Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2023 Páx. 3823

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico/a superior en ciencias da información.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de xuño de 2016 (DOG núm. 123, do 30 de xuño) publicouse o pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O’MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

No seu punto I disponse que este sistema de selección será de aplicación a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 e 9.bis da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 1 de setembro de 2022 (DOG núm. 174, do 13 de setembro) iniciouse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico/a superior en ciencias da información no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

A base cuarta desta resolución dispón que para a primeira xeración de listas se poderán formalizar as solicitudes no prazo dos quince (15) días hábiles seguintes ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Os méritos computables serán os causados ata o día inmediatamente anterior a esta publicación e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Finalizado o prazo indicado e de conformidade coa base sétima da citada resolución, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico/a superior en ciencias da información nos termos da base cuarta da Resolución do 1 de setembro de 2022 (DOG núm. 174, do 13 de setembro).

Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as coa asignación aos primeiros da puntuación e da orde de prelación provisionais acadadas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente a solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderanse implícitas na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos