Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66415

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 219/2022, do 15 de decembro, polo que se nomean dous vogais do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, expertos no eido da Administración pública.

O artigo 7 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública de Galicia (EGAP), modificado pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, establece a composición do Consello Reitor do dito organismo. No número 3, letra c), do mesmo artigo sinálase que formarán parte do citado consello cinco expertos de recoñecido prestixio no eido da Administración pública, nomeados polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co anterior e co fin de dar cumprimento a este mandato, mediante este decreto procédese á renovación parcial dos ditos vogais expertos no eido da Administración pública para, en concreto, nomear como vogais do Consello Reitor da EGAP a Xosé Antón Sarmiento Méndez, letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, e a Mónica Siota Álvarez, profesora contratada doutora de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear como novos vogais do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, na súa calidade de expertos no eido da Administración pública, a Xosé Antón Sarmiento Méndez e a Mónica Siota Álvarez.

Agradecer os servizos prestados a Ángel Gómez-Iglesias Casal, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Santiago de Compostela, e a José Luis Carro Fernández-Valmayor, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública