Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 27 de decembro de 2022 Páx. 65986

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, ten por obxecto situar a taxa de temporalidade estrutural por baixo do 8 por cento no conxunto das administracións públicas españolas. A reforma actuará en tres dimensións: adopción de medidas inmediatas para remediar a elevada temporalidade existente, articulación de medidas eficaces para previr e sancionar o abuso e a fraude na temporalidade a futuro e, por último, potenciación da adopción de ferramentas e unha cultura da planificación para unha mellor xestión dos recursos humanos.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, prevé que teña lugar un novo proceso de estabilización do emprego temporal nas administracións públicas, mediante a convocatoria extraordinaria de prazas que non consomen taxa de reposición.

En virtude do Decreto 79/2022, do 25 de maio, aprobouse a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 102, do 30 de maio).

A dita lei autoriza no seu artigo 2 a realización dun proceso de estabilización baixo a modalidade de concurso-oposición para aquelas prazas que estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020, sempre que non tivesen sido convocadas en procesos de estabilización anteriores, ou que sendo convocadas e resoltas, queden sen cubrir.

Por outra banda, respecto ás prazas convocadas, cómpre ter en conta o disposto nas disposicións terceira e cuarta do Decreto 79/2022, do 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo cómpre sinalar que en desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Nesta convocatoria non se prevé a promoción interna, dado que se trata dun proceso único e excepcional habilitado polo disposto na Lei 20/2021, do 28 de decembro.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 79/2022, do 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 5/2022, do 21 de decembro de 2022, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 243, do 23 de decembro) e coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Consellería de Facenda e Administración Pública, no uso das competencias que lle atribúe a dita Lei 2/2015, do 29 de abril (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir as prazas das distintas escalas que se especifican no anexo I desta convocatoria correspondentes á oferta de emprego público derivada do Decreto 79/2022, do 25 de maio.

As prazas obxecto desta convocatoria poderán verse incrementadas ou minoradas por un número igual ao de prazas de estabilización convocadas en procesos anteriores á entrada en vigor da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e que no momento desta convocatoria estiveran aínda sen rematar e á súa finalización quedaran sen adxudicar.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. Nos respectivos anexos especifícanse as prazas que poden ser cubertas pola quenda de discapacidade.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios se os houbese e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 2/2015 do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos, excepto para o requisito da titulación que se estará ao disposto na base I.2.3.

I.2.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, antes da publicación no DOG da resolución de persoas aprobadas efectuada pola Dirección Xeral da Función Pública, o título universitario oficial de grao. Para este efecto, e para o suposto que non se teña acreditado xunto coa solicitude de inscrición, o órgano convocante sinalará un prazo de presentación nun momento anterior á confección polo tribunal da listaxe de persoas aprobadas no dito proceso. As titulacións obtidas despois dese prazo non se terán en conta para a confección da dita proposta de persoas aprobadas.

Tamén poderán acceder a estes corpos as persoas que estean en posesión das titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente.

Considérase equivalente ao título de diplomado universitario ter superados tres cursos completos de licenciatura.

Para os efectos desta convocatoria, o termo de equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, substituíron as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.4. Coñecemento da lingua galega. Débese estar en posesión do título do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non obstante, aquelas persoas que non acheguen a titulación anteriormente indicada deberán superar unha proba tipo test de coñecemento da lingua galega nos termos que se establecen na base II.

I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.6. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.7. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade, terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, na data de publicación desta convocatoria.

I.2.8. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence ao mesmo corpo e subgrupo obxecto desta convocatoria.

I.3 Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Logo de elixir a modalidade de solicitude, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos dos solicitante poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe de «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se atopen relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia autentica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día 16 de xaneiro de 2023.

I.3.3. As persoas interesadas deberán incorporar obrigatoriamente xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Copia do título do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

e) Os datos relativos á exención de taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación, para iso deberán indicalo no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar, coa súa solicitude, orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste punto, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, e os fillos dos feridos e falecidos.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento electrónico-con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningún das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Do mesmo xeito, a Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes que acadasen un posto na mesma categoría, corpo, grupo ou escala en virtude do proceso selectivo que se encontre en execución e que na data da publicación desta convocatoria non estivese rematado, e así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que soliciten a devolución e no cal consten o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Non se poderá presentar máis dunha solicitude de participación para unha mesma escala ou categoría. No caso de presentar varias solicitudes para un mesma escala ou categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, a listaxe de persoas aspirantes admitidas que teñen pendente de acreditar estar en posesión do Celga requirido.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou, de ser o caso, para presentaren a xustificación de estar en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, a listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba de coñecemento da lingua galega requirida.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participaren no proceso selectivo. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

II. Proba de coñecemento da lingua galega.

II.1. A dita proba é eliminatoria e obrigatoria para todas aquelas persoas aspirantes que non acreditasen estar en posesión ou en condicións de obteren, o día da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o nivel de coñecemento da lingua galega requirido para o acceso ao corpo, grupo, subgrupo, ou escala en que participen.

II.2. A proba de coñecemento da lingua galega realizarase de acordo co nivel do Celga requirido por cada proceso selectivo. Para todos os corpos, grupos, subgrupos e escalas desta convocatoria, o nivel de galego exixido será o Celga 4.

Realizarase unha proba única por niveis de coñecemento do Celga requirido e será común para todos os corpos, grupos, subgrupos e escalas que se convoquen ao abeiro Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que establecen como requisito de acceso estar en posesión ou en condicións de obter título do Celga 4.

A dita proba será desenvolta por un tribunal nomeado para o efecto por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función publica e será único e distinto dos tribunais cualificadores dos procesos selectivos convocados. O dito tribunal rexerase na súa composición e nas súas actuacións polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e o Decreto 95/91, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e polas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, e demais normativa de aplicación, así como polo disposto na base V desta convocatoria que lle resulte de aplicación

O dito tribunal constituirase exclusivamente para desenvolver as probas de nivel de coñecemento da lingua galega de todos os procesos selectivos que se convoquen en execución do Decreto 79/2022, do 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), e a superación da proba soamente terá efectos para poder participar nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización e consolidación de emprego público convocados ao abeiro da Lei 20/21, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, sen que, en ningún caso, a súa superación implique o recoñecemento do dereito á obtención do titulo do Celga correspondente ou a súa convalidación.

II.3. A proba consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de sesenta (60) preguntas tipo test, con catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta, máis tres (3) de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de noventa (90) minutos.

O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical, correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto.

Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

II.4. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal a Dirección Xeral da Función Pública publique as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que posuían, antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Este exercicio realizarase no prazo mínimo de dous (2) días hábiles e o máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal.

III. Proceso selectivo.

III.1. Fase de oposición.

A valoración da fase de oposición terá unha puntuación máxima de 60 puntos.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura publicado na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro). Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figuran publicadas na resolución anterior e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

III.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio.

a) Para o corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2 (agás a escala de xestión de sistemas de informática) e para o corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, o exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cento corenta (140) preguntas tipo test relacionado co anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro).

O exercicio dividirase en dúas partes:

A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de trinta (30) preguntas da parte xeral-bloque I. Esta parte disporá de tres (3) preguntas de reserva. As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.

A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico e práctico de cento dez (110) preguntas da parte xeral-bloque II, das cales noventa (90) preguntas serán de contido teórico e vinte (20) preguntas serán sobre un suposto práctico tipo test, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal. O exercicio disporá de seis (6) preguntas de reserva, das cales dúas (2) serán sobre un suposto práctico. As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.

b) Para a escala de xestión de sistemas de informática, o exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cento corenta (140) preguntas tipo test, das cales corenta (40) corresponderán á parte xeral e cen (100) á parte específica do programa que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro). Este exercicio disporá de seis (6) preguntas de reserva, das que dúas (2) serán da parte común e catro (4) da parte específica do programa.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

En ambos os casos, a) e b), tempo máximo de duración deste exercicio será de cento oitenta (180) minutos.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas deste exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.

Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de se dar o caso de que o número de aspirantes que superaron este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Este exercicio realizarase no prazo mínimo de sete (7) días hábiles e o máximo de sesenta (60) días hábiles desde a publicación do resultado do exercicio da proba da lingua galega.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal publicará, con anterioridade á realización da proba, os criterios de corrección, valoración e superación desta que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

III.1.1.2. Segundo exercicio.

a) Para o corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2 (agás a escala de xestión de sistemas de informática) e para o corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, as persoas aspirantes deberán desenvolver por escrito un (1) tema, que se elixirá entre tres (3), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman o contido da parte específica do programa que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro).

O exercicio terá unha duración máxima de cen (100) minutos.

O tribunal cualificará o exercicio valorando os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

b) Para a escala de xestión de sistemas de informática, as persoas aspirantes deberán contestar un cuestionario de corenta (40) preguntas tipo test sobre un suposto práctico relacionado coa parte específica do programa que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro). Este exercicio disporá de catro (4) preguntas de reserva.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O exercicio terá unha duración máxima de cento vinte (120) minutos.

O segundo exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de sete (7) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de sesenta (60) días hábiles.

III.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

III.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabético e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comece pola letra T, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 28 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 13 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 13, do 20 de xaneiro).

III.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

III.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

III.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

III.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

III.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con dez (10) días naturais, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

III.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas, publicarao no DOG.

III.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

III.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a orde que corresponda.

III.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

IV. Fase de concurso.

A valoración dos méritos terá unha puntuación máxima de 40 puntos.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

IV.1. Experiencia profesional, un máximo de trinta (30) puntos.

a) Experiencia profesional acreditada, entendida como os servizos prestados na Administración convocante, como empregado público na propia escala ou categoría profesional a que se opta ou na escala ou categoría profesional equivalente, a razón de 0,25 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 30 puntos.

Enténdese por Administración convocante, para os efectos desta convocatoria, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades que figuran no anexo IV desta convocatoria e de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 79/2022, do 25 de maio.

Os servizos prestados en escalas ou categorías profesionais extinguidas consideraranse prestados nas escalas ou categorías profesionais en que se integraron ou refundiron cada unha delas.

Ao persoal indefinido non fixo que, como consecuencia das sentenzas que así o declaren, se integrou en categorías xenéricas de persoal laboral, pero ocupan prazas que son convocadas nas escalas de Administración especial, dispoñen da titulación específica e realizan funcións propias de ditas escalas, computaránselle os servizos prestados como realizados na escala na que se convocan as prazas que ocupan.

b) Experiencia profesional acreditada entendida como os servizos prestados en calquera outra Administración pública diferente das anteriores, como empregado público na propia escala ou categoría profesional a que se opta ou na escala ou categoría profesional equivalente, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación, a razón de 0,125 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 30 puntos.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG), a excedencia por razón de violencia de xénero de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG e a excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,25 puntos ou por 0,125 puntos segundo corresponda.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

Ao persoal laboral fixo ou ao que se atope en condicións de adquirir a fixeza en virtude dos procesos selectivos en curso, que se presenten aos procesos derivados da Lei 20/2021, non se lle computarán os servizos prestados como persoal laboral temporal na categoría que sexa equivalente á escala funcionarial convocada.

Finalmente, no anexo III desta convocatoria figuran as equivalencias entre escalas e categorías profesionais.

A experiencia profesional na Administración convocante apreciarase de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública.

IV.2 Outros méritos, ata un máximo de 10 puntos.

a) Formación, un máximo de sete puntos e medio (7,5) puntos (300 horas de formación).

Cursos de formación. Valoraranse os cursos de formación recibidos convocados ou organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estivesen homologados pola EGAP; cursos acreditados polo INEM; cursos acreditados polas consellerías da Xunta de Galicia ou das entidades que figuran no anexo IV desta convocatoria; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e cursos impartidos por universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas, valorarase con 0,025 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 2,5 puntos por curso. A puntuación máxima desta epígrafe será 7,5 puntos.

Para os efectos de puntuación deste apartado estimaranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

b) Galego: ata un máximo dous puntos e medio (2,5) puntos.

– Coñecemento da lingua galega de nivel superior ao establecido como requisito de acceso ata un máximo de 2,5 puntos.

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas, ou Celga 5: 2 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 2,5 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do galego, só se computará o superior.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

IV.3. Os méritos enumerados nas bases IV.1 e IV.2 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no DOG e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no DOG.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

IV.4. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, as persoas aspirantes deberán presentar, de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior, a documentación relativa á fase de concurso.

IV.5. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública, e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

IV.6. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non tomen posesión efectiva ou non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

V. Tribunal.

V.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da persoa titular da Consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e o Decreto 95/91, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

V.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non encontrarse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

V.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

V.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

V.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen as substitúa.

V.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

V.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia.

V.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

V.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

V.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

V.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto na base V.1, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

V.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base IV.6.

V.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

V.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).

VI. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

VI.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1º. En caso de infrarrepresentación do sexo feminino na correspondente, escala, especialidade ou categoría profesional, o empate dirimirase a prol da muller.

2º. Pola puntuación obtida nos exercicios da oposición pola súa orde de realización.

3º. Polo maior tempo de servizos prestados na escala, especialidade ou categoría profesional obxecto da convocatoria na Administración ou entidade convocante.

4º. Pola maior antigüidade de servizos prestados no ámbito de aplicación da Administración convocante.

5º. Pola maior idade da persoa aspirante.

6º. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

VI.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos no caso de que non fosen presentados ou validados previamente:

A) Copia auténtica do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

C) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán ademais acreditar, no caso de que coa solicitude se opoñan á consulta, tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar a Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

VI.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

VI.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

VI.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base VI.1.

VI.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

VII. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

Anexo I

Prazas convocadas persoal funcionario

Corpo/escalas

Quenda de discapacidade

Acceso libre

Total

Corpo de xestión

I. Corpo de xestión da Administración xeral:

(Inclúe as prazas das categorías 1, 7 e 21 do grupo II de persoal laboral)

5

5

II. Escala de xestión de sistemas de informática:

(Inclúe prazas da categoría 27 do grupo II de persoal laboral)

1

1

III. Escala técnica de finanzas:

2

2

Corpo facultativo de grao medio

IV. Escala de enxeñeiros técnicos:

Especialidade enxeñaría técnica de obras publicas

1

1

Especialidade enxeñaría técnica industrial

1

1

Especialidade de enxeñaría técnica forestal:

(Inclúe prazas da categoría 39 do grupo II de persoal laboral)

1

1

Especialidade enxeñaría técnica agrícola:

2

17

19

V. Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos:

Especialidade bibliotecas

2

2

VI. Escala de axentes de extensión pesqueira:

1

1

VII. Escala técnica de facultativos:

Especialidade enfermaría:

(Inclúe prazas da categorías 2 do grupo II de persoal laboral)

2

2

Especialidade de fisioterapia:

(Inclúe prazas de fisioterapeuta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar)

1

1

Especialidade traballo social:

(Inclúe prazas da categoría 17 do grupo II de persoal laboral e de traballador social do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar)

5

5

Especialidade terapia ocupacional:

(Inclúe prazas da categoría 20 do grupo II de persoal laboral e de terapeuta ocupacional do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar)

4

4

Especialidade educador social:

(Inclúe prazas da escala técnica de facultativos, especialidade educadores e da categoría 6 do grupo II de persoal laboral)

5

5

Especialidade educador infantil:

(Inclúe prazas da categoría 40 do grupo II de persoal laboral e de educador/a infantil do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar)

27

27

De conformidade coa disposición adicional primeira do Decreto 79/2022, todas as prazas publicadas de categorías de persoal laboral dependentes de función pública e que polo disposto na Lei 2/2015, do 29 de abril, teñan unha equivalencia nos corpos e nas escalas de carácter funcionarial convocaranse nun proceso selectivo único acumuladas á escala que lles corresponda de persoal funcionario, de acordo co sinalado no Decreto 165/2019, do 26 de decembro.

Na páxina web de Función Pública publicaranse os postos concretos correspondentes ás prazas ofertadas nesta convocatoria.

Anexo II

Titulacións

Proceso selectivo

Titulación

Corpo de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia

Grao, titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente

Escala de xestión de sistemas de informática

Grao, titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente

Escala técnica de finanzas

Grao, titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente

Especialidade de enxeñeira técnica de obras publicas

Enxeñeiro técnico de obras públicas ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico de obras publicas

Especialidade de enxeñeira técnica industrial

Enxeñeiro técnico industrial ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial

Especialidade de enxeñeira técnica forestal

Enxeñeiro técnico forestal ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal

Especialidade enxeñeira técnica agrícola

Enxeñeiro técnico agrícola ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola

Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos

Diplomado ou graduado nunha titulación da rama de artes e humanidades ou da rama de ciencias sociais e xurídica ou enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente

Escala de axentes de extensión pesqueira

Diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama

Especialidade enfermaría

Diplomado en enfermaría ou graduado nunha titulación que habilite para a profesión de enfermaría

Especialidade fisioterapia

Diplomado en fisioterapia ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de fisioterapeuta

Especialidade traballo social

Diplomado en traballo social ou graduado nunha titulación equivalente da rama de ciencias sociais e xurídicas

Especialidade terapeuta ocupacional

Diplomado en terapia ocupacional ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de terapeuta ocupacional

Especialidade educación social

Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en educación primaria ou diplomado en educación social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciado en pedagoxía, da titulación de licenciado en psicoloxía ou da titulación de licenciado en psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores.

Especialidade educación infantil

Grao que habilite para o exercicio da profesión de mestre de educación infantil ou título de mestre coa especialidade de educación infantil.

Considerase equivalente ao título de diplomado universitario ter superados tres cursos completos de licenciatura.

Para os efectos desta convocatoria, o termo de equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron a substituír as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

ANEXO III

Táboa de equivalencias de escalas/categorías

Proceso selectivo

Escala ou categorías equivalentes

Corpo de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia

– As escalas establecidas na alínea B do anexo do Decreto 91/1991, do 20 de marzo, sobre integración de escalas da comunidade de funcionarios procedentes doutras administracións públicas.

– As categorías profesionais 1, 7,21 e 37 do Grupo II do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

– Técnico/a medio de inclusión sociolaboral no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

– Posto base subgrupo A2 no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Escala de xestión de sistemas de informática

A categoría profesional 27, do grupo II, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Escala de enxeñaría técnica forestal

– A categoría profesional 39 e 41, do grupo II, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Especialidade de enfermaría

– A categoría profesional 2 do grupo II, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Enfermeiro/a no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Especialidade de traballo social

– A categoría profesional 17 do grupo II do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Traballador/a social no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Especialidade de terapia ocupacional

– A categoría profesional 20 do grupo II, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Terapeuta ocupacional no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Especialidades de educador/a social

– A categoría profesional 6 do grupo II, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Educador social no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Especialidade de educador/a infantil

– A categorías profesionais 8 e 40 do grupo II, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Educador/a infantil no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Anexo IV

Órgano convocante

Os méritos irán referidos ao órgano convócante, a Dirección Xeral da Función Pública convocará os procesos selectivos incluídos no 45.a) da Lofaxga, cando se trate de prazas de persoal funcionario ou de persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, polo tanto inclúe:

1. Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

3. Axencia Galega da Industria Forestal.

4. Agacal.

5. Axencia Galega de Emerxencias.

6. Intecmar, soamente respecto ao persoal ao cal lle resulta aplicable o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

7. Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

8. Academia Galega de Seguridade Pública.

9. Axencia de Turismo de Galicia (soamente parcialmente respecto ao persoal ao cal lle resulta aplicable o V Convenio colectivo único para o persoal da Xunta de Galicia, polo tanto, non se inclúe o persoal desta entidade que se atopa baixo o convenio de oficinas e despachos da provincia da Coruña ou o convenio colectivo da sociedade Plan Xacobeo).

10. Axencia Galega de Innovación, agás o persoal non integrado no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

11. EGAP.

12. Instituto Galego de Estatística (IGE).

13. Atriga.

14. IGVS.

15. APLU.

16. AXI.

17. Augas de Galicia, agás o persoal non integrado no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

18. Xurado de Expropiación de Galicia.

19. Agadic.

20. Issga.

21. Axencia Galega de Servizos Sociais.

22. Fogga.

23. Instituto de Estudos do Territorio, respecto ao persoal integrado no V Convenio colectivo ínico para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

24. Amtega, respecto ao persoal incluído no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.