Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6563

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de seguridade e saúde no traballo, especialidades de seguridade no traballo e de hixiene industrial.

En virtude da Orde do 28 de febreiro de 2019 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), convocouse o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de seguridade e saúde no traballo, especialidades de seguridade no traballo e de hixiene industrial. Na dita orde establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de publicación no DOG da convocatoria e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar o procedemento a seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de seguridade e saúde no traballo, especialidades de seguridade no traballo e de hixiene industrial.

De acordo co establecido na base II.2.3 da convocatoria, os méritos que se van baremar na fase de concurso deberán referirse á data de publicación no DOG da convocatoria, que foi o 4 de marzo de 2019.

Segundo. No prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación da presente resolución no DOG, as persoas aspirantes actuarán do seguinte xeito:

Deberán acceder á seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/expediente-administrativo, en que poderán comprobar os méritos que teñen rexistrados no seu expediente persoal.

Para acceder poderá empregar calquera dos seguintes métodos de acceso:

• Certificado electrónico.

• Chave365 ou DNI electrónico.

• Para o persoal con destino na actualidade na Xunta de Galicia, o usuario/chave do directorio electrónico da Xunta de Galicia.

Unha vez que accedan á aplicación informática, e comprobados os datos que figuran no seu expediente persoal, poderán xerar o impreso de conformidade ou o impreso de emenda, a partir dos datos que constan no seu expediente persoal.

a) No suposto de estar conforme cos datos consultados, validaraos sen facer ningún cambio, pechará o impreso e realizará a presentación electrónica.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude» deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Para a presentación da solicitude, a persoa interesada deberá premer no botón «Pechar e presentar impreso de conformidade».

A seguir deberá xerar en formato PDF o seu impreso de conformidade en que se visualizará o número de rexistro e a data de presentación como xustificante da presentación.

b) No suposto de amosar a súa desconformidade por non estar de acordo con algún ou algúns dos datos, por non constar, seren erróneos ou incompletos, a persoa interesada deberá completar ou corrixir a información rexistrada e xerar un impreso de emenda.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude» deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Na epígrafe «Datos da súa unidade de persoal» no campo «Nome», deberá escribir «Dirección Xeral da Función Pública» e, no campo de «Enderezo», deberá escribir «Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela».

Ao finalizar as correccións, modificacións ou inclusións de novos datos, a persoa interesada pechará a súa solicitude premendo no botón «Pechar e xerar impreso de emenda».

A persoa interesada deberá asinar o impreso de emenda e deberá remitilo á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, e debe achegar toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados, de conformidade co establecido no punto cuarto desta resolución.

As persoas aspirantes que non teñan méritos para acreditar non precisan realizar ningún trámite.

Se a persoa interesada non puidese acceder á aplicación informática poderá poñerse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral da Función Pública, no teléfono 881 99 98 83.

Terceiro. Os méritos reflectidos no impreso de conformidade ou no impreso de emenda serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Calquera impreso de conformidade ou de emenda e a documentación xustificativa dos méritos que non reúna os requisitos ou que fose rexistrado fóra do prazo establecido no punto segundo desta resolución terase por non presentado.

De presentar máis dun impreso de emenda ou conformidade só se terá en conta o presentado en último lugar.

No caso de non presentar impreso de emenda ou conformidade, os datos reflectidos no expediente persoal das persoas interesadas e que xa consten validados con anterioridade serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso, sempre que estean referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos aínda que consten rexistrados no impreso de emenda. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fora solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non fose recibida no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións á baremación provisional.

Cuarto. Remisión da documentación acreditativa dos méritos alegados

Toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados pola persoa interesada no seu expediente persoal deberá ser remitida á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, tendo en conta o seguinte:

Os certificados asinados electronicamente e os documentos electrónicos deberán remitirse a través do Rexistro electrónico. A persoa solicitante, para a remisión electrónica, empregará o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conteñen un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. Ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se a documentación que se presente é un documento orixinal en papel, deberá presentarse nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que o persoal funcionario do rexistro acredite que é copia electrónica auténtica de documento.

As copias en soporte papel de documentos electrónicos requirirán que nelas figure un código xerado electronicamente ou outro sistema de verificación, que permitirá contras-tar a autenticidade da copia.

As persoas interesadas que o desexen poden facer uso do modelo incluído nesta resolución como anexo II.

Quinto. Acreditación da experiencia profesional nas administracións públicas

A experiencia profesional nas administracións públicas acreditarase mediante certificación emitida polas persoas titulares das unidades da Administración pública en que prestasen servizos e que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/grupo, escala e especialidade, réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións e porcentaxe da xornada no caso de ser inferior á xornada completa.

As certificacións deberán especificar se o posto desempeñado ten algunha das seguintes características (indicando SI ou NON, no caso de non especificarse entenderase como NON):

– Exercicio das funcións recollidas nos artigos 7.1 e 9.2 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, como técnico superior de prevención de riscos laborais.

– Exercicio de funcións como técnico superior de prevención de riscos laborais.

Emitirase un certificado individual por cada categoría/grupo, escala, especialidade.

Os certificados poderán comprender unha ou varias vinculacións sucesivas ou non.

Como anexo I a esta resolución figura un modelo que deberá empregarse preferentemente.

Só será necesario acreditar a experiencia profesional que non conste no expediente persoal ou da que se faga algún tipo de emenda, ou o posto desempeñado teña algunha das características enumeradas anteriormente.

Sexto. Acreditación da formación

A formación acreditarase mediante copia auténtica ou orixinal do certificado de asistencia ao curso en que deberán constar o organismo ou entidade que organizou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización e número de horas lectivas.

Os diplomas ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuarse:

a) Por tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadá a persoa interesada.

Só será necesario acreditar a formación que non conste no expediente electrónico ou da que se faga algún tipo de emenda.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file
missing image file