Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3183

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 222/2022, do 7 de decembro, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula, no capítulo IV do título V, a selección e nomeamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na propia lei. De conformidade coa disposición derradeira quinta da lei orgánica, ao abeiro da competencia que corresponde ao Estado conforme o artigo 149.1.1ª, 18ª e 30ª da Constitución, o articulado que integra este capítulo dítase con carácter básico, agás os artigos 130.1, 131.2 y 131.5.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, modifica a redacción dos artigos 131, 132, 134, 135, 136 e 137 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que integran o capítulo IV do título V, que regulan o equipo directivo, as competencias do director ou directora, os requisitos para ser candidato a director, o procedemento de selección e o nomeamento, respectivamente.

A lei orgánica prevé que a selección destes directores e directoras se realice mediante un concurso no cal se garantan os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade. Así mesmo, establece que a selección deberá ser realizada no propio centro por unha Comisión constituída por representantes da Administración e do centro, e que a selección se realizará valorando especialmente as candidaturas do centro. Neste senso, a lei recolle os supostos en que resulta necesario o nomeamento con carácter extraordinario dos directores e directoras, as causas de cesamento e o recoñecemento da función directiva.

A selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación regulábase nesta comunidade autónoma mediante o Decreto 29/2007, de 8 de marzo.

O presente decreto, de conformidade coa disposición derradeira sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ten como finalidade desenvolver o capítulo IV do título V desta, regulando todo o relativo á selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na propia lei, agás os centros integrados de formación profesional, de acordo coa redacción dada a este capítulo pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Deste xeito, o decreto desenvolve a lei orgánica no relativo a algún dos requisitos para participar no concurso de méritos e exixe que as persoas candidatas posúan a certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva impartido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o Ministerio de Educación e Formación Profesional ou polas administracións educativas das restantes comunidades autónomas, con validez en todo o territorio nacional.

En relación cos centros específicos de educación infantil, os incompletos de educación primaria, os de educación secundaria con menos de oito unidades e os que impartan ensinanzas artísticas profesionais, deportivas, de idiomas ou as dirixidas a persoas adultas con menos de oito docentes, non se exixe o requisito dun mínimo de cinco anos de antigüidade como persoal funcionario na función pública docente, nin ter exercido funcións docentes como persoal funcionario durante un período mínimo de cinco anos nalgunha das ensinanzas das que ofrece o centro a que se opta nin tampouco posuír a certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva.

Pola súa vez, no articulado do decreto determínase tamén o número total de vogais das comisións de selección, o período máximo de nomeamento dos directores e directoras e o nomeamento con carácter extraordinario por un período de dous anos.

O decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para adaptar o marco normativo autonómico ás modificacións realizadas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, ao non existir ningunha alternativa regulatoria menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico. Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da exposición do proxecto no Portal de transparencia da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e non prever cargas administrativas para os destinatarios.

No proceso de elaboración este decreto someteuse a informe económico-financeiro da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública, informe de impacto por razón de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade e informe de análise do impacto demográfico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, así como informe da Asesoría Xurídica Xeral. Así mesmo, someteuse a ditame do Consello Escolar de Galicia e foi tratado na Mesa sectorial docente non universitaria.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular o procedemento de selección, nomeamento e cesamento das direccións dos centros docentes públicos que imparten algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dependentes da consellería competente en materia de educación da Comunidade Autónoma de Galicia, agás dos centros integrados de formación profesional.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este decreto será de aplicación a todo o persoal docente funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia dependente da consellería competente en materia de educación que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Este decreto non será de aplicación á selección de directores e directoras dos centros integrados de formación profesional.

Artigo 3. Principios xerais

1. A selección da dirección realizarase mediante un proceso en que participen a comunidade educativa e a Administración educativa.

2. A selección e nomeamento das direccións dos centros docentes públicos efectuarase mediante concurso de méritos entre persoal docente que sexa funcionario de carreira e que reúna os requisitos establecidos no artigo 4 do presente decreto.

3. A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Artigo 4. Requisitos para a candidatura á dirección

1. Serán requisitos para participar no concurso de méritos os seguintes:

a) Ser persoal docente funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incluído o corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional.

b) Ter unha antigüidade de polo menos cinco anos como persoal funcionario na función pública docente.

c) Ter exercido funcións docentes como persoal funcionario, durante un período de polo menos cinco anos, nalgunha das ensinanzas das que ofrece o centro a que se opta. Para estes efectos, considéranse as mesmas ensinanzas a educación infantil e a educación primaria.

Reúne este requisito para presentar candidatura á dirección dos institutos de educación secundaria o persoal docente funcionario de carreira do corpo de mestres das especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que desempeñase funcións de atención á diversidade na educación secundaria durante, polo menos, cinco anos.

d) Estar prestando servizos nun centro educativo dependente da consellería competente en materia de educación da Xunta de Galicia e depender organicamente desta. Tamén poderán presentarse aquelas persoas en situación de servizos especiais, excedencia por coidado de familiares ou en excedencia voluntaria, sempre que se estivese nunha destas situacións por resolución da consellería competente en materia de educación da Xunta de Galicia.

e) Posuír a certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva impartido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o Ministerio de Educación e Formación Profesional ou polas administracións educativas das restantes comunidades autónomas, con validez en todo o territorio nacional.

f) Presentar un proxecto de dirección que inclúa, entre outros, os obxectivos, as liñas de actuación e a avaliación deste.

2. Nos centros específicos de educación infantil, nos incompletos de educación primaria, nos de educación secundaria con menos de oito unidades, nos que se impartan ensinanzas artísticas profesionais, deportivas, de idiomas ou as dirixidas a persoas adultas con menos de oito docentes non se exixirán os requisitos establecidos nas alíneas b), c) e e) deste artigo.

Artigo 5. Convocatoria do concurso de méritos

O concurso de méritos será convocado pola consellería competente en materia de educación, antes do 1 de abril de cada ano, especificando os centros en que está ou vai quedar vacante a dirección en 30 de xuño.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. A solicitude de participación no concurso de méritos dirixirase á xefatura territorial da consellería competente en materia de educación da provincia correspondente, no modelo que estableza a propia consellería.

Non poderá presentarse candidatura para máis de dous centros.

Cando se presente candidatura para dous centros, a persoa candidata deberá determinar a orde de prioridade na selección.

2. A documentación que deberá achegarse xunto coa solicitude é a seguinte:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo de méritos.

b) Proxecto de dirección que inclúa, polo menos, unha presentación e fundamentación do proxecto, os obxectivos, os plans e as liñas de actuación e a avaliación deste. O proxecto de dirección deberá estar orientado a lograr o éxito escolar de todo o alumnado e deberá incluír, entre outros, contidos en materia de igualdade entre mulleres e homes, non discriminación e prevención da violencia de xénero. De solicitarse máis dun centro deberá presentarse un proxecto específico de dirección para cada centro.

3. Así mesmo, o persoal participante no concurso de méritos remitirá ao centro docente unha copia do seu proxecto de dirección, que estará a disposición das persoas integrantes do claustro de profesorado e do consello escolar.

4. A xefatura territorial da consellería competente en materia de educación remitirá ás comisións seleccionadoras toda a documentación presentada polo persoal aspirante á dirección do centro.

Artigo 7. Comisión de Selección

1. En cada centro educativo constituirase unha Comisión de Selección, nomeada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, que terá a seguinte composición:

a) Dúas persoas pertencentes ao corpo de inspección educativa, designadas pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, unha das cales exercerá a presidencia da Comisión.

b) Un director ou directora en activo en centros que impartan as mesmas ensinanzas que aquel no cal se desenvolve o procedemento de selección, cun ou máis períodos de exercicio con avaliación positiva do traballo desenvolvido, designado pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación.

c) Tres profesores do centro elixidos polo claustro de profesores, de entre os cales se designará o secretario da Comisión.

d) Tres membros non docentes do consello escolar elixidos polo propio consello escolar.

2. En ningún caso as persoas candidatas á dirección poderán formar parte da Comisión de Selección.

3. Os alumnos e alumnas que, se é o caso, sexan nomeados como representantes do consello escolar terán que estar matriculados nun curso non inferior a terceiro de educación secundaria obrigatoria.

4. Ás persoas integrantes da Comisión de Selección seranlles de aplicación as normas sobre abstención e recusación previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5. Designarase unha persoa suplente de cada persoa integrante da Comisión de Selección en cada un dos ámbitos de representación.

Artigo 8. Regras especiais de composición das comisións de selección

1. Cando o número de persoal docente do centro sexa inferior a catro ou o número de candidaturas á dirección non permita ao claustro elixir tres persoas de entre o profesorado, a composición da Comisión de Selección será a seguinte:

a) Unha persoa pertencente ao corpo de inspección educativa designada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, que exercerá a presidencia.

b) Un director ou directora en activo en centros que impartan as mesmas ensinanzas que aquel en que se desenvolve o procedemento de selección, cun ou máis períodos de exercicio con avaliación positiva do traballo desenvolvido, designado pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación.

c) Dous profesores do centro elixidos polo claustro de profesores, de entre os cales se designará o secretario da Comisión.

d) Dous membros non docentes do consello escolar elixidos polo propio consello escolar.

2. Composición excepcional da Comisión de Selección.

De xeito excepcional, cando non sexa posible nomear a Comisión de Selección de acordo co establecido no punto primeiro deste artigo por non poder nomear dúas persoas integrantes do profesorado do centro por mor das candidaturas presentadas, a composición será a seguinte:

a) Unha persoa pertencente ao corpo de inspección educativa designada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, que exercerá a presidencia.

b) Un profesor do centro elixido polo claustro de profesores, que será o secretario da Comisión.

c) Un membro non docente do consello escolar elixido polo propio consello escolar.

3. Resultarán de aplicación ás comisións reguladas neste artigo os puntos 4, 5 e 6 do artigo 7 do presente decreto.

Artigo 9. Funcións da Comisión de Selección

As comisións de selección terán as seguintes funcións:

a) Comprobar que o persoal aspirante reúne os requisitos establecidos na correspondente convocatoria de concurso de méritos, e proceder á súa admisión ou, se é o caso, á súa exclusión.

b) Valorar os méritos académicos e profesionais das persoas aspirantes con destino no centro e, se for o caso, das persoas candidatas que non os teñen, de acordo co baremo que se publica como anexo a este decreto.

c) Valorar os proxectos de dirección, conforme o baremo que se publica como anexo a este decreto.

d) Establecer a puntuación final obtida polo persoal aspirante e seleccionar a persoa candidata que proporán para o seu nomeamento á dirección do centro, de acordo cos criterios establecidos no artigo 10 deste decreto.

e) A resolución das reclamacións presentadas polo persoal participante en relación co concurso de méritos.

f) Calquera outra relativa ao proceso de selección que lles sexa encomendada nas respectivas convocatorias.

Artigo 10. Selección do director

1. A selección da persoa que será proposta para o nomeamento á dirección do centro docente será realizada pola Comisión de Selección, que deberá aplicar o baremo que se publica como anexo a este decreto.

2. Para que unha persoa aspirante poida ser proposta para o nomeamento como director deberá obter polo menos seis puntos no proxecto de dirección.

3. A Comisión de Selección poderá ter unha entrevista co persoal docente que presentou candidatura se considera necesario clarificar algúns aspectos do proxecto de dirección. Cando a Comisión de Selección decida a realización desta entrevista, deberá efectuala, inicialmente, a todas e cada unha das persoas candidatas con destino no centro e, se for o caso, a todas as persoas candidatas que non o teñen.

4. A selección realizarase considerando primeiro as candidaturas do profesorado do centro, que terán preferencia. En ausencia de candidaturas do centro ou cando estas non reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 deste decreto ou non obteñan a puntuación mínima no proxecto de dirección establecida no punto 2 deste artigo, a Comisión valorará as candidaturas do profesorado doutros centros.

Artigo 11. Reclamacións e recursos

1. A Comisión de Selección efectuará unha publicación das puntuacións provisionais concedidas a cada candidatura á dirección e outorgará un prazo de cinco (5) días hábiles de reclamacións ante a propia Comisión, computable a partir do día seguinte ao da súa publicación polo medio que se estableza na convocatoria.

2. Transcorrido o prazo de reclamación e, se é o caso, resoltas estas, a Comisión de Selección resolverá definitivamente o concurso de méritos, e realizará a proposta de nomeamento da dirección do centro á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación.

3. Contra a decisión da Comisión de Selección que resolva definitivamente o concurso de méritos de selección da dirección, poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación.

Artigo 12. Nomeamento

1. A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación nomeará director do centro a persoa proposta pola Comisión de Selección.

2. Os nomeamentos dos directores terán efectos desde 1 de xullo do ano en que se realicen.

3. Cando o nomeamento recaia nun funcionario ou funcionaria que non teña destino definitivo no centro, o nomeamento implicará a concesión dunha Comisión de Servizos.

Artigo 13. Duración do mandato e renovación deste

1. Os directores e directoras serán nomeados por un período de catro anos. O nomeamento poderá ser renovado, por petición das persoas interesadas, pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, por períodos de igual duración, ata un máximo de tres mandatos, logo de avaliación positiva do traballo desenvolvido ao final destes, oído o consello escolar. Os criterios e procedementos desta avaliación serán públicos.

A renovación do nomeamento deberá solicitarse durante o mes de xaneiro do último ano de mandato.

2. Logo de rematar o mandato e os períodos máximos de prórroga, será necesaria a participación nun novo concurso para desempeñar a función directiva, no mesmo ou noutro centro.

3. O persoal docente avaliado negativamente no exercicio da dirección non poderá presentar solicitude para participar no concurso de méritos para acceder á dirección dun centro docente público durante un período de tres anos.

Artigo 14. Nomeamento con carácter extraordinario

1. Nos supostos de ausencia de candidaturas, ou cando a Comisión correspondente non seleccione ningunha persoa candidata, ou nos centros de nova creación, a dirección será nomeada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, oído o consello escolar, por un período de dous anos, entre profesorado que reúna os requisitos establecidos no artigo 4 deste decreto, agás as alíneas e) e f).

2. A persoa nomeada deberá realizar a formación para o desenvolvemento da función directiva prevista no artigo 4 deste decreto, agás que xa a posúa ou estivese exenta da súa realización, conforme o previsto na disposición adicional primeira.

3. No curso académico que remate o mandato e con independencia de que o exercicio da dirección sexa avaliado positivamente, procederá incluír a vacante na correspondente convocatoria de concurso de méritos para a selección e nomeamento das direccións de centros docentes públicos.

Artigo 15. Nomeamento accidental da dirección

No suposto de que se produza o cesamento da dirección durante o curso escolar, a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, oído o consello escolar, realizará o nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño do mesmo curso en que tivo lugar o cesamento, e a vacante incluirase no próximo concurso de méritos que se convoque.

Artigo 16. Cesamento da dirección

1. O cesamento da dirección producirase nos seguintes supostos:

a) Finalización do período para o cal se nomeou e, se é o caso, das súas prórrogas.

b) Renuncia motivada aceptada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación.

c) Incapacidade física ou psíquica sobrevida.

d) Revogación motivada, pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, por iniciativa desta ou por proposta motivada do consello escolar, por incumprimento grave das funcións inherentes ao cargo de director.

En todo caso, a resolución de revogación emitirase tras a instrución dun expediente contraditorio, logo de audiencia á persoa interesada e oído o consello escolar.

Sen prexuízo do anterior, nos casos de revogación por proposta do consello escolar exixirase o acordo deste adoptado por maioría de dous terzos dos seus membros.

Artigo 17. Recoñecemento da función directiva

1. O exercicio de cargos directivos e, en especial, do cargo de dirección será retribuído de forma diferenciada, en consideración coa responsabilidade e dedicación exixida, de acordo coas contías que para os complementos establecidos para o efecto fixe a consellería competente en materia de educación.

2. Así mesmo, o exercicio de cargos directivos e, en todo caso, do cargo de director será especialmente valorado para os efectos de provisión de postos de traballo na función pública docente.

3. Os directores serán avaliados ao final do seu mandato. Os que obtivesen avaliación positiva, obterán un recoñecemento persoal e profesional nos termos que estableza a consellería competente en materia de educación.

4. Os directores dos centros docentes públicos que exercesen o seu cargo con valoración positiva, manterán cando cesen no exercicio da dirección e mentres permanezan en situación de servizo activo, a percepción dunha parte do complemento retributivo correspondente á dirección, nos termos previstos no Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico das direccións dos centros escolares públicos.

Artigo 18. Comisión de Avaliación

1. A avaliación do traballo desenvolvido por cada director ou directora ao final do seu mandato realizaraa unha Comisión Provincial formada por:

a) Unha persoa titular da xefatura do Servizo da Inspección de Educación, que exercerá a presidencia.

b) Dúas persoas pertencentes ao corpo de inspección educativa, designadas pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación.

c) Dúas persoas que exerzan a dirección de centros docentes, nomeadas pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, por proposta da xunta provincial de directores de centros que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación.

d) Unha persoa funcionaria da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación, nomeada pola persoa titular da xefatura territorial, que exercerá a secretaría da Comisión, con voz e sen voto.

En todo caso, tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes na Comisión.

2. A Comisión de Avaliación nomeada exercerá as súas funcións durante un curso académico.

Disposición adicional primeira. Outros centros a que resultan de aplicación os dereitos económicos e administrativos

Os dereitos económicos e administrativos a que se fai referencia no artigo 17 do presente decreto serán de aplicación aos directores e ás directoras dos centros integrados de formación profesional, do centro autonómico de formación e investigación e dos centros de formación e recursos.

Disposición adicional segunda. Nomeamento excepcional da persoa que exerce a dirección en activo en centros que imparten outras ensinanzas

Excepcionalmente, cando para formar parte da Comisión de Selección resulte imposible nomear unha persoa que exerza a dirección en activo en centros que impartan as mesmas ensinanzas que aquel en que se desenvolve o procedemento de selección, a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación poderá nomear unha persoa que exerza a dirección en activo en centros que imparten outras ensinanzas cun ou máis períodos de exercicio con avaliación positiva do traballo desenvolvido.

Disposición adicional terceira. Equivalencias co programa de formación

As habilitacións e acreditacións de persoas que exercen a dirección de centros públicos expedidas con anterioridade á entrada en vigor da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, consideraranse equivalentes á certificación acreditativa de ter superado o programa de formación sobre o desenvolvemento da función directiva, indicada no artigo 4.e) do presente decreto.

Disposición adicional cuarta. Acreditación da formación sobre o desenvolvemento da función directiva a través da experiencia profesional

Estarán exentas de acreditar a superación do programa de formación sobre o desenvolvemento da función directiva indicada no artigo 4.e) do presente decreto aquelas persoas que acrediten unha experiencia de, polo menos, catro anos no exercicio da dirección de centros docentes públicos con avaliación positiva do seu traballo.

Disposición adicional quinta. Actualización da formación

A consellería competente en materia de educación poderá establecer as condicións en que as persoas que exercen a dirección de centros docentes públicos deban realizar módulos de actualización no desempeño da función directiva.

Disposición adicional sexta. Consolidación das direccións que superen os catro anos de mandato

As direccións dos centros de formación e recursos, as direccións dos centros integrados de formación profesional e as restantes direccións dos centros docentes públicos en que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que superen os catro anos de mandato, entenderase que foron avaliadas positivamente para os efectos da consolidación parcial do complemento específico regulado no Decreto 120/2002, do 22 de marzo.

Neste suposto, a xefatura territorial da consellería competente en materia de educación expedirá, de oficio, a correspondente resolución de recoñecemento da consolidación parcial do complemento específico da dirección de centros docentes públicos.

Disposición adicional sétima. Cómputo dos anos para os efectos de consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos regulado no Decreto 120/2002, do 22 de marzo

Para os efectos da consolidación dunha parte do complemento retributivo correspondente á dirección dos centros docentes públicos, regulada polo Decreto 120/2002, do 22 de marzo, computarase como un ano o desempeño da dirección por un período de, polo menos, nove meses durante un mesmo curso académico.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 maio, de educación. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 120/2022, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos

O número 3 do artigo 1 do Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos, queda redactado como segue:

«3. Este complemento específico será incompatible coa percepción do compoñente singular do complemento específico pola titularidade de órganos unipersoais de goberno e co desempeño de postos de traballo docentes singulares que teñan asignada unha contía superior á establecida para as xefaturas de departamento».

Disposición derradeira segunda. Autorización para o desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Baremo

1. Antigüidade: máximo 5 puntos.

1.1. Por cada ano de servizos como persoal funcionario docente que supere os cinco exixidos como requisito: 0,50 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,041 puntos.

1.2. Por cada ano de servizos como persoal funcionario docente noutros corpos ou escalas docentes que impartan algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación: 0,25 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,020 puntos.

2. Desempeño da dirección de centros públicos e outros cargos directivos e de postos na Administración educativa: máximo 5 puntos.

2.1. Por cada ano como persoa titular da dirección nun centro que impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 1 punto.

A fracción de mes computarase por 0,083 puntos.

2.2. Por cada ano como persoa titular da dirección nun centro que non impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,50 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,041 puntos.

2.3. Por cada ano como persoa titular dunha subdirección ou xefatura de servizo en postos da Administración educativa: 0,50 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,041 puntos.

2.4. Por cada ano como persoa titular dunha vicedirección, subdirección, secretaría ou xefatura de estudos dun centro que impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,50 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,041 puntos.

2.5. Por cada ano como persoa titular dunha vicedirección, subdirección, secretaría ou xefatura de estudos dun centro que non impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,25 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,020 puntos.

2.6. Por cada ano como persoa titular da xefatura de departamento, coordinación dos equipos de normalización lingüística, coordinación de ciclo, coordinación do proxecto Abalar, coordinación de centro plurilingüe, coordinación de sección bilingüe, coordinación de auxiliares de conversa, responsable/coordinación do equipo de actividades complementarias e extraescolares, responsable/coordinación da dinamización das TIC, responsable/coordinación de biblioteca, responsable/coordinación da convivencia escolar, responsable da mellora da calidade educativa e de programas internacionais, coordinación do equipo de dinamización da lingua galega, coordinación de formación en centros de traballo, coordinación do bacharelato internacional, coordinación de emprendemento, coordinación de programas internacionais, coordinación de innovación e formación do profesorado, coordinación de biblioteca de centro integrado, coordinación de residencia, xefatura de seminario, departamento ou división de centros públicos docentes, asesoría de formación permanente, asesoría Abalar, asesoría Siega, dun centro que impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,15 puntos.

A fracción de mes computarase por 0,012 puntos.

3. Méritos académicos: máximo 1 punto.

3.1. Por cada título de doutoramento: 0,50 puntos.

3.2. Por cada título de licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, distinto do alegado para o ingreso no corpo: 0,30 puntos.

3.3. Por cada título de grao distinto do alegado para ingreso no corpo: 0,25 puntos.

3.4. Por cada título de diplomatura universitaria ou equivalente distinto do alegado para ingreso no corpo: 0,15 puntos.

4. Cursos de formación: máximo 3 puntos.

4.1. Por actividades e cursos recibidos: ata 2 puntos.

4.2. Por cursos impartidos: ata 1 punto.

5. Corpo de catedráticos.

Por pertencer a un dos corpos de catedráticos regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación: 0,50 puntos.

6. Proxecto de dirección: ata 12 puntos.

Na valoración do proxecto de dirección aplicaranse os seguintes criterios:

Epígrafes do proxecto

Puntuación máxima

Presentación e fundamentación do proxecto

2

Obxectivos

3

Plans e liñas de actuación

4

Avaliación do proxecto

3