Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2023 Páx. 2684

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de decembro de 2022 pola que se regula a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para o ano 2023.

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 58 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro), indica que, por medio da orde anual de pesca continental, a consellería competente en materia de pesca continental establecerá, para cada tempada, as normas específicas de pesca das distintas especies pescables que habitan as augas continentais de Galicia, adoptará os réximes especiais que se coiden pertinentes en determinados tramos de auga e aprobará as modificacións e as revisións dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas que sexan necesarias.

As normas específicas de pesca fixarán as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura, os cebos e as modalidades de pesca para cada especie en todas as augas continentais da Comunidade Autónoma, sen prexuízo do disposto nas normas específicas para cada tramo de auga.

O artigo 7 da Orde do 28 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2022 (DOG núm. 36, do 22 de febreiro) establece que a pesca da lamprea se autoriza unicamente nos ríos Tea e Ulla. As autorizacións para a pesca da lamprea regúlanse mediante unha normativa específica que publica anualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O artigo 65 da Lei de pesca continental de Galicia establece que a pesca continental de carácter etnográfico gozará dunha especial protección administrativa polo seu especial interese socioeconómico e cultural. Sen prexuízo do establecido no artigo 65 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a consellería competente en materia de pesca continental poderá permitir o emprego de determinadas técnicas tradicionais de pesca continental de carácter etnográfico que se achen en previsible risco de desaparecer e sobre determinadas especies piscícolas, co obxectivo último de garantir a súa transmisión, promoción e posta en valor. As condicións especiais que rexerán a práctica da pesca continental de carácter etnográfico, así como o título habilitante, as artes, os modelos e as técnicas necesarias para o seu desenvolvemento, determinaranse regulamentariamente.

Unicamente poderán ser obxecto da pesca continental de carácter etnográfico a lamprea e a anguía.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa específica para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca continental de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da modalidade de pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie de peixe moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establece, no seu artigo 88, os obstáculos, instrumentos, as artes e os aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, coa excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2023.

Mediante a Orde do 22 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial (códigos de procedemento MT807B, MT807C, MT823A e MT823B), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 190, do 5 de outubro de 2022, habilitouse na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento MT823A co obxecto de tramitar as solicitudes de autorización para a pesca de lamprea nas pesqueiras do río Ulla. Conforme o disposto no artigo 8.7 da citada orde, a normativa específica para cada tempada de pesca establecerá os prazos de admisión de solicitudes de autorización de pesqueiras no río Ulla.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta norma é establecer os prazos de admisión de solicitudes de autorización de pesqueiras no río Ulla para o aproveitamento específico de lamprea (Petromyzon marinus) durante o ano 2023 (código de procedemento MT823A).

Artigo 2. Solicitantes

Poderán presentar solicitudes as persoas físicas titulares de dereitos de uso das pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla, como se detallan no anexo I desta orde.

Artigo 3. Limitacións á pesca

1. A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións seguintes:

a) Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na denominada «vea».

b) Deberán empregarse redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

c) Serán devoltos á auga ou entregados ao persoal da Administración que o solicite todos aqueles exemplares de especies piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

d) En todo momento, deberán colaborar co persoal do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, seguindo as súas instrucións.

2. Estas limitacións obrigan a todas as persoas autorizadas, sexan ou non titulares das pesqueiras.

Artigo 4. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será:

a) Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 16 de xaneiro ao 8 de abril.

b) No tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón), ambas incluídas, do 30 de xaneiro ao 22 de abril.

c) No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis), todas incluídas, do 6 de febreiro ao 6 de maio.

O mesmo día que remate o período autorizado deberán retirarse as artes de pesca.

2. As redes só poderán estar colocadas das 20.00 ás 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns, período en que deberán levantarse as redes das pesqueiras.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado MT823A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 35 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. O prazo máximo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e para cada pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI ou NIE, durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregaráselles un libro ou folla de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e estar sempre á disposición do persoal do Servizo de Patrimonio Natural.

Unha vez rematada a tempada, o libro ou folla de rexistro deberá ser enviado, no prazo de 15 días, ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, na avenida María Victoria Moreno, nº 43, 2º.

O cumprimento deste requisito será indispensable para optar aos permisos da próxima temporada.

No caso de que faga uso da pesqueira unha persoa distinta de quen solicita a autorización, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar, no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, a conformidade da persoa autorizada.

Artigo 9. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.

Polo uso indebido da pesqueira responderá a persoa titular. Se nun mesmo posto hai varias persoas titulares, responderán solidariamente.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.

Disposición transitoria única

Para os efectos do establecido no artigo 11 desta orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e mentres non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla, expedirase a correspondente licenza das outras clases segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira en que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no anexo I desta orde.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por proposta do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

missing image file