Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2023 Páx. 142

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR536A).

BDNS (Identif.): 666305.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:

a) Estar oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma galega para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas.

b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se for o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir co establecido no Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, e polo que se modifican o Regulamento (UE) nº 652/2014 e as directivas 89/608/CEE e 90/425/CEE do Consello, e se derrogan determinados actos no ámbito da cría animal (Regulamento sobre cría animal), e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifican o Real decreto 558/2001, do 25 de maio; o Real decreto 1316/1992, do 30 de outubro; o Real decreto 1438/1992, do 27 de novembro, e o Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro.

d) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, definición que se inclúe no anexo II desta orde.

e) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

f) Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, poderán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 10 do Real decreto 45/2019. Tamén poderán integrarse nunha asociación de segundo grao as asociacións recoñecidas para diferentes razas.

Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), d), e) e f) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Segundo. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural, destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 30 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2023.

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2023, de douscentos vinte mil euros (220.000 €).

A contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 4 da orde con fondos dos orzamentos xerais de Estado, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural