Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2023 Páx. 6810

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2023 pola que se convoca o webinario O emprego público laboral á luz das reformas de 2021.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, no marco do ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na Administración pos-COVID, o webinario O emprego público laboral á luz das reformas de 2021, de acordo coas bases que se indican a continuación.

Primeira. Obxectivos

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer as importantes novidades introducidas no emprego público laboral a raíz do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, así como atender aos últimos pronunciamentos xudiciais en materia de persoal ao servizo das administracións públicas.

Segunda. Contidos

Neste webinario trataranse os seguintes contidos:

I. Contextualización da reforma.

II. Clases de persoal ao servizo das administracións públicas.

III. Traballadores por conta allea.

– Persoal indefinido non fixo.

– Persoal indefinido e fixo descontinuo.

– Persoal temporal:

a) Contratos de substitución.

b) A derrogación do contrato por obra ou servizo.

c) O contrato eventual.

d) Os contratos formativos.

IV. Procesos de estabilización.

V. O emprego público indirecto: externalización e internalización de actividades.

VI. Os despedimentos no sector público.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

Data: 26 de xaneiro de 2023.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Duración: 2 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de escritorio, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda con toda a información para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. A ligazón ao manual de telepresenza é a seguinte: https://egap.xunta.gal/ecloud/s/bkDbq6zgpCe4NMQ

Quinta. Número de prazas

Cen (100).

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en nome do curso Webinario O emprego público laboral á luz das reformas de 2021.

3. O prazo para inscribirse estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 23 de xaneiro de 2023.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.

Sétima. Comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación nas accións formativas convocadas a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nas accións formativas mencionadas anteriormente serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións das actividades impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As ditas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderán ser accesibles unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como oporse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base segunda desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación da listaxe de alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe das persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas en caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e seguimento da actividade

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP coa maior brevidade posible e, en todo caso e como máximo, ata as 12.00 horas do día 25 de xaneiro de 2023. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade. O seguimento da actividade:

a) Son obrigatorias a asistencia á sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) O seguimento da actividade:

1. Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

2. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día de finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

3. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública