Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3381

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se prorrogan medidas de estabilidade para determinado persoal temporal licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria.

I

Mediante a Resolución do 20 de marzo de 2019 (DOG núm. 77, do 23 de abril), no marco do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016), iniciouse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Ese pacto sobre selección de persoal estatutario temporal está denunciado e pendente de modificación nos termos que resulten da negociación na Mesa Sectorial.

Con data do 20 de abril de 2021, tras o consenso acadado na Comisión Central de Seguimento do dito pacto, foi ratificado na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario, pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT, un Acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria. Este acordo unánime contou tamén coa aprobación dos sindicatos CESM e O’MEGA na súa condición de membros da antedita Comisión de Seguimento.

O acordo, que foi publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 22 de abril seguinte (DOG núm. 96, do 25 de maio), ademais de incorporar no seu ordinal primeiro un calendario sobre a elaboración e entrada en vigor das listas de aspirantes, estableceu no ordinal segundo unha garantía de estabilidade para o persoal temporal dese colectivo de persoal licenciado sanitario que, o 31 de marzo de 2021, viñera prestando continuadamente os mesmos servizos por un período igual ou superior a dous anos.

Como se fai constar na parte expositiva do acordo, esa garantía de estabilidade respondeu á «constatación de que, a pesar das medidas adoptadas en execución do Plan de estabilidade do emprego publicado no DOG núm. 85, do 4 de maio de 2017, aínda existe un número relevante de nomeamentos eventuais que respostan a necesidades permanentes e estables». De aquí que «atendendo o principio de estabilidade no emprego, considérase preciso adoptar medidas de transición que garantan a permanencia no emprego, máis aló da entrada en vigor das listas de selección temporal, das persoas que estean a cubrir esas necesidades. Estas medidas de estabilidade aplicaranse a quen veña prestando os mesmos servizos, de modo continuado, por un período igual ou superior a dous anos».

Esa garantía de estabilidade, da cal se beneficiaron 582 profesionais (persoal facultativo especialista de área e médico/a de admisión e documentación clínica), está incardinada nunha serie de medidas impulsadas para dotar de estabilidade aos cadros de persoal do colectivo de persoal licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria. Así, xunto ao precedente que supuxo o xa citado Plan de estabilidade do emprego publicado no DOG núm. 85, do 4 de maio de 2017, o propio acordo do 20 de abril de 2021 veu seguido dun incremento, para o orzamento do ano 2022, de 409 prazas de persoal facultativo especialista de área, e da execución dun concurso-oposición dirixido a incrementar en máis de mil persoas o colectivo de persoal fixo das anteditas categorías.

II

Certamente, a antedita garantía de estabilidade estaba acordada ata o momento en que «se publique no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se proceda ao nomeamento, como persoal estatutario fixo, das/dos aspirantes seleccionadas/os nos procesos selectivos, da súa correspondente categoría/especialidade, que se están a tramitar ou sexan proximamente convocados».

Con todo, xustamente despois do acordo do mes de abril de 2021 cambiou dun modo moi substancial o marco normativo do emprego público, emerxendo nova normativa básica en materia de temporalidade. Trátase do Real decreto lei 14/2021, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a redución da temporalidade, da posterior Lei 20/2021, do 28 de decembro, sobre a mesma materia, e finalmente do Real decreto lei 12/2022, do 5 de xullo, polo que se modificou a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Esta normativa para a redución da temporalidade, máis aló de cambiar con vocación de permanencia o marco normativo da selección e o nomeamento do persoal temporal, e da duración das relacións temporais de emprego público, impón o desenvolvemento de procesos de estabilización do emprego temporal de máis longa duración; ademais, para evitar dilacións, a norma fixa o 31 de decembro de 2024 como data límite para que finalicen eses procesos de estabilización.

Esta nova normativa básica afectou e afecta a actividade negociadora da Mesa Sectorial en varios aspectos. Así, a propia urxencia de negociar os procesos derivados da Lei 20/2021 adiou a negociación, desenvolvida xa en varias reunións, dun novo pacto sobre selección de persoal estatutario temporal. Ademais, o novo marco normativo altera inevitablemente as bases en que se deben sustentar as futuras políticas de persoal e as negociacións en materia de selección e nomeamento de persoal temporal e de duración das relacións estatutarias temporais.

De feito, a propia Mesa Sectorial asumiu este cambio de paradigma na regulación da temporalidade coa sinatura por unanimidade, o 28 de setembro de 2022, dun Acordo sobre os criterios de incorporación e cesamento aplicables nos procesos selectivos e de provisión do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia. En efecto, con este acordo (DOG núm. 192, do 7 de outubro) as partes comprométense a revisar os criterios de incorporación e cesamento que establece o capítulo V do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, expoñendo que a nova normativa «obriga expresamente as administracións sanitarias a promover o desenvolvemento de criterios de actuación dirixidos a limitar a temporalidade», e anticipando que esa futura negociación «atenderá o principio xeral de reducir a temporalidade e de outorgar relevancia, como criterio de cesamento, á maior antigüidade dos nomeamentos temporais, nas condicións que resulten da negociación».

III

Recentemente finalizaron os procesos selectivos aos que aludía aquel ordinal segundo do Acordo do 20 de abril de 2021, co nomeamento como novo persoal fixo dun colectivo que supera un milleiro de aspirantes seleccionados (persoal facultativo especialista de área e médico/a de admisión e documentación clínica).

En consecuencia, atendendo o réxime transitorio acordado, debería extinguirse a garantía de estabilidade establecida no ordinal segundo para o persoal que, o 31 de marzo de 2021, viñera prestando continuadamente os mesmos servizos por un período igual ou superior a dous anos.

Porén, tras realizar un estudo da situación constatouse que un colectivo próximo ás 140 persoas con esa garantía de estabilidade, e que, polo tanto, supera actualmente os tres anos e medio prestando continuadamente os mesmos servizos –en moitos casos sobradamente–, resultaría inmediatamente cesado nun contexto normativo básico, xa exposto, dirixido precisamente a promover medidas de estabilidade.

De aquí que, como criterio de actuación amparado nese marco normativo, e máis concretamente no novo artigo 9 quater da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco, proceda adoptar algunha medida que prorrogue a estabilidade daquel colectivo ata que finalicen os procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021.

Para estes efectos óptase por crear cando proceda, co persoal con garantía de estabilidade e susceptible de ser cesado, unha bolsa específica en cada distrito sanitario, á cal se outorgará prioridade para acceder a calquera nomeamento temporal que se realice nese distrito.

Desta forma, ademais, contribuirase a evitar a rotación e sucesión de distinto persoal temporal nos equipos de traballo –dotando de continuidade o seu traballo– e a cubrir de forma inmediata as necesidades de persoal temporal.

Esta medida ten carácter excepcional e transitorio e foi negociada nas reunións, conxuntas da Comisión Central de Seguimento do pacto de selección temporal e da Mesa Sectorial, celebradas os días 21 e 30 de decembro de 2022.

De conformidade co que antecede, no uso das competencias atribuídas nos artigos 18 e seguintes do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 208, do 31 de outubro), e o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 82, do 29 de abril),

DISPOÑO:

Como medida transitoria dirixida á estabilidade do emprego do persoal temporal de máis longa duración, ao control da temporalidade dentro dos equipos asistenciais, a dotar de continuidade o traballo dos ditos equipos –evitando a rotación e sucesión de distinto persoal temporal– e a cubrir de forma inmediata as necesidades de persoal temporal, para a selección do persoal temporal facultativo especialista de área (FEA) e médico/a de admisión e documentación clínica de cada distrito sanitario aplicarase o seguinte sistema:

1. Selección por unha bolsa específica de cada distrito sanitario. Esta bolsa crearase e aplicarase unicamente cando na lista xeral da correspondente especialidade (categoría, para médico/a de admisión) existan, ou teñan solicitado a inscrición, unha ou varias persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser beneficiarias da garantía de estabilidade prevista no punto segundo do Acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria, asinado na Mesa Sectorial e publicado pola Orde do 22 de abril de 2021 (DOG núm. 96, do 25 de maio).

b) Prestar servizos o 12 de decembro de 2022 (data da publicación no DOG da resolución de nomeamento do novo persoal fixo).

Os/as aspirantes serán incluídos/as na bolsa do distrito en que prestasen servizos ese día 12 de decembro de 2022.

Para as especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, e medicina interna, esa data de referencia será o 4 de outubro de 2022 (data da publicación no DOG da resolución de nomeamento do novo persoal fixo).

Nas cinco especialidades cuxo proceso selectivo foi convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), que neste intre está en tramitación na súa fase de concurso, as bolsas específicas serán elaboradas igualmente, de ser o caso, tras a publicación do nomeamento das persoas aspirantes que sexan seleccionadas.

2. A persoa ou persoas que, por cumprir os anteditos requisitos, sexan incluídas na bolsa específica dun distrito, terán prioridade para acceder a calquera nomeamento temporal que se realice nese distrito, con independencia da súa duración e réxime de xornada.

Cando sexan varias as persoas aspirantes incluídas na bolsa específica, a orde de prelación para os chamamentos virá determinada pola puntuación que resulte dos servizos prestados na especialidade (categoría, para médico/a de admisión) dentro do propio distrito sanitario. En caso de empate, aplicaranse os criterios de desempate que establece o pacto vixente sobre selección de persoal estatutario temporal.

As bolsas específicas serán publicadas na páx. web do Servizo Galego de Saúde.

3. Cando a persoa ou persoas incluídas na bolsa do distrito non estean vinculadas por un nomeamento de longa duración, ofertaráselles como mellora de vinculación calquera vínculo de longa duración que se realice no distrito.

Cando estean vinculadas cun nomeamento de atención continuada/gardas, tamén terá a consideración de mellora calquera outra modalidade de nomeamento de curta duración.

4. As persoas incluídas na bolsa específica dun distrito poderán acceder a nomeamentos temporais noutros distritos en atención á súa puntuación na lista xeral e ás súas preferencias de distrito, de conformidade co réxime xeral acordado en aplicación do pacto vixente sobre selección de persoal temporal.

5. As persoas incluídas na bolsa específica dun distrito non serán en ningún caso penalizadas por renunciar a ofertas de vinculación noutros distritos sanitarios.

6. As persoas aspirantes incluídas nunha bolsa específica de distrito serán excluídas dela cando rexeiten un nomeamento temporal ofertado no distrito, precisamente, pola súa condición de aspirante incluído na bolsa preferente. Tamén serán excluídas cando accedan a un nomeamento temporal noutro distrito. Garantirase, en todo, caso a audiencia da persoa afectada.

7. Con independencia da utilización e do réxime propio das bolsas específicas, nos demais aspectos do sistema de selección (suspensión de chamamentos, revogación de nomeamentos, penalizacións...) aplicaranse as normas xerais pactadas e vixentes para a selección de persoal temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

8. Subsidiariamente, no suposto de indispoñibilidade de aspirantes dentro dunha bolsa específica de distrito, para a selección do persoal temporal facultativo especialista de área (FEA) e médico/a de admisión e documentación clínica aplicaranse as normas xerais de prelación pactadas para a selección de persoal temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

9. Vixencia das bolsas específicas de distrito:

a) As bolsas específicas serán de aplicación para os nomeamentos temporais que se expidan con posterioridade ao 12 de xaneiro de 2023 (último día do prazo de toma de posesión do persoal fixo recentemente nomeado).

Nas cinco especialidades cuxo proceso selectivo foi convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), que neste intre está en tramitación na súa fase de concurso, as bolsas específicas serán de aplicación para os nomeamentos temporais que se expidan con posterioridade ao último día do prazo que se fixe para a toma de posesión.

b) As bolsas de distrito extinguiranse pola exclusión da persoa ou persoas incluídas nelas e, en todo caso, cando finalice o prazo de toma de posesión dos correspondentes procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (concurso-oposición ou concurso; de ser o caso, concurso-oposición e concurso).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante esta dirección xeral no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos