Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2023 Páx. 8159

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento TR358A).

O artigo 19 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, establece que as asociacións de persoas traballadoras autónomas son as titulares dos dereitos de carácter colectivo para exercer a defensa e tutela colectiva dos intereses profesionais das persoas traballadoras autónomas.

O traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no cal descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, ten adscritos os rexistros correspondentes ás asociacións profesionais de autónomos e, polo tanto, é de grande interese o apoio ao desenvolvemento das funcións destas asociacións.

Neste contexto, esta orde establece en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, axudas para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer a súa estrutura.

Ademais, a posta en marcha de novas liñas de axudas de índole diversa, derivadas da situación causada pola pandemia da COVID, no conxunto do tecido empresarial de Galicia, formado nun 97 % por persoas traballadoras autónomas, con especial peso en todos os sectores vencellados á agricultura, pesca, industria e servizos, aconsella a incorporación de perfiles específicos para que desde as entidades asociativas máis representativas se preste un asesoramento e apoio máis directo ás persoas autónomas, que os axude na mellora da súa competitividade.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o desenvolvemento das funcións que lle atribúan as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación.

A presente orde tramitase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada do expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que queda a concesión de subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 das subvencións destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios, a través do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR358A).

2. Esta axuda ten por finalidade sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas máis representativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.

3. Tamén ten por finalidade sufragar a contratación ou a prórroga da contratación realizada ao abeiro da convocatoria do ano 2022 se fose o caso, dunha persoa técnica para a realización de funcións de asesoría e apoio directo ás persoas autónomas para a mellora da súa competitividade, integradas nas entidades asociativas máis representativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial que obteñan a subvención da liña 1 desta convocatoria, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.

4. Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa máis representativa de Galicia de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos entre os da agricultura e pesca, industria, construción e servizos.

Artigo 2. Orzamento

1. No exercicio económico de 2023, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 11.30.322C.481.3 e código de proxecto 2015 00494 cun crédito de 320.000 euros; esta contía está recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito para o ano 2023 adecuada e suficiente no momento da resolución. A concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nas dúas liñas da orde.

De acordo co disposto no artigo 25.2 e 254 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 23 de xuño, de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orden enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, no que resulte de aplicación, á Lei 38/2003, e ao seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, e nesta orde.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexa superior ao da Comunidade Autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Requisitos das entidades beneficiarias

1. As entidades solicitantes, para seren beneficiarias, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica propia e independente.

b) Estar inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia na data de publicación desta orde.

c) Desenvolver a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Ter o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñer dunha oficina permanente nela.

2. Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unión de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Liña 1. Subvención ás entidades asociativas para o seu funcionamento.

a) Serán subvencionables os gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, realizados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Consideraranse gastos subvencionables os seguintes gastos xerais:

a.1) Gastos de persoal. Neste concepto só se terán en conta o salario base e as cotizacións sociais, incluídas as pagas extraordinarias.

b.1) Arrendamentos de locais.

c.1) Servizos profesionais independentes.

d.1) Primas de seguros.

e.1) Publicidade e propaganda.

f.1) Material de oficina, fotocopias e imprenta.

g.1) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, de auga, de limpeza dos locais e aloxamento e mantemento da web.

h.1) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades e pola pertenza a outras organizacións autonómicas ou estatais.

i.1) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nestas actividades, non poderá superar o 50 % do seu custo.

j.1) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción do emprego autónomo en Galicia, en particular o programa de remuda xeracional dos negocios dos autónomos, incluídos, neste suposto, os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención por participar nestas actividades non poderá superar o 50 % do seu custo.

k.1) Gastos de arrendamento financeiro sen opción de compra (renting).

c). En ningún caso serán subvencionables os seguintes gastos:

• Os gastos de persoal e os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente.

2. Liña 2. Subvención para a contratación laboral ou prórroga da contratación dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas entidades asociativas.

a) Co obxecto de asesorar e apoiar de maneira directa as persoas autónomas integradas nas entidades asociativas recollidas no artigo 1, será subvencionable a contratación ou a prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2022 se fose o caso, dunha persoa técnica para a realización desas funcións, durante un período máximo dun ano, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, para as entidades asociativas que obtivesen a subvención da liña 1 desta convocatoria.

Artigo 8. Subcontratación das actividades subvencionadas

1. Autorízase a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 80 % do custo total para as actividades recollidas nas letras i.1) e j.1) do número 2 do artigo 7, coas condicións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta as circunstancias sinaladas no artigo 43 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. No suposto de que a subcontratación se realice con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, será necesario que á solicitude de subvención se xunte unha petición de autorización ao órgano concedente para que se poida efectuar a dita subcontratación.

A petición de autorización deberase presentar xunto cunha memoria en que se describa a parte da actividade que vai ser obxecto de subcontratación, as persoas ou entidades vinculadas coas cales se vai subcontratar, con indicación do tipo de vinculación existente, así como do importe da subcontratación prevista, e co detalle das cantidades que vai percibir cada unha das persoas ou entidades coas cales se realice a subcontratación.

Así mesmo, deberanse indicar as razóns sobre a necesidade de realizar a subcontratación coas persoas ou entidades vinculadas.

En ningún caso o importe da actividade subcontratada con persoas ou entidades vinculadas poderá superar o 70 % do importe da actividade subvencionada e o importe por persoa ou entidade vinculada non poderá ser superior ao 50 % do custo total da actividade subvencionada.

Artigo 9. Contía das subvencións

1. Liña 1. Subvención ás entidades asociativas para o seu funcionamento.

1.1. Poderase subvencionar ata o 90 % dos gastos subvencionables establecidos no artigo 7 e, en todo caso, o 10 % restante será por conta da entidade beneficiaria.

2.1. A contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 65.000 €.

3.1. Para a determinación das contías individualizadas das subvencións, unha vez ordenadas as solicitudes de maior a menor puntuación, iranse adxudicando ata esgotar o crédito dispoñible, de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) Á solicitude que obtivese a maior puntuación adxudicaráselle a contía máxima da subvención.

b) Para o resto de solicitudes, adxudicarase unha contía en proporción á súa puntuación e á da solicitude que obtivese a maior puntuación.

Na asignación dos criterios anteriores, teranse en conta as seguintes consideracións:

1. As entidades que obteñan a mesma puntuación consideraranse incluídas nun mesmo grupo para os efectos de aplicación da proporcionalidade referida. Se no proceso de asignación das subvencións se chega a un grupo de solicitudes que obtivesen a mesma puntuación e non se dispón de crédito suficiente para asignar a todas elas a contía que lles correspondería pola puntuación obtida, a contía que se asignará será a que esgote o crédito dispoñible.

2. Se, ao aplicar estes criterios de gradación, resulta crédito sobrante, adxudicarase ata que se esgote entre as solicitudes con maior puntuación que non acadasen o importe máximo da subvención.

3. Segundo establece o artigo 55 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, se o crédito consignado nesta convocatoria é suficiente para atender as solicitudes, unha vez rematado o prazo de presentación, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos nesta orde de axudas. Neste caso, a cada solicitude corresponderalle a contía máxima prevista neste artigo.

4. Notificada a resolución de concesión da subvención polo órgano concedente, se algunha das entidades beneficiarias, no prazo de dez días, renuncia de forma expresa ao seu dereito de percepción da subvención, poderá adxudicarse o crédito liberado, segundo o procedemento establecido neste artigo, entre as solicitudes que, acadando a puntuación mínima exixible, non obtivesen a condición de subvencionables polo esgotamento do crédito orzamentario e en proporción á súa puntuación.

2. Liña 2. Subvención para a contratación laboral dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas entidades asociativas.

2.1. A contía da subvención será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, ata un máximo de 12 mensualidades, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, da persoa que se vai contratar, ou da prórroga, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude, e acorde coa súa categoría profesional.

2.2. A contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 32.108,92 € para contratos de xornada a tempo completo e duración dun ano de período subvencionable.

2.3. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial. No caso de xornada a tempo parcial, esta non pode ser inferior ao 50 %.

2.4. Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

2.5. No suposto da extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu esta subvención da liña 2, a entidade estará obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación ata cumprir a obriga do ano de contratación subvencionada.

2.6. Exclúense desta liña 2 as relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, ou en outras disposicións legais e disposicións complementarias.

2.7. Tamén se exclúen os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, dos membros do órgano directivo da asociación.

Artigo 10. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdades, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 11. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

5. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Estatutos da entidade.

b) Memoria das actividades realizadas pola entidade e dos servizos prestados ás súas persoas asociadas no exercicio 2022, que inclúa unha breve historia da entidade e a descrición da súa implantación territorial e do seu carácter intersectorial, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na oficina virtual do autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es

c) Memoria das actividades previstas para o exercicio 2023, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na oficina virtual do autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es

d) As últimas contas anuais aprobadas acompañadas da certificación acreditativa do dito extremo expedida polo representante legal.

e) Orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2023.

f) Para o suposto de subcontratación con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, xuntarase unha petición de autorización para que se poida efectuar a subcontratación, así como a memoria co contido sinalado no segundo parágrafo do número 2 do artigo 8.

g) Libro de rexistro das persoas asociadas á entidade e das que o son a través de entidades asociadas, debidamente actualizado ao ano corrente.

h) Declaración responsable do representante legal da entidade do número de sedes que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ou cuxa inscrición fose solicitada con carácter previo á presentación da solicitude de subvención, acompañada dos títulos de propiedade, contratos de arrendamento ou contratos de cesión de uso en vigor.

2. Ademais, para acreditar os criterios de valoración establecidos no artigo 18 desta orde, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación específica que a continuación se relaciona e que servirá de fundamento para a concesión da subvención:

a) Contratos de traballo das persoas traballadoras que prestan os seus servizos na entidade.

b) Documentos de cotización á Seguridade Social, documento RNT (relación nominal de traballadores) e documento RLC (recibo de liquidación de cotizacións), correspondentes ao exercicio 2022.

c) Escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade ante a Administración pública, agás que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.

d) Acta de constitución da entidade.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante da entidade.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo improrrogable de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Instrución, tramitación e procedemento de concesión

1. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Unha vez efectuados o exame e a avaliación das solicitudes de cada un dos programas desta orde, someteranse a informe da Comisión de Avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego.

Vogais: a persoa titular do Servizo de Emprego Autónomo e unha persoa técnica da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social designada polo seu titular, que actuará como secretaria.

4. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe da Comisión de Avaliación, formulará a correspondente proposta de resolución.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido; entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas

1. A valoración das solicitudes presentadas ao abeiro do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Número total de persoas asociadas á entidade solicitante. A asociación que acredite o maior número de persoas asociadas valorarase con 35 puntos, a segunda con 30 puntos, a terceira con 25 puntos, a cuarta con 20 puntos, a quinta con 15 puntos e o resto de asociacións con 10 puntos.

b) Media do cadro de persoal da entidade no exercicio 2022. A asociación que acredite un maior número de persoas traballadoras no seu cadro de persoal valorarase con 28 puntos, a segunda con 23 puntos, a terceira con 18 puntos, a cuarta con 13 puntos e o resto de asociacións con persoal contratado con 8 puntos.

c) Postos de traballo ocupados por persoas traballadoras con contrato indefinido con que conta a entidade na data de presentación da solicitude. A asociación que acredite un maior número de persoas traballadoras con carácter indefinido valorarase con 25 puntos, a segunda con 20 puntos, a terceira con 15 puntos, a cuarta con 10 puntos e o resto de asociacións con persoal contratado con carácter indefinido con 5 puntos.

d) Número de sedes. A asociación que acredite o maior número de sedes valorarase con 20 puntos, a segunda con 17 puntos, a terceira con 14 puntos, a cuarta con 11 puntos, a quinta con 8 puntos e o resto de asociacións con 5 puntos. Só se terán en conta aquelas sedes que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ou que conste no expediente a súa solicitude de inscrición.

e) Antigüidade. A asociación que acredite máis antigüidade valorarase con 15 puntos, a segunda con 13 puntos, a terceira con 11 puntos, a cuarta con 9 puntos, a quinta con 7 puntos e o resto de asociacións con 5 puntos.

f) Orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2023. A asociación que acredite o maior orzamento de ingresos e gastos valorarase con 7 puntos, a segunda con 6 puntos, a terceira con 5 puntos, a cuarta con 4 puntos e o resto de asociacións que acrediten este concepto con 1 punto.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terá preferencia a entidade solicitante que declare e xustifique o emprego da lingua galega nos actos de promoción, así como nas distintas actividades que vai realizar.

3. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 130 puntos co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no punto anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior puntuación. As entidades solicitantes terán que obter, como mínimo, 55 puntos para accederen ás subvencións reguladas neste programa.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e deberán serlles notificadas ás entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

Liña 1. Subvención ás entidades asociativas para o seu funcionamiento.

1. O pagamento da subvención axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e quedará condicionado á presentación no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención, entre a cal deberá figurar:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na oficina virtual do autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es

b) Certificación expedida pola persoa representante da entidade, que inclúa unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación da persoa acredora e do documento, o importe, a data de emisión e, de ser o caso, a data de pagamento, xunto coas facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e a documentación acreditativa do seu pagamento.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo II.

2. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

3. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, e, en todo caso, ata o 15 de novembro de 2023. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado en quince (15) días de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas.

4. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

5. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Liña 2. Subvención para a contratación laboral ou prórroga dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio.

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselle ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, logo de presentaren a documentación xustificativa que se relaciona no número 3 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida a axuda.

3. A xustificación e o pagamento realizaranse mediante a presentación da seguinte documentación dentro do prazo de quince (15) días hábiles desde o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida, é dicir, a contratación e, en todo caso, con data límite do 1 de abril de 2023, achegando a seguinte documentación.

a) Contrato de traballo formalizado e debidamente comunicado á oficina de emprego necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@

b) Primeiro parte de alta na Seguridade Social da persoa contratada.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo II.

d) Anexo III: solicitude de pagamento.

e) Anexo IV: certificado da persoa representante da entidade asociativa beneficiaria que incluirá unha táboa coas retribucións salariais brutas da persoa contratada ao abeiro desta orde, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

4. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presenten nun prazo improrrogable de dez (10) días.

5. A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención da subvención para a contratación laboral ou prórroga dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 21. Pagamentos á conta

1. Poderanse realizar pagamentos á conta da subvención concedida, que suporán a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada.

2. O importe dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior ao 80 % da subvención concedida.

3. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías.

Artigo 22. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

2. Non obstante o anterior, en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total dos gastos subvencionables imputados á subvención.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

i) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Tal como prevé a Lei 9/2007 no seu artigo 14.1 k) a entidade beneficiaria terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no seu exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

k) Presentar memoria final das actividades realizadas pola persoa contratada, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na oficina virtual do autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es, unha vez rematado o contrato subvencionado.

Artigo 24. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 25. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións serán os seguintes:

a) No caso de incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a subvención dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) No caso de obter a axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, procederase ao reintegro total.

c) No caso de incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, procederase ao reintegro en proporción a parcialidade incumprida, cun mínimo dun 5 % sobre o total do importe concedido.

d) No caso de incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das normas reguladoras da subvención, procederase ao reintegro total.

e) No caso de incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederase ao reintegro do 5 % sobre o gasto subvencionado.

f) No caso de incumprimento da obriga de manter o persoal asesor do artigo 20, a devolución da porcentaxe dun 10 % do importe por cada mes de incumprimento, non tendo en conta porcentaxes de mes, co cal se faltan días dun mes o importe será do 10 %.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

Segundo o establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES 82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 27. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. No prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social a seguinte documentación:

a) Memoria final, asinada polo órgano competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da oficina do autónomo (https://oficinadoautonomo.gal).

b) Certificado de fin de actuación asinado pola secretaria/o da entidade, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da oficina do autónomo (https://oficinadoautonomo.gal).

d) Boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de 15 días desde o seu pagamento.

e) Modelo 111 e xustificantes do seu pagamento correspondentes ao período en que se levou a cabo a contratación. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de 15 días desde o seu pagamento.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Disposición adicional primeira. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións.

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional terceira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no punto 4 do artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file