Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2023 Páx. 6872

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para caldeiras de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).

BDNS (Identif.): 670321.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial, sempre que as actuacións subvencionables descritas nos artigos 1, 2 e 5 das bases se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non podendo estas disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e normativa de aplicación

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible.

En concreto, os proxectos de biomasa que se subvencionaran son os do grupo:

B1 caldeiras que utilicen leña, B2 (caldeiras de pellets con volume de acumulación de combustible inferior a 3.000 l) e B3 (caldeiras de pellets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 3.000 l).

2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.

Será necesario que as entidades colaboradoras, sexan persoas físicas ou xurídicas, teñan presentado unha declaración responsable como empresas de instalacións térmicas en edificios e que figuren inscritas no Rexistro Integrado Industrial do ministerio competente en materia de enerxía.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para caldeiras de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2023 e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A3.733A.780.1 ascendendo o importe total asignado a esta convocatoria a 1.500.000 €.

O crédito máximo será o seguinte:

Anualidade 2023

Aplicación orzamentaria

Caldeiras de biomasa

1.500.000 €

05.A3.733A.780.1

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

3. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Quinto. Contía da axuda

A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación. A contía máxima por proxecto será de 8.000 €.

Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 300.000 € en proxectos con reserva de fondos.

Sexto. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 1 de xuño de 2023.

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de marzo de 2023 ás 9.00 horas e rematará o 29 de xuño de 2023 ou cando se esgoten os fondos.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia