Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2023 Páx. 6898

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2023 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial para a formación práctica neste organismo.

O artigo 9.2 da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a igualdade do individuo e dos grupos en que se integre sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.

O artigo 49 da Constitución española sinala que os poderes públicos realizarán unha política de prevención, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade, ás cales prestarán a atención especializada que requiran e ampararán especialmente para que gocen dos dereitos que o título I outorga a toda a cidadanía.

O artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, establece que as persoas con discapacidade teñen dereito ao traballo en condicións que garantan a aplicación dos principios de igualdade de trato e non-discriminación. E o artigo 59 determina que os poderes públicos desenvolverán e promoverán, entre outras cousas, accións formativas para a promoción da igualdade de oportunidades e a non-discriminación, en colaboración coas organizacións representativas das persoas con discapacidade e as súas familias.

En atención a tales previsións legais, a valedora do pobo convoca dúas bolsas por un ano destinadas a persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial para contribuír á súa formación práctica.

Así, en virtude das atribucións que me confire a Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo de Galicia,

RESOLVO:

Convocar dous bolsas para contribuír á formación práctica de persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial no organismo Valedor do Pobo, consonte as seguintes

Bases

Primeira. Obxecto

As bolsas terán por obxecto contribuír á formación práctica no organismo Valedor do Pobo de persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial.

Segunda. Requisitos

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:

– Ser española ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales en virtude de tratados internacionais sexa aplicable a libre circulación de persoas.

– Ser persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial.

– Posuír un grao universitario ou equivalente.

– Ter un coñecemento do galego como idioma propio de Galicia cun nivel Celga 4 ou equivalente.

Terceira. Dotación económica e cobertura social

A persoa beneficiaria da bolsa disporá:

a) Dunha asignación de 12.000 € (doce mil euros) brutos anuais, que se percibirán despois de rematado cada mes do prazo da súa duración, a razón de 1.000 € (mil euros) mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.

b) De protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.

c) Dun seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 €.

Cuarta. Duración

As bolsas terán a duración dun ano, desenvolveranse de forma simultánea e non poderán ser prorrogadas.

Ao rematar entregarase un certificado acreditativo.

Quinta. Natureza

A adxudicación das bolsas non supón vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e o organismo Valedor do Pobo, nin implica compromiso que transcenda do desenvolvemento das tarefas previstas na presente convocatoria.

Sexta. Desenvolvemento da bolsa

As persoas bolseiras teñen o deber de:

– Cumprir o programa formativo en prácticas que determinen as persoas titoras, cuns niveis de rendemento satisfactorio. Para estes efectos, deben realizar as actividades de estudo que se consideren necesarias e presentar puntualmente os traballos e documentos que se requiran. Estes serán de titularidade do organismo Valedor do Pobo e non poden ser utilizados polos autores sen a correspondente autorización.

– Observar a necesaria discreción e respectar a confidencialidade dos documentos e informacións que coñezan no desenvolvemento da bolsa, agás os que sexan públicos.

– Non adquirir compromisos ou deberes que impidan o cumprimento íntegro das tarefas de formación en prácticas, agás renuncia expresa da bolsa.

Realizarán o seu programa formativo nas unidades administrativas e áreas da institución, baixo a titoría de cada responsable, e serán coordinadas pola Xefatura de Servizo de Administración e Persoal.

Desenvolverán as actividades formativas prácticas durante 30 horas semanais.

Habilitarase a posibilidade de teletraballar polo menos nun 65 % do tempo, sen prexuízo da asistencia presencial cando resulte necesaria, segundo as persoas titoras.

Terán dereito ao gozo dos días festivos do calendario laboral, ás vacacións e aos permisos necesarios por motivos persoais, coa solicitude previa.

As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.

Agás baixa médica, a ausencia xustificada ou permitida das prácticas non superará o 20 % da xornada mensual de traballo. Se se supera esta porcentaxe, a valedora do pobo poderá rescindir a bolsa.

As tarefas que desenvolverán as persoas seleccionadas serán obxecto dunha avaliación por parte de preparadores laborais especializados, que emitirán un informe de análise para o desenvolvemento da bolsa. As persoas seleccionadas disporán da correspondente adaptación nas instrucións de traballo, dos apoios individualizados que foren necesarios e do auxilio de preparadores laborais.

Sétima. Convocatoria e solicitudes

1. Convocatoria.

A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web do organismo Valedor do Pobo.

2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no rexistro do organismo Valedor do Pobo (rúa Hórreo, 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.

3. Solicitudes e documentación.

As persoas solicitadas deberán achegar o seguinte:

– Escrito de solicitude dirixido á valedora do pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I.

– Expediente académico do grao universitario ou equivalente (só dun, no caso de facer valer como méritos máis dun).

– Copia do DNI ou equivalente.

– Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.

– Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Relación de méritos e circunstancias que o solicitante somete a valoración conforme estas bases, presentados consonte o anexo II da convocatoria. Só se valorarán os méritos e circunstancias que figuren nese anexo.

4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación será de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Requirimento de documentación adicional.

A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.

6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.

A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizada, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.

Oitava. Procedemento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Selección comprobará o cumprimento dos requisitos. No caso de darse algunha exclusión, notificarase a causa para que, no prazo de 10 días hábiles, poidan presentarse alegacións e/ou emendas.

Posteriormente, a Comisión de Selección avaliará os méritos alegados polas persoas admitidas, conforme os criterios sinalados na base novena. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.

Para o desenvolvemento destes labores poderá solicitar a achega da documentación que considere pertinente co obxecto de verificar as circunstancias postas de manifesto nas solicitudes.

Se no prazo concedido non se achegase a documentación requirida para verificar o cumprimento dos requisitos da bolsa, entenderase que a persoa desiste da súa solicitude.

Se a documentación requirida fose orientada a verificar méritos alegados e esta non se entregase no prazo sinalado pola Comisión de Selección, en tal caso estes méritos non serán tidos en consideración.

A Comisión de Selección elevará á Valedora do Pobo a súa proposta de concesión das bolsas e poderá incluír as persoas suplentes que considere.

A Valedora do Pobo resolverá a concesión das bolsas consonte a proposta da Comisión de Selección.

Novena. Criterios de valoración

A valoración dos méritos realizarase de acordo co seguinte baremo:

a) Expediente académico do grao universitario ou equivalente (ata 10 puntos).

b) Outros graos ou equivalentes (3 puntos por cada un, cun máximo de 6).

c) Se algún grao ou equivalente é de carácter xurídico ou administrativo, ou de socioloxía ou ciencias políticas: 2 puntos engadidos.

d) Másteres, cursos ou similares co obxecto de complementar ou ampliar a formación, convocados, organizados, impartidos ou homologados por institutos, escolas oficiais, entidades de interese público e de defensa das persoas con discapacidade e/ou axentes sociais, excluída a formación regrada (ata 3 puntos):

De 12 a 20 horas: 0,10 puntos.

De 21 a 40 horas: 0,25 puntos.

De 41 a 60 horas: 0,50 puntos.

De 61 a 90 horas: 0,75 puntos.

De 91 a 120 horas: 1 punto.

De 121 a 300 horas: 1,5 puntos.

De 301 a 600 horas: 2 puntos.

Máis de 600 horas: 3 puntos.

Cando a duración se exprese en anos ou se indique «curso escolar», estimarase a priori unha duración de 600 horas, sen menoscabo da verificación que se faga con base na documentación que se requira.

No suposto en que a duración se exprese en meses, estes serán computados da seguinte maneira: por cada mes computaranse 60 horas.

En caso de non constar a duración do curso, valorarase con 0,02 puntos.

Para o caso de que se sinalen diversos cursos de similar contido, só computará aquel que permita a obtención de maior puntuación.

Para valorar adecuadamente os másteres e os cursos ou similares, no anexo II deberán constar as horas deles ou, na súa falta, os meses ou anos de duración, ou que esta foi durante un curso escolar, sen prexuízo da valoración daqueles en que non conste a duración con 0,02 puntos.

As prácticas laborais desenvolvidas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes valoraranse como cursos oficiais, en función da súa duración. En todo caso, as prácticas integradas na formación regrada ou en cursos alegados non serán obxecto de valoración.

Se a Comisión de Selección require que se acrediten as titulacións ou cursos referidos nas letras a), b), c) e d), deberase presentar o título ou certificado do centro ou organismo respectivo.

e) Circunstancias da persoa con discapacidade (ata 6 puntos):

– Grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % (1 punto).

– Necesidade de axuda de terceira persoa e/ou mobilidade reducida (1 punto).

– Mulleres vítimas de violencia de xénero (1 punto).

– Vivir en concellos de menos de 5.000 habitantes (1 punto).

– Situación ou risco de exclusión social (1 punto).

– Pluridiscapacidade (1 punto).

As anteriores circunstancias valoraranse de forma acumulativa.

f) Para decidir sobre empates substanciais por méritos equivalentes ou sensiblemente equivalentes, primaranse as mulleres, logo de informe do seu menor grao de inclusión laboral no ámbito da convocatoria (inclusión laboral das persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial); se persiste, as persoas con maior grao de discapacidade; e se continúa persistindo, as que acrediten menor experiencia laboral nos últimos 15 anos.

Décima. Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará composta polas seguintes persoas:

Presidencia, con voto de calidade en caso de empate: a persoa titular da Xefatura de Servizo de Administración e Persoal do organismo Valedor do Pobo.

Vogais:

– Unha persoa designada por Cermi-Galicia.

– Unha persoa designada polos sindicatos máis representativos, con carácter rotatorio dos seus representantes en cada convocatoria.

Secretaría, con voz e voto: a persoa titular da Xefatura de Sección do Valedor do Pobo.

A valedora do pobo designará membros suplentes da Comisión, coa mesmo orixe, que substituirán os titulares en caso de renuncia xustificada ou de imposibilidade para o desempeño da función.

Os nomes das persoas que compoñan a Comisión de Selección e dos seus suplentes publicaranse na páxina web do organismo Valedor do Pobo antes do final do prazo de presentación de solicitudes.

A persoa titular da Secretaría Xeral do Valedor do Pobo asesorará sobre o curso da convocatoria nos aspectos xurídicos ou de calquera outro tipo cando así o solicite a Comisión de Selección.

A Comisión instruirá o procedemento de concesión da bolsa e ademais:

a) Interpretará as bases e resolverá cantas dúbidas puideren derivar delas.

b) Examinará as solicitudes e a documentación achegada, e comprobará os datos en virtude dos cales se debe adoptar a proposta de adxudicación e a resolución de adxudicación.

c) Valorará as solicitudes consonte o baremo que se establece na base novena desta convocatoria.

d) Requirirá as persoas solicitantes para a corrección das solicitudes e a achega de aclaracións, ampliacións de información ou documentación acreditativa.

e) Formulará a proposta de concesión das bolsas ás persoas seleccionadas.

f) Establecerá unha lista de suplentes para os casos de desistencia ou renuncia, revogación ou outras causas que deixen vacante algunha bolsa.

Décimo primeira. Publicidade da resolución de concesión das bolsas

A resolución da valedora do pobo pola que se concedan as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da institución.

A identificación das persoas beneficiarias e suplentes realizarase con suficiente grao de anonimización (por exemplo, MPG…678) e as puntuacións obtidas.

O resto das persoas participantes poderán solicitar a súa puntuación, aínda que, de ser o caso, constaría que resulta provisional se non se lles requiriu a acreditación dos méritos.

Décimo segunda. Incorporación e vacantes

As persoas seleccionadas deberán incorporarse para o desenvolvemento dos labores de formación práctica no prazo que sinale a resolución de adxudicación, para achegar os datos precisos para facer efectiva a bolsa.

Se transcorridos 7 días naturais desde a data establecida de incorporación, esta non se produce, a bolsa poderase entender rexeitada, agás causa xustificativa.

Se a bolsa resultase rexeitada ou quedase vacante en período de vixencia, a Valedora do Pobo poderá proporlles ás persoas suplentes, na orde en que resultasen, a concesión das bolsas polo tempo que restase respecto do inicialmente previsto.

A bolsa reducirase proporcionalmente en caso de incorporación tardía, abandono ou renuncia.

Décimo terceira. Información en materia de protección de datos

O tratamento de datos farase consonte o Regulamento (UE) 2016/679, a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e o resto da lexislación española aplicable nesta materia.

Os datos persoais facilitados no proceso serán tratados para a xestión das solicitudes e o proceso de selección.

Así mesmo, os datos das persoas que resulten adxudicatarias serán tratados para a xestión, a conformación do expediente persoal, o control de cumprimento de obrigas, a aseguranza, a xestión económica e o aboamento da bolsa.

Poden exercerse os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade, de limitación e oposición ao seu tratamento, así como a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos datos, cando procedan, dirixindo comunicación á valedora do pobo, rúa do Hórreo, 65, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO I

Modelo de solictude de bolsas destinadas a persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial para a formación práctica no organismo Valedor do Pobo

DATOS PERSOAIS:

– Primeiro apelido:

– Segundo apelido:

– Nome:

– DNI ou equivalente:

– Data de nacemento:

– Nacionalidade:

– Domicilio:

– Teléfono:

– Correo electrónico:

MANIFESTA:

– Que reúne todos os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria da bolsa.

– Que reúne os méritos que indica a continuación, respecto dos cales se compromete a achegar a documentación acreditativa cando se lle requira.

DOCUMENTACIÓN que se achegará xunto coa solicitude:

– Certificado oficial de discapacidade.

– Certificado do Celga 4.

Polo exposto, SOLICITA concorrer ao presente procedemento.

………………………, … de … de 2023

Sinatura da persoa solicitante

(sinatura)

VALEDORA DO POBO (r/ Hórreo, 65, 15700 Santiago de Compostela, A Coruña)

ANEXO II

Acreditación de méritos

Grao ou graos universitarios ou equivalentes

Grao universitario ou equivalente

Outros graos universitarios ou equivalentes

Un grao universitario ou equivalente de carácter xurídico ou administrativo, ou de socioloxía ou ciencias políticas (pór X se procede)

Grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % (pór X se procede)

Necesidade de axuda de terceira persoa e/ou mobilidade reducida (pór X se procede)

-Muller vítima de violencia de xénero (pór X se procede)

-Persoas que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes (pór X se procede)

-Persoas en situación e/ou risco de exclusión social (pór X se procede)

-Persoas con pluridiscapacidade (pór X se procede)

RELACIÓN DE MÁSTERES, CURSOS E SIMILARES

Másteres, cursos ou similares (denominación)

Organismo ou entidade

Duración (horas, meses, anos ou curso escolar)