BDNS (Identif:): 669919.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os propietarios de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, así como organizacións ou asociacións dos anteriores, incluídas as confrarías, que teñan un ámbito autonómico.
Segundo. Finalidade
As axudas terán como finalidade:
Operacións innovadoras relacionados coa conservación dos recursos biolóxicos mariños que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir novos coñecementos técnicos ou organizativos que reduzan os efectos da pesca sobre o ambiente, en particular mediante técnicas de pesca perfeccionadas e a selectividade das artes, ou que teñan por obxectivo lograr un uso máis sustentable dos recursos biolóxicos mariños e a coexistencia cos predadores protexidos.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205H).
Cuarto. Importe
Para o ano 2023 as axudas concederanse de acordo co orzamento de gastos de Consellería do Mar para o ano 2023 e tramitaranse de forma anticipada:
– Aplicación orzamentaria: 15.02.723A.770.0; código de proxecto: 2016.00260; importe total: 128.800 euros, para operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde o día seguinte á publicación da orde.
Entenderase como último día do prazo para presentar solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022
Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar