Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2023 Páx. 6799

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para 2023-2024 (código de procedemento MR237B).

BDNS (Identif.): 670828.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren oficialmente recoñecidas como ADSG e, polo tanto, inscritas no rexistro de ADSG de Galicia antes da finalización do prazo de solicitude establecido na presente orde, e manteren as condicións do recoñecemento ao longo de todo o período de execución da axuda.

Quedan excluídas da condición de beneficiarias as ADSG formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún.

b) Comprometérense na execución dun programa sanitario común que incluirá, como mínimo, o programa sanitario marco obrigatorio establecido no anexo V da orde.

c) Estaren integradas por explotacións de produtores gandeiros en actividade e que as explotacións teñan a condición de pemes (pequenas e medianas empresas), de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As explotacións que integren as agrupacións deberán estar inscritas no rexistro especificado no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

d) Estaren ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como cumprir o resto dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non estaren suxeitas as explotacións a unha orde de recuperación pendente tras a decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

f) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo).

Segundo. Obxecto

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) para a realización das actuacións sanitarias establecidas no anexo V da orde.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural, co código de procedemento administrativo MR237B.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para a anualidade 2023-2024, de conformidade co establecido no Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 22 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para 2023-2024 (código de procedemento MR237B).

Cuarto. Importe

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Para o ano 2023: 14.04.713E.470.0, dotada para esta finalidade con 949.850 euros.

b) Para o ano 2024: 14.04.713E.470.0, dotada para esta finalidade con 1.200.150 euros.

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).

2. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como ao abeiro do establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximos anos 2023 e 2024 no momento da resolución.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural