Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2023 Páx. 3716

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixo React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT207M).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 27.19 que lle «corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia e fomento da cultura e da investigación en Galicia», sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten a responsabilidade de promover e fomentar a cultura en xeral e a galega en particular, sendo a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o ente instrumental en que centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel de creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar as industrias do sector cultural galego para promover un tecido capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

A Axencia, no desenvolvemento do seu labor a prol do audiovisual, concorda co establecido na Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos cando di que: «a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa, é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto á súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso, considerando que a cultura audiovisual, da cal sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, áchase presente en todos os ámbitos da sociedade actual».

Esta liña de subvencións encádrase no proxecto Hub audiovisual-industria cultural vinculado ao programa React da Unión Europea actuación 20.1.3.2.4 de axudas para o impulso da industria cultural creativa galega que promove a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co que se pretende aumentar a capacidade competitiva das empresas e incentivar a creación de traballos sustentables que integren a totalidade da cadea de valor desta industria.

Concretamente, esta actuación corresponde a:

Eixe prioritario: 20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Prioridade de investimento 13i. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo específico OE 20.1.3.2 OE REACT-UE 3.2.

Actuación CPSO 20.1.3.2.4 Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Campo de intervención 067-Desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 81-Medidas de impulso do sector audiovisual.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao que se deben enfocar os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles o Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento, así como os criterios de intervención para logralos:

1. Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía fundamentada no coñecemento e a innovación.

2. Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva.

3. Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita avanzar na cohesión social territorial.

Neste contexto, a UE recomenda que a intervención dos fondos Feder no ámbito da cultura deben ir dirixidos ao apoio dos sectores culturais estreitamente ligados á innovación e á creatividade. Por iso, o impulso ás industrias culturais e creativas, onde o sector audiovisual xoga un papel creativo e innovador destacado, resulta tan importante de cara a mellorar e incrementar a competitividade das empresas e o nivel de emprego dos profesionais.

Esta resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa actividade ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega.

Con esta liña de axudas preténdese favorecer que as salas de cine que desenvolven a súa actividade habitual en Galicia afronten os profundos cambios no modelo de consumo de películas, acrecentados tras a situación da pandemia COVID-19 e que poñen en risco a supervivencia deste sector, melloren a oferta de contidos e acaden maior capacidade de convocatoria de público.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Bases e convocatoria.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega financiado ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no marco do eixe React-UE, actuación 20.1.3.2.4 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega, e se procede á convocatoria do ano 2023 (código de procedemento CT207M).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE)1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, titulares ou arrendatarios de salas de exhibición cinematográfica independentes, situados na Comunidade Autónoma e habilitados legalmente para a exhibición comercial de películas cinematográficas.

3. Financiamento.

3.1. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas ao 100 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), polo que se deberán cumprir as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

3.2. Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2023 do ente a través da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 código de proxecto 2021 00001.

3.3. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2022 poderase chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en se producirán aqueles.

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde ao do día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia non competitiva que non poderá ter unha duración superior aos catro meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Ferder Galicia 2014-2020, no marco do eixo React-UE (código de procedemento CT207M)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Estas bases teñan por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para proxectos de empresas de exhibición cinematográfica comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, favorecer a captación de público, promover a difusión do cinema comunitario e doutras cinematografías con baixa cota de pantalla en España, e impulsar a actividade empresarial, para o ano 2023 (código de procedemento CT207M).

2. Para os efectos das presentes bases, enténdese como proxecto o conxunto das accións e actividades de exhibición cinematográfica relacionadas cunha ou varias das propostas que se relacionan a continuación:

2.1. Iniciativas orientadas á atracción de público (estudos de impacto, campañas individuais ou colectivas de comunicación e márketing, deseño e realización dos materiais promocionais, compra de espazos publicitarios, outras accións dirixidas ao fin proposto).

2.2. Programacións especiais ou regulares, dun mínimo dunha semana consecutiva en carteleira, de cinema europeo ou de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual por número de sesións.

2.3. Programacións especiais ou regulares, dun mínimo dunha semana consecutiva en carteleira de cinema galego (autoría e/ou produción galega) en versión orixinal galega.

2.4. Realización de campañas orientadas á promoción da cinematografía galega como poden ser eventos de presentación de películas, organización de coloquios relacionados cos títulos exhibidos, presenza de autores e membros do equipo nas proxeccións ou outros que fomenten a interacción entre as películas e o seu público.

2.5. Promocións de entradas a prezo especial dirixidas a público infantil ou xuvenil e ao colectivo de persoas maiores.

3. Estas subvencións serán tramitadas, e concedidas, en réxime de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante o período de tres exercicios fiscais anteriores.

5. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e hora de entrada no Rexistro. A proposta de concesión formularase polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, titulares ou arrendatarios de salas de exhibición cinematográfica independentes, situados na Comunidade Autónoma e habilitados legalmente para a exhibición comercial de películas cinematográficas.

2. Só se poderá presentar un único proxecto por local. As empresas titulares de máis dun local poderán presentar ata catro proxectos.

3. As salas deberán estar en funcionamento un mínimo de tres meses durante o período subvencionable.

4. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) núm. 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e mediana empresas (DOUE-L-2014-81403), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, microempresa é a que ocupa menos de 10 persoas, cun volume de facturación e balance xeral anual menor ou igual a dous millóns de euros; pequena empresa é aquela empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros. O órgano xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

5. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.

Artigo 3. Financiamento

1. As axudas relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 500.000 euros, para a anualidade 2023, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001 da Axencia Galega das Industrias Culturais.

O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2022 poderase chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producirán aqueles.

2. Admitiranse aqueles gastos que fosen realizados e pagados a partir do día seguinte á presentación da solicitude e o 15 de agosto de 2023. O período subvencionable, polo tanto, abrangue desde o día seguinte á presentación da solicitude ata o 15 de agosto de 2023.

3. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. No caso de que o crédito fose ampliado, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que esa convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. No caso de existir solicitudes que non acadan o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a formar unha lista de agarda formada polas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se producise un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producise algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

6. Estas axudas están financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 no eixe React-UE (obxectivo específico OE 20.1.3.2.4-OE React-UE 3.2 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega), como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Concretamente, esta actuación corresponde a:

Eixe prioritario: 20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Prioridade de investimento 13i. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo específico OE 20.1.3.2 OE React-UE 3.2.

Actuación CPSO 20.1.3.2.4 Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Campo de intervención 067-Desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 81-Medidas de impulso do sector audiovisual.

7. Os indicadores de produtividade relativos a esta convocatoria son o CO01 Número de empresas que reciben axudas, o CO02 número de empresas que reciben subvencións. Así mesmo, o indicador de resultado é o R030 a taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no cuarto ano de vida.

Artigo 4. Intensidade das axudas, contías máximas e concorrencia

1. A intensidade máxima da subvención será do 80 % dos gastos subvencionables.

2. As cantidades máximas que se percibirán en concepto de subvención serán:

– Cines de 1 a 3 pantallas: ata 16.000 euros.

– Cines de 4 a 6 pantallas: ata 20.000 euros.

– Cines con 7 ou máis pantallas: ata 24.000 euros.

Estas contías poderanse incrementar nos seguintes casos:

– Para os cines situados en localidades de ata 30.000 habitantes, a cantidade máxima establecida poderá acadar 4.000 euros máis.

– Para os cines en que máis do 50 % das películas non nacionais programadas se proxecten en versión orixinal con subtítulos e sexan computadas sobre a totalidade de sesións realizadas durante o período subvencionable, a cantidade máxima establecida poderá acadar 4.000 euros máis.

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas do resto dos departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Ademais, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o 100 % do custo do proxecto.

Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables todos os necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e se realicen no período subvencionable. En concreto, terán a dita consideración:

1.1. Gastos de contratación de películas cun límite de 600 euros por título e semana de programación de cinema europeo e cinema de terceiros países con baixa representación na conta de pantalla anual. No caso de películas galegas (autoría e/ou produción galega) en versión orixinal galega, o límite de contratación por título e semana de programación será de 700 euros. En ambos os casos as películas deberán permanecer un mínimo dunha semana consecutiva en carteleira.

1.2. Gastos de accións dirixidas á captación de público (estudos de impacto, campañas individuais ou colectivas de comunicación e márketing, deseño e realización dos materiais promocionais, compra de espazos publicitarios, outros que se poidan acreditar relacionados co fin proposto).

1.3. Gastos relacionados con actividades complementarias de promoción da cinematografía (estreas de películas, organización de coloquios relacionados cos títulos exhibidos, presentacións coa presenza de autores e membros do equipo nas proxeccións e outros relativos a accións que fomenten a interacción entre as películas e o seu público).

1.4. Gastos derivados de campañas de promoción de entradas a prezo especial dirixidas ao público infantil ou xuvenil e ao colectivo de persoas maiores.

1.5. Gastos de persoal. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada. Cando exista unha relación mercantil deberá acompañarse o contrato correspondente e a súa factura. Se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto co contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da seguridade social.

2. A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e a HAC/114/2021, do 5 de febreiro, que a modifica.

3. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda. Deste xeito, considerarase gasto subvencionable o realizado e pagado dentro do prazo de execución indicado na resolución da axuda.

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento no prazo dun mes en que a persoa beneficiaria lle corresponda liquidar eses gastos.

5. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os intereses debedores de contas bancarias, os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais. En concreto, non serán computados como gasto subvencionable:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, entendéndose por tales aqueles que non achegan valor ao proxecto, as gratificacións, regalos protocolarios, premios, etc...

c) Os gastos derivados da compra de activos fixos, propiedade ou dispositivos electrónicos de consumo nin outros gastos que supoñan un incremento patrimonial da persoa beneficiaria.

Artigo 6. Subcontratación

1. Non se considera subcontratación a contratación de calquera actividade ou servizos obxecto de subvención con profesionais ou empresas en cuxo obxecto social non se inclúa a exhibición cinematográfica.

2. En ningún caso a persoa beneficiaria poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos comprendidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables, que se deberán formalizar:

3.1. Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.

3.2. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

3.3. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

3.4. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

3.5. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3.6. Declaración responsable non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. Non obstante, a Axencia Galega das Industrias Culturais utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante os documentos oportunos, se for necesario.

3.7. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

3.8. Declaración responsable de ser peme.

Artigo 8. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Ademais da solicitude (anexo II), as persoas interesadas nesta subvención presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda, se o solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda e as súas modificacións, se o solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Copia da escritura de propiedade, contrato de alugueiro ou outros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación técnica:

2.1. Ficha resumo do proxecto e da empresa (anexo III). Coas actividades que se pretenden desenvolver de conformidade co artigo 1.2.

2.2. Memoria económico-financeira (anexo IV) que inclúa un orzamento completo e detallado de investimento subvencionable que se prevé realizar no cal figuren os gastos subvencionables sinalados no artigo 5.1, así como unha previsión de ingresos dos proxectos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Agadic poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que se non o fixer se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificación entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que a proposta de resolución será efectuada pola dirección da Axencia, e elevaraa á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao se tratar dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada, inadmitiranse posteriores solicitudes, e publicarase esta circunstancia no DOG e na páxina web da Agadic. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

4. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta provisional de resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 9.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O presidente do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, que deberá estar debidamente motivada e en que se indicará o importe de subvención proposto para a súa concesión.

2. As resolucións expresarán, cando menos:

a) A relación de persoas beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

3. En todo caso, deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

4. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión da operación e os seus datos na listaxe de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e o Consello, do 17 de decembro de 2013 (RDC), e do acordo aos requisitos previstos no anexo XII do devandito regulamento, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://agadic.gal, con indicación da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberán obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin dan dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada directamente polo beneficiario ou tamén polo representante legal da persoa beneficiaria, e expresará os motivos dos cambios que se propoñen e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificaráselle ao interesado.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso, ou desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e o Regulamento (UE) núm. 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

j) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, así como a frase «financiado con cargo aos fondos Feder».

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal), na súa epígrafe de axudas.

k) Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, a persoa beneficiaria deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da persoa beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión, e colocando un cartel con información sobre o proxecto dun tamaño mínimo A3 no que se mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo a entrada dun edificio. Cando se mencione o fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, e de acordo coas características que se facilitarán pola Agadic.

l) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución.

m) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

O órgano concedente informará a persoa beneficiaria da data de inicio a que se refire esta obriga.

n) As persoas beneficiarias deberán incluír na programación das salas a proxección dun clip promocional de non máis de 90 segundos de duración, facilitado pola Agadic, nun mínimo de 24 sesións en cada unha das pantallas de que dispoña o local de exhibición, durante o período subvencionable, e en que se aludirá ao financiamento de Feder como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID.

Artigo 20. Pagamento e xustificación

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto (anexos IV e V), accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifiquen correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta para o que se estará ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados

As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención poderán solicitar un anticipo do 50 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

4. Pagamentos á conta

Poderanse realizar pagamentos á conta ata un 50 % da subvención concedida respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme ao establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que se for o caso, se concedesen non poderán ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

5. Para a realización dos pagamentos á conta ou dos pagamentos anticipados deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas ou aboadas á conta, na forma establecida no artigo 67.3 do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. Só serán computados para os efectos de xustificación os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante copia das facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinatario á empresa produtora e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola empresa produtora. As facturas e documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberán presentarse copia das facturas ou documentos xustificativos, acompañados da documentación acreditativa do pagamento, en concreto copia dos extractos e certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos pola persoa beneficiaria.

7. Os gastos de persoal contratado serán xustificados coa presentación dos documentos RCL (recibo de liquidación de cotizacións) e RNT (relación nominal de traballadores) e os xustificantes bancarios do seu pagamento, o modelo 11 da declaración trimestral de retencións do IRPF e anualmente, cando corresponda, o modelo 190 de retencións e ingresa á conta do IRPF. Así mesmo, solicitaranse os informes dos datos de cotización.

8. O prazo para presentar a documentación xustificativa rematará o 15 de agosto de 2023.

9. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

10. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. Consideraranse gastos realizados os que foron efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Cando ao beneficiario se lle outorgase a subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto de que non poida presentar, o cumprimento dos prazos legais de pagamento acreditarase coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 21. Conta xustificativa

1. Con carácter xeral, deberase acreditar o custo final da totalidade dos gastos derivados da execución do proxecto mediante unha conta xustificativa que deberá incluír a declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. Así mesmo, deberase acreditar na conta xustificativa o cumprimento de todas as obrigas do artigo 20.

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica abreviada, xustificativa do custo das actividades realizadas, que incluirá unha relación clasificada dos gastos e investimentos de actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Así mesmo, indicará as desviacións producidas nos conceptos de gasto en relación co orzamento presentado na solicitude e no cal se basea a concesión da subvención. Esta memoria económica incluirá unha separata cun informe co gasto efectivamente realizado en Galicia.

c) A persoa beneficiaria presentará ademais o anexo IV debidamente formalizado, así como unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas como das pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo V).

d) Os tres orzamentos que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, que establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

e) Xustificación que evidencia a publicidade realizada en cumprimento das obrigas establecidas no Regulamento 1303/2013.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 23. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 20 destas bases.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 24. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 70 % dos custos do proxecto con respecto ao gasto previsto.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 2 %.

b) Se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

c) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (deberes de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 25. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 24 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 26. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 27. Normativa aplicable

1. Será de aplicación a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de Subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, que modifica o anterior.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

2.1. Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

2.2. Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

2.3. Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.4. Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos Programas Operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.5. Regulamento UE núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento de la Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 28. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file