Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7454

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 228/2022, do 29 de decembro, de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia.

A Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación de servizos das oficinas de farmacia, encoméndalles ás comunidades autónomas o establecemento de disposicións en materia de gardas, vacacións, urxencias e demais circunstancias derivadas da natureza do seu servizo que aseguren a asistencia farmacéutica de forma continuada, disposicións todas elas que teñen o carácter de mínimos. De acordo con esta encomenda, a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, regulou no seu artigo 29 os horarios e servizos de garda das oficinas de farmacia, continuando a tomar como base o principio de liberdade e flexibilidade de horarios e xornadas inspirador da anterior Lei de ordenación farmacéutica de 1999, aínda que cun importante cambio de enfoque, xa que, en materia de quendas, substitúe o réxime autorizatorio anterior por un sistema de comunicación realizado a través dos colexios oficiais de farmacéuticos á consellería competente en materia de sanidade, establecido para facilitar a comprobación e control por parte desta no cumprimento dos criterios establecidos.

Así as cousas, o citado artigo 29 mantén este principio de liberdade e flexibilidade horaria dentro do necesario respecto ao cumprimento do horario mínimo obrigatorio e do servizo de garda, no cal será necesaria, en todo caso, a presenza física e a actuación profesional dun/dunha farmacéutico/a na prestación do servizo. Deste xeito, dispón que «as oficinas de farmacia permanecerán abertas ao público polo menos durante o horario mínimo obrigatorio establecido», diferenciándose, para estes efectos, entre o horario mínimo obrigatorio e o horario voluntario ampliado. O horario mínimo obrigatorio será aquel que deberán cumprir todas as oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia e será fixado pola consellaría competente en materia de sanidade, oídos os colexios oficiais de farmacéuticos/as existentes na nosa comunidade. Pola súa banda, o horario ampliado voluntario será aquel que as oficinas de farmacia poden realizar por enriba do mínimo obrigatorio.

No caso da nosa comunidade autónoma, cómpre ter moi presentes, ademais, as especiais circunstancias das zonas rurais e a dispersión poboacional existente, polo que no proceso de deseño do servizo de garda e dos sistemas de quenda que o atenderán cómpre prestar especial atención ás oficinas de farmacia establecidas naquelas zonas rurais ou en núcleos de poboación pequenos.

Como xa se apuntou, un dos criterios que a lei dispón que se debe ter en conta no deseño do servizo de garda é que este se preste na «área de referencia dos puntos de atención continuada (PAC)», concepto este sobre o que pivotará o establecemento das quendas. A razón de ser deste criterio é que a rede do servizo médico de urxencia que se presta a través dos PAC constitúe un elemento de primeiro nivel para configurar, pola súa vez, a rede básica do servizo farmacéutico de urxencia, co fin de garantir o acceso fácil e rápido á obtención dos medicamentos e produtos necesarios para as persoas usuarias e a coordinación médico-farmacéutica.

Outra das novidades introducidas en materia de horarios pola Lei 3/2019, do 2 de xullo, foi a de permitir a cesación temporal das actividades das oficinas de farmacia durante o período de vacacións, sempre e cando queden debidamente cubertas as necesidades de atención farmacéutica durante as vinte e catro horas do día e se cumpran as premisas establecidas legalmente.

Así pois, co fin de garantirlle á poboación unha atención farmacéutica permanente, así como a prestación do servizo de xeito continuado e eficaz, a devandita lei atribúelle á consellería competente en materia de sanidade a facultade de establecer regulamentariamente os criterios polos que deberán rexerse os colexios oficiais farmacéuticos para elaborar o sistema de quendas que deba atender o servizo de garda realizado polas oficinas de farmacia galegas, o cal estaba regulado polo Decreto 342/1999, do 16 de decembro, polo que se regulan os horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia. No entanto, e segundo o establecido na disposición transitoria cuarta da Lei 3/2019, do 2 de xullo, o sistema de gardas e vacacións establecido nesta lei é de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2020, ano seguinte ao da súa entrada en vigor.

No decreto que agora se aproba abórdase unha regulación que, con carácter de mínimos e á vista das necesidades sanitarias e das peculiaridades xeográficas e poboacionais existentes nas distintas zonas farmacéuticas da nosa comunidade, garante unha atención continuada e axeitada á poboación, regulando a xornada e horario das oficinas de farmacia, así como as correspondentes quendas de garda e vacacións, en consonancia cos principios de liberdade e flexibilidade horaria consagrados na lei. Establécense tamén mecanismos para regular a posibilidade, derivada da referida liberdade e flexibilidade de horarios, de que as oficinas de farmacia prolonguen a súa actividade por riba dos mínimos fixados neste decreto.

Por outra banda, cómpre salientar que o ata agora vixente Decreto 342/1999, do 16 de decembro, no seu artigo 3.4, obriga as oficinas de farmacia que amplíen o seu horario de apertura ao público por riba do mínimo establecido á contratación de farmacéuticos/as adicionais. Esta obriga de contratación vén determinada, en cada caso, polo incremento horario elixido polo/a farmacéutico/a titular, o cal se computa diariamente para determinar o número de farmacéuticos/as con que debe contar cada farmacia. Dado que tal circunstancia implica dificultades, posto que non todos os días laborables as farmacias están abertas o mesmo número de horas, resulta conveniente establecer tramos semanais de ampliación horaria, para os efectos de determinar o persoal adicional con que deben contar.

Estas novas circunstancias, unidas á necesidade de flexibilizar os horarios de atención ao público e adecualos ás necesidades das persoas usuarias e ao funcionamento dos servizos sanitarios, requiren unha nova regulación adaptada aos novos criterios existentes en materia de gardas farmacéuticas, horarios ampliados e vacacións.

O presente decreto ten o seu fundamento competencial no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, o cal establece como competencia propia da Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, e a execución da lexislación do Estado sobre produtos farmacéuticos, en cuxa virtude foi aprobada a Lei 3/2019, do 2 de xullo, cuxo desenvolvemento se acomete agora respecto da regulación dos horarios, servizos de garda e período vacacional das oficinas de farmacia establecidas na nosa comunidade.

En canto ao seu contido, o decreto conta con 13 artigos nos cales, en síntese, se regulan o seu obxecto e ámbito de aplicación, as disposicións relativas ao horario mínimo obrigatorio e horario voluntario ampliado (tomando como base as prescricións contidas na Lei 3/2019, do 2 de xullo), os requirimentos respecto do mantemento e comunicación de horarios e a determinación do número de profesionais farmacéuticos/as requiridos/as segundo o horario de apertura ao público elixido por cada oficina de farmacia. O seu articulado inclúe tamén varios preceptos dedicados á regulación do servizo de garda e aos criterios xerais da organización das quendas, os cales teñen en conta no só as peculiaridades xeográficas e poboacionais do noso territorio, senón tamén a clasificación legal das distintas zonas farmacéuticas e, nalgúns casos, os propios condicionantes de situación das oficinas de farmacia, así como outras circunstancias especiais que poden requirir un tratamento especial de cara á organización do servizo de garda.

O texto do decreto dedica os últimos preceptos á regulación das vacacións, da información que debe facilitarse ao público en materia de horarios e servizo de garda e da debida comunicación dos horarios e calendario de quendas de garda e vacacións á consellería competente en materia de sanidade.

Completa o texto unha disposición transitoria, na cal se conceden dous meses ás persoas titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia para adaptar os seus horarios de atención ao público ao disposto neste decreto, de xeito que, de non efectuarse ningunha comunicación ao respecto, se entenderá que realizarán o horario mínimo obrigatorio previsto nel. Engádense tamén unha disposición derrogatoria, na cal se derroga expresamente o Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, e dúas disposicións derradeiras, dedicadas, respectivamente, ao desenvolvemento do decreto e á súa entrada en vigor, que terá lugar aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, en aplicación do prazo xeral de vacatio legis previsto no artigo 2.1 do Código civil.

Este decreto tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Foi realizado o trámite de consulta pública previa, o proxecto de decreto foi exposto a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e foi sometido a audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia; ao mesmo tempo, foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe de impacto demográfico, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

Así mesmo, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O presente decreto ten por obxecto regular os horarios, as quendas de garda e as vacacións nas oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia, así como determinar o número de profesionais farmacéuticos/as necesarios/as para a atención ao público nelas.

Artigo 2. Horario mínimo obrigatorio

1. O horario mínimo obrigatorio de atención ao público nas oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia será de 38 horas e media semanais.

2. Consonte o establecido no artigo 29.2.a) da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, enténdese por horario mínimo obrigatorio aquel que deberán cumprir todas as oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Este horario mínimo obrigatorio será de 7 horas diarias de luns a venres, distribuídas das 9.30 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 19.30 horas, desde o 16 de setembro ao 15 de xuño, e das 9.30 ás 13.30 horas e das 17.00 ás 20.00 horas, desde o 16 de xuño ao 15 de setembro.

No caso dos sábados, o horario mínimo obrigatorio será de 3 horas e media, distribuídas das 10.00 ás 13.30 horas.

En circunstancias excepcionais debidamente acreditadas, a consellería competente en materia de sanidade poderá, por proposta dos colexios oficiais, autorizar as oficinas de farmacia en viabilidade económica comprometida para a realización do horario mínimo obrigatorio de luns a venres dun xeito continuado entre as 9.30 e as 16.30 horas, mentres dure a súa situación de farmacia en viabilidade económica comprometida.

4. As oficinas de farmacia deberán permanecer abertas o sábado durante o horario mínimo obrigatorio. Non obstante o anterior, os colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas poderán proporlle á consellería competente en materia de sanidade autorizarlle ás oficinas de farmacia establecidas en cada provincia o seu peche en sábado, sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se garanta unha adecuada atención farmacéutica na zona en que estea instalada.

b) Que polo menos o 50 % das oficinas de farmacia da zona farmacéutica permanezan abertas.

Artigo 3. Horario voluntario ampliado

1. As oficinas de farmacia poderán permanecer abertas ao público fóra dos horarios ou xornadas sinalados como mínimos no artigo anterior. Nestes casos, a persoa titular ou os cotitulares da oficina de farmacia poderá/n ampliar o citado horario mínimo obrigatorio flexibilizando o número de horas, de acordo coas seguintes modalidades:

a) Ata un máximo de 13,5 horas diarias, para realizar entre as 8.30 e as 22.30 horas.

b) Durante 24 horas continuadas todos os días do ano.

2. O horario que se deberá realizar de luns a venres debe ser o mesmo todos os días. Os sábados as oficinas de farmacia poderán manter o horario ampliado que realizan de luns a venres ou ben ampliar o horario mínimo obrigatorio ata un máximo de 4,5 horas diarias, que realizarán entre as 9.00 e as 14.00 horas. No caso de que unha oficina de farmacia desexe permanecer aberta os domingos ou festivos no período para o cal o horario ampliado estea vixente, o horario de apertura deberá ser o mesmo que o realizado en sábado. Esta apertura deberá manterse todos os domingos ou festivos do período.

3. As oficinas de farmacia que se acollan ao horario voluntario previsto na letra a) do número 1 poderán escoller ata un máximo de dous horarios voluntarios ampliados diferentes no ano, un do 16 de setembro ao 15 de xuño, e outro do 16 de xuño ao 15 de setembro, tendo que respectar en este caso o horario escollido durante todos os días do período de que se trate.

4. Excepcionalmente, a consellería competente en materia de sanidade poderá autorizar, por instancia dos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas en determinados días sinalados, a apertura ao público en horarios diferentes aos escollidos o resto dos días do ano, sempre e cando existan circunstancias que xustifiquen o seu establecemento e se garanta unha axeitada cobertura da atención farmacéutica na zona.

Artigo 4. Mantemento e comunicación de horarios

1. As persoas titulares ou cotitulares das oficinas de farmacia deberán comunicarlles aos respectivos colexios oficiais, durante o mes de outubro do ano anterior, as ampliacións que, de ser o caso, pretendan realizar respecto do horario mínimo obrigatorio. De non realizar ningunha comunicación, entenderase que continúan co mesmo horario do ano anterior.

2. As oficinas de farmacia que opten polo establecemento dun réxime de apertura ampliado quedarán obrigadas a mantelo, polo menos, durante un ano natural, entendendo por tal o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do mesmo ano.

3. Excepcionalmente, atendendo a causas de forza maior ou a outras debidamente xustificadas, e logo de acreditación destas por parte da persoa titular ou dos cotitulares da oficina de farmacia, os colexios oficiais de farmacia correspondentes poderán propor cambios no horario ampliado comunicados fóra do período establecido no número anterior.

En todo caso, estes cambios só poderán autorizarse cando non afecten o horario mínimo obrigatorio e manteranse durante o tempo en que subsistan esas circunstancias excepcionais.

Artigo 5. Número de profesionais farmacéuticos/as requiridos/as segundo o horario de apertura ao público

1. Coa finalidade de garantir a presenza e actuación dos/das profesionais farmacéuticos/as no caso de horarios ampliados sobre o mínimo, establécense tramos semanais cos seguintes criterios:

a) Para horarios de apertura ao público de ata 52,5 horas, requirirase como mínimo a presenza do/da farmacéutico/a titular.

b) Para horarios de apertura entre 52,5 horas e un minuto e 92,5 horas semanais, será obrigatoria a contratación, como mínimo, dun/dunha farmacéutico/a adxunto/a, en contrato de xornada completa semanal.

c) Para horarios de apertura entre 92,5 horas e un minuto e 132,5 horas semanais, será obrigatoria a contratación, como mínimo, de dous/dúas farmacéuticos/as adxuntos/as, en contrato de xornada completa semanal.

d) Para horarios de apertura de máis de 132,5 horas semanais, será obrigatoria a contratación, como mínimo, de tres farmacéuticos/as adxuntos/as, en contrato de xornada completa semanal.

2. Nos supostos recollidos anteriormente, e para os efectos do cómputo de persoal farmacéutico adicional, no caso de oficinas de farmacia en réxime de cotitularidade computaranse todos/as os/as titulares.

3. Así mesmo, para os efectos establecidos no número 1, será válida a contratación de farmacéuticos/as a xornada parcial, sempre que sumadas as súas xornadas sexan equivalentes ás xornadas completas exixidas.

Artigo 6. Servizo de garda

1. Ademais dos horarios mínimos obrigatorios ou voluntarios ampliados, e coa finalidade de manter a continuidade do servizo, estableceranse servizos de garda atendidos por un sistema de quendas.

2. Considérase quenda de garda diúrna aquela que se realice dun xeito continuado e ininterrompido durante toda a xornada diúrna, e dará comezo ás 9.30 horas e finalizará ás 22.00 horas. Pola súa banda, considérase quenda de garda nocturna aquela que se realice desde as 22.00 horas ata as 9.30 horas do día seguinte.

3. O servizo de garda realizarase en calquera caso coa presenza física de, polo menos, un/unha farmacéutico/a. Só por circunstancias excepcionais debidamente acreditadas de illamento da oficina de farmacia ou penosidade, o colexio oficial de farmacéuticos e farmacéuticas da provincia en que estea a farmacia poderá autorizar a realización de quendas de garda localizada, sempre que quede garantida a presenza física dun/dunha farmacéutico/a no momento da dispensación, así como a súa localización por parte da poboación, aspecto que deberá quedar acreditado no expediente de autorización.

Para estes efectos, terán a consideración de quendas de garda localizada aquelas en que, aínda permanecendo pechada a farmacia, o/a farmacéutico/a se encontre en situación de dispoñibilidade que faga posible a súa localización e presenza inmediata, cando esta sexa requirida por un/unha usuario/a.

Artigo 7. Criterios xerais da organización das quendas de garda

1. Corresponderalle ao colexio oficial de farmacéuticos e farmacéuticas de cada provincia organizar as quendas de garda de acordo cos criterios contidos no presente decreto, así como comunicar as ditas quendas á consellería competente en materia de sanidade no prazo establecido ao efecto.

2. A organización das quendas de garda realizarase de forma que permita en todo momento a cobertura das necesidades asistenciais da poboación, tendo en conta a poboación que se debe atender, a accesibilidade da poboación á atención farmacéutica e a obrigatoriedade de prestación do servizo de garda na área de referencia dos puntos de atención continuada.

3. Para os efectos do cómputo do número mínimo de oficinas de farmacia en servizo de garda, poderanse ter en conta as que permanezan voluntariamente abertas e o seu horario ampliado coincida co horario da quenda de garda.

4. No caso de que as quendas comunicadas polos colexios oficiais de farmacéuticos non cumpran os criterios recollidos neste decreto ou, de ser o caso, na normativa que resulte de aplicación, a consellería competente en materia de sanidade, unha vez oídas as unidades dela responsables en materia de ordenación farmacéutica, poderá requirir o correspondente colexio oficial para a remisión dun novo réxime de quendas que se axuste aos criterios fixados neste decreto.

Artigo 8. Regulación das quendas de garda nas zonas farmacéuticas urbanas

Nas zonas farmacéuticas urbanas definidas no artigo 31.1.a) da Lei 3/2019, do 2 de xullo, os mínimos para o establecemento das quendas de garda axustaranse, sen menoscabo do previsto no artigo anterior, aos seguintes criterios poboacionais:

1.a) As zonas farmacéuticas de entre 30.001 e 70.000 habitantes contarán, polo menos, cunha oficina con servizo de garda diúrna, unha con servizo de garda nocturna e unha con servizo de garda en domingos e festivos.

1.b) As zonas farmacéuticas de entre 70.001 e 150.000 habitantes contarán, polo menos, con tres oficinas con servizo de garda diúrna, unha con servizo de garda nocturna e unha con servizo de garda en domingos e festivos.

1.c) As zonas farmacéuticas de máis de 150.000 habitantes contarán polo menos con cinco oficinas con servizo de garda diúrna, dúas con servizo de garda nocturna e dúas con servizo de garda en domingos e festivos.

Artigo 9. Regulación das quendas de garda nas zonas farmacéuticas semiurbanas e rurais

1. Con carácter xeral, polo menos unha oficina de farmacia das establecidas nas zonas farmacéuticas semiurbanas e rurais, definidas nas letras b) e c) do artigo 31.1 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, onde se localice o punto de atención continuada prestará o servizo de garda.

2. Sen prexuízo do anterior, dependendo de factores de orde xeográfica, demográficos ou de densidade de poboación que se considerarán na organización das quendas de garda e sempre e cando se asegure un adecuado servizo ás persoas usuarias, nas zonas farmacéuticas semiurbanas e rurais poderase autorizar o establecemento de quendas entre oficinas de farmacia de distintas zonas farmacéuticas con base no concepto de «área de referencia do PAC», dentro da cal deberá estar sempre asegurado o acceso á prestación do servizo de garda farmacéutico durante as 24 horas do día. Como principio xeral, esta área coincidirá xeograficamente coas zonas farmacéuticas que comparten o mesmo PAC de referencia.

En todo caso, as farmacias incluídas nas quendas de garda de cada área de referencia deben estar situadas a menos de 15 quilómetros do PAC ou a menos de 15 minutos del, empregando para este desprazamento as vías e medios de transporte existentes en cada momento, e tomando como referencia válida a cifra menor de ambas as dúas.

Excepcionalmente, poderá acordarse que unha única oficina de farmacia preste servizo de garda en máis dunha área de referencia nos casos en que a distancia existente entre os distintos PAC non exceda os 15 minutos ou 15 quilómetros.

3. As oficinas de farmacia establecidas en zonas farmacéuticas rurais ou semiurbanas carentes de PAC poderán quedar exentas da realización do servizo de garda nocturno ou ben poderán rotar nas quendas de garda con oficinas de farmacia doutras zonas farmacéuticas da área de referencia do PAC, para o cal se requirirá que entre elas e o PAC non exista unha distancia de máis de 15 quilómetros nin un tempo de desprazamento superior a 15 minutos.

En canto á prestación do servizo de garda diúrno, as oficinas de farmacia establecidas en zonas farmacéuticas semiurbanas carentes de PAC poderán rotar nas quendas de garda en domingos e festivos con oficinas de farmacia doutras zonas farmacéuticas da área de referencia do PAC, para o cal se requirirá que entre elas e o PAC non exista unha distancia de máis de 15 quilómetros nin un tempo de desprazamento superior a 15 minutos. As oficinas de farmacia de zonas farmacéuticas rurais carentes de PAC poderán rotar nas quendas de garda diúrna con oficinas de farmacia de municipios estremeiros, para o cal se requirirá que entre elas non exista unha distancia de máis de 15 quilómetros nin un tempo de desprazamento superior a 15 minutos ou, se é o caso, poderán quedar exentas do servizo de garda diúrno.

Artigo 10. Circunstancias especiais na organización das quendas de garda

1. Os colexios oficiais de farmacéuticas e farmacéuticos poderán establecer servizos de reforzo ininterrompidos para atender unha demanda asistencial extraordinaria, os cales deberán ser comunicados, previamente á súa posta en funcionamento, á consellería competente en materia de sanidade.

2. Sen prexuízo dos anteriores criterios organizativos, e ante circunstancias especiais que poidan requirir dun tratamento singular do servizo de garda (tales como a situación xeográfica ou a baixa densidade poboacional da zona en que estean asentadas), os colexios oficiais de farmacéuticas e farmacéuticos, de forma motivada, e sempre e cando quede acreditada a cobertura das necesidades asistenciais da poboación, poderán establecer condicións especiais para a prestación ou exención do servizo de garda, as cales serán debidamente comunicadas á consellería competente en materia de sanidade.

Artigo 11. Vacacións

1. As oficinas de farmacia poderán cesar temporalmente nas súas actividades durante o período vacacional máximo dun mes ao ano, sempre e cando queden debidamente cubertas as necesidades de atención farmacéutica durante as 24 horas do día na zona farmacéutica a que pertenzan. Corresponde aos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas comunicarlle á consellería competente en materia de sanidade, a través da unidade competente en materia de planificación e ordenación sanitaria, as quendas de vacacións entre as farmacias interesadas en gozalas.

2. O peche por vacacións terá que ser como mínimo dun día completo.

3. Durante o período vacacional permanecerán abertas polo menos o 50 % das oficinas de farmacia de cada zona farmacéutica, agás en zonas farmacéuticas rurais con menos de 6 oficinas, caso en que o resultado da aplicación desta porcentaxe non terá en conta a fracción decimal. No caso de concellos cunha única farmacia, e cando a distancia á oficina de farmacia máis próxima non sexa maior de 15 quilómetros ou 15 minutos de desprazamento, poderase autorizar excepcionalmente o peche por vacacións.

4. Non poderán cesar na prestación do servizo por motivos vacacionais aquelas farmacias que voluntariamente realicen horarios ampliados continuados durante todos os días do ano, cubrindo as quendas diúrnas e nocturnas, e que estean sendo tidas en conta para os efectos do cómputo do número mínimo de oficinas de farmacia en servizo de garda.

Artigo 12. Información ao público dos horarios e servizo de garda

As oficinas de farmacia están obrigadas a expor permanentemente en lugar visible desde o exterior o seu horario ordinario de atención ao público.

A información sobre todas as oficinas de farmacia en servizo de garda na zona farmacéutica figurará tamén en lugar visible desde o exterior. Esta información tamén estará dispoñible e permanentemente actualizada nas páxinas web dos colexios oficiais de farmacéuticas e farmacéuticos de Galicia.

Así mesmo, toda oficina de farmacia está obrigada a informar das farmacias autorizadas en servizo de garda na súa zona farmacéutica ou das incluídas na área de referencia do seu PAC.

Artigo 13. Comunicación dos horarios e calendario de quendas de garda e vacacións

No mes de decembro de cada ano, os colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas remitiranlle á consellería competente en materia de sanidade os calendarios de quendas de garda das oficinas de farmacia situadas na súa provincia correspondentes ao ano seguinte, onde se indiquen claramente aquelas oficinas autorizadas para realizar gardas localizadas. Así mesmo, remitirán tamén no mesmo mes os horarios de atención ao público correspondentes ás oficinas de farmacia e boticas anexas, se as houbese, para todo o ano seguinte e as oficinas autorizadas para pechar as mañás do sábado. Os peches por motivo do período vacacional serán comunicados polo menos con 20 días de antelación.

As modificacións que, por motivos xustificados, se produzan nas quendas de garda establecidas ou nos horarios declarados, deberán ser comunicadas en igual forma á consellería competente en materia de sanidade.

Disposición transitoria única. Mantemento temporal dos horarios, quendas de garda e vacacións

As persoas titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia disporán de dous meses, contados a partir da entrada en vigor deste decreto, para adaptar a este os seus horarios de atención ao público. De non efectuarse ningunha comunicación ao respecto, entenderase que realizarán o horario mínimo obrigatorio previsto.

Transcorrido o dito prazo, os colexios oficiais trasladaranlle á consellería competente en materia de sanidade os horarios comunicados previamente polas oficinas de farmacia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade