Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2023 Páx. 7811

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 26 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XXVI edición do Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia (código de procedemento PR771A).

Entre os fins e as funcións que ten atribuídas a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) ocupa un lugar destacado a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, co fin de promover a súa máxima difusión (artigo 3 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública).

Para a consecución destes fins, mediante a Orde da entón Consellería de Presidencia e Administración Pública, do 20 de marzo de 1992 (DOG núm. 64, do 2 de abril), creouse o Premio Manuel Colmeiro, premio que leva o nome dun dos máis ilustres xuristas galegos, xa que as súas achegas, non só ao moderno dereito administrativo, senón tamén ao dereito público e mesmo á economía política, foron fundamentais.

A creación deste premio estaba inspirada pola idea de que o fomento do esforzo investigador, así como a realización de estudos sobre a Administración da nosa comunidade, son iniciativas que buscan redundar nunha mellora do actual funcionamento das estruturas administrativas. A experiencia obtida ao longo dos anos demostra que a convocatoria do referido premio representa un apoio importante para conseguir estes obxectivos.

Cómpre sinalar, ademais, que este premio está aliñado coa Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3), estratexia que aspira a consolidar un modelo de crecemento inclusivo e sustentable situando a I+D+i como factor clave para garantir a competitividade da economía e a capacidade da sociedade galega para responder ás transformacións globais e aos retos sociais. Concretamente, unha sociedade comprometida coa innovación, capaz de adaptarse aos cambios e responder aos seus retos, que camiña cara a maiores niveis de calidade de vida a través da ciencia, a investigación e a innovación.

Por outra banda, cómpre ter en conta o contexto en que nos atopamos no cal se procura que as administracións e a cidadanía manteñan as súas relacións a través de medios electrónicos, polo que, ao abeiro do sinalado polo artigo 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e asumindo a premisa de que todas as persoas potenciais destinatarias desta orde constitúen un colectivo profesional concreto que indubidablemente dispón de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, óptase por establecer como obrigatoria a presentación das solicitudes a través dunha canle exclusivamente electrónica. Optar por esta vía suporá un importante e indiscutible aforro de tempo e recursos materiais na tramitación do procedemento administrativo de outorgamento do premio, tanto para as persoas solicitantes como para a propia Administración.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único

Esta orde ten por obxecto a convocatoria do XXVI Premio Manuel Colmeiro para traballos de estudo e investigación sobre a Administración pública de Galicia, de acordo coas seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

1. O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma (código de procedemento PR771A).

2. A concesión do premio rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

3. Este premio alíñase coa RIS3 e está relacionado co obxectivo estratéxico 4 e o programa 4: persoas e talento.

4. A concesión do premio regulado nesta convocatoria será incompatible coa de calquera outro premio de similares características financiado con fondos públicos.

Segunda. Persoas destinatarias

1. Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e os apelidos da persoa ou persoas gañadoras.

2. No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.

3. Non poderán acceder a este premio as persoas afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Dotación económica do premio e imputación orzamentaria

1. A dotación económica do premio é de 3.500 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal. Tamén se lle entregará á candidatura gañadora un diploma acreditativo de tal condición.

2. Esta cantidade será imputada aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 07.81.122B.480.0 e estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. A convocatoria de subvencións regulada nesta resolución tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto e, xa que logo, a concesión das subvencións queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2023 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

3. No caso de que o traballo premiado o presente máis dunha persoa, a dotación económica do premio distribuirase proporcionalmente entre todas as persoas integrantes do grupo de traballo.

Cuarta. Traballos de investigación

1. Os traballos serán orixinais (isto é, provirán directamente do seu autor, sen ser imitación, tradución ou copia doutra obra), inéditos e non premiados con anterioridade. Teranse por inéditos aqueles traballos que non fosen obxecto de divulgación ou publicación nos termos da lexislación de propiedade intelectual. En consecuencia, non se considerarán inéditos e non se poderán presentar:

a) Aqueles traballos que fosen publicados, divulgados ou postos á disposición do público, por medios telemáticos, xa sexa internet ou outras redes.

b) Aqueles traballos realizados por encargo dunha Administración pública mediante convenio de colaboración, contratación ou figuras similares, cando no dito documento estea previsto que a propiedade do dito traballo sexa da Administración pública que o encargou.

c) Aqueles traballos iguais ou que teñan unha similitude substancial con calquera traballo que xa fose premiado en edicións anteriores do premio.

2. As persoas interesadas estarán obrigadas a comunicarlle á EGAP a publicación do traballo ou a concesión dun premio tan axiña como se producise, e sempre antes de que se resolva a concesión deste premio. A dita comunicación farase consonte o modelo normalizado que figura como anexo II desta orde, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR771A. A presentación da dita comunicación realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

3. Os traballos, escritos nalgunha das dúas linguas cooficiais da Comunidade Autónoma, presentaranse en formato A4, da fonte Times New Roman, tamaño 12 e mecanografados a dobre espazo, e terán unha extensión mínima de 100 páxinas.

4. Os traballos poderán versar sobre a organización, estrutura, funcións, ámbitos competenciais e/ou actividades administrativas e de servizo público de calquera das administracións a que se refire a base primeira. A investigación poderá ser realizada desde calquera perspectiva, xa sexa histórica, xurídica, administrativa, política, sociolóxica, económica ou de xénero.

5. Cada persoa individual ou grupo de traballo poderá presentar un único traballo. No caso de presentarse máis dun traballo, será requirida polo órgano de instrución para que aclare cal dos traballos é o que desexa presentar ao premio, quedando os demais automaticamente desbotados.

Quinta. Forma e prazo de presentación das solicitudes e traballos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou traballo de investigación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.

3. O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 16 de outubro de 2023.

Sexta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o traballo de investigación, de non facelo así non se admitirá a solicitude.

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, a Dirección da EGAP facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/da autor/a ou dos/das autores/as ata que se resolva o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Xurado

1. O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a proposta de adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito académico e da Administración pública, nomeadas pola persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública. Procurarase que no xurado exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitadas.

2. A composición nominal do xurado farase pública na páxina web da EGAP.

3. A decisión do xurado terá lugar no prazo de dous meses contados desde o último día de prazo de presentación.

4. O xurado poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningún dos traballos presentados alcance unha puntuación mínima de 25 puntos.

5. O xurado estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. O funcionamento do xurado regularase polas normas dedicadas ao funcionamento dos órganos colexiados das administracións públicas contidas na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección 3ª do capítulo I do título primeiro da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Décima. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración sobre unha ponderación total de 50 puntos:

a) Interese, relevancia e carácter innovador do estudo: ata 15 puntos.

b) Calidade científica do traballo, rigor metodolóxico, emprego de fontes documentais e elaboración de conclusións: ata 10 puntos.

c) Significación, utilidade e incidencia dos resultados achegados na teoría e/ou práctica administrativa: ata 15 puntos.

d) Corrección e claridade da expresión escrita, da exposición e da presentación xeral do traballo: ata 10 puntos.

Décimo primeira. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación do premio realizarase mediante resolución da Dirección da EGAP, de acordo coa proposta do xurado.

Se antes do 31 de decembro de 2023 non se dita a correspondente resolución de adxudicación do premio, as persoas interesadas estarán lexitimadas para entender desestimada a súa candidatura, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A resolución da Dirección da EGAP pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da EGAP, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Décimo segunda. Publicidade e entrega do premio

1. A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Escola.

2. A entrega do premio realizarase nun acto público que se celebrará na EGAP na data que se comunicará oportunamente.

Décimo terceira. Edición da obra gañadora

A EGAP editará a obra que resulte gañadora do premio, logo da formalización do instrumento xurídico correspondente coa/s persoa/s autora/s.

Décimo cuarta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sexta. Información e control. Revogación e reintegro

1. As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe do premio.

2. Procederá a revogación do premio, así como o reintegro total da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, que resulten de aplicación.

Décimo sétima. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude e do traballo implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Disposición derradeira primeira. Actos de desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da Dirección da EGAP para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file