022. O Concello achegou a documentación requirida o 19.9.2022 e o 17.10.2022.
15. A Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio emitiu o 19.7.2021 informe favorable á adaptación da modificación ao Plan de ordenación do litoral.
16. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 3.6.2021 informe favorable á modificación en materia de costas.
II. Obxecto e descrición do proxecto.
1. A modificación puntual ten por obxecto a regulación de varios usos en ordenanzas residenciais de solo urbano e de núcleo rural de cara a minimizar os efectos negativos que poden producir sobre a poboación residente a implantación de novas gasolineiras, estacións de servizo ou instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, así como a instalación de actividades de lecer e esparexemento (cafés-concerto, discotecas, salas de baile, salas de festa, tablaos flamencos) e talleres mecánicos de chapa e pintura de automóbiles.
2. Para acadar tales fins introdúcense as seguintes modificacións na normativa:
a) Artigo 20. Clases de usos: establécense as categorías en que se dividen os usos residencial, industrial, terciario e dotacional e institucional, dividindo os de industrial-produtivo, comercial, recreativo e dotacional e institucional en compatibles (categoría 1ª) ou incompatibles (categoría 2ª) co uso residencial, deixando nestes segundos os relacionados no obxecto da modificación. Dentro do uso almacenaxe distínguense a categoría 1ª (ata 350 m²) e 2ª (máis de 350 m²).
b) Artigos 36, 38, 39, 40 e 55 reguladores da edificación no solo urbano residencial, e artigos 41 e 101 reguladores da edificación no solo urbano e non urbanizable dos núcleos (rurais) de poboación: mantendo o uso residencial como principal, detállanse os usos permitidos (terciario comercial de categoría 1ª, terciario recreativo de categoría 1ª, e pequena industria compatible co residencial, produtivo e almacenaxe da categoría 1ª).
III. Análise e consideracións.
1. Razóns de interese público da actuación.
Constitúen razóns de interese público a mellora das condicións de vida dos residentes nas áreas residenciais do municipio e a minimización de riscos potencialmente existentes.
2. Contido da modificación.
a) O proxecto aprobado provisionalmente contén a redacción do artigo 101 modificado que inclúe a especificación da categoría de uso de pequena industria compatible co residencial, produtivo e almacenaxe que se considera como compatible nas normas reguladoras do solo non urbanizable dos núcleos de poboación, a categoría 1ª. Así dáse cumprimento ao indicado no punto III.2.a) do informe da DXOTU do 2.7.2019.
b) A modificación conta como anexo I á memoria cun informe xustificativo en relación coa normativa sectorial vixente, que fai referencia ao artigo 43.2 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e ao artigo 3 do Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de intensificación da competencia en mercados de bens e servizos, como se exixía no punto III.2.b) do informe da DXOTU do 2.7.2019.
A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1 e 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.
IV. Resolución.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cambre referente á localización de diversas edificacións e actividades.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.
4. Notifíquese esta orde ao Concello.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.