De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade ás seguintes encomendas coas seguintes características:
1. Resolución de 29 de novembro de 2022, da Consellería do Mar, pola que se lle encarga ao medio propio Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) o apoio á Consellería a través do CIMA, na análise das poboacións de semente de mexillón no intermareal rochoso, na avaliación de novos sistemas de captación de semente e no desenvolvemento de novos sistemas de produción de semente en condicións controladas.
– Actividade: a prestación do servizo de apoio á Consellería do Mar a través do CIMA, na análise das poboacións de semente de mexillón (Mytilus galloprovincialis) no intermareal rochoso, na avaliación de novos sistemas de captación de semente e no desenvolvemento de sistemas de produción de semente en condicións controladas de criadeiro e sementeiro en Galicia.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
– Prazo de vixencia: desde o 29 de novembro de 2022 ata o 20 de decembro de 2023.
– Financiamento: tramitouse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023, na aplicación orzamentaria 15.02.723A.641.0, código do proxecto 2016 00259. Cofinanciada polo FEMP nun 75 %.
2. Resolución do 19 de decembro de 2022, da Consellería do Mar, pola que se lle encarga ao medio propio Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a realización, polo sistema de administración, dun servizo de apoio técnico ao deseño dunha embarcación patrulleira de madeira para o Servizo de Gardacostas de Galicia.
– Actividade: a realización das actuacións relativas á execución de accións de apoio á Consellería do Mar que teñen como finalidade última o deseño dunha embarcación patrulleira construída en madeira para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota pesqueira de Galicia. Esta embarcación patrulleira tamén colaborará en operacións de procura e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
– Prazo de vixencia: desde o 2 de xaneiro de 2023 ata o 15 de novembro de 2023.
– Financiamento: tramitouse como expediente anticipado de gasto, con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, na aplicación orzamentaria 15.02.723A.640.1, código do proxecto 2016 00287. Cofinanciada polo FEMP nun 75 %.
3. Resolución do 23 de decembro de 2022, da Consellería do Mar, pola que se lle encarga ao medio propio Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) o servizo en materia de formación correspondente á impartición dun programa de accións formativas no ano 2023, no centro de formación A Aixola.
– Actividade: a realización pola fundación Cetmar das accións para dar o servizo en materia de formación, para a impartición dun programa de accións formativas no ano 2023, no centro de formación A Aixola.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
– Prazo de vixencia: desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.
– Financiamento: tramitouse como anticipado de gasto, con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, na aplicación orzamentaria 15.03.722A.640.1, código do proxecto 2016 00258. Cofinanciada polo FEMP nun 75 %.
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023
Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar