Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2023 Páx. 2552

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 15 de marzo de 2022, modificada pola Resolución do 10 de xuño de 2022, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a.

O Decreto 30/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 29 de marzo), o Decreto 220/2020, do 3 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente ao ano 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 255, do 21 de decembro), e o Decreto 75/2021, do 8 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 3 de maio), autorizaron a convocatoria dun total de mil setenta (1.070) prazas correspondentes á categoría de enfermeiro/a, que foron obxecto de convocatoria de concurso-oposición mediante a Resolución do 15 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo).

O Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), autorizou a convocatoria, polo sistema de concurso-oposición, dun total de duascentas trinta (230) prazas da categoría de enfermeiro/a, o que deu lugar á publicación da Resolución do 10 de xuño de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 17 de xuño), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 15 de marzo de 2022 pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, para ampliar o número de prazas.

Mediante o Decreto 215/2022, do 1 de decembro, aprobouse a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 21 de decembro), que autoriza a convocatoria de duascentas cincuenta e seis (256) prazas da categoría de enfermeiro/a.

As convocatorias derivadas do Decreto 30/2019, do Decreto 220/2020, do Decreto 75/2021, do Decreto 81/2022 e do Decreto 215/2022, convócanse conxuntamente mediante o sistema de concurso-oposición e razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección, así como para simplificar a participación das persoas aspirantes evitando a inscrición en varias convocatorias, fan oportuna a tramitación dun único proceso conxunto que inclúe prazas de taxa ordinaria e taxa de estabilización.

Con esta ampliación de prazas, facilítase a realización de probas para acceso a 1.556 prazas de enfermaría polo sistema de concurso-oposición, nun único proceso que ten como finalidade a redución da temporalidade nesta categoría profesional.

Por outra banda, a disposición adicional sétima da Lei 5/2022, do 21 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 243, do 23 de decembro), permite a redución de prazos dos procesos selectivos atendendo a razón de urxencia derivados dos procesos de estabilización, aos cales se suman as prazas que se recollen nesta resolución, polo que o prazo de solicitude que se abre con esta convocatoria será de 15 días.

Por outra banda, por Resolución do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 223, do 23 de novembro), publicáronse diversos acordos adoptados pola mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo, incluíndo medidas relacionadas co desenvolvemento dos procesos selectivos, en concreto a posibilidade de realizar os exercicios da oposición noutra data se a muller está de parto o día do exercicio, polo que procede modificar as bases da convocatoria para incluír esta previsión.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na mesa sectorial de negociación e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 18.1.c) do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro),

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 10 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 17 de xuño), pola que se modifica a Resolución do 15 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, para ampliar o número de prazas obxecto de convocatoria, mantendo as bases xerais.

O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se indica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral.

Segundo. As bases, programa das probas selectivas e temarios, exercicios, baremo, e o procedemento e prazo de acreditación de méritos para este proceso serán os aprobados pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 15 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo), coa excepción da base 8.1.7 segundo se recolle na disposición cuarta desta resolución.

Os requisitos de participación no proceso deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso serán os recollidos no anexo IV da resolución de convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o 23 de marzo de 2022.

Terceiro. Reabrir o prazo de solicitude desde o día 9 de xaneiro de 2023 ata o 27 de xaneiro de 2023, ambos os días incluídos, para a presentación de solicitudes de participación neste proceso.

As persoas aspirantes que presentaron a solicitude de participación neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 25 de marzo de 2022 e o 15 de xullo de 2022 non terán que presentar nova instancia de participación nin achegar ningunha documentación.

Aquelas persoas aspirantes que presentaron a solicitude de participación neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 25 de marzo de 2022 e o 15 de xullo de 2022 e desexen modificar a quenda de acceso poderán efectualo mediante a formalización a través de Fides/Expedient-e dunha nova solicitude de participación, que deixará sen efecto a inicialmente presentada e na cal se detallará a nova quenda solicitada.

Esta solicitude, logo de confirmada electronicamente, deberá ser presentada dentro do prazo de presentación de solicitudes, por rexistro electrónico, ou de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañada da documentación exixida, segundo o suposto, na base 2.5 da resolución de convocatoria do proceso.

Cuarto. Modifícase a base 8.1.7 da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, que queda redactada do seguinte modo:

No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ou que desen a luz días antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Realizarán, así mesmo, os exercicios no centro hospitalario aquelas embarazadas en situación de incapacidade temporal ou parto recente (unha semana) que por razón desas situacións non poidan desprazarse ao lugar de realización das probas. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que tivesen posto en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización e se tivese recibido na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta, que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

A muller que se atope de parto o día en que se realicen os exercicios da oposición e non sexa posible a realización da proba no hospital, poderá realizala dentro dos 15 días seguintes.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

Anexo I

Prazas e titulación

Categoría

Subgrupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva discapacidade

Total

Titulación

Enfermeiro/a

A2

1.135

332

89

1.556

Título universitario oficial de grao en Enfermaría, diplomatura universitaria de Enfermaría ou equivalente